Personaxes europeos do Nadal

O comercio, ben directamente ou a través dos medios de comunicación, bombardéanos desde mediados do outono para que merquemos presentes de Nadal. Aos que sodes farturentos e podedes desenvolver mala conciencia queremos lembrarvos que a tradición de obsequiar nestas datas non se inventou nos grandes almacéns nin tampouco a trouxo ningún mago, senón que se remonta ás culturas pagás nas que se celebraba o solsticio de inverno reuníndose e agasallándose uns aos outros.

Nas  festas saturnais da Antiga Roma mesmo os escravos eran agasallados cunha ración dobre de alimento, entre outras cousas. E xa a partir do século XIX estendeuse por toda Europa o hábito de que un personaxe mítico lles trouxese xoguetes aos nenos, previa avaliación do seu comportamento ao longo do ano. Neste Setestrelo internacional, que vai máis aló do que adoitamos presentar, imos coñecer sete personaxes, seis xenerosos e un mal becho, desa antiquísima tradición popular en diversas culturas europeas.

1

Apalpador

Personaxe do Nadal galego representado por un vello xigante carboeiro do Courel.

ApalpadorNon hai moito que se rescatou do esquecemento este personaxe tradicional que se mantiña vivo, segundo os testemuños recollidos, nas montañas da Galicia Oriental e mesmo tamén no Bierzo. Trátase dun vello xigante que vive nas devesas facendo carbón e labrando na madeira para facer enredos, viste esfarrapado e cheo de remendos, usa boina e fuma en cachimba. Na noite de fin de ano baixa ás casas cun saco de castañas para repartilas entre aqueles nenos e nenas que están durmidos e ben mantidos, desexándolles que estean así o resto do ano, sen pasar fame nin penurias. Por iso apálpalles a barriga, e de aí o seu nome: sobre o verbo apalpar ‘tocar coas mans unha cousa para examinala, recoñecela etc.’ e o sufixo –dor, co que se forman substantivos para denominar a persoa que realiza a acción. Tamén é coñecido como o apalpabarrigas ou pandegueiro no suroeste do país.

Por culpa dunha interpretación errada da cantiga popular que di: “xa chegou o día grande / o día do noso señor. / Xa chegou o día grande / e virá o apalpador” creuse que o noso carboeiro viña na Noiteboa e é por iso que nalgunhas casas chega con adianto.

Se ben a restitución desta tradición xerou controversia ao redor da fiabilidade da súa existencia histórica, o certo é que xa o antropólogo Taboada Chivite en 1965 menciona, nun congreso celebrado en Lisboa, a tradición da “noite do apalpadoiro”. Posteriormente, no inicio do século XXI Xoán González e Lôpez Gonçâlez, entre outros, publican distintas investigacións ben documentadas sobre a existencia desta figura e tamén a asociación cultural A Gentalha do Pichel de Compostela fixo unha campaña moi activa para a súa recuperación.

2

Olentzero

Personaxe navarro do Nadal representado como un carboeiro, con boina e cachimba.

OlentzeroÉ un carboeiro gordo, tisnado, de bo comer e beber, que se move durante o Nadal por toda Euskal Herria. A súa orixe é precristiá: simbolizaba o vello que se queima para deixar paso ao novo. Unha etimoloxía probable do termo indica que é unha palabra composta sobre onen ‘bo’ e zaro ‘tempo’ que redundaría na celebración do solsticio de inverno e a chegada do ano novo. Coa cristianización converteuse no derradeiro xigante xentil que baixou das montañas anunciando o nacemento de Xesús e nos últimos tempos, mesturando tradicións próximas, nun carboeiro bondadoso que lles trae regalos aos nenos e nenas na Noiteboa.

Hai versións distintas segundo a zona daquel país na que nos encontremos, mesmo dentro do territorio navarro: en Sakana era un home con ollos avermellados da carraxe que baixaba polas chemineas e raptaba os nenos e as nenas, e en Lesaka unha boa persoa que ía á vila beber e comer.

Atópanse referencias desde o século XV máis como idea ou concepto que como personaxe. Na actualidade, porén, represéntanse como un moneco sentado sobre unha  plataforma que sae en procesión ou un home caracterizado como carboeiro. A última incorporación naceu en Guipúscoa: a compañeira-noiva do olentzero, Mari Domingi.

3

Befana

Personaxe da tradición do Nadal italiano representado por unha vella cunha vasoira.

BefanaÉ unha vella farrapenta, non moi agraciada e sempre sorrinte que leva unha vasoira coma as bruxas e visita os nenos e nenas de Italia a noite anterior á epifanía (seis de xaneiro) para, se foron bos, encherlles con caramelos e chocolates os calcetíns colgados para tal fin, e, se foron malos, deixarlles carbón.

O seu nome é unha deturpación do termo grego epifanía (manifestación) e a súa orixe está vinculada unha vez máis á celebración do solsticio de inverno e a despedida do ciclo vello, simbolizado na figura da anciá e a súa vestimenta. Tamén se relaciona esta bruxa boa coas festas romanas de benvida ao novo ano en honra de Giano e Strenia nas que se intercambiaban regalos. Porén, a cristianización deulle outra versión: ían os Reis en busca do Neno cando se perderon, preguntáronlle a unha vella polo camiño e pedíronlle que os acompañase. Esta non quixo axudalos e nin tan sequera saír da casa, mais logo, arrepentida, cambiou de idea e quixo botar unha man indo na súa procura –inutilmente–, cunha bolsa chea de doces que repartía en cada casa, onde preguntaba se alí estaba o neno Xesús.

4

Ded Moroz

Personaxe do Nadal das culturas eslavas representado como un vello con longa barba e abrigo azul, que lle chega aos pés, e un bastón máxico.

Ded MorozChamáselle a este personaxe por medio da adaptación do nome ruso que significa o ‘vello do frío’ ou o ‘vello de xeo’ e que posteriormente mudou a “avó do frío”. El é o encargado de traerlles regalos aos nenos e nenas desa parte do mundo, na noite de fin de ano.

Mais este ancián non sempre foi un home bondadoso. Nas orixes era un ser temible que conxelaba as persoas e secuestraba nenos e nenas aos que só deixaba libres a cambio de regalos. A literatura do século XIX transformouno nunha persoa boa e xenerosa. Máis tarde, na época da URSS, tras un intento de facelo esvaecer en balde, adoptouse tal como hoxe se coñece: un vello bo que aparece na fin de ano para dar os regalos en persoa acompañado por unha axudante-muller: Snegurochka (‘doncela da neve’), que é a súa neta. Na actualidade este avó ruso e a súa neta gozan de boa saúde en Rusia pero non só pois tamén se mantén a tradición noutros países da Europa oriental e nos Balcáns con diferentes variantes na nomenclatura.

5

Tomte

Personaxe do Nadal escandinavo con aparencia de vello moi baixo, con barba gris e roupa vella.

TomteNun principio, o tomte, que se orixina sobre o termo tomt, referido á granxa e ao circundo, é un trasno que vivía nas casas de labranza escandinavas para protexelas e garantir o benestar dos seus habitantes. Era bo de contentar, sempre que non lle faltase un prato de papas de avea con manteiga; se se ofendía podía facer algunha aduanada como vinganza e se o seu enfado era maior mesmo matar algún animal da propiedade. Grazas aos diferentes textos de finais do século XIX que recuperaban os personaxes do folclore da zona, acabou converténdose no encargado de entregar os regalos no Nadal, e isto provocou que a cabra de Yule –a que os repartía ata daquela–, se convertese no seu axudante ou simplemente desaparecese.

O tomte é un home pequeneiro, pero forte, viste con roupa de labranza e reparte persoalmente regalos aos máis pequenos da casa na noiteboa chamando á porta e preguntado por eles ou elas. Habitualmente é alguén da familia quen se disfraza ou vén un veciño para sorprender os rapaces. Inda que o seu colega do Polo Norte lle está a facer sombra, intenta manterse no Nadal escandinavo.

6

Papá Noel

Personaxe do Nadal europeo caracterizado como un vello gordecho, con aspecto afable e vestido de vermello.

Papá NoelEste é un personaxe sincrético, é dicir, creado por fusión doutros previos. O nome significa ‘pai do Nadal’ ou ‘pai Nadal’ como vemos tamén noutras linguas: Father Christmas, Babbo Natale ou Pai Natal. A nós chega por medio do francés Père Noël e nun primeiro momento era o portador do espírito da boa nova e da alegría do Nadal. Máis tarde, este personaxe fusionouse con outro, San Nicolás, a versión cristianizada da tradición orixinal.

San Nicolás, nado na Asia Menor, foi un bispo dos séculos III e IV, con diocese na actual Turquía, que se caracterizou pola súa xenerosidade: soubo da necesidade dunha familia pobre que celebraba a voda das fillas e foi de noite deixarlles tres bolsas de ouro para que houbese casamento; tamén grazas aos seus rezos, curaron uns nenos que foran acoitelados por un criminal. A súa onomástica é o seis de decembro, inicio das celebracións do solsticio de inverno nas culturas próximas, e por ser tan xeneroso e amigo dos máis novos, nos países do norte de Europa comezaron a dárselles doces e regalos aos nenos e nenas o día da súa festa.

No século XVII emigrantes holandeses chegados a Estados Unidos levan con eles o seu patrón Sinterklaas (San Nicolás). Sobre esta base, a comezos do XIX o escritor Washington Irving escribe a sátira Historia de Nova York, onde converte a pronuncia neerlandesa na anglófona Santa Claus, e de aí a creación do popular vello gordecho, que vive no Polo Norte e viaxa en zorra tirada de renos para repartir regalos na Noiteboa.

7

Père Fouettard

Personaxe sinistro do Nadal representado por un home malencarado vestido de gris.

Père FouettardA experiencia dinos que para que un sexa bo, mesmo boísimo, ten que haber outro malo, malísimo, co que establecer a comparación. O antagonista do Papá Noel é o Père Fouettard (‘o pai da xostra’), que acompaña o primeiro, sendo a súa encomenda causar terror e castigar os que se portan mal con azoutas ou carbón. A súa orixe en Francia remóntase ao século XII e alude á historia dun carniceiro asasino de nenos. Cando por intervención de San Nicolás os pequenos resucitan, o criminal arrepíntese e convértese en axudante do santo. Na actualidade, este fustrigador atopámolo no norte e leste de Francia e en Valonia, con outros nomes como Hans Trapp en Alsacia e Rubelz na Lorena alemá.

Pero existen máis personaxes que castigan. Nos países alpinos teñen o Krampus, figura monstruosa que desfila polas rúas das vilas no mes de decembro tendo por función aterrorizar, meter nun saco e levar con el os que se porten mal. En Alemaña quen aparece é o Belznickel ou Pelznickel que é un home horrendo, vestido con peles, de moi mal talante que sae do máis profundo do bosque para levar os desobedientes. Aqueles lugares que recibiron emigración xermana, como Pensilvania nos Estados Unidos, Terranova no Canadá ou Santa Catarina no Brasil seguen mantendo o personaxe e a tradición.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir