Herbas de san Xoán

Chega o verán e co solsticio a noite máis curta e intensa. Estoura a natureza purificadora: a enerxía nocturna, o lume, as ondas, o orballo, as herbas, as augas… que nos preparan para unha nova vida, para un cambio de ciclo. Nesa noite as meigas e as mouras, e en xeral o escuro, fanse máis presentes. Para defendernos e para virar a sorte hai que saltar por riba do lume, mais tamén podemos botar man das herbas.

Sete herbas ao resíodeixadas a macerar en auga de sete fontes nun cacho. Son case sempre plantas aromáticas e medicinais cunha distribución e dispoñibilidade non xeneralizada por todos os ecosistemas de Galicia, polo que a elección varía segundo o lugar. Un mínimo de sete, polo que facemos unha escolma das máis comúns e habituais, deixando á parte outras como o mexacán, a macela, a hortensia, o allo, o ourego, o loureiro, o velenoso trobisco ou matapulgas, as árbores amieiro, carballo e castiñeiro ou as follas das canas, laranxeiras, figueiras ou noceiras.

1

Herba das feridas

Hypericum perforatum

Herba das feridas
Herba das feridas

A herba de san Xoán por antonomasia é a herba das feridas ou abeluria. Ten flores de cinco pétalos amarelos con pintas negras e moitos estames. Estes puntos negros correspóndense con glándulas que segregan un composto que produce fotosensibilidade dérmica.

A motivación para chamalo Hypericum segundo o seu nomeador (Lineo) foi por estar por riba (hyper) de todo o imaxinable (eikon, que nos chegou como icona) en materia de usos medicinais: isto deviu despois no galego coloquial na aférese pericón. O epíteto específico perforatum conecta con outro nome vulgar tampouco recollido no dicionario académico: milfurada.

2

Estalote

Digitalis purpurea

Estalote
Estalote

Os tóxicos sanxoáns teñen outros moitos nomes segundo a característica que se destaca: dedaleira e dixital pola súa forma de alferga, estalote e estraloque por podermos xogar a facelos estoupar e sanxoáns polo seu uso neste solsticio.

Ademais da referencia ao san Xoán, comparte coa anterior outra denominación, abeluria, de orixe escura pero que podería proceder dos nomes das dúas cores que a forman (ou converxer con eles): albo, ‘branco’ e louro , ‘vermello’ (confróntese o portugués erva-albiloura). Tanto a forma como a cor están recollidos no nome científico: Digitalis purpurea.

3

Codeso

Cytisus scoparius

Codeso
Codeso

O cítiso, o codeso, o piorno e a xesta son nomes que se usan para denominar varias especies da familia das leguminosas (Adenocarpus complicatus, Cytisus scoparius, C. arboreus, C. purgans, C. multiflorus, Laburnum anagyroides) semellantes no seu aspecto (talos esveltos, follas pequenas, flores papilonáceas), propiedades (tóxicas para o gando e coas que cómpre ter precaución) e funcións (por exemplo, o seu uso como xesta ou vasoira; de feito, o galego escoba e o latino scoparius proceden da mesma orixe scopa).

Ademais de como herba para a noite de san Xoán, existe a tradición de pedir un desexo e anoar os seus varelos para que se cumpra, quizais derivado de que fose un arbusto sagrado na antigüidade. Os seus nomes científicos Cytisus e Laburnum derivan dos usados polos latinos, e Adenocarpus indica que o seu froito (carpus) está cheo de glándulas (adeno-), mentres que os seus nomes comúns deron lugar a moitísimos topónimos.

4

Malva

Malva sylvestris

Malva
Malva

A malva, que deu nome á cor, é un conxunto de especies moi semellantes da familia do hibisco ou abelmosco, da altea ou malvarisco (nótese o nome híbrido dos anteriores) e do algodoeiro.

Presenta flores brancas ou violetas claras, de cinco pétalos e unha enorme reputación como planta medicinal e comestible, de aí que se chegue a dicir “cun pozo e un malvar, boticario do lugar”. As súas propiedades son antiinflamatorias e laxantes, e tómase en sopas ou ensaladas.

5

Romeu

Rosmarinus officinalis

Romeu
Romeu

O romeu é un arbusto mediterráneo de talos ergueitos ata case dous metros da familia das labiadas (hisopo, lavanda, maiorana, melisa, menta, nébeda, tomiño e xarxa), pertencente a un xénero moito menos confundible (tres especies) cós das anteriores. Cultívase como condimento e polo mel e os aceites esenciais que produce, dadas as súas propiedades beneficiosas para os sistemas circulatorio, dixestivo e respiratorio, e os exemplares de Galicia son máis esveltos que nas súas terras orixinais.

O seu nome en troques si amosa unha variedade moito maior: en portugués rosmaninho convive co coñecido alecrim, en castelán romero confundiuse co nome dos romeiros (os peregrinos en romaría ou romaxe, que procede á súa vez do latín romanus), o francés rosmarin conserva maior semellanza co orixinal latino e no inglés a evolución do orixinal francés acabouno asociando a dous nomes de muller (rosemary). Adoito sepárase marinus (co significado de ‘mariño’) da primeira parte, a cal xa ten unha orixe máis controvertida (para uns do latín ros, ‘orballo’, precisamente polo costume de san Xoan; para outros do grego rhops, ‘arbusto’, ao cal acompañaría myrinos, ‘perfumado’). O epíteto botánico officinalis derivou en galego oficinal, e non significa só que sexa propio das oficinas, se non que antes se usaba para o das boticas.

6

Fiúncho

Foeniculum vulgare

Fiúncho
Fiúncho

O fiúncho é unha planta coñecida polo cheiro dos seus talos semellante ao do froito do anís, e que medra á beira dos camiños e zonas húmidas. Ten os caules basais moi grosos en contraste con follas moi miúdas e estreitas como espaguetes, máis pequenas mesmo ca as súas flores en paraugas, tanto que para referirse a alguén delgado dise “estar como un fiúncho”.

Os seus dous nomes fiúncho e fiollo permítennos aos galegofalantes recoñecer claramente a herdanza latina do nome botánico e a orixe do nome da capital das portuguesas illas da Madeira (Funchal).

7

Fento macho

Dryopteris filix-mas

Fento Macho
Fento Macho

O fento macho e a fenta femia (Athyrium filix-femina) son unhas plantas da feitura do fento pero moito maiores, chegando ata case metro e medio de altura.

A abundancia de especies semellantes fixo que recibisen unha variedade de nomes recollidos no DRAG: fento, fieito (e os seus femininos fenta e fieita), felgo ou folgueira. Con isto, a lóxica permitiría que se poida usar a variabilidade da palabra orixinal para crear unha grande cantidade de derivados, pero que loxicamente non se inclúen no Dicionario da Real Academia Galega: fieito femia, folgueira macho e así todas as combinacións. Aínda que de especies distintas, distinguibles pola forma circular ou elíptica dos esporanxios, relaciónanse mesmo no nome científico (filix é o latino para ‘fento’), cada un co xénero correspondente (mas e femina significan precisamente ‘masculino’ e ‘feminino’, pero en galego usamos unha xustaposición cos substantivos macho e femia).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir