Os incendios en sete palabras

Cada ano asistimos impotentes ao espectáculo das lapas espallándose polo noso monte, avantando camiños e valados no seu afán destrutivo, faltándolle ao respecto debido a árbores venerables, deixando sen acubillo os moradores das fragas, tornando a “costa verdecente” nunha estarrecedora estampa fundida en negro.

É claro que a abundancia de vexetación, resultado dunha terra vizosa e farturenta, supón un factor en contra neste caso, ao aumentar o combustible dispoñible. Mais no que respecta ao incendios o país sofre males endémicos: a utilización irresponsable do lume, escuros intereses sobre o terreo, ineficacia dos plans de prevención, falta de planificación forestal e políticas e normas e actuacións institucionais que defendan con fortaleza –e recursos– o noso medio.

A prensa di que contra os incendios se utilizarán satélites, drones e outros adiantos técnicos que detecten axiña o foco e permitan planificar mellor a actuación, pero o principal problema é que se dedican máis esforzos a extinguir ca a previr. Nós, desde o Portal, ímoslles dar un repaso a sete palabras relacionadas cos incendios.

1

incendio

Lume de grandes proporcións que se propaga facilmente e que causa importantes estragos

A forma incendio ten o seu precedente no latín incendium –ii, que se remonta –ao igual ca o verbo acender ou o adxectivo cándido– á raíz cand- que remite á idea de ‘brancura’. A explicación vén dada porque cando un corpo, especialmente un metal, alcanza unha temperatura moi elevada, branquea.

Un incendio é, pois, un lume descontrolado que, como tal, causa estragos. De feito, en Galicia só se consideran entre as estatísticas dos incendios forestais aqueles en que arde máis de media hectárea de superficie arborada. Por debaixo dos 5.000 m2 cóntanse unicamente como conatos.

Neste sentido, un ano funesto foi o de 2006, cando se rexistraron catro vítimas mortais por mor do lume. En canto ao terreo, aínda que o cálculo varía dependendo da fonte, a superficie queimada púidose aproximar ás 90.000 hectáreas, maioritariamente localizadas na franxa occidental do territorio. E non só iso, tamén se perderon restos arqueolóxicos e construcións humanas.

2

faísca

Partícula con lume ou xa reducida a cinsa, que salta dun corpo que arde

Ao queimar pólas ou vexetación é habitual que se desprendan do lume estes fragmentos incandescentes, que en galego reciben diferentes denominacións segundo os lugares: charamela, charamona, charamusca, charamuza, chareta, moxena, muxica ou a que recollemos aquí, faísca. As primeiras da serie parece que remiten a chama, pode que moxena e muxica sexan voces prerromanas e para faísca proponse orixe xermánica, xa que procedería de falaviska, ‘chispa’.

Na propagación dos incendios forestais as faíscas teñen moita importancia, xa que orixinan focos secundarios ao caeren, aínda coa calor suficiente, nun lugar onde poida prender o lume. Cando simplemente saltan da materia que se queima non supoñen moito problema porque non chegan lonxe, pero cando se elevan, arrastradas polo efecto da convección, maior canto máis forte é o incendio, ou cando as leva o vento, que pode formar remuíños ou combinarse coa convención, daquela poden provocar un novo lume por diante do foco principal.

3

clarón

Luz ou claridade intensa, xeralmente de curta duración

Os efectos do lume son a calor mais a luz que desprenden as chamas, que no caso dun incendio é de grande intensidade. Para esta claridade forte, visible nalgunhas ocasións a quilómetros de distancia, podemos aplicar clarón. Esta voz resulta de engadir un sufixo aumentativo a claro, procedente do adxectivo latino clarus -a -um, que utilizamos sobre todo para aquilo que se percibe pola vista, aínda que na orixe parece que comezou cualificando a voz e os sons.

Tamén se fala de clarón noutros momentos de luminosidade intensa, como pode ser o alustro provocado pola tronada ou o abrente do día que borra as tebras da noite. Amais disto, recólleo Elixio Rivas con outro valor, ao aplicarse o aumentativo, non ao adxectivo, senón ao substantivo, que pode designar un espazo sen vexetación, de maneira que clarón sexa o mesmo ca clareiro, unha superficie sen plantas, especialmente cando debería habelas, porque se sementaron pero non chegaron a nacer.

4

devasa

Abertura que se fai nun terreo para deixalo libre de árbores, maleza etc., que pode ser larga e longa cando serve para evitar que se propaguen os incendios

Unha das causas que frean un incendio é a falta de combustible, polo cal, cando o lume chega a un lugar, que pode ser unha barreira natural, como un río, ou produto da actividade humana, como un camiño, pode ocorrer que se apague. Como non sempre existen estes espazos, é frecuente que os equipos de extinción abran devasas eliminado a vexetación dunha franxa do terreo e deixando a terra ao descuberto, práctica que, ás veces, se leva a cabo de xeito preventivo e que critican os colectivos ecoloxistas, que optan máis polo coidado do monte ca pola eliminación da vexetación nestes espazos, que, ademais, non evitaría a propagación por unha faísca.

Non hai certeza en canto á orixe desta palabra, para a que se propón que derive dun celtismo *devasso ou *divasso, que tería o sentido de ‘devastado’. A partir da súa utilización como medio de contención dos incendios, aplicouse modernamente ao campo da informática tamén con idea de contención, pero neste caso ante intromisións ou ataques contra un equipo ou unha rede.

5

chamizo

Pau de toxo, uz, queiroa, xesta etc., medio queimado ou chamuscado, que queda no monte despois dun incendio

Cando dicimos de alguén que está (ou é) negro coma un chamizo queremos intensificar o ton escuro que observamos na súa pel. Para esa comparación tomamos como base os paus ou ramas que ennegreceron ao arder, que denominamos chamizos ou cádavos. A voz chamizo deriva de chama, esta procede do latín flamma –ae e aplícase tamén para as ramas secas e delgadas que resultan axeitadas para prender o lume.

Coa voz chamizo denominamos os esqueletos dos arbustos que quedan como testemuñas mudas e enloitadas no monte queimado, pero os efectos do lume resultan prexudiciais igualmente para o solo, modificando as condicións de infiltración e expoñéndoo ao impacto da chuvia, que pode arrastrar as capas superficiais ou o solo mineral. Isto é tamén negativo para o ecosistema, xa que afecta á calidade da auga de ríos e lagos, onde van parar os sedimentos.

6

hidroavión

Avión especial provisto de flotadores, que se pousa sobre a auga e se remonta no aire desde ela

A historia do hidroavión arranca pouco despois da do avión, a principios do século XX. Se para o aeroplano se acabou impoñendo a forma procedente do francés avion, que remite á base latina avis –is, ‘ave’, para esta versión do aparello que se pode pousar sobre a superficie da auga engadíuselle o prefixo de orixe grega hidro-, ‘auga’.

Os medios aéreos, avións ou helicópteros, son moi utilizados na extinción de incendios, xa que supoñen varias vantaxes: salvan grandes distancias en pouco tempo, realizan a carga en marcha, permiten actuar sobre localizacións de difícil acceso por terra e incluso resulta unha actuación máis segura ca outros medios á hora de guindar a auga sobre o lume. Normalmente non deixan caer a carga sobre as chamas mesmo senón na fronte de avance, para tratar de freala. Na actualidade, debido á maior facilidade de carga dos helicópteros, que poden encher os seus depósitos en espazos máis reducidos ca os hidroavións, utilizando unha piscina ou un encoro, son cada vez máis utilizados, en detrimento daqueles.

7

ignífugo

Que protexe do lume e fai ininflamables as materias combustibles

As medidas de protección das persoas que participan na extinción de incendios inclúen o equipamento realizado con materiais ignífugos, elaborados con substancias sintéticas que non arden nin se derreten en contacto co lume ou con altas temperaturas; cualifícanse con este adxectivo, formado a partir de dous elementos tomados do latín: igni-, que ten o sentido de ‘lume’ e fugo, tomado o verbo fugere ‘fuxir’, utilizados noutros compostos presentes na nosa lingua como ignipuntura, ignívomo, febrígufo ou centrífugo.

O vestiario das persoas que traballan en contacto co lume debe cubrir todo o corpo e, tanto as costuras coma o sistema de suxeición, serán igualmente ignífugos e, asemade, flexibles, para facilitar a mobilidade. Ademais, cómpre repoñer cada certo tempo por causa do desgaste que implica o seu uso.

É fundamental extremar as medidas de prevención ao afrontar un labor de alto risco como o de apagar lumes, para o que se pide, ademais das medidas de protección individuais, unha mellor formación para o persoal eventual ou unha coordinación máis eficaz. E, desde logo, estudar a fondo as causas de que cada ano nos teñamos que lamentar. E actuar en consecuencia.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir