Flores nacionais

Todas as identidades colectivas teñen unha dimensión interna –coñecémonos–, e outra a externa –outros nos recoñecen–. É o caso dos países e dos símbolos dos que se dotaron ao longo da historia, aqueles que os proxectan e os fan recoñecibles. Desde 1984, o Estatuto fixo oficiais tres dos nosos: a bandeira, o escudo e o himno. Mais, dun xeito ou doutro, manexamos máis…

Calquera dos viños das cinco denominacións de orixe e algúns espirituosos ben poden considerarse grandes embaixadores galegos. Tamén podemos entender como emblemas propios o Camiño, a Catedral de Compostela, a cruz de Santiago e mais a vieira. Por outra banda, o ser mitolóxico co que máis nos identificamos é a serea e a nosa personaxe cultural por excelencia é probablemente Rosalía de Castro.

E se nos preguntan pola nosa flor nacional, cal escolleriamos? Este Setestrelo vai de flores e plantas que representan países. A nosa, como non podía ser doutro xeito, espiña!

E saberías da doutro país que tamén pica?

1

cardo

Planta herbácea silvestre con follas e inflorescencias espiñentas da cal existen varias especies

O cardo é unha planta silvestre que inza as leiras, e non conta cunha singular beleza pero converteuse no símbolo nacional de Escocia hai 700 anos. A lenda di que unha noite escura e silenciosa os viquingos pretendían atacar e saquear as terras dos escoceses mentres estes durmían e que, para non romper o silencio, decidiron descalzarse. Porén acabaron picándose nos cardos de arredor e os seus berros de dor alertaron os escoceses, que puideron defenderse. Outra variante di que o ataque foi a un castelo e os invasores eran daneses descalzos que tamén se picaron nos cardos cos que enchían o foxo. Desde aquela chámase cardo gardián, inda que non teñen moi claro que variedade, das moitas existentes, é a responsable.

En Galicia tamén se dan os cardos e o seu nome procede do étimo latino carduus, que significaba, xa daquela, ‘cardo ou alcachofa’. Florean nos meses do verán e recóllense os talos no inverno para cociñar. Atopamos distintos tipos: o cardo corredor (Etyngium campestre L.), o cardo de ribeira ou marítimo (Eryngium maritimum L.) de talo de ata 50 cm, follas verde azuladas, espiñentas e flores azuis, que se dá en terreos preto do mar como as dunas e tamén o cardo de María (Silybum marianum) do que se aproveitan as sementes con fins medicinais. A fraseoloxía dá conta da importancia outorgada á planta: terra que dá cardo, para min gardo; a que dá espiño para o veciño.

2

caravel

Planta herbácea da familia das cariofiláceas, co talo delgado e nodoso, follas estreitas opostas e flores de distintas cores, de pétalos dentados / Flor desta planta

O nome científico desta flor é Dianthus caryophyllus, que significaba en grego ‘flor dos deuses’ porque é a unión de dios (‘deus’) e anthos (‘flor’). A designación vulgar provén do latín clavellu diminutivo de clavu (‘cravo’) xa que se pensa que se asociou a flor, que é moi fragrante, coa especia. É propia da conca mediterránea e cando é silvestre ten a floración durante a primavera e o verán. A súa función é a ornamental xa desde a antigüidade, os gregos usábana en coroas, e polo seu intenso olor é empregada en perfumaría.

O caravel é abundante na península Ibérica e identifícase como a flor representativa de España e máis concretamente de Andalucía porque a usan as mulleres como adorno para o pelo cando visten o traxe folclórico e nos pasos de Semana Santa. Mais desde o 25 de abril de 1974 o caravel é tamén o símbolo do Portugal que derrocou a Salazar de xeito pacífico: A revolución dos cravos. Un soldado pediulle un cigarro a unha muller que pasaba;  Celeste Martins Caeiro –Celeste dos cravos–  non tiña tabaco pero deulles a el e aos seus compañeiros un caravel vermello que lle regalaran no restaurante onde traballaba polo aniversario do local. El púxoo no canón da escopeta e detrás del outros soldados fixeron o mesmo. Aquel pequeno xesto converteu a flor nun dos símbolos cos que identificamos o territorio lusitano.

No país, se ben os caraveis son moi empregados no ornamento funerario, é curioso que designemos co mesmo termo a flor da roseira, e unha caraveleira é a planta que dá rosas. Tamén habitualmente usamos esta palabra para amosar agarimou ou tenrura: Cando arrola ao seu meniño: ¡Meu caravel! ¡Miña rosa! ¡Meu bico de paxariño!, di a cantiga popular.

3

rosa tudor

Flor da roseira, de cor branca, rosa, amarela ou vermella, e de recendo moi agradable

Esta flor converteuse no emblema de Inglaterra no século XV. Antes produciuse a Guerra das dúas rosas, batalla civil entre a casa de Lancaster, que tiña como símbolo unha rosa vermella, e a de York, que enarboraba unha rosa branca; desta liorta resultou vencedor Henrique Tudor, posterior rei Henrique VII que, en 1486, casa con Elizabeth de York e fundan a dinastía Tudor. Da mesturanza das dúas casas nace a rosa branca e vermella que simboliza a unión e a propia Inglaterra.

As rosas, das que hai máis de cen especies, son ancestrais e hai pegadas delas mesmo no antigo Exipto como amosan os debuxos atopados nas pirámides. Rosa procede do étimo latino rosa (‘rosa’) e este do grego rhodon. Sobre este substantivo créase mediante o sufixo –eira o termo roseira, que é a denominación da planta que dá rosas. Para nós, é unha planta tan popular que se chega a usar, por extensión, como sinónimo de calquera flor dicíndose que unha árbore “está coa rosa” ou “que rosea” cando florece. Tamén abunda na tradición oral e na fraseoloxía popular: Non hai rosas sen espiñas, Se no teu xardín hai rosas, no meu hai xasmíns ou Marzo marzán pola mañá cara de rosa, pola tarde cara de can.

4

trevo

Planta herbácea anual da familia das leguminosas, da que existen diversas especies, con follas compostas por tres folíolos e froito en legume, que pode medrar espontaneamente ou cultivarse como alimento para o gando

O trevo é unha planta moi apreciada entre os gandeiros e abondosa nas pradarías galegas. As razóns son dúas: por unha banda, ten un alto valor nutritivo para o gando e mesmo investigacións recentes indican que o leite de vacas que comen trevo é máis saudable e ten máis ácidos graxos omega-3; a outra razón é que as súas raíces contribúen a fixar o nitróxeno, aumentando a calidade do solo.

O vocábulo procede dunha forma suposta do latín vulgar, trifolum, influído polo termo grego tríphullon, que significaba ‘herba de tres follas’. O habitual é que teñan case sempre tres follas as distintas variedades desta planta por iso cando se atopa un de catro a lenda indica que é anuncio de boa sorte porque representan o amor, a saúde, a prosperidade e a boa fortuna.

Mais non foi por isto que se converteu no símbolo nacional de Éire (Irlanda), senón porque San Patricio, o seu patrón, cando estaba intentando evanxelizar os irlandeses botou man da fisionomía característica da planta para explicar a Santísima Trindade, que era un concepto difícil de asimilar para os nativos. En concreto, eles chámanlle shamrock, un nome de procedencia gaélica que significaba ‘planta nova de tres follas’ ou ‘flor do verán”, que é o trifolium repens ou trevo branco.

5

narciso

Planta bulbosa anual da familia das amarilidáceas, da que existen distintas especies, con follas radicais estreitas e flores moi aromáticas, brancas ou amarelas, con forma de tubo.

Esta planta, e a súa flor, é endémica de Galicia e mais o norte de Portugal. Dáse á beira dos regatos e, pola súa cor amarela, tamén se lle chama amarelle. A etimoloxía di que a denominación procede do latín narcissu e este do grego nárkissos, que era o nome que recibía un personaxe mitolóxico, Narciso, quen namorado da súa imaxe morreu afogado ao contemplar o seu reflexo na auga e na beira onde caeu naceron as plantas do mesmo nome.

O narciso é o emblema de Gales. No primeiro de marzo, os galeses celebran o día de San David ou Dewi Sant que é a data do seu enterro. A lenda di que nas vésperas dunha importante batalla contra os saxóns, o santo recomendou levar un allo porro para distinguirse dos inimigos aos que se lles infrinxiu unha importante derrota. Así, o allo porro pasou ser o símbolo do país. Pero en galés allo porro e narciso pronúncianse de xeito moi parecido: cenhinen ('allo porro') e cenhinen pedr ('narciso') e crese que houbo unha mala tradución que levou á confusión. O caso é que agora as dúas plantas son emblemas de Cymru (en galés lese “camrri” e significa Gales), e o 1 de marzo os homes levan o allo porro e as mulleres o narciso.

6

fucsia

Planta dicotiledónea, xeralmente arbustiva, da familia das onagráceas, de follas caducas e flores colgantes moi vistosas, de cor rosa escura tirando a vermella, da que existen distintas especies.

Este nome alude ao epónimo ("personaxe que dá nome a un pobo, un lugar, unha época etc.") do botánico alemán Leonhart Fuchs, ao que Charles Plumier homenaxeou cando describiu no século XVII esta planta orixinaria das terras americanas e de Oceanía.

A Europa chega unha variedade, a Fuchsia magdalenae, que se caracteriza pola súa resistencia ao frío e adaptación perfecta ás condicións europeas, ata tal punto que o seu cultivo é moi popular nas Illas británicas e, sobre todo, na Illa de Man, desde 1820.

Na actualidade, este arbusto e mais a súa vistosa flor forma parte da paisaxe desta illa e non hai xardín que non teña unha xa que é considerada a flor emblema do territorio, en convivencia cunha planta de orixe autóctona que chaman cushag e que nós recoñecemos como a herba de santiago (Senecio jacobaea).

7

toxo

Arbusto espiñento da familia das leguminosas, de flores alternas cando é novo, que logo son substituídas por espiñas verdes, e flores amarelas, e do que existen varias especies en Galicia

É un arbusto común á Europa atlántica desde Gran Bretaña ata o sur de Portugal. Está considerado a planta nacional bretoa e quizais tamén a nosa, xa que lle damos unha importancia singular e a consideramos un símbolo.

A procedencia da palabra toxo presuponse que é prerromana dun suposto toju do que derivarían os termos do galego, portugués, español e gascón. Baixo o nome científico Ulex europaeus encontramos as denominacións populares toxo arnal, toxo albar, toxo bravo e para o Ulex minor temos o toxo gateño, toxo femia ou o toxo molar. A importancia do toxo nas casas dos galegos ata non hai tanto vén xustificada pola súa funcionalidade. O toxo servía como alimento para o gando, para estrar as cortes, como combustible para a lareira e para roxar o forno para cocer. A flor do toxo, a chorima, ten unha intensa cor amarela que pon a nota cromática nos montes, practicamente todo o ano, porque as distintas especies de toxos non florean ao mesmo tempo. Con esta mesma designación tamén se coñece a flor da xesta.

O toxo deixou a súa pegada na lingua sendo protagonista de abondosa fraseoloxía: para indicar que se ten un carácter áspero, ser bravo coma un toxo; cando alguén agrava unha situación dise que iso é como botar toxo no lume; das persoas que son brutas coméntase que son como un bocadillo de toxo. Sucede o mesmo nos refráns: Moitas chorimas no toxo, moita boroa polo forno; As soberbias non caen nos toxos, O toxo sempre che é toxo por floreado que estea, Ao entrar o mes de agosto, ponse o inverno tras do toxo…

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir