Palabras que fan dicionarios

Montaxe cun fragmento do retrato que James Herring (1794 – 1867) lle fixo a Webster e selo postal de 1958

Hai uns anos que nos Estados Unidos de América, o dezaseis de outubro, se celebra o Dictionary Day, o Día do dicionario. A data escollida é a do aniversario do nacemento de Noah Webster, lexicógrafo que viviu a cabalo do XVIII e o XIX, que foi tamén pensador, político, editor e creador de libros para a escola. El reformulou o inglés de Norteamérica desde un punto de vista ortográfico e da incorporación de voces propias, fronte ao idioma da metrópole, levando á práctica lingüística os seus posicionamentos independentistas e nacionalistas. Hoxe en día en USA, dicir Webster é sinónimo de dicionario e é tamén nomear o “pai da educación e a escolaridade estadounidense”.

Aquí, no país, non conmemoramos un día como o dos americanos e de termos que escoller data, quizais poderiamos propór a do nacemento de Martín Sarmiento, o noso adiantado lexicógrafo, o 9 de marzo de 1695.

Mentres non poñemos en marcha a nosa celebración e sendo conscientes da importancia de Webster para a lexicografía, propoñémosvos este Setestrelo de “Palabras que fan dicionarios” como homenaxe á súa figura.

1

lexicografía

Rama da lexicoloxía que se ocupa da elaboración de dicionarios e vocabularios, e de buscar os principios teóricos necesarios para este fin.

Dise que crear dicionarios é a tarefa fundamental dos lexicógrafos e lexicógrafas, ou sexa, as persoas especialistas en lexicografía. O nome desta disciplina é de creación moderna –por exemplo, en inglés a palabra entra en 1670–, e está formada por dúas bases helénicas, léksis e graphé. Para os gregos, a primeira –léksis, -eos– tiña o significado de ‘palabra’ ou ‘conxunto de palabras’, aínda que tamén podían empregala referida ao ‘acto de falar’. Pola súa banda, graphé, –es traduciríase por ‘escrito’, ‘documento’ ou tamén ‘descrición’,  significados que achega aos múltiples substantivos aos que deu lugar nas linguas modernas, en especial desde o século XIX en diante.
A lexicografía é unha rama da lexicoloxía, que é unha parte da lingüística, a cal se ocupa de estudar o léxico desde un punto de vista sincrónico, é dicir, nun momento determinado, sen ter en conta a súa evolución.
Aínda que o auténtico pioneiro da lexicografía na nosa lingua foi sen dúbida frei Martín Sarmiento no século XVIII, existe un vocabulario anterior en moitos anos aos traballos do monxe. Compúxoo en 1536 un bacharel apelidado Olea, como vimos neste Setestrelo.

2

lema

Palabra que se define nunha obra lexicográfica.

Empregamos comunmente os substantivos “palabra” e “lema” como sinónimos por indicaren ambos os dous unidades completas, con significado propio, compostas por morfemas e que integran o léxico dunha lingua. Agora ben, se pensamos por exemplo no conxunto “rapaz”, “rapaza”, “rapaces”, “rapazas”, “rapaciños”, “rapaciñas”, diriamos que se tratan de catro palabras ou catro lemas distintos? No Dicionario só localizaremos “rapaz” e isto débese a que todas as palabras devanditas se consideran un único lema, un termo que en grego clásico (lemma) aludía, entre outros significados, a un tema ou proposición, ou sexa, a un punto de saída para unha argumentación ou discurso.
Elixir cal é o lema dun conxunto de palabras chámase lematizar e, no caso das linguas flexivas, como a nosa, debe facerse tendo en conta os principios que rexen a flexión. Velaí a razón pola que a maior parte dos dicionarios románicos escolle a forma do masculino singular como lema dos substantivos con variación de xénero e número, en tanto que os verbos, por exemplo, se agrupan baixo a forma do infinitivo. Esta convención non está libre de críticas –algunhas por considerar sexista que a forma de cita xenérica sexa o masculino, prescindindo dos nomes femininos–, máis aínda desde que os sistemas dixitais ofrecen a posibilidade de facer remisións directas, ao tempo que deixa de ser relevante a economía de espazo que primaba nas edicións en papel.

3

tecnolecto

Variedade lingüística que empregan os expertos nun determinado ámbito profesional ou técnico.

Os dicionarios xerais de lingua, como o da Academia, non recollen todas as palabras que existen, senón unha selección o máis representativa e completa posible do léxico propio da lingua culta e común. Moitas veces os usuarios queixámonos de non atoparmos no dicionario o que buscamos, mais se temos en conta que a media dos termos que emprega un falante habitualmente está entre 300 e 500 mentres que o número de entradas do Dicionario da Academia supera as 50.000, decatámonos de que inclúe bastante máis do que se pode considerar léxico fundamental. Boa parte desta desproporción explícase polas entradas que son específicas dun ámbito profesional ou técnico, que aparecen etiquetadas polo seu tecnolecto, por exemplo, ‘Meteoroloxía’, ‘Política’ ou ‘Xeometría’.
O substantivo tecnolecto é un cultismo composto de dúas bases gregas: tékhne, -es, que aludía a calquera tipo de artesanía ou proceso de fabricación manual, e –lecto por acurtamento de dialecto, “sistema lingüístico derivado doutro, cunha limitación xeográfica concreta”, procedente do grego diálektos, -ou onde tiña diferentes significados relacionados coa linguaxe: ‘conversa’, ‘linguaxe articulada’, ‘xeito de falar’, ‘lingua  propia dun país’ etc.
No Dicionario da Academia recóllese terminoloxía especializada de 48 tecnolectos diferentes. Na versión dixital, na opción de “Busca avanzada”, están incluídos como criterio de busca, permitíndolles aos usuarios procurar termos de ámbitos específicos.

4

étimo

Palabra que se considera a orixe doutra.

O termo chéganos a través do latín (etymon, -i) que, á súa vez, o recolleu do grego étumon, -ou, a forma substantiva neutra do adxectivo étumos, -e, -on, que significaba ‘certo’, ‘verdadeiro’. Daquela, o étimo entendíase como a verdade da palabra, o verdadeiro significado segundo as orixes.
Coñecer a matriz dun termo revélanos información interesante sobre o seu sentido histórico, que tamén nos axuda a mellor entender, na maioría dos casos, os significados actuais en toda a súa dimensión, de aí que a etimoloxía –“a ciencia que estuda a orixe e historia das palabras”– sexa unha disciplina decisiva para a lingüística en xeral e a lexicografía en particular.
A maior parte do noso léxico provén do latín e do grego por iso moitas palabras de noso teñen equivalentes moi próximos no resto das linguas romances. Isto non quere dicir que non existan centos de voces procedentes doutras linguas, como resultado dos múltiples intercambios culturais e socioeconómicos que afectaron o idioma ao longo da historia.

5

acepción

Sentido ou significado en que se toma unha palabra, frase ou sintagma.

O significado dunha mesma palabra pode variar, e moito, dependendo do contexto en que se utilice. Por exemplo, o substantivo “punto” significa cousas moi diferentes se se trata do “punto dun partido”, “o punto que pecha a oración” ou dun “traxe de punto”. En cada caso, a persoa que recibe a mensaxe atribuiralle á palabra un sentido distinto. Cada un destes sentidos exprésase nos dicionarios como unha acepción,  termo formado sobre acceptio, -onis, a partir do verbo capere que, entre outras posibilidades, podería traducirse por “recoller” ou “recibir”, de aí que no latín acabase por designar a ‘comprensión dunha palabra’ ou ‘o sentido que lle dá quen a recibe’. Canto ao seu uso, acepción pode empregarse como sinónimo de significado, tendo presente que todas as acepcións posibles dunha palabra compoñen o seu significado global.
Algunhas das cuestións máis difíciles á hora de elaborar un dicionario son establecer as distintas acepcións –no caso de que existan varias posibles–, fixar os límites entre delas e decidir a orde en que deben figurar. Cando unha palabra ten máis dunha acepción dise que é polisémica, mentres que se dúas palabras son idénticas na súa forma pero se refiren a conceptos distintos, e teñen orixes independentes, considéranse palabras homónimas, polo que contan con cadansúa entrada no Dicionario.

6

contorno

Conxunto de trazos que delimitan un concepto.

Cando se traballa nun termo para incorporalo ao dicionario unha das decisións é introducir ou non unha marca formal na definición para indicar  información que non é propiamente semántica senón relativa á compoñente sintáctica do léxico. Para o Dicionario da Academia, acordouse no seu día presentar entre corchetes, [ ] , as partes da definición que correspondesen co contorno da mesma de xeito que se cumprise o principio de “definición por sinonimia”: a palabra definida pode substituírse pola súa definición, prescindindo do que queda entre corchetes. Pensando nun exemplo concreto, se escollemos o verbo “rillar” nunha oración como “A nena rilla o codelo”, o complemento directo “o codelo” sería o contorno, entre corchetes na definición de “rillar” no Dicionario: “mastigar ou cortar cos dentes [algo máis ou menos duro]”.

Este sentido de contorno é específico do ámbito da lingüística, pero como cabería esperar garda unha relación estreita co resto das acepcións que se recollen para esta palabra, que pode entenderse en xeral como un ‘límite exterior’ ou como o ‘territorio delimitado arredor dun núcleo’. Así mesmo, o seu significado orixinario tamén alude á idea de ‘demarcar un límite’, xa que se trata dun derivado do verbo contornar, “trazar o contorno” ou “estar arredor”, onde a base torn– remite ao étimo latino tornus, -i (do que tamén procede “torno”) e este ao grego tórnos, -ou, entendido como ‘forma arredondada’ ou ‘movemento circular’.

7

sinonimia

Relación que existe entre termos ou expresións sinónimas.

Palabra derivada de sinónimo, con orixe no grego, a partir do adxectivo sunónumos, -os, -on que quería dicir ‘do mesmo nome’, ‘coa mesma significación’, desde onde se transmite aos romances a través da forma synonimon, -i do latín tardío. A partir do Renacemento, esta palabra e outras morfoloxicamente semellantes, tamén de orixe helena, serven de modelo para a creación de neoloxismos en moitas linguas románicas, con frecuencia nos ámbitos da gramática, a lingüística e a retórica; é o caso de “síntese”, “sílaba” ou “silepse”, todas elas encabezadas polo mesmo prefixo, si(n)-, achegando entre outros os valores de ‘asociación’, ‘simultaneidade’.
A procura de sinónimos é un dos recursos dos dicionarios máis demandados polos usuarios, buscando evitar as redundancias á hora de redactar un texto ou tamén os equivalentes que mellor se axustan a un exemplo concreto, xa que cómpre ter presente que na maior parte dos casos non existen sinónimos perfectos –de feito, moitos lingüistas cuestionan que exista en realidade a sinonimia total– senón que temos palabras que poden intercambiarse en determinados contextos pero non noutros. Por esta razón, as linguas adoitan fornecerse de manuais específicos, os chamados dicionarios de sinónimos, ou ofrecer nos seus dicionarios en liña a opción de busca por sinonimia, como sucede co Dicionario da Academia, onde ademais existe a posibilidade de consultar os “Termos relacionados” co cal as formas de investigar e xogar coas relacións semánticas se multiplican.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir