Linguas americanas

“Nos descubrieron. Por fin nos descubrieron” di, en español e con voz anenada, o coro de indios americanos na hilarante Cantata do adiantado Don Rodrigo Díaz de Carreras, do grupo arxentino Les Luthiers.

Hai tempo que os historiadores lembran que América estaba xa “descuberta” por diversos pobos, pero en 1492 coa chegada de Colón, o que comezou de feito foi a colonización do continente e con ela unha gran transformación do mundo máis próximo a nós.

O Dicionario da Academia di que colonizar é “converter un país en colonia, impoñéndolle, ademais do dominio político e económico, unha cultura que lle é allea”. Iso é o que fixemos os europeos do  XVI en diante, asentando os idiomas dos reinos nas distintas zonas da xeografía americana e acabando de feito coa inmensa riqueza lingüística do novo continente.

Malia todas as dificultades, algunhas linguas seguen na actualidade ben vivas, xa dicía Castelao aquilo do fracaso do imperio ;), mais os estudos difiren grandemente, variando entre 400 e 1.500 o cálculo de idiomas nativos que continúan existindo. Imos ver sete exemplos:
 

1

quechua

Lingua dos quechuas (grupo de pobos da área dos Andes, que antigamente formaron a capa de poboación máis importante do Imperio Inca, e que hoxe viven no Perú e Bolivia), espallada actualmente por Bolivia, Arxentina, Chile, Ecuador e O Perú.

Como ocorre noutros dos casos que comentamos, o quechua é unha familia de linguas que na actualidade segue sendo vehículo de comunicación para uns dez millóns de persoas, o que a converte na lingua indíxena con maior número de falantes na actualidade e a máis estendida das existentes en Bolivia, O Perú, Ecuador (países onde ten consideración de lingua oficial) ou Chile, penetrando mesmo no sur de Colombia.

Na súa época de esplendor funcionou como lingua franca en gran parte do antigo Perú, onde foi utilizada para os intercambios mercantís polas elites de distintos grupos, entre eles os incas, que, malia seren inicialmente de idioma aimará, a adoptaron como lingua do seu imperio.

O seu nome, quechua ou quichua (variante considerada máis tradicional) provén dunha expresión que significa ‘val temperado’ ou ‘rexión temperada’, aludindo ao clima da zona. Algunhas palabras que nos chegaron desde as linguas desta familia serían pampa, alpaca, mate ou cancha.
 

2

guaraní

Lingua falada polo grupo indíxena que habita na zona comprendida entre o Amazonas e a desembocadura do Río da Prata.

Ao guaraní cóubolle a honra de ser o primeiro idioma indíxena de América recoñecido como lingua oficial dun estado, neste caso Paraguai, e mesmo é o idioma de traballo dun organismo supranacional como Mercosur. Ademais, calcúlase que a porcentaxe de paraguaios que o coñecen alcanza o 90% e mesmo algo máis dun cuarto da poboación é monolingüe en guaraní. Resultan máis curiosos estes datos se temos en conta que a poboación indíxena é minoritaria en Paraguai.

É, así mesmo, oficial en Bolivia e nunha das provincias arxentinas. Con todo, o número de falantes considérase que anda arredor dos seis millóns (os cálculos máis optimistas elevan esta cifra incluso por riba dos vinte millóns).

Do guaraní veñen, ademais do seu nome, que significaba ‘guerreiro’, voces como xaguar, mandioca ou maraca.
 

3

aimará

Lingua falada polo pobo amerindio que habita na rexión do lago Titicaca, entre O Perú e Bolivia.

O aimará ten status de lingua oficial en Bolivia, onde é a primeira lingua dun terzo da poboación, e no Perú, país no que se considera a principal lingua indíxena da zona sur. Ademais, conta con falantes no norte de Chile e en Arxentina, neste caso por mor dos movementos migratorios. Facendo a suma, o total dos seus falantes supera os dous millóns de persoas e a UNESCO considéraa lingua vulnerable.

O núcleo do territorio lingüístico aimará estaba na meseta do Collao, e iso fixo que nun principio se coñecese como lingua do Collao ou lingua dos collas, os seus habitantes, pero, posteriormente, tomouse o nome dunha etnia trasladada por orde gobernamental a esta zona, e que adoptou esta lingua, como denominación do idioma. Etimoloxicamente, aimará significaría ‘lingua de moitos anos’.

O Instituto da lingua e a cultura aimará, co apoio do arcebispado de Bolivia, dedícase ao estudo e preservación deste idioma e emite nel quince horas de radio diarias.
 

4

náhuatl

Lingua amerindia aglutinante, hoxe practicamente extinta, que se falaba en México no momento da conquista española.

O náhuatl (etimoloxicamente ‘lingua agradable’) tamén serviu como lingua franca, no seu caso no imperio azteca, tamén coñecido como mexica, polo que a este idioma chámaselle tamén mexicano.

Foi utilizado como instrumento de evanxelización, polo que os europeos mesmo contribuíron nun principio á difusión fóra das comunidades que o falaban inicialmente e, quen o ía dicir, a súa influencia viaxou mesmo ata as Filipinas da man de indíxenas mexicanos que participaron na colonización do arquipélago, onde quedaron importantes pegadas lingüísticas.

Dise que tivo un importante cultivo poético, xa que, a semellanza dos europeos, parece que aquí os guerreiros tamén collían “ora a espada, ora a pluma” e mesmo a utilizaron autores que non tiñan o náhuatl como lingua nativa.

É a lingua indíxena con maior número de falantes das existentes en México, con presenza tamén no Salvador e incluso hai comunidades de náhuatl nos Estados Unidos e outros países por mor da emigración. En total, superan os dous millóns de persoas. Carece de recoñecemento de oficialidade, pero, non deixa de ser curioso, foi a primeira lingua indíxena americana en aparecer nos caixeiros automáticos.

Moitas formas do náhuatl espalláronse polas linguas do mundo ao tempo que se coñecían as realidades que designaban. Así, chegounos, por citar algún exemplo, coiote, cacao, tomate ou ocelote, así como o doce chocolate.
 

5

maia

Lingua dos maias (pobo indio que habitaba na zona central de América, entre o actual México, Guatemala e o oeste de Honduras), aínda hoxe falada na península do Iucatán.

A lingua maia é a segunda lingua indíxena de México en canto a número de falantes, aos que cómpre sumar os do norte de Guatemala e pequenos grupos presentes noutros estados. As estimacións falan de pouco máis dun millón de falantes para o maia e chegan ata os sete abranguendo todas as linguas da familia.

O maia contaba cun sistema propio de escritura baseado na utilización de logogramas, unidades que representan unha palabra ou un morfema, e non unicamente un son, como facemos nós, se ben con posterioridade, como ocorreu co resto das linguas indíxenas, adaptouse á escritura co alfabeto latino. A etimoloxía do termo non está clara, se ben parece ter relación coas rochas propias da rexión e sería algo como ‘rexión das calcarias’.

Dos textos antigos en maia chegaron ata nós inscricións e algún exemplo de poesía e relatos, dos que o máis famoso é o Popol Vuh, unha recompilación de lendas onde os maias expoñen a súa visión sobre a orixe do mundo ou os fenómenos naturais.

A pesar da importancia que tiña nese momento, a lingua maia transferiulle poucos préstamos á lingua dos colonizadores, pero algún podemos atopar que chegou ata nós, como cigarro.
 

6

mapuche

Lingua amerindia falada na rexión central de Chile e no norte de Arxentina.

O termo utilizado polos colonizadores para falar deste idioma era araucano, mentres que os nativos prefiren mapuche ou mapundungun (‘o falar da terra’) e parece ser que con esta lingua era posible entenderse en todo o territorio do actual Chile.

Na actualidade, entre Chile e as zonas de Arxentina onde se estendeu, o número de falantes estímase no medio millón de persoas, o que suporía que o utiliza menos da cuarta parte da poboación mapuche.

Sobre o mapuche publicáronse gramáticas no período colonial e mesmo chegou a contar cun dicionario bilingüe italiano-mapuche.

Tendo en conta que a conquista deste territorio se fixo desde O Perú enténdese que deixase pouca pegada na lingua dos conquistadores, que máis ben levaron ata alí a influencia quechua.
 

7

iroqués

Lingua falada polo pobo amerindio que habitaba na costa leste de Norteamérica, na rexión dos grandes lagos, entre Os Estados Unidos e O Canadá, e que hoxe vive en reservas no norte de Nova York e no Canadá.

Calcúlase que en América do Norte habería unhas 300 linguas antes da colonización, das que hoxe probablemente non quede un terzo, faladas por xente de idade e que, na maioría dos casos, non chegan ao cento de persoas e, entre eles, os únicos que presentan cifras en aumento son os naabeehó.

Propoñemos o iroqués como exemplo, pero poderíase dicir practicamente o mesmo de calquera outra. Viven confinadas nas reservas indias, lugares creados, supostamente, para a preservación da súa cultura, que supuxeron máis ben a aniquilación da mesma, entre o illamento que implican e os distintos proxectos de asimilación, que inclúen a escolarización exclusivamente en inglés. En concreto, os falantes que quedan de iroqués repártense en reservas pertencentes a cinco estados e non se cre que, sumando todas as linguas da familia, se superen as vinte mil persoas.

Os iroqueses chámanse a si mesmos haudenosaunee ‘xente que constrúe grandes casas’, xa que o de iroqués, que ao parecer significa ‘serpe’ puxéronllelo os doutra tribo cos que non se levaban moi ben.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir