Palabras equinas

Un cabalo, o meu reino por un cabalo. Esta famosa súplica púxoa Shakespeare na boca do rei Ricardo III cando se ve derrotado entre os seus inimigos. Se ben a versión oficial sobre a batalla de Bosworth non indica que se perdese por falta dun cabalo en condicións, si pode servir para ilustrar a importancia que historicamente tivo este animal na arte da guerra e, xa que logo, na sorte de pobos e imperios.

Non é raro, daquela, que desde antigo se recollesen en tratados os coñecementos relativos ao coidado e enfermidades destes animais nin a extraordinaria difusión que tivo o realizado por Giordano Ruffo no século XIII, De medicina equorum, que coñeceu decontado versións nas distintas linguas romances, entre elas a nosa. Abonde con dicir que para o Rei Sabio, Afonso X, saber coidalos e curalos era inherente á condición de cabaleiro.

Sobre a tradución galega, realizada nas primeiras décadas do século XV, coñecida tradicionalmente como Tratado de alveitaria, volveu recentemente o investigador Gerardo Pérez Barcala para facer xustiza cun texto singular dentro da nosa prosa medieval e especialmente se falamos de literatura científica. Con tal motivo vai este Setestrelo relativo a diversas partes do corpo dos cabalos.
 

1

narno

Fosas nasais

Un cabalo fermoso debe reunir, segundo di o mariscal Federico II de Sicilia no capítulo cuarto da súa obra, unhas características externas que comezan nunha cabeza lixeira e longa, unha boca grande e un narno grande e inchado.

Tanto narno coma nariz deben ter unha orixe común que parte da voz do latín clásico naris, que deu narica no latín vulgar, e teñen tamén unha aplicación similar, xa que a primeira é, xunto con ventas, a denominación habitual para os animais e a segunda é máis común aplicada aos humanos.

E de narno partiu o verbo narnexar, para o que se recolle nalgunhas obras o sentido de ‘agarrar un animal, fundamentalmente as vacas, polo narno para suxeitalo’, pero que tamén ten o sentido de "falar de xeito nasal", é dicir, facelo de tal maneira que o aire resoe no narno.
 

2

coma

Pelo longo e forte que teñen no pescozo e no rabo algúns animais, como o cabalo.

Continuando da cabeza para atrás, coméntase a propósito do pescozo que este debe ser longo e delgado e na coma ter poucos cabelos e lisos. Esta forma, coma, palabra procedente do grego que chegou a nós a través do latín, é unha maneira menos habitual de denominar o que perden os cabalos cando se leva a cabo a rapa das bestas, é dicir, a crina.

Aínda que este experto prefería os exemplares con escasa melena, non pensemos que non se lle quita partido, xa que estes pelos usábanse desde antigo na fabricación de utensilios e guantes para pescar e son apreciados na confección de pinceis, tanto para a pintura de paredes como para a artística. Falando de aplicacións artísticas, pode que sexa menos coñecida a súa utilidade para facer soar instrumentos de corda fretada, pero son pelos de cabalo, coidadosamente colocados, o que levan os arcos dos violíns.
 

3

cernella

Parte do corpo de diversos animais onde se xuntan as espádoas.

Dísenos que o peito convén que sexa groso e redondo e a cernella non aguda, mais dereita, o que se podería entender como non excesivamente apuntada. Máis adiante, falando de enfermidades, comenta que pode existir de nacemento un inchazo mol nesta zona, con forma de ovo, que pode sobresaír máis ou menos, segundo os casos.

A orixe da palabra ten que ver coa cabeleira, xa que procede do latín cerniculum ‘separación dos cabelos’, pero non hai acordo entre os estudosos sobre que, remontándonos máis atrás, vaiamos dar ao verbo cernere ‘separar’. De aceptarmos isto, a formación tería que ver coa separación dos dous costados do animal e a cernella coincidiría coa parte posterior do pescozo onde comezan as crinas, que caen a un lado ou outro do pescozo, a non ser nos cabalos primorosamente peiteados e enfeitados.
 

4

illar

Espazo situado entre as falsas costelas e a cadeira.

Dos illares do cabalo opina Ruffo que deben ser como de boi. Xa que outra das características que se enumera é que posúa un lombo redondo e groso, lévanos a pensar que a fermosura equina pasa, para este experto, pola robustez máis ca pola esvelteza.

Tanto illar como illarga proceden en último termo do latín ilia, denominación que se aplicaba á zona do baixo ventre; outros equivalentes son abarca e vacío, sobre o que comenta Elixio Rivas que resalta moito cando o gando leva tempo sen comer e que, pola contra, cando se ven cheos, é indicativo de que xa está mantido e pode volver para a corte.

O certo é que un animal cos illares afundidos non parece apto para moitos esforzos, pero hai quen repara tamén nos movementos do illar, xa que se non teñen un ritmo adecuado poden indicar que padece algunha enfermidade. O mesmo autor comenta, a propósito de distintas doenzas equinas, que algunhas delas fan que latexen os illares.
 

5

anca

Cada unha das dúas metades laterais da parte posterior do lombo de certos animais, especialmente dunha cabalaría.

Seguindo coa descrición dun cabalo fermoso, para o mariscal siciliano deberá presentar ancas longas e nádegas anchas e longas. Se ben menciona as ancas e as nádegas, en xeral utilízase a primeira para designar a parte posterior das cabalerías, lugar habitual de marcaxe dos exemplares, e a segunda para as persoas. Con todo, podemos atopar exemplos nos que se inverten estes usos, frecuentes especialmente aplicando o termo anca para a anatomía humana.

A palabra procede da forma xermánica hanka, que tiña o significado de ‘cadeira’ e puido chegar ata nós a través do occitano. Á parte dos usos citados, aplícase a un tipo de fouciño, probablemente porque a súa forma ten certa semellanza con esta parte do corpo e mesmo aparece aplicada a unha peza do arado.

Volvendo aos équidos, hai animais que non consenten levar ninguén sentado sobre as ancas. Dise daquela que non sofren nas ancas. E practicamente o mesmo podémosllo aplicar a unha persoa que non tolera ben as bromas, é dicir, que non sofre ancas.
 

6

xarrete

Xoga e musculatura comprendida entre a perna e o pé ou o antebrazo e a man nos animais cuadrúpedes.

A palabra xarrete, tomada do francés jarret, que servía para denominar a sofraxe, utilizámola habitualmente referida a cousas de comer, xa que é o nome do corte da carne de vacún que se corresponde co músculo que está arredor da tibia e do peroné, no caso das extremidades posteriores, ou do cúbito e do radio, no caso das anteriores. Trátase dunha peza magra e xelatinosa, sabedora e frecuente nos nosos pratos.

Agora ben, aínda que este sexa o uso máis común, tamén se aplica no caso das persoas para a rexión anatómica equivalente, a parte carnosa debaixo da sofraxe, é dicir, o extremo superior do papo da perna. E iso ten que ver coa orde de cabalaría máis importante e antiga do Reino Unido, a da xarreteira, denominación tomada da liga que se poñía neste lugar da perna, que serve de emblema para os membros e que tivo a súa orixe no episodio folletinesco que, se facemos caso das crónicas, deu orixe á creación da sociedade.
 

7

candeeiro

Patas traseiras das cabalarías (figurado)

A boa figura dun cabalo pasa finalmente, de acordo co autor do tratado, porque as súas extremidades sexan anchas e fortes e, en calquera caso, porque os membros se correspondan harmonicamente co corpo. Sexa como for, para unha persoa resultan, en xeral, altas e pode que de aí derive a utilización de candeeiros para se referir ás patas traseiras.

Se seguimos o rastro da palabra, imos dar, como se deduce facilmente, a candea, palabra de ascendencia latina. E ao lado dunha candea pódeselle colocar unha barra que a manteña dereita, o candeeiro. Logo, pola súa semellanza con este obxecto, usouse tamén para nomear as patas traseiras das cabalarías ou as pernas longas dunha persoa.

Referido aos animais, unha expresión habitual é a de erguer os candeeiros, que alude ao que fan cando levantan as patas traseiras para dar un couce, pero tamén é posible escoitala referida a unha persoa. Neste caso, o que se ergue dos candeeiros é que non se mostra especialmente dócil.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir