O saber adiantado

Desde o inicio dos tempos a humanidade foi curiosa. Unha das obsesións do noso xénero é saber o que deparará o futuro. O común dos mortais limítase a agardar e soportar o que acontecerá, pero hai xente que precisa calmar o desacougo da incerteza e bota man da mántica: ‘arte da adiviñación’. Estes saberes desenvólvense grazas aos distintos vehículos que transmiten o que virá e non todos somos quen de recibir e interpretar os sinais anunciadores… que se non, de que iamos estar aquí revolvendo entre palabras, despois de xogar unha do “euromillóns”.

Imos pois con sete variedades da mántica e as persoas que practican ditas sabenzas.

1

aeromancia

Procedemento de adiviñación a través de sinais ou fenómenos aéreos.

Sobre a base común –mancia (do grego manteia, ‘adiviñación’), fórmase este termo engadindo o prefixo, tamén grego, aero- ‘aire’.

Xa os pobos etruscos e babilonios practicaban esta arte divinatoria da observación do ceo: había unha persoa do grupo, que mirando as formas das nubes era quen de transmitir o que podía suceder no futuro. Para estas civilizacións os catro elementos (aire, lume, terra e auga) eran fundamentais porque posibilitaban a vida: o aire que respiraban, o lume ao que se quentaban, a terra que os alimentaba e a auga que os hidrataba. Por se isto fose pouco, outorgáronlles tamén o poder de enviar mensaxes ou presaxios.

Na nosa civilización non somos tan conscientes do elemento natural pero a quen non lle pasou que vendo as nubes atopou formas coñecidas? Que iso pase de ser un simple feito curioso a un xeito de comunicación esotérica, depende só do grao de transcendencia do que nos sintamos imbuídos no momento da observación. Revelacións á parte, unha predición interesante que se consegue mirando o ceo é a do tempo que irá a curto ou medio prazo, isto é, o que na súa versión científica chamamos meteoroloxía, ‘ciencia que estuda os fenómenos que teñen lugar na atmosfera’.

 

2

cartomancia

Procedemento de adiviñación a través das cartas da baralla.

É este, quizais, un dos métodos de adiviñación máis coñecidos: bótanche as cartas e unha persoa experta le o que estas din de ti. Porén é un método relativamente recente en Europa (século XII), e as orixes, dependendo das fontes, poden remontar aos exipcios, aos xudeus ou mesmo ao afastado Oriente. Os naipes máis empregados para este fin son os do tarot, que son máis grandes ca os da baralla habitual e teñen cada un unha figura distinta, pero en caso de non telos a man tamén pode valer as de botar a partida de toda a vida.

É ben termos un carteiro ou carteira –‘Persoa que bota as cartas para adiviñar o futuro ou con outros fins supersticiosos’– de confianza, que non actúe como un carteirista con ansias de deixarnos con sapiencia prospectiva pero sen un can. Se esta persoa é unha muller tamén pode chamarse naipeira ‘Muller que bota as cartas para adiviñar o futuro ou con outros fins supersticiosos’.

3

oniromancia

Procedemento de adiviñación a través dos soños

Termo procedente do grego, da unión de oneiros (soños) e manteia (adiviñación). Desde a antigüidade a humanidade sentiu curiosidade pola interpretación daquilo que vivimos en estado inconsciente e pensábase que os soños eran avisos dos propios deuses, para axudar as persoas ou para previlas de algo. A oniromancia é o único método pagán de adiviñación aceptado polo islam e o propio Mahoma divulgou no Corán algunha das súas vivencias oníricas, que interpretaba como claves para tomar decisións transcendentais en momentos importantes.

A finais do século XIX e comezos do XX, a teoría da psicanálise centrou o seu interese nos soños, pero non como indicadores do que vai pasar senón como explicación do comportamento e as frustracións das que somos vítimas cando estamos espertos.

No ámbito da medicina actual dise que o durmir e o soñar é unha necesidade que ten o propio cerebro para recuperarse da actividade realizada durante a vixilia. De feito, non permitir que unha persoa durma adrede é considerado un método de tortura que pode levar á morte.

4

quiromancia

Procedemento de adiviñación mediante a observación das liñas e da forma da man.

É un clásico da adiviñación que, en ocasións, complementa a cartomancia. A súa etimoloxía é de orixes helenas xa que quiro en grego significaba man. Parece ser que naceu na India hai cinco mil anos e que se practicaba na China, en Mesopotamia e en Exipto. Posteriormente, temos referencias dela na cultura grega, en Aristóteles; e tamén na romana, nos escritos de Plinio, onde se di que Xulio César xulgaba aos seus homes segundo a aparencia das súas mans. A súa difusión por Europa atribúeselle ao pobo xitano polo seu carácter nómade.

O Dicionario da Academia recolle o termo meigo, que é unha ‘persoa con coñecementos de medicina natural e supostamente con poderes sobrenaturais, que adiviña o porvir, realiza curacións etc.’, ou sexa, un profesional multifunción que se dedica un pouco a todo incluída a lectura das mans. Noutros dicionarios como o de Marcial Valladares de 1884 e na obra de Eladio Rodríguez de 1958, fálase das sabias como mulleres, que se dedicaban ás artes divinatorias e, en particular, á quiromancia.

 

5

ornitomancia

Procedemento de adiviñación a través do voo e o canto das aves.

Na antigüidade era frecuente que se intentase dar unha explicación aos voos e aos chíos dos paxaros, animais que, ao andaren polo ceo, se supoñía que poderían ter contacto coas deidades e saber das súas intencións. A persoa que era quen de interpretar estes signos chamábase augur e a arte que practicaba era a ornitomancia, palabra composta de ornito– (paxaro) e –mantea (adiviñación).

Na nosa tradición popular quedan moitas pegadas deste tipo de crenzas: por exemplo, que cantase unha galiña de noite coma un galo significaba que viña unha desgraza; as aves nocturnas (mouchos, bufos e curuxas) eran consideradas os paxaros da morte, xa que os seus sons semellan xemidos e prantos: paxaro calado non fai mal agoiro. Cando os corvos voaban arredor da casa dun enfermo dicíase que anunciaba a próxima morte deste e tamén se cría que se pousaba unha pomba nun sitio coñecido da casa, era a ánima dun defunto que viña de visita.

 

6

rabdomancia

Técnica de adiviñación empregada para localizar, por medio das vibracións dunha vara ou dun péndulo, correntes de auga ou depósitos de minerais.

Baixo este cultismo froito da amálgama das palabras gregas rhabdos (vara) e manteia (adiviñación) agóchase unha técnica e un oficio antiguísimo: o do home da vara que atopaba os mananciais para escavar os pozos de auga potable e non ter que ir á fonte coas sellas na cabeza. Estas persoas aseguran que son quen de percibir, ademais do movemento das augas subterráneas, os cambios electromagnéticos, as vetas de mineral e de atopar cousas ocultas.

O termo na súa forma é claro, posto que desde o momento no que se vencella co feito divinatorio ten un matiz esotérico. Mais hai quen buscou unha explicación científica á técnica desenvolvida polos rabdomantes… sen chegar a ela. Poida que, froito desa arela insatisfeita, se crease a principios do século XX un neoloxismo, empregado como sinónimo de rabdomancia, radioestesia. Este vocábulo está formado por un termo latino e outro grego, en concreto, por radium ‘radiación’ e por aesthesia ‘percepción polos sentidos’, escapando do concepto máxico.

7

xeomancia

Técnica de adiviñación que emprega corpos terrestres ou figuras trazadas sobre a terra para realizar os prognósticos.

Termo que procede do latín geomantia que significa ‘adiviñación pola terra’. Aínda que quizais é pouco coñecida na actualidade, esta técnica de predición, fortemente condenada pola Igrexa, foi moi popular en Europa e África durante a Idade Media. Consiste en tirar unhas pedras ou similares e interpretar as figuras resultantes mediante a comparación cun elenco de dezaseis modelos existentes. Pensouse que puido ser ideada polos árabes, mais dado que as figuras se interpretan de dereita a esquerda ao revés de como estes escriben, suponse que o que a orixe máis probable tivese lugar en Asia, e que os comerciantes árabes aprendesen a técnica durante as súas viaxes.

Ademais de adiviñaren polas figuras debuxadas, os xeomantes estudan as forzas vitais que ten a terra e que, segundo eles, se deben ter en conta para construír edificacións ou situar novos asentamentos de poboación. Mágoa de alguén así antes de algún encoro, piscifactoría ou porto exterior…

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir