O amor en sete palabras

Travolta, en Desde París con amor, di aquilo de “eu xa esquecín cousas que ti aínda non deches aprendido”. Esta frase poderiámola enunciar colectivamente dirixida ao resto de pobos do mundo, porque… quen saberá máis ca nós do amor?

Aló na Idade Media cando franceses e ingleses andaban inventando o costume de enviar cartas e mostras de amor, que virían dar no actual San Valentín, nós xa viñamos de volta desa feira, porque no XIII e XIV as nosas Cantigas de amor foran os best-séllers da época.

A nós tanto nos ten que existise un crego dos primeiros tempos da Roma cristiá que casaba mozos, ás agachadas, en contra dun decreto que o prohibía e que se chamaba Valentín; ou que a celebración veña de cristianizar a festa das Lupercalia, que honraba a fertilidade nos días 15 de febreiro.

Para nós, todos os días do ano son días de amor, aínda que postos a escoller somos da preferencia do día da Candeloria, xa sabedes, cando casan os paxariños. Por esta razón, porque o amor é común á nosa forma de ser –e cremos e descremos del cando nos peta–, non precisamos de grandes parlamentos para cortexar, engaiolar ou seducir. Por iso, este Setestrelo presenta as sete palabras máis básicas relacionadas co amor, que para nós, abondan.
 

1

amor

Sentimento intenso cara a alguén baseado na atracción sexual e no afecto.

Esta palabra vén directamente do latín, onde significaba 'amizade’, ‘dedicación’, ‘desexo grande’ ou ‘paixón', e certamente en todo iso parece que vén batendo o conto dunha amizade que medra grazas á dedicación que se lle dispensa e da que xorde o desexo e a paixón.

En realidade, os científicos aseguran que o que hai é moita química e, en concreto, dopamina, a hormona do amor e da tenrura, e mais oxitocina, a responsable da paixón sexual, porque non todo é mirarse aos ollos. A causante de que os niveis destas dúas aumenten no cerebro é a feniletilamina (FEA), unha anfetamina; mais cómpre asumir, mal que nos pese, que os seus efectos non se poden prolongar moito no tempo (calcúlase que ao redor duns tres anos, como moito), porque acabaría con nós por puro esgotamento.
 

2

corazón

Órgano de natureza muscular, responsable da circulación do sangue nos animais, que está, no caso do home, na parte media esquerda da cavidade do peito

Sempre se fai residir o amor no corazón e non será por falta de sitios no corpo onde darlle morada: a cabeza, o estómago ou os ollos… e tamén o fígado, que hai amores que te acaban poñendo de aí. Na antigüidade pensábase que o corazón era o centro das emocións, mesmo Platón aseguraba que unha das dúas almas inmortais do ser humano estaba nel, e por iso este músculo é acubillo histórico do sentimento amoroso.

A orixe da palabra atopámola no latín, curiosamente na forma reconstruída coratione, un aumentativo de cor (‘corazón’) que se empregaba para falar do gran corazón do home valente e da muller amante. Só o galego, o portugués e o castelán conservan esta forma derivada do aumentativo latino, mentres que o resto dos romances son máis modestos neste tema: é o caso do catalán cor, o italiano cuore e o coeur dos franceses.

Os deuses do amor, Eros na mitoloxía grega e posteriormente Cupido na romana, lanzaban frechas de ouro ao corazón que se alborotaba, e está comprobado que cando nos namoramos o ritmo do corazón altérase froito da descarga química, e tamén que determinadas doenzas cardíacas son produto da ansiedade e o estrés que producen algunhas relacións sentimentais, especialmente cando rematan. Daquela aquilo de romperlle o corazón a alguén ten algunha traza de verosimilitude…
 

3

conquistar

Inspirar en alguén un sentimento de admiración, de amor etc.

Na guerra e no amor todo vale e para acadar o éxito cómpre empregar as nosas mellores armas de sedución: elocuencia, coquetería, intelixencia, humor, galanteo etc. (todo iso para quen non temos un corpo marabilloso, claro). O certo é que nisto de conquistar non somos exclusivos, xa que non só o ser humano amosa os seus encantos para atraer unha parella senón que son moitos os animais que teñen danzas e pelexas como demostración de forza, ou cambios físicos para cortexar e conseguir perpetuar a especie que no fondo é o que se pretende: vencer a extinción.

Na orixe a palabra non era tan belicosa e provén dunha suposta forma latina conquisitare, do clásico conquirere, que significaba ‘procurar por todos os lados', 'pretender', 'reunir' ou 'recrutar’ e que sen dúbida resume, á perfección, as andanzas dos namorados: buscar, pretender e recrutar.
 

4

bico

Demostración de afecto, amor, amizade, respecto ou reverencia que se fai tocando algo ou alguén cos labios

Unha das mostras de amor máis evidentes e máis visibles son os bicos, que dependendo como se dean e a quen, tamén poden ser un saúdo ou parte dunha reverencia en sinal de submisión.

A palabra é ben antiga xa que a súa orixe atopámola nunha forma suposta prerromana beccus, que tamén encontramos en italiano no substantivo becco e mais no francés en bec, co significado de ‘peteiro’. Esta é a acepción primeira que se documenta no Dicionario da Academia, e a partir dela desenvolveuse outra referida ao encontro dos “peteiros” pero dos humanos, ou sexa, ao encontro dos labios.

Ademais de bicos, coa nosa lingua podemos dar beixos, que veñen do latín basium, co mesmo significado, ‘bico de amor ou de respecto’. Aínda que o curioso é que en latín se usaba inicialmente savium, evolución de suavium, que era ‘bico’ pero cun sentido máis erótico porque aludía a suavis, ‘saboroso’. En familia recibimos chuchas e chuchos, e os bicos literarios son os ósculos, do casto osculum latino, que era un bico na meixela.
 

5

cariñoso -a

Que sente cariño ou trata os demais con cariño

Cando estamos cheos de amor e temos unha relación sentimental adoitamos ser cariñosos como demostración do que sentimos e tamén como xeito de verificación, o que en exceso pode resultar abafador.

Este adxectivo fórmase directamente sobre cariño (que algúns relacionan co caru latino, 'querido'), que é o "sentimento de afección, amizade, tenrura, simpatía etc., que se experimenta por alguén", engadindo o sufixo –oso/a, para formar adxectivos sobre substantivos, o mesmo ca os agarimosos e os amorosos.

A todos nos gusta que nos enchan de aloumiños se son por amor, mais non cando veñen con segundas, como fan os aloumiñeiros e os solermeiros "que afagan con fins interesados". En garafeteiro temos a cara e a cruz no mesmo vocábulo porque tanto pode referirse ao "que lle gusta facer aloumiños" coma ao "que é propenso a entrar en liortas"; xa se sabe que do amor ao odio
 

6

noivo -a

Persoa que mantén relacións amorosas con outra, xeralmente con vistas ao matrimonio

A orixe desta  palabra é controvertida, mais suponse que provén do latín vulgar noivu que á súa vez procede do adxectivo novus en referencia á condición de ‘novo’, ‘de pouca idade’ e que se cruza con nuptus, participio pasado do verbo nubere, que significaba ‘casado ou casada’. De feito, temos cultismos como nupcias, nupcial e nupcialidade, que evidencian este étimo.

Este termo convive coa denominación mozo -a, "persoa que mantén relacións amorosas con outra", que é amplo e menos comprometido, porque os noivos e as noivas parecen que son aqueles que antes ou despois acaban por casar, mentres que os mozos e as mozas non teñen a pretensión expresa de asinar contrato ningún diante de ninguén.
 

7

soñar

Imaxinar que algo, en especial unha cousa agradable é real.

Este verbo chéganos desde o latín somniare que significaba ‘soñar’, ‘delirar’ e ‘estar tolo’, e aínda que hoxe na lingua conserva só o primeiro dos significados, non hai dúbida ningunha de que hai parellas ás que lles iría mellor a segunda acepción.

Xa di a cantiga que quen ten amores non dorme e é que algúns namorados soñan espertos coa súa parelliña: esa que vai ser para toda a vida, coa que vas ser feliz para sempre e coa que vas comer perdices e perdices e perdices e perd… e entón, a campá da convivencia faiche acordar e as tapas do váter ou as da pasta dos dentes convértense en obxectos de discusión. Nos casos máis graves o soño foi dar en sono, e a poesía –grazas, Señor– acabou en prosa. Para que non se entenda mal o anterior, temos que dicir que todo isto non é autobiográfico, que é algo que vimos nas películas, lemos na rede ou nos contou un amigo. Sabes, cariño?
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir