O Nadal en sete palabras

Un día a televisión ou as páxinas do xornal sorpréndennos coa publicidade dun perfume, dun centro comercial ou dunha marca de xoguetes. Pouco despois as rúas e as prazas locen cunha iluminación especial, as tendas soben o volume da música ao tempo que colocan unha rechamante decoración e un nacho gordo, de pelo branco, vestido de vermello asolaga todos os espazos nos que nos movemos. É definitivo: xa está aquí o Nadal que cada ano chega antes, ultimamente no comezo de decembro.

Temos que asumilo e cada quen enfróntase como mellor pode ou máis lle gusta. Hai quen se nega a deixarse ir e agarda que a hibernación, tipo oso, axude a pasar os días. Outras persoas cren de verdade no momento de bondade, amizade e amor universal que imbúe as datas, e apuran a decorar a casa, enviar felicitacións, preparar comidas especiais etc.

Para quen prefira pasar de novembro a febreiro –porque é ben coñecer o inimigo– e tamén para quen agarde o resto do ano a chegada do Apalpador –xa que se goza máis do que mellor se coñece–, aquí van sete palabras ao redor do Nadal.

1

solsticio

Cada un dos dous instantes do ano en que o Sol deixa de apartarse do ecuador celeste e comeza de novo a aproximarse.

Na roda do ano, a posición do Sol con relación á Terra vai variando, chegando en dúas ocasións á súa maior ou menor altura aparente no ceo. Trátase dos momentos coñecidos como solsticios (etimoloxicamente ‘Sol quieto’) e ocorren o vinte ou vinte e un de xuño e mais o vinte e un ou vinte e dous de decembro. No noso caso, ao nos atopar no hemisferio norte, o primeiro sería o solsticio de verán e o segundo o de inverno e coinciden, respectivamente, coa maior e menor duración do día con relación á noite e coa maior e menor altura do Sol ao mediodía. Con razón se dicía que o Sol no inverno anda moi baixo.

Tendo en conta que as civilizacións antigas lle rendían culto ao Sol, non é de estrañar que celebrasen estes momentos do ano en que parecía estar, relativamente, no seu apoxeo e no seu ocaso e en ambos os dous casos prendían fogueiras na súa honra. Se polo san Xoán se pretendía darlle forza ao astro, coas de decembro celebrarían a súa renacenza e o seu triunfo sobre a escuridade. Sobre esta base formáronse as tradicións que coinciden co Nadal.

2

Nadal

Festa que se celebra o vinte e cinco de decembro, na que se conmemora o nacemento de Xesús / Datas próximas a esta festa.

Como sinala o Dicionario da Academia, a palabra Nadal pode entenderse fundamentalmente de dous modos diferentes: ben cun valor desinencial máis aberto e menos específico para aludir ás datas próximas ao vinte e cinco de decembro, ou incluso a todo o mes no seu conxunto, ben atribuíndolle unha significación máis restrinxida en referencia ao nacemento do Neno para os cristiáns.

Certamente, tanto no uso coma na recepción desta palabra entre os falantes están presentes estas dúas acepcións, así como, dependendo das crenzas de cada quen, ás festas de decembro pode dárselles un sentido máis relixioso ou simplemente entendelas como un período de lecer, para facer balance e despedida do tempo que se vai e celebrar a nova etapa que empeza. Algo así como un aniversario pero colectivo, do mundo todo, ou case.

E este valor actual da palabra non é alleo en absoluto ao que tivo orixinariamente, xa que a forma Nadal procede do latín dies natalis ‘día do nacemento’ e experimenta a evolución típica das palabras patrimoniais, con sonorización do <t> intervocálico en <d>, en contraste cos cultismos da mesma familia léxica: natalicio, natal ou natividade.

Pero se nos referimos aos actos de festexo, é curioso saber que os primeiros cristiáns non  celebraban esta data, ata que no século IV a Igrexa católica estableceu o día, que coincide, ou se fixo coincidir, coas celebracións pagás ao Sol Invictus. Deste xeito, se a tradición pagá celebraba un ciclo agrícola novo ou unha vida nova, isto cadraba ben co sentido que tiña para os seus seguidores o nacemento de Xesús.

3

árbore

Calquera planta de tamaño grande, con tronco leñoso e elevado que se divide en pólas a partir dunha certa altura.

Un dos elementos decorativos por excelencia do Nadal é a árbore, nun principio maioritariamente un piñeiro ou outro representante da familia das pináceas e hoxe unha imitación de plástico en moitos casos, cuberta de adornos e mesmo luces.

Fálase que isto de engalanar unha árbore por estas datas xa o facían os indoeuropeos para celebraren a chegada do inverno. Din que, para iso, os celtas poñían un abeto adornado con cascas de ovo no medio do lugar ou que no norte de Europa festexaban o nacemento do deus sol de xeito similar.

O culto ás árbores estaba estendido entre os antigos poboadores de Europa, pero outras culturas máis afastadas de nós, como a exipcia ou a chinesa, simbolizaban a vida eterna con árbores de folla perenne.

Outra relación das árbores con estas datas é a desaparecida tradición do tizón de Nadal, un tronco ou cachopo grande ao que se lle poñía lume pero que non se queimaba completamente, xa que se gardaba coas cinsas para prendelo de novo ante unha desgraza ou adversidade polos seus efectos protectores neses casos.

4

panxoliña

Canción popular de tema relixioso, que se canta polo Nadal.

Hoxe en día entendemos panxoliña e vilancico como sinónimos, pero os expertos, como Carlos Villanueva, establecen unha distinción entre a panxoliña, canción popular do Nadal, e o vilancico, popular ou de autor, que se usaba na liturxia.

Daquela, e se atendemos á orixe das dúas palabras, comprobamos que seguiron camiños contrapostos, xa que nun principio un vilancico era unha canción popular (da vila, dos viláns), que co paso do tempo se especializou como canción de Nadal. E, por outra banda, como posible explicación etimolóxica de panxoliña proponse que sexa unha deformación de Pange lingua, un himno eucarístico composto por san Tomé de Aquino.

O caso é que se formaban cuadrillas, de mozos ou rapaces, que ían cantando polas casas a véspera de Nadal, de Aninovo ou de Reis, pedindo licenza antes de comezar. A compensación, en especie ou en diñeiro, era o aguinaldo e as cancións incorporan unha estrofa para pedilo. E tamén outra, que deixa mal os donos da casa, para o caso de que non llelo dean.

5

noitevella

Noite do trinta e un de decembro ao un de xaneiro.

A despedida do ciclo que acaba chega á súa apoteose o último día do ano, chamado tamén Ano Vello e máis nas súas derradeiras horas, a Noitevella ou Fin de Ano, momento entendido tradicionalmente como de renovación e certo desenfreo, cousa que aínda continúa hoxe coas festas e cotillóns. Por certo, o cotillón, que entendemos como unha diversión con baile, era orixinariamente un tipo de baile francés, en concreto unha contradanza, con intercambio de parellas (en principio de baile, claro).

Entre nós, a Noitevella gardaba certas semellanzas coas celebracións da época do  san Xoán. Así, nalgúns lugares prendíanse fogueiras arredor das que se xuntaban os veciños, que saltaban por riba delas e das que logo levaban unha parte ou un fachuzo para as casas, que se deixaba arder toda a noite.

Tamén era habitual que a xente nova puxese a proba o humor do resto da aldea levando a cabo bromas coma as que nalgúns lugares se seguen practicando o 24 de xuño. Pero as brincadeiras non eran exclusivas dos mozos, senón que tamén aqueles máis experimentados aproveitaban esta circunstancia para facer burla dos menos iniciados nun oficio, como o típico dos xastres, que mandaban os axudantes buscar a pedra das agullas.

E moito ollo, era noite tamén de andaren as meigas nas súas xuntanzas, feito do que procede a expresión San Silvestre, meigas fóra!

6

Reis

Festa que se celebra o día 6 de xaneiro en conmemoración da adoración dos Reis Magos ao Neno Xesús.

A orixe desta festa está na visita que o neno Xesús recibe duns personaxes que lle entregan regalos cargados de simbolismo: ouro por consideralo rei (do latín rex, regis) , incenso como corresponde á súa natureza divina e mais mirra, unha resina aromática que se utilizaba nos embalsamamentos e que alude á súa natureza humana e futura morte.

O caso é que estes personaxes unicamente se mencionan nun dos Evanxeos e nel non se di que tivesen categoría de reis nin que o seu número fose tres; tampouco que viaxasen en camelo e nin sequera os seus nomes. Cóntase unicamente que chegaron uns magos, pero esta condición de magos non se referiría a que fixesen trucos de maxia, senón máis ben debería interpretarse como ‘homes de ciencia’, como traducen habitualmente os ingleses.

O seu número fixouse a partir do número dos regalos e a primeira mención dos seus nomes aparece nun mosaico do século VI. Tamén co tempo foron pasando cada un deles a simbolizar unha etapa distinta da vida do home e a representar as tres razas coñecidas na antigüidade. Hoxe en día, os nenos e nenas non están obrigados a seren de proxenie nobre, nin tampouco divina, para que lles leven regalos ao naceren e tamén no Nadal. E tampouco é estritamente necesario esperar a que o faga ninguén coroado pois, como resultado da evolución de diferentes e antiquísimos mitos, existen por todo o mundo numerosos candidatos a ocuparse deste asunto.

7

agasallo

Acción ou cousa con que se agasalla.

Antes de que o consumismo nos fixese desbaldir cartos a esgalla entre as enchedelas do Nadal e os agasallos e mesmo antes de que se instituíse a celebración do Nadal en decembro, xa existía o hábito de regalar por estas datas, xa que formaba parte, por exemplo, das festas romanas en honor a Saturno, que se sinalan como antecedente do noso costume actual.

E para falar destas mostras de afecto ou agradecemento que tanto nos gusta dar e recibir, a lingua proporciónanos un abano de formas ben curiosas: agasallo, galano, obsequio, regalo ou presente. Agasallo é de orixe xermánica e o seu significado primitivo aproximaríase a ‘algo que nos proporciona pracer nas nosas relacións cos compañeiros’; galano e regalo remóntanse nos dous casos ao francés antigo galer ‘divertirse, fetexar’; obsequio formouse a partir de obsequi ‘ceder á vontade doutro’ e presente era en principio ‘o que está á vista’ e logo ‘o que se lle ofrece a outro’.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir