(moitas máis de) Sete primaveras

Somos mar, somos terra, somos brancos e azuis, somos… como galegos somos moitas cousas e temos moitas características. Entre delas, unha das referencias intanxibles que máis repetimos e que asumimos colectivamente é que somos verde, o que fai que nos definamos con orgullo como “o país do verde”. Pero isto non sempre foi así e tivo que chegar Rosalía para descubrirnos que somos ricos e complexos, vizosos, produtivos e fermosos porque todo ao noso arredor é vida, é auga e é verde. Ata entón, e estamos falando de hai apenas 150 anos, dicían que eramos unha selva fea, intransitable e chea de meigas – no mellor dos casos–.
 

O 21 de marzo chega a primavera, o equinoccio vernal, cando todo agroma, todo rexorde e o ano comeza de novo. E o verde estoura. Tamén podiamos definirnos como o país da primavera porque é a nosa estación.
 

Desde antigo, dividimos o ano en catro partes, as estacións, atendendo a que en cada unha delas se manteñen unhas certas condicións climáticas, aínda que revisando a etimoloxía do termo descubrimos que non sempre serviu para iso: estación, do latín statio, stationis, significaba ‘repouso’, ’lugar de parada’ ou ‘acción de estar parado e en equilibrio’, como evidencia algún outro derivado do étimo (estático, por exemplo) e empregábase para o momento en que o sol, aparentemente, se detiña para inverter o seu movemento, é dicir, para os solsticios (de solstitium, “sol estático”). Co tempo, estendeuse e nomeou tamén os puntos equinocciais e por último pasou a designar os períodos astronómicos do ano, as estacións.
 

Neste Setestrelo repasamos termos que definen ou completan este o noso mellor tempo, a primavera, o comezo de ciclo que agardamos cada ano e, noutro sentido, desde hai séculos.

1

vernal

Relativo ou pertencente á primavera, propio da primavera.

Nos rexistros cultos e literarios, vernal é o sinónimo de primaveral, e sobran os dedos das mans para contar os exemplos de uso deste adxectivo no corpus de textos dispoñibles, ata o punto de que o escritor e xornalista ourensán Bieito Iglesias non dubida en cualificalo de melindroso cando llo atribúe a Ortega y Gasset, nun artigo para o xornal Galicia Internacional, de 1995: “A estación vernal (permítaseme esta impagable cursilería de Ortega) é sazón propicia ós certames, xogos florais e toda sorte de eventos literarios.”

 

Con todo, o seu uso tamén pode darse noutros ámbitos, por exemplo asociado á forma equinoccio para opoñer o equinoccio vernal ao autumnal ou, tamén no ámbito da astronomía, para especificar o punto vernal, isto é, o punto da bóveda celeste ocupado polo Sol no momento do equinoccio de primavera no hemisferio Norte. Alén disto, tamén é habitual nos manuais de medicina para falar das doenzas propias deste tempo, os catarros e alerxias vernais.

 

Tanto vernal coma primaveral son cultismos moi fieis na súa aparencia á palabra latina da que proveñen, para o caso de vernal o adxectivo vernalis, -e 'relativo á primavera, de primavera', que á súa vez é un derivado de vernum (tempus), a forma en que os romanos denominaban a estación, e que na fala máis familiar foi logo substituída por ver, veris, co mesmo significado.

2

témporas

Cada unha das estacións do ano e comezo delas.

Pensar que podemos adiviñar o tempo que vai facer durante os próximos tres meses só con interpretar o que observamos nos primeiros días ao comezo de cada estación é unha idea con pouco fundamento científico pero moi tentadora, especialmente para quen teña a súa subsistencia e as súas ocupacións diarias ligadas aos labores agrícolas, do gando ou ao mar. Esta é unha das razóns polas que os primeiros días do cambio estacional foron de sempre moi significativos e de aí que se dese un nome para distinguilos como conxunto, as témporas, do substantivo latino tempus, temporis, con varios significados posibles, todos eles relacionados coa dimensión cronolóxica, como ‘tempo’, ‘instante’, ‘momento’, ‘época’ ou ‘estación’.

 

Ao redor delas, desenvolveuse un método de predición meteorolóxica que tivo moito predicamento na cultura popular e tradicional, e aínda hoxe serve de orientación para algúns, especialmente entre as persoas de maior idade. Este sistema das témporas varía duns lugares a outros aínda que, con todo, adoita apoiarse na dirección por onde sopra o vento, tal e como se recolle no Dicionario, de xeito que as témporas poden quedar de arriba ou de abaixo, dependendo de se ao comezo da estación o vento vén do norte ou do sur, respectivamente.

 

Ao sur do Miño, a palabra témpora consérvase para chamarlle a cada unha das partes laterais da cabeza, mentres que no noso territorio lingüístico a forma que se prefire é tempa -máis evolucionada, como corresponde ás palabras patrimoniais- que se emprega sobre todo en plural e ten como sinónimos  sen e vidalla. Con todo, atopamos exemplos de témpora con este valor en textos de noso anteriores á guerra civil, por exemplo nalgún dos contos do rianxeiro Rafael Dieste, quen probablemente o recolle con afán diferencial: “Cando o taberneiro rematou de ler aquela notiza inquedante – un neno suicidárase pegándose un tiro na témpora dereita – falou o vagamundo descoñecido que acababa de xantar moi probemente nun curruncho da tasca mariñeira e dixo : – Eu sei a hestoria dise neno.”

3

entretempo

Tempo comprendido entre o de frío e o de calor, que se corresponde coa primavera e o outono.

A climatoloxía presenta variacións significativas ao longo do ano, e a partir delas, defínense catro períodos de certa estabilidade nos que se cumprirían unhas condicións esperables: no inverno, frío e choiva, no verán, seca e calor, por exemplo. Un pouco máis difícil é decidir o que se espera das estacións intermedias, a primavera e mais o outono, e isto depende moito de cada zona, ata o punto de que na nosa terra son moitos os que afirman que en realidade as estacións ben poderían reducirse na práctica a dúas, o tempo do frío e o tempo da calor.

Precisamente nas zonas de transición situamos o entretempo, unha palabra composta da preposición e o substantivo, que non provoca dúbidas respecto á súa orixe. E, se tempo é un termo referido tanto ao meteorolóxico coma ao cronolóxico, xa que nas linguas románicas non se mantivo a distinción que establecía o latín entre tempus e tempestas, tamén se atopan usos de entretempo para ambos os dous casos.
 

A maioría dos exemplos refírense ao vestiario que resulta axeitado para os momentos de transición entre o inverno e o verán, se ben, coma tantas cousas ligadas á moda, non parece que sexa a última tendencia falarmos de "pezas de entretempo".
 

Ao lado diso, atópase tamén entretempo co significado de ínterim, é dicir, tempo entre dous acontecementos, como neste fragmento do escritor da Ribeira Sacra, Eduardo Prieto: “No entretempo de triscar a herba, gusta Peluso de contarlle catro follas aos trevos”.

4

marcear

Estar un tempo propio do mes de marzo.

“Marzo, marzán, pola mañán cara de rosas; pola noite cara de can” é un dos moitos refráns e ditos populares que nos alertan de que en chegando o mes de marzo, e tratándose do tempo, calquera cousa pode pasar, pois parece que a irrupción da primavera altera as condicións meteorolóxicas e este mes é un dos máis variables do ano, cando menos nas nosas latitudes. A chegada de marzo trae polo xeral, unha climatoloxía máis suave, con temperaturas máis cálidas e chuvias ocasionais, e esta tendencia é a que serve de fundamento para a creación do verbo marcear, derivado do nome do mes. Non é o único deste tipo que recolle o Dicionario, onde tamén atopamos outros verbos formados a partir dos nomes dos meses como decembrar ou agostar, o mesmo que na literatura popular tradicional non faltan exemplos doutros derivados parellos.

 

Marzo débelle o seu nome a Marte –a través do adxectivo latino martius ‘relativo a Marte’– que, segundo a mitoloxía clásica, era o deus da guerra e mais o proxenitor dos xemelgos Rómulo e Remo, e por tanto do pobo romano, polo que pode entenderse que na súa honra se bautizase o mes que no calendario primitivo era considerado o primeiro do ano. O étimo martius, está presente, tamén, noutras palabras actuais como marcial ou marciano.

5

reverdecer

Campo, planta poñerse verde, recuperar o verdor. / figurado Adquirir novo vigor ou novo impulso.

A primavera é, na nosa zona do mundo, a maior exaltación do verde, xa que é o momento cando os espazos naturais recuperan a tonalidade que transformou o outono primeiro e o inverno despois. Por iso o verbo reverdecer recolle, grazas á simboloxía da cor, todas as transformacións e procesos que teñen lugar na flora, nos campos ou nas árbores coa chegada da primavera.

 

A base léxica do verbo está no substantivo que nomea a cor, a partir da forma latina virides, -e, que á súa vez nace por derivación do verbo virere, que tiña o significado de ‘ser, estar ou poñerse verde, en relación ás plantas’, así como tamén un sentido figurado asociado a ‘ter vigor’, que tamén desenvolveu o noso reverdecer.

 

Ligadas a esta mesma base, temos na lingua actual outras palabras, como por exemplo verdear, para a que o sufixo –ear achega o valor de ‘transformación ou conversión en’. Tamén, dentro do noso territorio lingüístico, documéntase a variante verdexar, igualmente tradicional, e coa mesma etimoloxía e significado.

 

Outro verbo da mesma familia léxica é esverdear, moi representado na lexicografía histórica a través de distintas variantes –esverdegar, esverdexar, esverdegallar, esverdiar–. Este termo, ao parecer, tivo, nun primeiro momento, un significado relacionado co reverdecemento dos campos e o nacemento dos primeiros froitos e posteriormente acolleu o sentido de apañar o froito antes de tempo, non ben acaba de saír.

6

agromar

Planta botar gromos. / figurado Comezar a aparecer.

O efecto máis vistoso da primavera sobre a vexetación é o nacemento de novas flores e follas, mais o certo é que todo este rexurdimento comenza nun vultiño pouco ostentoso que xorde no talo ou nas pólas cando agroman e para o que temos moitas palabras para nomealo, abrocho, bota, botón, brote, rebento, xema e por suposto gromo, sobre o que se crea o verbo, e que provén do latín grumus, -i, que os romanos empregaban para denominar, entre outras cousas, un pequeno montículo de terra, de onde parte a idea de elevación superficial que logo dará lugar á acepción actual. Indo máis atrás no tempo, é posible que o berce primeiro desta palabra poida situarse nas linguas prerromanas, xa que nelas os especialistas supoñen a existencia dunha forma gommo, que podía significar ‘obxecto saínte’. Na lingua actual, gomo é unha variante da forma estándar gromo, que como esta aparece documentada nos textos desde mediados do XIX, só que en moita menor proporción.

 

Nos escritos de Ramón Piñeiro, atópanse exemplos dunha palabra derivada, agromada, empregada cun sentido abstracto relacionado coa acepción figurada do verbo, dando lugar a enunciados do tipo de “foran anos de espléndida agromada literaria na lingua”.
 

7

pole

Po moi fino, frecuentemente de cor amarela, que está contido nas anteras das plantas con flores e que é o seu axente masculino de fecundación.

A época primaveral asóciase, amais de coa luminosidade e a beleza, coa xuventude e o rexurdir do mundo natural, as plantas e as flores, pero para que esta explosión de vida nova teña lugar é necesaria a intervención do pole, que actúa como fecundador no proceso coñecido como polinización, cando este  pasa do estame onde se produciu ao pistilo, coa axuda de certos bichiños ou tamén pola acción de axentes atmosféricos.

 

A forma da palabra pole, con vogal final, é un trazo case exclusivo da nosa lingua, no conxunto das que a recollen do latín pollen, pollinis, xa que as máis conservan a consoante final que o substantivo tiña na lingua de orixe, onde se empregaba para denominar un po moi fino da fariña ou, en xeral, calquera poeira miúda.

 

A composición do pole contén unha altísima proporción de proteínas e tamén numerosas vitaminas, ata o punto de que se pensa que este nivel de concentración é a causa principal de que algunhas persoas sexan alérxicas, o que se coñece como polinose.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir