Nomes con química

Os que somos de letras cargamos co sambenito de que os nosos estudos se moven no terreo do pouco obxectivable, de que todo o que cae fóra do ámbito da ciencia pura é pouco menos ca imaxinación. Pero o mundo das letras e o das ciencias non quedan tan afastados, nin nas humanidades falta método, comprobación e coherencia interna, nin as cousas da ciencia escapan á controversia, á transformación e aos enfoques parciais e interesados.

 

Por exemplo, o fito que se acepta como o momento no que a química se converte en disciplina científica é a aparición da nova nomenclatura proposta por Lavoisier e os seus colaboradores en 1787, deixando atrás a alquimia. Xurdían nesta altura necesidades léxicas específicas para lles dar nome ás operacións renovadas de experimentación ou aos novidosos utensilios que se empregan nos laboratorios. E por suposto, tamén cumpría uniformar os nomes dos elementos químicos, das súas calidades e das súas combinacións de xeito que a terminoloxía funcionase como nexo de unión para a comunidade científica. O acordo tácito de que quen descobre ou illa un elemento ten o dereito de bautizalo implicou disputas e polémicas baseadas fundamentalmente nos egos dos científicos, así coma nos intereses dos países na procura da superioridade tecnolóxica.

 

As controversias continuaron ata que finalmente en 1919 se fundou a IUPAC (International Union of Pure and Applied Chemistry), unha organización supranacional e non gobernamental que se recoñece desde entón como autoridade en cuestións de nomenclatura, terminoloxía, símbolos, unidades etc., se ben as súas recomendacións non sempre son acatadas unanimemente.

 

Como diciamos, somos de letras e sen pretendermos converter o chumbo en ouro, cremos que se nos deixasen ordenariamos con ben tanta discusión terminolóxica, polo que recubertos desa autoridade –disimulade que lle chamemos científica–, os alquimistas do Portal propoñemos este Setestrelo onde lles damos un repaso a sete elementos químicos nos que, aínda na actualidade, continúan vixentes distintas alternativas de denominación.

1

tungsteno

Elemento químico metálico de transición, de cor gris clara, moi duro e denso, que ten o punto de fusión máis alto dos metais. O seu símbolo é W.

Este metal, máis coñecido entre nós como volframio, tivo unha importancia decisiva en tempos da segunda guerra mundial, cando os xacementos espallados por toda Galicia se converteron na principal fonte de abastecemento para a industria armamentística, de xeito que as minas pasaron a ser o medio de vida de milleiros de persoas, na extracción, nos labores derivados ou mesmo andando “á roubacha” ou “ás pintas”, é dicir, mirando de apañar os restos do prezado “ouro negro” que quedaban na superficie das explotacións para logo vendelos.

As dúas palabras, tungsteno e volframio, teñen orixe xermánica. Tungsteno, procede do sueco tung sten, que significa 'pedra pesada' (como o Stein en alemán) e aínda se usa nas linguas nórdicas para un dos minerais de onde se obtén este elemento, mentres que volframio procede do sueco wolf rahm -que equivale a 'escuma de lobo'- ou wolf ram -'sucidade do lobo'- pola grande cantidade de estaño (branco coma as ovellas) que o volframio "come" durante a súa extracción e mesmo nas propias minas. A cuestión é que en moitas linguas os derivados de tung sten se usan tanto ou máis ca os de wolf ram, incluídas o portugués, o italiano, o francés ou especialmente o inglés.

Os primeiros indicios da presenza dun novo elemento evidenciáronse analizando mostras minerais entre 1779 e 1781 baixo a etiqueta provisional de tungsteno, pero non é ata 1783 que consegue illarse por primeira vez e cando os irmáns Elhuyar o describen como elemento puro, co nome de volframio. A nomenclatura oficial da IUPAC, expresada en inglés, dálle prioridade á forma preferida nos Estados Unidos, tungsteno.

2

columbio

Elemento químico metálico de transición, brando e dúctil, de cor gris azulada, que na natureza sempre aparece asociado ao tántalo. O seu símbolo é Nb.

Xusto no inicio do século XIX, o químico inglés Charles Hatchett proclamou a descuberta dun novo elemento ao que lle chamou columbio, para honrar a Columbia, a denominación poética e personificación feminina que se fixo dos Estados Unidos (do mesmo xeito que Britannia o foi da Gran Bretaña ou Gallia de Francia), que á sua vez deriva de Columbus, o nome latino do descubridor do continente, Cristovo Colón.

 

Mais a tese de Hatchett foi discutida por varios dos seus contemporáneos, xa que a reactividade do suposto novo elemento era moi semellante á do tántalo, co cal adoita estar moi mesturado. Durante varios anos, alimentouse a polémica sobre se existían dous elementos distintos ou eran un só, ata que en 1846 o alemán Heinrich Rose deduciu correctamente que os minerais de tántalo conteñen un segundo elemento e decidiu bautizalo como niobio, en lembranza do nome que segundo a mitoloxía grega tiña a filla do xigante Tántalo, Níobe.

 

Os dous termos alternativos, columbio e niobio, pasaron a converterse en candidatos para nome oficial respectivamente por América do Norte e Europa. En 1943, a IUPAC tomou unha decisión nesta controversia para harmonizar a terminoloxía na procura dunha nomenclatura de referencia global: neste caso escolleu niobio, que era o que se prefería en Europa. Aínda así, non estiveron todas as partes de acordo, e algúns organismos oficiais estadounidenses seguen utilizando columbio.

3

glicinio

Elemento químico do grupo dos alcalinotérreos, que se utiliza en determinados tipos de aliaxes e na industria nuclear. O seu símbolo é Gl.

A este elemento chamóuselle glicinio cando en 1798 o químico francés Louis Nicolas Vauquelin publicou o seu descubrimento, posto que os seus sales tiñan un sabor doce, tomándoo do grego glykys, con este significado. Esta é a explicación de que o seu símbolo químico sexa a secuencia Gl. Na adaptación á nosa lingua dos cultismos procedentes de palabras gregas que conteñen a letra ypsilon escolleuse por norma xeral o < i > agás naqueles casos nos que existan razóns de moito peso en contra. Con este criterio xustifícase que se manteña na mesma familia glicinio, glicemia, glicerina ou glicosa.

O seu outro nome común, berilio, procede do segundo mineral máis abundante onde está presente, o berilo, termo que se forma a partir do francés antigo béril, retrotraíble ao grego berullos ‘xema de cor verde mar’ (as formas preciosas do berilo son as pedras da augamariña e a esmeralda), que á súa vez proviría do sánscrito nunha palabra que pode significar 'extraído da vila de Belur'. Outra fonte de berilio é o crisoberilo (de criso– 'dourado'), a terceira xema máis escasa.

4

estibio

Elemento químico de propiedades intermedias entre os metais e os metaloides, de cor branca azulada e brillante, fácil de fragmentar e pulverizar, que aumenta a dureza dos metais cos que se asocia. O seu símbolo é Sb.

O nome de estibio remóntase ao grego, stibi, e xa era coñecido polos antigos exipcios que o usaban como ungüento para maquillar, o que actualmente se coñece polo nome árabe de kohl. O étimo grego latinizouse como stibium e foi o que orixinou que o sueco Jöns Jacob von Berzelius  –quen desenvolveu a técnica moderna de notación química– usase Sb como abreviación para o elemento químico.

 

No medievo, os traballos sobre química dos alquimistas exprésanse en latín e neles xorde unha denominación alternativa para o estibio, antimonium, sendo actualmente antimonio a forma máis habitual de referirse a este elemento.

 

A día de hoxe, a orixe deste termo é aínda descoñecida. Podería ser que viñese do grego antimonachos ou do francés antimoine, ambos os dous co significado de 'contra os monxes', que se explica porque os primeiros alquimistas eran principalmente relixiosos e o antimonio é coñecido como velenoso desde a antigüidade. Outras teorías falan de que podería proceder da combinación das gregas anti– + –monos, co cal se expresaría a dificultade (anti-, co valor de 'aversión') do elemento a aparecer illado (monos co valor de 'un'). Unha última posibilidade sería que fose herdeira de al-stimmi, suposta versión árabe de stibi.
 

5

hidrarxirio

Elemento químico metálico de transición, de cor e brillo semellantes aos da prata, moi denso, bo condutor da electricidade e o único líquido a temperatura ambiente, que se emprega en medicina e na fabricación de aparellos como termómetros e barómetros. O seu símbolo é Hg.

O hidrarxirio é un dos elementos máis antigos coñecidos, debido á súa singular propiedade de que é o único metal líquido en condicións normais. Probablemente aos primitivos resultoulles tamén rechamante que brillase tanto, como se fose prata. E estas dúas características, a liquidez e o brillo, son as que lle dan sentido ao nome de hidrarxirio: hidro– vén de 'auga', en referencia ao seu estado líquido, mentres que arxirio procede do nome antigo para a prata, argentum en latín.

 

Hidrarxirio é o nome literario do metal máis coñecido como mercurio, para o que existe aínda outro sinónimo, azougue, un equivalente popular, herdado desde a alquimia medieval, onde se recolle procedente do árabe andalusí al-zuuq, á súa vez do clásico al-zaawuuq 'mercurio', e este do persa antigo.

 

A asociación do elemento co planeta Mercurio débese a que a mobilidade do seu estado líquido lembraba a velocidade que o planeta tomaba ao percorrer o ceo, e por iso tomou como símbolo o caduceo do deus Mercurio. Esa é tamén probablemente a razón de que as nosas expresións ter azougue, ter o azougue ou ter azougue no cu signifiquen 'ser ou estar inquedo/a, non parar de moverse', unha comparación que tamén aparece na fraseoloxía doutras linguas como portugués, castelán ou inglés.

6

azote

Elemento químico gasoso, incoloro e inodoro, compoñente principal do aire da atmosfera, do cal se obtén por licuefacción e destilación. O seu símbolo é N.

A palabra azote constrúese por combinación de a– 'sen' + zoo, 'vida', este último dunha raíz preindoeuropea. O nome de 'sen vida' púxollo o francés Lavoisier porque comprobou que era a parte do aire que non podía conservar vida. En moitas linguas próximas mantéñense as formas análogas ao noso azote, azote ou azoto en portugués, azoto en italiano, azot en romanés ou azote en francés, e tamén incluso en moitas linguas eslavas.  

 

O nome do elemento azote –etiquetado no Dicionario como popular– comezou na alquimia pero tivo un uso tan continuado que se chegou a utilizar como equivalente de nitróxeno na nomenclatura sistemática, dando lugar así mesmo aos derivados azótico, azotoso, azotato e azotito (para nítrico, nitroso, nitrato e nitrito), todos eles bastante máis infrecuentes. Noutros ámbitos porén, si son habituais os termos desta familia, por exemplo en medicina a azotemia e a azoturia, para denominar a presenza de nitróxeno no sangue e na urina.

7

sénica

Elemento químico sólido, de cor gris metálica e moi velenoso. O seu símbolo é As.

Sénica é a variante popular para o elemento denominado arsénico, como resultado da aférese da primeira sílaba. Este mesmo proceso aconteceu con outras palabras da alquimia que se acurtaron ao pasaren á lingua común, como é o caso de pócema a partir da normativa apócema, ou botica que vén do grego apotheka (‘almacén’).

 

A historia das palabras sénica e arsénico remite en primeira instancia ao latín, onde a forma arsenicu ‘mineral velenoso’ está tomada do grego arsenikón ou arrhenikón. Algúns traballos quedan aquí, dándolle carta de natureza a un significado derivado da palabra arrhen en grego, 'macho', supostamente polas súas poderosas propiedades químicas. Outras fontes cualifican esta etimoloxía de popular, remontando a forma grega a outra semítica anterior zarnik, herdada do antigo iránico *zarna– ‘dourado’. Esta explicación da historia do termo axústase ao que o Dicionario di sobre varios minerais nos que está presente o arsénico, cando na definición alude de xeito recorrente ao seu “brillo metálico”, tal é o caso da esmaltina, o mispíquel ou a proustita, unha lóxica que tamén se dá na denominación latina doutro destes minerais, o pigmentum auri, que se usaba para a fabricación de tinturas douradas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir