Palabras enchoupadas

O lingüista moldavo Coseriu, especializado en linguas románicas, di no seu libro Introdución á lingüística: “As comunidades idiomáticas deben ser consideradas tamén comunidades culturais, xa que a cada unha lle corresponde un determinado grao e un determinado patrimonio de cultura, que dalgún modo se reflicte infaliblemente na lingua”.

Interpretando a Coseriu, temos que pensar que o ámbito físico no que se desenvolve a vida dos falantes dunha lingua, condiciona como realidade cultural que é, o léxico que esa comunidade utiliza para denominar o que o rodea.

Así, podemos preguntarnos, por que os saami, pobo que vive preto do Polo Norte, teñen tantos nomes para denominar as tonalidades, forma e constitución da neve. E nós? Unha particularidade do clima do País é a chuvia da que somos quen de percibir a súa intensidade, duración, forma…

Imos empezar miudiño para logo írmonos mollando en intensidade… Collede o paraugas que chove!!!!!

1

orballo

Chuvia miúda

 

É unha palabra galega que se estendeu por toda a Península. Chamámoslle orballo á “chuvia miúda”, esa chuvia que “non molla pero empapa”, mais non quedamos aquí porque temos unha chea de maneiras de chamarlle a este tipo chuvia: babuña, babuxa, barbaña, barbuña, barbuza, barrallo, barrufa, barruñeira, barruzo, breca, chuvisca, froallo, lapiñeira, mexadeira, mocalleira, morriña, morriñada, orballeira, orballada, parrumada, patiñeira, poalla, poalleira, zarzallo.


E aínda poderíamos engadir: chuviñada, chuviscada “chuvia miúda e lenta que dura pouco tempo”. Fixémonos no matiz “que dura pouco tempo”.

“Son as seis da tarde dun día de outono. A vila vai-se mollando dun orballo ou babuxeira fina que, xunto co empardecer, axuda a anubiá-los recantos das prazas e rúas. A auga escorrega solermiña, queda, polas lousas da vila vella e polo asfalto da zona nova da vila.” 
Antón Tovar, A grande ilusión e outros contos, Galaxia, Vigo, 1989 (TILGA)

 

 

2

melura

Chuvia moi fina que se desprende da néboa.

 

Neste caso imos facer algo de mestura, imos mesturar a auga coa néboa e así temos esta palabra que ten como significado: “Chuvia moi fina que se desprende da néboa”  Coma no caso anterior, aquí tamén temos outras maneiras de chamarlle a esta realidade: meleada, molura.

Un exemplo do uso desta palabra na linguaxe literaria:

“Casal do verme que no froito cava o agraz, a polpa de auga onde se enterra, e na melura, polas veigas, erra o can que morre e que aínda baba;”

Anos de viaxe (Poesía 1981-1987) Rodríguez Baixeras, Xavier, Ed.Xerais, Vigo, 1987 (TILGA)

 

3

chuvascada

Chuvia forte que dura pouco tempo.

 

Imos aumentando a intensidade e a forza da chuvia, pero non a duración. O significado que esta palabra ten é “Chuvia forte que dura pouco tempo” e tamén pode ter outros sinónimos como: basto, bátega, bategada, chaparrada, chuvasco, chuvieira, treixada. Entre a chuvascada e o trebón temos tamén outras palabras que podemos considerar case sinónimos das anteriores son: ballón, balloada “Golpe de chuvia forte, abundante e de pouca duración.”

Velaquí varios exemplos:

“Co medo de que caese outra, chuvascada, tangueron o gando axiña para a casa.”

Raíces rurais, Rodríguez Troncoso, Manuel, Ed. O Castro, Sada, 1996 (TILGA)

“Sen previo aviso caeu unha bategada de auga e refrescou o aire.”

Morning Star, Miranda, Xosé, Ed. Xerais, Vigo, 1998 (TILGA)

“Cando escampou, navegaba a enchente desatada pola bátega nunha canoa.”

Ganga, Lopo, Antón, Edicións Xerais de Galicia, 2001 (CORGA)

 

4

trebón

Chuvia intensa e súbita que pode ir acompañada de vento e que adoita ter pouca duración.

 

Imos “in crescendo” e agora temos o trebón que é unha “Chuvia intensa e súbita que pode ir acompañada de vento e que adoita ter pouca duración.”, ademais de chuvia, agora imos ter vento, pero non nos asustemos que é de “pouca duración”. Obviamente coma no resto das palabras das que estamos falando, esta ten tamén, como é de esperar, diferentes sinónimos ou variantes dialectais como son: treboada, torboada, torbón, trebón, tromba, tromba de auga. Incluso unha palabra como farrapada coa acepción de “Golpe de vento e chuvia”, nos pode dar idea das mil e unha variantes que esta realidade cultural-meteorolóxica dá de si na nosa terra.

Algúns exemplos de uso:

“Inda bruase o trebón, o frío entalase os dedos e verteran auga as nubes cal se baleiraran xerros pra afogá-la humanidade naquela tarde do inferno…”

Enredadas, Tettamancy Gastón, Francisco, Tipografía La Constancia, Coruña, 1901 (TILGA)

“Bo é que te deches conta a tempo e antes de rompe-la treboada puxeches todo ben arranxado.”

O soño perdido de Elvira M., Heinze, Ursula, Edicións Xerais de Galicia,1982

(CORGA)

 

5

arroiada

Chuvia forte e abundante e corrente que se forma.

 

Chegamos ao punto de que a auga “cae directamente a xerros”, “a cachón” ou como queiramos dicir, pero isto xa é chover en condicións. A arroiada é unha “Chuvia forte e abundante”. Outras maneiras de dicilo serían diluvio, dioivo, decembra. Pero se ademais de chuvia, queremos vento forte, como é de esperar tamén temos outras palabras para chamarlle: cebra, cebrina, ondada, zarracina.

“A chuva caía entón en arroiada turbulenta”.

Bretaña Esmeraldina, Méndez Ferrín, Xosé Luís, Ed. Xerais, Vigo, 1987 (TILGA)

“Amañeceu un día de verdadeiro dioivo e o máis cativo dos raparigos non poido ir á escola”.

Andrómenas. Contos pra o pobo, Fernández-Oxea, Xosé Ramón (Ben-Cho-Shey), Ed. Monterrey, Vigo, 1953 (TILGA)

 

6

sarabia

Chuvia conxelada que cae en forma de grans máis ou menos grandes.

 

Agora imos conxelarnos un pouco, que vén de cheo o inverno. Comezamos pola sarabia “Chuvia conxelada que cae en forma de grans máis ou menos grandes”. Esta mesma definición témola para outros sinónimos, variedades que son as que lle dan riqueza ao noso léxico: graínzo, pedra, pedrazo, salpedrés. Ao respecto como somos un territorio moi variado, hai lugares onde se distingue sarabia dos seus sinónimos pedra e pedrazo, segundo o tamaño do gran. Normalmente, a pedra e o pedrazo refírense ao gran máis groso, mentres que a sarabia fai alusión ao máis pequeno.

 

“E traballara, aguantando vendavais, chuvias, sarabia, nevazón e xeadas.”

Latitude austral, Alcalá, Xavier, Editorial Galaxia, 1991 (CORGA)

“O trebón fixo abalar o pazo e, abrindo as cataratas do ceo, guindou na terra o chuvasco de pedrazo que destroza os agros i esnaquiza os corazóns dos labregos.”

Vaosilveiro, López Abente, Gonzalo, Editorial Nós, A Coruña, 1929 (TILGA)

 

7

xistra

Chuvia ou neve acompañada de vento forte e xélido.

 

Para rematarmos este Setestrelo chuvioso, entraremos xa no territorio da neve, porque aínda que non sexamos unha terra de neves perpetuas, tamén nos toca o noso.

En concreto xistra, a palabra da que estamos a falar, fai referencia á “Chuvia ou neve acompañada de vento forte e xélido.” Outras maneiras de referirse a esta realidade son: brea, cifra, ciobra, rebelaxe.

 

“Si o sol ás veces loce, non quenta; corre tal xistra, que as maus degresa.”

Montañesas, Noriega Varela, Antonio, Ed. Mondoñedo, 1910 (TILGA)

“Foi dunha destas veces que empezou a vir un vento de cifra que deixaba a un callado(…)”

Loita e morte, Laxe Freire, Manuel Anxo, Editorial Xerais, Vigo, 1986 (TILGA)

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir