Palabras de Castelao

Afonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao naceu o 30 de xaneiro de 1886 ao pé do mar de Rianxo; van aló máis de 130 anos que foron cambiando o país, a xente e o mundo todo. Pero Castelao segue presente coa súa palabra, os seus debuxos, coa súa idea do país que aínda non somos mais, como el agardaba, seremos.  Na súa obra podemos mirar o que fomos nun dos momentos máis terribles da nosa historia e asemade recoñecer o tempo en que agora vivimos e entrever o que chegará.

Por esta razón, volvemos aos textos de Castelao unha vez e outra. Nós quixemos facelo a través de sete palabras dos títulos das súas obras máis emblemáticas. Con elas, en lembranza deste aniversario, compuxemos este Setestrelo.

1

nós

Pronome persoal tónico de primeira persoa do plural

Portada da primeira edición do álbum “Nós”. Editorial Hauser y Menet, 1931

A primeira vez que se presentaron nunha exposición as cincuenta estampas que compoñen o álbum Nós foi en 1919, na Coruña, malia que os debuxos se crearan antes, entre 1916 e 1918. Nos anos seguintes, a mostra vai percorrer as principais cidades e tamén viaxará a outros lugares fóra do país.

O pronome nós (e vós), común para os dous xéneros, masculino e feminino, é o maioritario en todo o territorio. Tomouse directamente do latín, en concreto, do nominativo de nos, nostri, con idéntico significado. Nalgunhas zonas, emprégase como pronome xeral de suxeito outra forma, nosoutros-nosoutras (na segunda persoa, vosoutros-vosoutras), evolución da expresión  nos + alteros, que comezou a empregarse no latín popular para marcar plurais excluíntes, tal como recollen as Normas e aparece no Dicionario: “delimita un grupo establecido no contexto ou coñecido polo interlocutor, deixando fóra dese plural todos os que non pertenzan a el”. Pola contra, nós “non establece ningunha delimitación específica”, non marca límites entre aqueles que xunto co eu forman parte do nós.

A escolla do título do álbum gráfico non puido ser máis acertada, xa que as cincuenta estampas compoñen un retrato colectivo da Galicia anterior á guerra. Exprésao moi ben seu amigo –e irmán do Partido Galeguista–, Valentín Paz Andrade: “O álbum Nós foi moito máis que un evento de arte. Foi o redescubrimento dun pobo”. Naqueles anos, a palabra nós serviu para identificar diferentes proxectos vinculados ao galeguismo –era o título da revista cultural impulsada por Risco, con Castelao como director artístico, e mais o nome da editorial fundada por Ánxel Casal–, razón pola que o pronome adquiriu unha intensa carga simbólica e política e acabou por funcionar como símbolo do pensamento nacionalista e dunha xeración histórica, o grupo Nós.

2

esqueleto

Conxunto de ósos que sosteñen o corpo dos vertebrados

Portada da primeira edición de “Un ollo de vidro. Memorias d’un esquelete”. Colección Céltiga, 1922

En 1922, Castelao publica – para a colección “Novela mensual ilustrada” Céltiga, de Ferrol– a novela curta Un ollo de vidro. Memorias d’un esquelete, que é a súa primeira achega ao xénero narrativo. Con todo, unha primeira versión deste texto fora coñecida anteriormente por quen puido asistir, en 1920, na Coruña, á súa mítica conferencia Humorismo. Dibuxo humorístico. Caricatura. O libro saíu do prelo no tempo en que as Irmandades traballaban por sacar adiante o seu proxecto de recuperación cultural e política de Galicia; neste contexto, a novela –o mesmo ca o resto das publicadas na colección Céltiga– é unha das primeiras tentativas de achegar o galego como instrumento literario ao público en xeral. Ademais, permite unha lectura simbólica, en que o cemiterio onde se localiza a acción representaría as cidades de principios de século, españolizadas e viradas de costas ao país.

Esqueleto –coa terminación en -o con que aparece recollida no Dicionario– é unha palabra que entrou na lingua bastante tarde, e por esa razón mantivo no esencial a forma que tiña o étimo grego, skeletón, que era como na Grecia clásica lle chamaban a un corpo desecado, a unha momia, de onde parte a asociación coa idea dos restos dun cadáver que máis tardan en desaparecer, en consumirse, ou sexa, os ósos. O cambio de -o para -e en posición final afectoulles a moitas palabras en case todas as etapas de evolución da lingua, desde o propio latín coloquial. Non existe unha explicación única para todos os casos, mais si que en moitos deles puido pesar a influencia de romances próximos, especialmente do francés, tal como parece que sucedeu neste caso (squelette).

3

cousa

Todo aquilo, determinado ou indeterminado, que existe no mundo real ou no pensamento

Portada da primeira edición do libro primeiro de “Cousas”. Editorial Lar, 1926

En 1926 aparece o primeiro libro de Cousas, na editorial Lar da Coruña. O segundo verá a luz tres anos máis tarde, en 1929, desta volta a cargo da editorial Nós. En total, xuntan corenta e catro relatos, mais o prólogo “A carón da Natureza”, que supoñen segundo a crítica a consagración plena de Castelao como narrador. Case todos os relatos coñeceron varias versións, xa que na súa maioría foron publicados, antes de saíren en formato libro, en distintos xornais e revistas da época, como era habitual entre os membros das Irmandades e do Seminario de Estudos Galegos, procurando a maior difusión dos textos para mellor cumprir co obxectivo galeguizador.

A peculiar harmonía entre texto e debuxo que caracteriza as Cousas de Castelao serviu de fundamento para quen quixo ver nestes textos un xénero propio, e mesmo hai especialistas que consideran o resto da narrativa de Castelao como un desenvolvemento da estrutura básica da “cousa”.

Cousa é unha das palabras máis abertas que existen canto ao seu significado, como pode verse na definición, ao que se chegaría por evolución semántica do latín causa, que era como os romanos na antigüidade lle chamaban ao que para nós hoxe sería un asunto ou unha cuestión. Ese foi o punto de partida mais, xa na baixa idade media, os usos da palabra foron mudando ata que causa acabou por ser un sinónimo de res, que era a forma con que en latín se referían a todo aquilo que tiña existencia, a todo o que hai; enténdese ben tendo en conta que, para a maioría das persoas naquela altura, nunha sociedade esencialmente agraria, as reses, as cabezas de gando, eran o máis importante, todo o que posuían. Na época do galego-portugués, continuou en uso o res latino (ou tamén baixo a forma do acusativo rem) para chamarlle en xeral a calquera cousa existente, calquera ser, pero tamén ás veces á persoa ou a nada (de res nata). A día de hoxe, esta palabra permanece viva no noso idioma coa última acepción citada, tal e como recolle o Dicionario, onde o indefinido ren ou res vén descrito como “ningunha cousa ou moi pouca cousa”, antónimo de todo.

4

retrinco

Espazo moi breve de tempo / Cada un dos anacos que sobran dunha cousa despois de cortala, en especial dunha tea cando se vai confeccionar unha peza de roupa

Portada da primeira edición de “Retrincos”. Editorial Nós, 1934

En 1934, a editorial Nós publica a primeira edición en libro de Retrincos, con ilustracións de Carlos Maside. Calquera das dúas acepcións que se indican arriba podería xustificar unha interpretación para o título deste conxunto de cinco relatos de contido autobiográfico (escritos en diferentes datas e aparecidos con anterioridade en distintas publicacións periódicas): os retrincos contan momentos especiais cos que Castelao encadea unha panorámica vital, son os retallos do lenzo do seu propio autorretrato, que desta vez compón con palabras, non a través do debuxo.

A día de hoxe non se coñece a orixe da palabra retrinco, que nas bases de consulta dispoñibles se documenta por primeira vez na lingua moderna nos anos vinte do século pasado; Castelao xa a empregara nas Cousas, no ano 29, e antes del, o dramaturgo Armando Cotarelo Valledor incluíraa tamén nalgunha das súas pezas (Trebón, Farsa dramáteca en tres actos -1922-: “Non haberá retrincos de lenzo pra engader na camisa daquela mesquiña […]?”). Nos dicionarios, a primeira documentación é bastante anterior: aparece como entrada no de Valladares -1884-, coa acepción referida aos anacos de tea que resultan de cortar unha peza de roupa. Con este mesmo significado, temos no vocabulario común o sinónimo retallo, que se crea a partir do verbo retallar, e este á súa vez de tallartalare en latín–, ou sexa, separar anacos dun corpo cun instrumento de gume. Supoñendo que retrinco puidese xurdir dun modelo semellante, habería que relacionalo co verbo trincar, este tamén de orixe descoñecida, que é, tal como indica o Dicionario, “cortar cos dentes” ou ben cun instrumento que deixe un corte de forma semellante.

5

mártir

Persoa que padece martirio

Portada da primeira edición do álbum “Galicia mártir”. Ediciones Españolas, 1937

Non enterran mortos, enterran semente”. Castelao tiña unha capacidade brutal para compoñer con apenas cinco palabras un lema histórico. O álbum Galicia mártir, o primeiro da tríade (xunto con Atila en Galicia e Milicianos), publicado en 1937, é iso: o conxunto de dez estampas míticas, acompañadas cada unha delas de textos brevísimos, algúns dos cales pasaron a compoñer a memoria colectiva do país: “A derradeira lección do mestre”. “Esta door non se cura con resiñación”, o obxectivo de Castelao cos álbums de guerra era darlle a coñecer ao mundo a represión que estaba sufrindo o país despois do alzamento fascista. Na primeira edición, os textos publicáronse, alén de na lingua orixinal, en inglés, francés e castelán. “Aos galegos que andan pol-o mundo (…) que sempre amáchedes a liberdade e sodes a única reserva que nos queda (…)” dicía a dedicatoria.

O título do álbum fala coa mesma contundencia. Mártir é unha palabra que vén do grego mártus -uros, que servía para nomear a persoa que presenciaba un feito, a testemuña. A palabra é recollida no texto do Novo Testamento, baixo a forma do latín tardío martyr, -yris, adquirindo no libro sagrado dos cristiáns o sentido específico de ‘testemuña de Deus’. Por esta razón, os primeiros mártires da historia foron os do cristianismo, aquelas persoas que foron condenadas por negárense a renunciar á fe e aos principios da súa crenza, e que as máis das veces eran torturadas ata a morte. Co paso do tempo, a palabra acabou por desligarse da identificación relixiosa e desenvolveu unha acepción máis xeral, a que se recolle no Dicionario, para nomear a persoa que sofre persecución e morte por defender unha causa, como foi o caso de milleiros de homes e mulleres de esquerdas no contexto do golpe de estado, da guerra e da ditadura posterior. Da mesma familia léxica, temos martirio, martirizar ou martiroloxio, todas elas procedentes de formas derivadas a partir da mesma etimoloxía.

6

namorarse

Sentir amor por alguén

Portada da primeira edición de “Os vellos non deben de namorarse”. Editorial Galaxia, 1953

A única obra dramática de Castelao é Os vellos non deben de namorarse, “farsa en tres actos con un prólogo e un epílogo”, que foi estreada en Bos Aires en 1941 e publicada en Vigo en 1953. Sábese que antes da guerra Castelao e Otero tiñan o proxecto conxunto de desenvolveren un teatro galego da arte que finalmente quedou fanado polo terrible momento histórico. A día de hoxe, Os vellos probablemente é a peza teatral máis veces representada no país, e tamén a máis coñecida fóra das nosas fronteiras.

O tema central da peza, como é sabido, é o amor; concretamente o amor serodio dos protagonistas por mulleres novas e que devén nos tres casos nun desenlace fatal. En latín, o substantivo amor -ris cubría un abano de sentimentos diverso, desde a paixón á tenrura, pasando polo amor filial ou a amizade; sobre a base do substantivo créase o verbo: en + amor + ar, perdendo no proceso de evolución da lingua a vogal inicial; esta é unha mudanza recorrente, que afectou a moitas palabras romances e que continúa operando na fala viva de hoxe –sucede cando se trata de vogais átonas–: os lingüistas coñécena co nome de aférese. Namorar moi logo se impuxo como forma maioritaria e por iso é a que aparece como recomendada no Dicionario, o mesmo que prevalece a aférese da vogal inicial orixinaria no resto das palabras da familia léxica: namoro (o que sucede cando namoras ou tamén a relación entre os namorados), namoradeiro (a persoa que lle custa pouco namorarse) ou namoriscar (sentir un amor lixeiro e por pouco tempo, xa que o sufixo –iscar achega o mesmo significado ca noutros exemplos con verbos sobre fenómenos meteorolóxicos, como chuviscar ou neviscar).

7

sempre

En todo o período de tempo considerado, en todo momento, a cada instante

Portada da primeira edición de “Sempre en Galiza”. Editorial As Burgas, 1944

Castelao foi o noso presidente no exilio. Foi o promotor do Consello de Galiza, órgano de representación do país desde 1944, o ano da súa creación, ata 1950, no momento da súa morte, cando o sucede Antón Alonso Ríos. É dicir, a implicación política de Castelao estivo presente ata o final da súa vida, e a súa escolla ideolóxica marcou toda a súa obra artística, tanto literaria coma plástica. O seu pensamento político tivo expresión directa no ensaio Sempre en Galiza, publicado por primeira vez en 1944, pero que recolle textos escritos en distintas etapas. Así mesmo, tamén os contidos son diversos, pois van desde a antropoloxía á xeografía, ou da psicoloxía á arte, de xeito que o Sempre en Galiza é un ensaio peculiar no seu xénero, un traballo propio da época en que se compuxo.

O adverbio que abre o título da que continúa sendo unha das obras de referencia do nacionalismo, tamén aparece nunha publicación anterior, noutro dos seus libros clásicos, Os dous de sempre (1934), onde Castelao narra as vidas paralelas de dous protagonistas opostos, Pedriño e Rañolas. A historia do adverbio sempre non hai que rebuscala:  é unha palabra de uso xeral na lingua desde as orixes, e en todos os romances occidentais, procedente do latín semper, con idéntico significado. O seu antónimo, nunca, vén tamén do latín, mais neste caso como resultado de combinar ne ‘non’ con unquam ‘algún día’, que daría literalmente “non algún día”, ou sexa, xamais.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir