Palabras vaticanas

Vivimos nunha parte do mundo cunha ampla tradición católica e, sexamos crentes ou non, a literatura e os medios de comunicación transmítennos unha serie de termos relacionados coa actividade do Vaticano. Logo da renuncia (renuntiatio pontificalis) por sorpresa do pontífice Bieito XVI e ata a escolla do seguinte houbo unhas semanas nas que as cuestións do papado estiveron de actualidade. O mesmo está a suceder coas formas de actuar e as novas ideas que imos vendo en Francisco. Por tanto, hoxe, imos coñecer as sete palabras máis utilizadas nesta terminoloxía, para non perdernos e saber do que están a falar ou do que comentamos nunha conversa ou discusión… que cada quen pode divertirse como lle peta!

1

curia

Conxunto de persoas e organismos que na Santa Sé colaboran co papa no goberno e administración da Igrexa

Termo culto procedente do latín curia, que indicaba unha das divisións do pobo romano e o lugar onde se reunía para discutir das súas cousas na antiga Roma. Posteriormente, no Imperio, designaba calquera edificio do goberno e as persoas que traballaban nel. O vocábulo latino é probable que veña dun hipotético *co viria: 'a reunión de homes'. Como veremos, estes sentidos orixinarios inda se manteñen malia os séculos transcorridos.

No DRAG recóllense dúas acepcións para esta palabra: a máis xeral refírese ao conxunto de persoas que traballan no ámbito da xustiza, que lembra o significado propio do latín na época do Imperio. A segunda acepción alude en concreto ás persoas próximas que traballan co papa e que ata o de agora conforman unha reunión de homes, onde a presenza da muller é mínima e anecdótica.

2

sé (apostólica) vacante

Período de tempo en que o goberno da Igrexa queda en mans do colexio de cardeais pola falta do papa, ben por mor da súa morte ou por renuncia deste.

Esta expresión do Código de Dereito Canónico procede dunha locución latina: sedes vacans, que significa literalmente: ‘asento baleiro’. En principio, é o período de tempo no cal unha diocese ou parroquia queda sen titular. Porén a frase cando máis popular é e máis se emprega é no suposto de morte ou renuncia dun papa, posto que o asento que queda baleiro é o da arquidiocese de Roma e o do xefe de Igrexa católica. Este espazo de tempo vén regulado pola constitución “Universi Dominici Gregis” promulgada por Xoán Paulo II en febreiro de 1996. Durante este lapso temporal ninguén debe modificar nada, xa que todo se rexe baixo o criterio “nihil innovetur” e as cousas cotiás e inaprazables quedan en man do colexio dos cardeais.

Para nós, é a ‘igrexa principal dentro da xurisdición dun bispo’. Aquela na que o papa é o bispo, é a Santa Sé e cando este morre ou dimite o que temos daquela é unha sé vacante, con toda a lóxica.

3

camarlengo

Cardeal que preside a Cámara Apostólica e se encarga da administración e goberno da Igrexa mentres a sé apostólica de Roma está vacante.

Esta palabra ten a súa orixe nun termo do franco *kamarling que non significa outra cousa que 'camareiro'; certamente, como imos ver, o cargo de camarlengo é en certo sentido semellante ao de camareiro, por ser o axudante máis próximo ao pontífice.

De entre os cardeais posibles, é nomeado polo propio papa cada cinco anos para presidir a Cámara Apostólica, corpo administrativo da Igrexa romana. As súas funcións consisten en asumir o goberno da Igrexa, só administrativo, durante o período de sé vacante; na preparación do conclave e o seu correcto desenvolvemento, así como tamén en comprobar ou verificar a morte do pontífice, se se dá o caso. Ademais, destrúe o selo do pescador para evitar posibles falsificacións de documentos e sela cun lacre as dependencias papais ata que se instale o novo.

4

cardeal

Prelado, nomeado polo papa, membro do conclave para a elección deste e do Sacro Colexio.

A palabra procede do latín cardinalis que indicaba ‘principal’ e este é un derivado de cardo, -inis ‘gonzo’. Todo cadra, primeiro porque estes homes son dignitarios e conselleiros do papa, todos escolleitos por el, segundo o seu criterio persoal, entre os bispos do mundo por seren os principais e destacaren polas súas maneiras, piedade e prudencia na xestión das súas arquidioceses ou dioceses.

O seu labor é o de traballar e colaborar co bispo de Roma: pódese dicir que funcionan a modo de bisagra entre a Igrexa e os seus seguidores. A historia dinos que algún deles tivo grande influencia mesmo na política dos países de onde procedían. Hainos de varios tipos: os cardeais electores que poden elixir papa e son menores de 80 anos no momento de sé vacante; os cardeais bispos son os de máis alta xerarquía, os cardeais presbíteros, aqueles que teñen á titularidade dunha igrexa romana; os cardeais diáconos, quen teñen a diaconía dunha igrexa de Roma e o protodiácono que é aquel que, por ser o máis vello entre os diáconos, anuncia o nome do papa electo co coñecido: habemus papam, e tamén o que inviste co palio o novo papa na misa inaugural do pontificado.

5

conclave

Asemblea que os cardeais celebran para a elección dun novo papa.

Esta palabra que ten a súa orixe na frase latina cum clavis que significa “con chave” ou “baixo chave” e que remite ao feito de que a asemblea de cardeais electores se realizaba con todos eles pechados na Capela Sixtina. Aínda hoxe o último cardeal diácono, cando aqueles que non teñen dereito ao voto marchan da Capela, pecha con chave por dentro e por fóra colocan os membros da Garda Suíza. O sentido deste encerro era ou é para evitar calquera intromisión externa e garantir o retiro sagrado esixible para a escolla do sucesor de san Pedro.

Por outra banda, na lingua aparecen outros usos do termo xa non tan específicos, pero que gardan relación co significado inicial xa que fan referencia ao feito de reunirse para escoller algo, aínda que sen necesidade de pecharse con chave claro, como se amosa no seguinte titular de prensa: “O ex concelleiro vigués quere presentar unha lista alternativa ó conclave e critica que a xestora "xa tomara" partido por unha opción” en Galicia Hoxe do 22/04/2009.

6

fumeira

Cantidade de fume que sae dunha cheminea.

O único xeito de escoller o pontífice é mediante o escrutinio. Cada cardeal elector presente no conclave ten a obriga de votar. Hai catro votacións diarias e tras estas as papeletas quéimanse. Deste modo, no século XXI, na era das comunicacións e dos múltiples trebellos técnicos, a Santa Sé anuncia se hai elección ou non dun novo pontífice: mediante a fumeira feita coa queima das follas dos votos emitidos no conclave.

Se o que aparece é unha fumeira negra a votación foi infrutuosa, mais se o que temos é unha fumeira branca, daquela elixiron papa. As distintas cores eran obtidas, inicialmente, queimando as papeletas con palla mollada para que saíse negra, e para que fose branca con palla seca. Aínda que, para evitar as confusións que se producían algunhas veces, acabáronse engadindo substancias químicas que contribuían a acentuar as cores e eliminar os posibles erros. Así, para a negra agora bótanlle antraceno e xofre e, para que saia branca, aplican clorato de potasio, lactosa e colofonia.

7

papa

Xefe supremo da Igrexa católica.

Baixo este bisílabo tan sinxelo temos o título outorgado ao bispo e patriarca de Roma, o líder da Igrexa católica e o xefe de estado e soberano da Cidade do Vaticano, entre outras cousas. A etimoloxía popular cría que o termo procedía da xunta das primeiras letras da frase do latín Petri Apostoli Potestatem Accipiens (PAPA): o que sucede ao apóstolo Pedro. Outro erro é pensar que era froito da unión das dúas primeiras sílabas das palabras do latín: pater (pai) e pastor (pastor).

En realidade, papa vén do latín clásico papas que significa ‘titor’ e este do grego πάππας (páppas) que quere dicir ‘pai’. Esta denominación foi común desde o século III para os bispos en Asia Menor, mais converteuse na exclusiva do bispo de Roma desde o século XI. Outros sinónimos menos familiares son sumo pontífice, súa santidade ou Santo Padre. Desde a primavera de 2013, temos outra denominación nova que é a de papa emérito ou romano pontífice emérito.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir