Palabras vindas de Occitania

Occitania é un país que non aparece nos mapas. Non pertence ao terreo da imaxinación coma Macondo ou a patria de Alicia, nin tampouco se disolveu coma Prusia ou a Unión Soviética, mais quedou sumido nun pozo do que intenta saír. O seu territorio repártase en catro estados, sen deixarse confundir en ningún: é o Mediodía de Francia, sola o chan de todo Mónaco, tapiza as Valadas occitanas e mais a Gàrda de Calabria –nos extremos de Italia–, e ocupa tamén o Val d’ Arán catalán.

O nome de Occitania xorde probablemente pola contracción de Occ e a terminación –itania, explicable por paralelismo co medieval ducado de Aquitania. En Galicia coñeceuse ben a  súa cultura e idioma, a lingua de Oc, acuñada por Dante por oposición á de Oil (a dos territorios do norte de Francia), identificando cada unha delas pola variante que empregaban para dicir si, a partir do hoc (ille) latino. Para rastrexar a presenza do idioma occitano nos manuais lexicográficos, cómpre termos en conta as diferentes denominacións baixo as que se coñece esta lingua: desde o patois, de sentido pexorativo e sinal dunha situación sociolingüística moi concreta, ata provenzal, facendo deste, un dos seus dialectos, a denominación para o todo.

O mesmo ca a nosa lingua, o occitano pertence á familia romance e coñeceu unha época de esplendor medieval, da que ata hoxe mesmo seguimos recibindo testemuños: na Université de Toulouse presentábase recentemente un Dicionario provenzal-francés, de autoría anónima e redactado entre 1764 e 1789. Unha alfaia de trinta mil entradas en seis volumes, que fala do rexurdimento dun idioma que, malia o asoballamento, seguiu vivo e vixente. E tamén moi presente entre nós a través das palabras de orixe occitana que empregamos a miúdo. Este Setestrelo é para coñecermos algunhas delas.

 

1

arenque

Peixe mariño da familia dos clupeidos (Clupea harengus), de forma semellante á da sardiña, pero de maior tamaño, que vive en grandes cardumes e que se consome fresco, salgado ou afumado.

Non é pouca cousa este peixe que na Francia medieval mesmo deu motivo e nome á histórica Batalla dos arenques, cando en 1429 os franceses, que xa levaban máis de noventa anos en guerra contra Inglaterra, quixeron poñerlle as cousas difíciles a un convoi de avituallamento con trescentas carretas cheas de arenques para alimentar as tropas británicas que tiñan sitiada Orleans.

A orixe da palabra arenque (en francés hareng; aringa en italiano) pode identificarse na forma occitana arenc, que á súa vez remite ao xermánico haring, non documentado. En Occitania, os arenques e mais as sardiñas salgadas eran o almorzo forte habitual para os vendimadores, un costume que tamén compartían cos araneses e os cataláns en xeral, quen lle chaman arengada ao prato tradicional da cociña rural consistente en preparar a sardiña con sal ao xeito típico dos arenques (areng). Non é algo excepcional pois a cociña occitana encaixa na tradición gastronómica mediterránea, se ben tamén ofrece pratos peculiares como a bolhabaissa (unha especie de sopa de peixe, común na Provenza e en Marsella), o caçolet (feixóns verdes guisados con carne nunha cazola de barro, típicos do Languedoc) ou o aligòt (un puré de patacas con nata e queixo moi consumido en Aubrac, Auverña e Limoges).
 

2

prez

Estima ou consideración que se adquire polos méritos ou valores

Malia que o vínculo entre Occitania e Galicia non se restrinxe ao período medieval, é ben certo que nesa época, dourada para a langue d’òc, a súa poesía converteuse en referente para todas as tradicións líricas do amor cortés, entre as que a nosa é sobranceira. Máis tarde, en pleno Rexurdimento decimonónico, Murguía e outros precursores falan con admiración dos autores da langue d’òc e valoran a súa literatura e cultura, manténdose vixente o interese ata o día de hoxe, como queda patente nas traducións á nosa lingua dos textos occitanos máis importantes.

Prez, do provenzal pretz, na actualidade unha forma propia dun rexistro literario, pertence ao léxico que conservamos do noso “idilio lírico-medieval” con Occitania. Non é a única: dentro do mesmo campo semántico, teñen idéntica orixe termos referidos a recursos literarios (leixaprén, de laisar ‘deixar’+ pren ‘coller’) ou fórmulas estróficas (refrán, de refranh) propias da literatura cortés. Referidos ás persoas e personaxes, mantemos segrel (segrier) ou drudo (probablemente de drut, ‘amante’) e tamén son de procedencia occitana varios tipos de composición, como a balada (de ballada, ‘música para festa e danza’), a tenzón (de tençon, e este dun anterior tencier, ‘disputar’) ou o sirventés (sirventes).

En 1975 Méndez Ferrín recolle o envite estrófico e publica  Sirventés pola destrucción de Occitania, dándolle feitura poética á denuncia da desaparición da nación occitana e a súa progresiva dilución en Francia entre os séculos XIII e XVIII. O paralelismo co noso país emerxe de novo e é moito máis ca o fondo deste poema.
 

3

bordel

Local onde exercen as prostitutas

Sería ben idílico pero non todas as relacións poden quedar no amor cortés e por iso, tamén con orixe no occitano probablemente, temos na nosa lingua o substantivo bordel, para o que existen numerosos sinónimos, como tantas veces acontece coas palabras relacionadas co ámbito semántico do sexo, que adoito desenvolven variantes eufemísticas ou propias de diferentes rexistros, máis formais (casa de lenocinio, prostíbulo, lupanar) ou máis coloquiais (casa de putas, mancebía).

Non é doado establecer unha orixe inequívoca para esta palabra xa que aparece case simultaneamente, en distintos momentos do século XIII, en francés (bordel), occitano (bordel), catalán (bordell) e italiano (bordello), ben que con diferente fortuna e continuidade en cada unha destas linguas. No referido ao seu valor primixenio tamén non existe acordo, se ben é evidente que a evolución semántica da palabra parte dunha cosmovisión moi determinada segundo a cal se interpreta a prostitución como algo socialmente marcado como negativo: en principio relaciónase coa forma bord (plural neutro borda), que pode traducirse por ‘táboa’ e de aí unha ‘choupana, unha casa ruín feita con táboas’, que acabaría desenvolvendo o sentido de bordel como unha casa con connotacións marxinais. Mais tamén hai quen atribúe a bord o significado de ‘bastardo’, de onde o bordel sería o lugar onde se enxendraban fillos bastardos.
 

4

talabarte

Cinto de coiro do que se colga o sabre ou a espada

A maioría dos estudos sobre o tema coinciden en facer derivar esta palabra sobre a forma do provenzal antigo talabart, que probablemente en occitano se introducise por galicismo a partir de talevart. Co significado primitivo de ‘pavés, ou escudo grande que cobre a  maior parte do corpo’, este substantivo convivía en francés con outras variantes, talevaz e talevas, de uso bastante máis habitual. É posible que todas elas xurdisen, á súa vez, a partir dun préstamo do italiano: tavolaccio, derivado de tàvola, ‘táboa’. Se ben esta hipótese non está libre de incerteza, non parece desatinado opinar que este termo puidese introducirse a través de Italia xa no tempo das Cruzadas para despois transmitirse desde o Norte ata o Sur de Francia, unha zona bastante menos protagonista nas cuestións belicosas.

A evolución semántica a partir do “pavés” enténdese tendo en conta que os talabartes máis antigos parece ser que tiñan unha anchura considerable, chegando a recubrir mesmo o peito enteiro. Desta mesma base procede tamén en boa lóxica toda a familia léxica: talabarteiro ou talabarteira, a persoa que fabrica artigos de coiro en xeral, e talabartaría, o taller ou tenda onde exerce o seu oficio. Na lingua actual o substantivo presenta así mesmo dúas acepcións figuradas, para referirse á persoa pouco delicada ou á que dilapida os cartos sen tino, o que aumenta as posibilidades de uso dunha palabra que, por se relacionar cunha artesanía quizais menos común hoxe en día, podería resultar bastante infrecuente.

Nesta mesma liña outras linguas ampliaron o valor desinencial de talabarte incrementando tamén os seus contextos de uso: en portugués por exemplo o talabarte é tamén un cinto que colga do ombreiro cruzando o peito e do cal penduran diferentes instrumentos, non especificamente armas brancas, mentres que o catalán talabard de seguretat é un elemento de protección individual, axustado á cintura, as coxas e o peito, que se emprega en certos deportes como o alpinismo ou a escalada.
 

5

viaxe

Desprazamento nun medio de transporte dende un lugar a outro situado a unha distancia considerable

Para este substantivo o Dicionario da Academia distingue diferentes acepcións que se delimitan na súa especificidade a partir dun sema común: a idea do desprazamento, do percorrido. Por asociación, unha viaxe tamén pode ser a “cantidade de cousas ou persoas que se leva ou transporta dunha vez” ou mesmo a “cantidade de comida ou bebida que se toma de cada vez”. Este uso popular está curiosamente próximo do valor etimolóxico da palabra: viaxe chegaría a nós desde o occitano viatge, que á súa vez descendería do latín viaticum, isto é, as ‘provisións, ou os cartos, para a viaxe’ (en latín via).

A viaxe polos dominios da langue d'òc implica a promesa de resultar fascinante, xa que a considerable extensión do territorio occitano e mais a súa peculiaridade administrativa implican que existan nel diferentes contextos sociopolíticos e daquela tamén culturais. E por suposto, esta variación coexiste no propio idioma, o mesmo que acontece no noso, e en calquera lingua viva: o occitano divídese en seis variedades, o alpino, o auverñés, o gascón, o lemosino, o languedociano e mais o provenzal. A variedade aranesa pertence ao grupo de falas gascoas. A nivel lexislativo só Cataluña lle outorgou carácter de oficialidade ao occitano, cando en 2006 o Parlamento catalán aproba o estatuto que o recoñece como lingua propia do Val de Arán, e oficial en toda Cataluña, o que evidentemente tivo importantes consecuencias na política de normalización do idioma. Nin Francia nin Italia fixeron ata o momento o propio nas súas administracións.
 

6

solaz

Descanso ou entretemento

Para os usos actuais da lingua, esta palabra percíbese como propia dun rexistro máis requintado ou especificamente literario e daquela resultaría rechamante nun contexto coloquial. Quizais as condicións de uso fosen diferentes para o provenzal antigo solatz, do que procede e ao que chega probablemente a través do latín solatium (solacium na súa forma clásica). A partir do provenzal orixínase o italiano sollazzo, o catalán solas e mais o noso solaz, idéntico en portugués e español. Nestas dúas linguas os dicionarios recollen o verbo da mesma familia léxica, solazar  (dunha suposta forma latina solaciare), para o que a significación pode deducirse directamente: 'dar solaz'. Nos córpora de lingua informatizados atopamos rexistros de uso deste verbo na nosa lingua, preferentemente en construcións pronominais ("o vello solazábase no recordo").

Orixinariamente, o seu valor semántico era parcialmente distinto xa que se refería máis propiamente á acción e o efecto de “consolar” ou “confortar”, isto é, de aliviar a alguén dunha pena ou dolor. O ámbito de significado era próximo ao que se acabou consolidando e que conservamos na lingua actual, xa que “o descanso ou entretemento” tamén se asocia coa ausencia de infelicidade.
 

7

baderna

Cabo trenzado dun ou dous metros de lonxitude que se utiliza para suxeitar a cana do temón, asegurar os mastros etc.

O contacto histórico entre Occitania e Galicia fíxose por terra no medievo, nas distintas vías do camiño de Santiago que se xuntaban en Roncesvalles; mais con todo son moitas as palabras do léxico marítimo que incorporamos da lingua de Oc: é o caso de cabrestante (cabestran), a máquina que podemos ver en moitos cargueiros e barcos mercantes, cun torno de tambor vertical e un cabo enrolado co que se arrastran grandes pesos. A mesma procedencia ten xenol (genoll), a peza que unida á varenga forma a caderna nunha embarcación.

Para o exemplo de baderna, o seu étimo pode recoñecerse claramente no provenzal baderno, un 'cabo groso feito con cordas vellas', que deu lugar a numerosas formas derivadas naquel idioma. Outro cantar é a orixe de baderno, para a que non é fácil describir unha historia inequívoca: entre outras hipóteses, apuntouse como posible etimoloxía unha forma grega utilizada para nomear a parte inferior do mastro, e que se romanizaría en baterna, non documentada.

Sexa como for, temos no noso léxico dúas palabras específicas, procedentes do francés antigo, para chamarlles aos cabos con que se aseguran os mastros: o estai, que os suxeita na proa, e o obenque, cando se amarran aos costados da embarcación.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir