Hamlet en sete palabras

Fragmentos do cartel que William Nicholson e James Pryde (Beggarstaffs) deseñaron para a compañía teatral de W. S. Hardy en 1894

Quen non dixo algunha vez To be or not to be ou Esa é a cuestión? Ata  Homer Simpson levantou a súa cervexa favorita –marca Duff–, puxo cara de afectación, reconcentrouse e declamou: two beer or not two beer, that is the question! Aló foron séculos de orgullo da historia da literatura inglesa e un dos lemas das letras universais coa irreverente frase saída da boca amarela do mítico barrigón. Que a dramática escena provoque o riso moito máis aló das fronteiras británicas é unha mostra máis da asombrosa pegada de Shakespeare na memoria colectiva universal.

O 23 de abril de 2016 fanse catrocentos anos da morte do que está considerado como o máis importante escritor inglés de todos os tempos, e un dos máis brillantes a nivel mundial. De William Shakespeare díxose que creou a lingua inglesa, querendo significar que ninguén antes ca el traballara literariamente o idioma británico con tanta mestría. E non só iso, a crítica especializada chegou a afirmar, xogando de novo coa hipérbole, que foi el quen creou a especie humana, para louvar a profundidade psicolóxica dos seus personaxes, o xeito en que se trababan as grandes cuestións humanas nas tramas das súas pezas e a poderosa análise da conduta do home que transcende dos seus textos.

A crítica especializada chegou a dicir que Shakespeare creou a especie humana

A traxedia de Hamlet, príncipe de Dinamarca é unha das súas obras de referencia, a máis extensa, un texto que non deixou de ser visitado nos centos de anos que pasaron desde a súa publicación no albor do século XVII. Foi e é fonte de inspiración en múltiples disciplinas artísticas fóra do ámbito literario e leva milleiros de reedicións, traducións e representacións ao longo de todo o planeta.

No cuarto centenario do pasamento do autor escollemos sete palabras do Hamlet, desta obra universal que, sendo orixinaria de Inglaterra, centos de anos despois, é tamén galega e universal, como ben entendeu o mestre Cunqueiro. Imos ao Setestrelo…

1

traxedia

Obra dramática de carácter serio, na que interveñen personaxes importantes e na que o protagonista é conducido polo seu fado cara a un desenlace fatal

Desde o mesmo título, The tragedy of Hamlet, prince of Denmark, a peza máis extensa e popular de William Shakespeare sitúase na tradición da traxedia clásica –da que asume tanto a estrutura en cinco partes coma os elementos nucleares– mais sen verse limitada por este molde. Dentro do teatro isabelino, o Hamlet pertence ao subxénero típico da “traxedia de vinganza”.

O final tráxico é clave para entender o sentido etimolóxico da palabra traxedia e a súa evolución histórica. Procede do grego (tragoidia -as), onde se orixina por composición a partir dos substantivos trágos ‘bode’ e oidé  ‘oda’, en alusión aos cánticos corais que acompañaban o sacrificio do chibo ofrecido en ritual a Dioniso –ou Baco–, deus da vendima e o viño.

Na lingua común, traxedia e drama poden intercambiarse como sinónimos, porén, na terminoloxía propia da teoría literaria, cada un denomina unha modalidade xenérica e ten valores específicos. Os trazos máis característicos da traxedia serían: o ton elevado, o carácter serio, os personaxes nobres ou de alto nivel e, especialmente, o desenlace fatal cara ao que o protagonista se ve irremediablemente abocado polo seu sino. Todos eles están presentes no Hamlet, cunha trama que transcorre na corte danesa, progresando a ritmo máis lento por causa das continuas dúbidas do protagonista, que non evitan emporiso o remate nefasto.

2

príncipe

Fillo do soberano

O asasinato do vello rei de Dinamarca é o punto de arranque da traxedia de Hamlet, quen desde o nacemento vén marcado pola súa condición de príncipe, no tempo en que o reino de Dinamarca se atopa en pleno conflito con Noruega.

O título de príncipe –que nas dinastías europeas se lle dá tipicamente ao fillo primoxénito do rei, o seu herdeiro– espallouse practicamente idéntico pola maioría das linguas neolatinas. A súa base etimolóxica é princeps, -ipis (a foma contracta de *primiceps, de primus ‘primeiro’), que na lingua romana facía alusión a quen ocupaba a primeira posición, tanto en relación ao tempo coma desde o punto de vista ético ou da dignidade. Entre outras palabras da mesma familia léxica, son moi usuais na lingua de hoxe principal, principio ou principiante.

Consonte o modelo da traxedia clásica, a trama do Hamlet desenvólvese fundamentalmente entre os fríos muros de pedra do castelo de Elsinor, encarnada en personaxes que son, na súa maioría, nobres e cortesáns –alén do propio príncipe protagonista, están a raíña viúva Xertrude, o irmán do vello rei Claudio, Fortimbrás, sobriño do rei de Noruega, o chambelán Polonio, os soldados, oficiais e gardas do castelo etc. –.

3

veleno

Substancia que, introducida no corpo dun ser vivo, é capaz de interromper as súas funcións vitais, provocándolle a morte ou graves trastornos

Case todos os personaxes principais do Hamlet acaban morrendo, e non sendo Ofelia, que afoga no río, e seu pai Polonio, que o príncipe apuñala por erro, todos o fan por causa do veleno, convertido así nun símbolo da traxedia; facendo abstracción, a substancia pode representar tamén a malignidade e a vileza e, por esta razón, en moitas ocasións, Shakespeare recorre ao adxectivo velenoso para caracterizar o pensamento ou a conduta de personaxes que encarnan a maldade.

Parece que, para a nosa lingua, o substantivo veleno se recupera en tempo tardío, ben que o étimo poida identificarse no latín vulgar *beleniu, onde se explica o <l> intervocálico que nós conservamos pero que non está presente no clásico venenum. Algúns autores atribúenlle a esta palabra unha orixe prerrománica, e en concreto céltica, en tanto que outras fontes falan dunha raíz común indoeuropea *wen-, de significado relacionado con ‘amar’ e ‘venerar’.

O veleno, as apócemas e outras substancias máxicas son recorrentes no imaxinario medieval, funcionando como armas letais ou como ingredientes de beberaxes para o namoro, entre outras posibilidades. É seguro que Shakespeare tivo coñecemento desta tradición e a continuou en varias das súas pezas máis célebres, onde nomeou diferentes plantas, coas súas supostas propiedades e os síntomas de inxesta, ben que o dominante en todos estes textos fose sempre o bo facer literario e non o rigor científico.

4

pantasma

Alma dun defunto que se supón que anda entre os vivos, penando polas súas culpas

A orixe do substantivo pantasma está no grego phántasma, -atos, aínda que a nós chegase a través do latín, onde tiña un significado idéntico ao que hoxe en día lle atribuímos. Asegura Constantino García na compilación da súa obra xornalística completa, O libro das palabras, que xa entre os romanos se daba unha dobre realización, a máis popular con oclusiva inicial pantasma e outra cultista, fantasma, fiel ao son fricativo que para os gregos representaba o dígrafo PH.

De acordo coa normativa actual, as dúas variantes, pantasma e fantasma, son válidas e sinónimas, ben que cómpre notar a diferenza canto ao xénero gramatical: en tanto que o fantasma é un substantivo masculino, a pantasma ten xénero feminino. Historicamente, pantasma é a forma máis empregada con bastante diferenza: buscando os dous lemas no Tesouro Informatizado da lingua galega (TILG), cóntanse 316 exemplos de fantasma fronte aos 953 para pantasma. A familia léxica créase case na súa totalidade sobre a raíz con fricativa inicial f-, de aí que teñamos fantasmagoría, fantasmagórico ou fantasmal (alén de fantasía ou fantástico, por exemplo, que comparten orixe) pero tamén pantasmada, unha idea sen fundamento que se forma na imaxinación.

Que a pantasma do vello rei de Dinamarca, pai de Hamlet, se manifeste como unha sombra no escenario converténdose nun máis dos personaxes foi unha ruptura cos cánones do teatro clásico, onde era impensable representar deste xeito o contacto entre o mundo dos vivos e o dos mortos. Dise que este recurso ao sobrenatural foi unha das claves da popularidade que acadaron as representacións de Shakespeare na súa época, pois sábese que, incluso cando a finais do XVII a crítica puxo en cuestión a unidade dramática das súas pezas e o seu sentido do decoro, as funcións sempre foron un éxito rotundo de público.

5

loucura

Trastorno mental grave polo que unha persoa perde a razón

Paralizado polas múltiples dúbidas sobre o que debe facer ou non facer, Hamlet déixase levar a un estado de loucura, que tamén lle serve de xustificación e refuxio. Os personaxes que dalgunha maneira se afastan do sentido máis común, como o louco ou tamén o babeco, foron moi do gusto de Shakespeare –e tamén do público da época– e apareceron en varias das súas pezas dramáticas, introducindo unha nota de comicidade que era así mesmo un trazo de ruptura co padrón da traxedia clásica.

Non se sabe aínda con certeza de onde vén a palabra louco, á que se lle atribuíron as máis diversas orixes. Apuntouse que podería chegar do italiano a(l)locco ‘parvo’, tamén se relacionou co nome do heroe homérico Glaucos, que perdera a razón pola ira de Zeus; outras fontes falaban dunha suposta orixe árabe *lawqa ‘boba’, e houbo quen se decantou pola vía latina a través de luscus ‘birollo’ ou ben por antífrase de lucus ‘luz’, xa que a persoa louca é a que deixa de estar lúcida. Tamén hai lingüistas que pensan que o máis prudente é remontarse a unha presunta base prerrománica *laucus, de orixe así mesmo descoñecida. O certo é que ningunha destas hipóteses chegou a confirmarse.

A presenza da loucura no Hamlet non se limita ao personaxe protagonista, antes ben afecta tamén a súa namorada Ofelia, incapaz de sobrepoñerse ao asasinato do pai e á deriva da súa relación co príncipe; e vai incluso máis aló, pois desequilibrada é tamén a situación en xeral de Dinamarca e o seu clima social.

6

caveira

Esqueleto da cabeza

A imaxe de Hamlet sostendo unha caveira ao tempo que pronuncia o célebre soliloquio “Ser ou non ser, velaí a cuestión…” é seguramente a representación máis icónica desta traxedia. Non é por casualidade que a caveira pertenza ao esqueleto do que fora bufón da corte e amigo de infancia do príncipe, sendo esta unha outra mostra da mestura de elementos tráxicos e cómicos a través da demencia que tanto inspiraba o dramaturgo inglés.

En época latina, partiuse do adxectivo calvus -a -um (que nós recollemos como calvo -a, con significado idéntico) para denominar a parte do esqueleto humano onde se atopa a zona na que medra, ou non, o cabelo, que se deu en chamar calva -ae. Xurdiu despois, a partir dela, o adxectivo *calvaris, pouco usado, de onde nacería por derivación calvaria -ae, e no latín coloquial *calavaria, que finalmente foi o étimo do noso caveira con perda do -l- intervocálico, o mesmo que en portugués (fronte ao máis conservadores catalán e castelán, calavera).

Aínda que ao principio teñen dúbidas, todos os personaxes do Hamlet acaban acreditando na loucura do príncipe, pois non conseguen explicar o seu comportamento; porén, o público terá unha opinión moi diferente, ao situarse nunha posición privilexiada xa que pode asistir “en exclusiva” aos soliloquios do protagonista, onde este expón os seus verdadeiros pensamentos e cavilacións, no caso que comentamos tendo como único interlocutor a caveira do comediante falecido. O recurso ao soliloquio foi un trazo característico e innovador do teatro de Shakespeare, centrado na profundización psicolóxica do personaxe, fronte ao drama clásico aristotélico, no que o fundamental era a sucesión de peripecias.

7

dilema

Situación de alguén que se ve forzado a elixir entre dúas solucións, ambas problemáticas

Os personaxes das obras shakespirianas convertéronse, en máis dunha ocasión, en símbolos dos comportamentos e características que describen a condición humana: “Skakespeare inventou a natureza humana tal e como a coñecemos actualmente”, chegou a dicir Harold Bloom, o maior especialista na obra do inglés. No caso de Hamlet, tense dito que representa o dilema ao que todas as persoas teñen que facer fronte en diferentes momentos ao longo da vida; a crítica falou incluso da “dúbida paralizante”, dado que a continua indecisión do príncipe é a causa de que se vaia delongando o final da traxedia.

Na traxedia clásica, o dilema é un factor decisivo xa que sitúa o heroe nunha disxuntiva entre dúas opcións –directamente sobre o sentido etimolóxico, desde o grego díllemma -atos, por di– ‘dobre’ lemma ‘premisa dun siloxismo’–, provocándolle non só tensión e sufrimento senón tamén o risco de escoller a opción equivocada, o chamado erro tráxico, que desencadearía a catástrofe final.

Na oratoria clásica, o dilema constituía un recurso habitualmente empregado para obrigar o opoñente a decidir por unha opción de entre as suxeridas, contraditorias entre si, e que levarían a unha conclusión errónea. De aí o sentido con que se divulgou esta palabra na lingua coloquial, para referirse a un problema para o que se ofrecen dúas alternativas e ningunha delas é completamente satisfactoria, ou ao contrario, as dúas son aceptables na mesma medida. No Hamlet, o  protagonista ten que escoller entre vingar a morte do pai ou pola contra renunciar a facer xustiza e achantar coa investidura do asasino mais a traizón da viúva. Calquera das dúas opcións implica problemas de todo tipo, sobre todo a nivel ético, así como novos dilemas asociados, incluso o de escoller entre continuar vivo ou pola contra poñer fin á propia existencia: ser ou non ser, velaí a cuestión.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir