Regreso ao futuro

Regreso ao futuro (Back to the future) é unha triloxía de filmes creada nos anos 80 do século pasado. O seu director foi Robert Zemeckis e Steven Spielberg un dos seus produtores. As películas están entre as máis coñecidas e rendibles da historia do cine e considéranse unha referencia nos enredos de viaxes no tempo.

Nunha desas viaxes, na segunda entrega, o protagonista Marty McFly chega ao 21 de outubro de 2015, mañá cumpriranse oito anos da súa chegada ao futuro-pasado. Alí descobre como vive a sociedade que os guionistas imaxinan contra 1989, ano da estrea: dispositivos biométricos, televisores de pantalla plana, universalización das videoconferencias, drons, lentes intelixentes que son teléfonos, tecnoloxía activada por voz, información médica accesible por pegada dixital… son algunhas das innovacións profetizadas –hai máis de trinta anos–, e que hoxe en día son unha realidade ou van selo en breve. Outras, como a produción de enerxía por fusión, as táboas ou autos que flotan preto do chan aínda non están desenvolvidas totalmente pero moitas investigacións están traballando nelas.

A eses trebellos ou tecnoloxías do futuro actual dedicamos este Setestrelo, como diciamos, no día no que o Delorian DMC-12 –a máquina do tempo que o Dr. Emmett Lathrop Brown, “Doc”, creara–, chegou até nós.

1

monopatín

Xoguete que consta dunha táboa con rodas, que permite desprazarse rapidamente sobre unha superficie lisa.

Unha das escenas máis coñecidas da franquía é cando Michael J. Fox, no futuro, escapa dunha banda que quere darlle unha malleira. Nese momento atopa unhas nenas e toma emprestado un patinete. Dada a súa experiencia, quítalle o guiador e convérteo nun monopatín, cando descobre que non ten rodas e está flotando no aire.

Este invento que aboia (como os coches da película) chamouse orixinalmente en inglés hoverboard, de hover 'flotar' (que tamén se usa en hovercraft) e board 'táboa' e aparece tamén nos filmes de Spiderman e tres anos antes nuns debuxos de Transformers.

Grazas á flotación por colchón de aire a presión e á levitación magnética (herdadas do seu uso noutros medios de transporte, como o ferrocarril), esta tecnoloxía xa non é ciencia ficción, aínda que con restricións. O modelo SLIDE de Lexus ten un metro de longo, algo máis dunha cuarta de largo e flota a medio palmo, pero só pode sobrevoar por riba dun raíl especial, vale 10.000 dólares e ten unha autonomía de sete minutos. O de Arx Pax (Hendo) pode cargar ata 150 kg sobre unha superficie metálica non ferromagnética (cobre ou aluminio), pero a ausencia de fricción impide a freada e o xiro. O máis achegado á ficción parece ser o de Catalin Alexandru Duru, que voou durante case trescentos metros a cinco metros sobre un lago.

O termo inglés úsase tamén para unhas rodas autopropulsadas ó estilo dos Segway sen guiador, ás veces incorporadas ás botas, e para unhas táboas de surf aéreo propulsadas cun chorro de auga fornecido por unha mangueira desde unha lancha próxima.

2

biometría

Aplicación das matemáticas, especialmente a estatística, á análise de datos e fenómenos biolóxicos.

Xa vimos nun Mira-que-din o tema da identificación por medio das impresións dixitais, sistema que se utiliza en Regreso ao futuro II. De feito, se nos restrinximos a esa ficción, a realidade xa a supera a estas alturas. Hai dispositivos que non só nos recoñecen biunivocamente como individuos mediante o extremos dos nosos dedos, senón que tamén nos identifican pola trama que forman as veas da palma da man, identificación polo iris, a face, a voz ou o ADN. Todas estas características resúmense no concepto de biometría.

A palabra ten unha formación bastante transparente: créase a partir de bio– 'natureza (no sentido de vida orgánica)' unido con metr-, 'medir/medición' e a terminación –ía que dá conta de que se trata dunha ciencia. O seu significado xeral é o da medición e análise de calquera fenómeno biolóxico, aínda que nós fixámonos aquí no significado máis antropométrico.

Aínda que en moitos casos a súa aplicación precisa reflexións bioéticas por raiar os límites da protección á dignidade, privacidade e discriminación, a biometría estase xa a aplicar a grande escala: desde os pasaportes (nos EEUU) e outros documentos de identidade (na India) ata como mecanismo de seguridade.

3

holografía

Imaxe tridimensional dun obxecto obtida utilizando raios láser e placas fotográficas.

Na parte na que Marty sae dun calello, ao descoidarse coñecendo o futuro, dá a volta e unha quenlla atrápao. En realidade descobre que non se trata máis ca dunha ilusión óptica tridimensional, o que na actualidade chamamos holografía. A palabra holografía componse de dúas partes: holo-, que significa 'todo' e grafía, co valor de 'debuxo, deseño', e foi creada por Dennis Gabor, premio Nobel de Física de 1971 polo seu traballo nesta técnica para obter imaxes tridimensionais, usada en pasaportes, billetes ou cartóns de crédito.

Aínda que na escena de Regreso ao futuro se trata circunstancialmente de publicidade da versión 19 de Tiburón, esta coincidencia ten máis que ver coa cinematografía do que parece, xa que nas salas de exhibición das nosas cidades hai tempo que podemos ver películas en 3D, técnica que cunhas lentes especiais nos permite gozar da sensación de profundidade. 3D abrevia a expresión "tres dimensións" debido a que, ademais do clásico horizontal e vertical da pantalla, percibimos a profundidade xa que cada lente filtra de xeito diferente a imaxe proxectada e o que cada ollo recibé é distinto. A imaxe na pantalla é unha combinación de dúas perspectivas diferentes do mesmo (exactamente igual a unha holografía), cada unha delas destinada a un ollo.

4

liofilización

Acción e efecto de liofilizar, deshidratar unha substancia para conservala un longo tempo coas súas propiedades orixinarias, primeiro separándolle a auga mediante conxelación e posteriormente sublimando o xeo formado.

Cando a familia McFly do futuro se reúne para cear, comen uvas cultivadas directamente e ofrecidas desde a propia vide que colga sobre as súas cabezas, mentres agardan por Jennifer. Con todo, a comida é similar á de hoxe en día, aínda que procesada doutro xeito: a nai dálle instrucións orais a unha máquina para hidratar unha pizza, cousa que esta fai en pouco segundos.

O proceso do que resulta a pizza da película non é demasiado diferente do que agora facemos coa liofilización. O seu outro nome é deshidroconxelación ou criodesecación. A transformación consiste en baixar a temperatura e quitarlle a auga. Desta maneira podemos tratar alimentos para que aumente a súa capacidade de preservación (mesmo xeados), mantendo as propiedades nutricionais e organolépticas. Inventouse para o transporte de soro sanguíneo na guerra, e ocorre naturalmente en "momias" conservadas a elevada altitude e baixa humidade. Outras aplicacións prácticas son a creación de produtos farmacéuticos ou pel artificial, a restauración e análise de obxectos estragados ou invadidos pola auga e a fabricación de cerámica.

O termo liofilización está composto por dous elementos de orixe grega, lio- que significa 'disolver, separar’ e filo- que dá a idea de 'filiación, asociación’; e outro de procedencia latina -ción, que se utiliza para crear substantivos.

5

asistente virtual

Aplicación que, a través de técnicas de intelixencia artificial e de procesamento da linguaxe natural, pode interpretar comandos de voz, simular unha conversa co usuario ou executar as accións encomendadas por este

Coa xeralización da tecnoloxía, do mundo dixital e das tecnoloxías da información estamos a ver como a interaccción cos dispositivos é cada vez máis oral. Na famosa escena da cea, o fillo dálle ordes ao cunco da froita e a nai ao hidratador. Na actualidade real tamén falamos cunha máquina que interpreta a nosa voz e dámoslle mandados para que faga o que nos interesa: buscar información, atopar a mellor traxectoria para ir en coche ata un lugar determinado, facer a compra en función do que hai na neveira ou acender as luces e o aire acondicionado.

As interfaces que interactúan desta maneira cos humanos chámanse asistentes virtuais. Asistente é un derivado de asisitir, procedente dun verbo latino que combina o prefixo e preposición ad(-), 'cara a' co verbo sisto, 'estar de pé, situarse, permanecer', que se relaciona con estar, establo e destino.

A etimoloxía de virtual  procede do latín virtualis, que viña significando 'con excelencia, potencia e eficacia' pero que orixinalmente equivalía a 'masculino, varonil' debido á súa orixe en vir, 'varón'. Foi na Idade Media cando pasou a significar 'en esencia pero non de feito, capaz de producir un feito', que nos anos sesenta evolucionou a 'non de xeito físico real senón en aparencia' cando era creado por un computador. É este último valor o que se lle aplica a asistente virtual na medida en que non é unha persoa real quen produce a voz e interactúa co usuario, senón que o computador imita os seres humanos grazas á interface, ás tecnoloxías da linguaxe natural e á intelixencia artificial.

Estes sistemas permiten relacionarse coa computadora sen demasiados coñecementos previos, e ata teñen nomes propios: para algúns usuarios son ben coñecidos o Siri de Apple, o Assistant e o Hound para Android e os Ziggy, Braina ou Cortana de Microsoft.

6

lentes 'de realidade aumentada (RA)'

Lente: Disco de vidro ou outra substancia sólida transparente limitado por dúas superficies esféricas, unha delas con caras curvas, cóncavas ou convexas, que se usa en instrumentos ópticos para desviar os raios de luz.

Nunha escena da película vemos como a filla responde unha chamada de teléfono, mais no canto de coller un auricular o que fai é poñer as lentes! Hai varios anos, entenderíase a imaxe como de ciencia ficción, porén, na actualidade hai anteollos que fan ben máis que contestar o teléfono. A estas novas funcións que permiten visualizar información dixital sobreposta á imaxe real chámaselles realidade aumentada (RA). Diferentes dispositivos permiten experimentala: desde cascos que foron diminuíndo o seu tamaño, ata pantallas transparentes nas que se reproduce a información mediante colimación ou proxectores de imaxes directamente na retina.

Lente é unha palabra procedente do latín lens, que daquela significaba 'lentella'. Curiosamente, foi o diminutivo latino lenticula o que derivou no noso nome para o legume.

Este tipo de lentes, as de realidade aumentada teñen cada vez novos usos: visión para cegos, medicina, arqueoloxía, navegación aérea, tradución simultánea de lingua escrita ou oral, museos e turismo, arte, ensino, xogos, cosmética, xestión de emerxencias e desastres, publicidade (como xa vemos nas panorámicas dos estadios, por exemplo), retransmisións deportivas (nas que se marca a evolución dos plusmarquistas en competicións de atletismo ou natación para comparala co desempeño dos participantes) e moitos outros.

7

autoaxuste

Axuste: Acción e efecto de axustar ou axustarse

Marty McFly veste unha chaqueta vermella e gris cando cae nun estanque ao escapar da banda de Griff Tannen. Tras desfacerse deles, de súpeto, a peza de roupa comeza a falar e botar aire, anunciando, ao que remata, que xa está enxoita. Esta e outras pezas de roupa acomodábanse tamén ao talle do usuario nunha sorprendente capacidade de autoaxuste.

Autoaxuste procede de xuntar o prefixo auto-, 'por si mesmo’ co substantivo formado do verbo axustar, creado sobre o prefixo ad, 'cara a' e o participio iuxta 'preto, cerca', do verbo iungere, 'xunguir, unir’, todas elas palabras latinas.

Comezan na actualidade a aparecer as primeiras pezas de vestir intelixentes. Algunhas teñen unhas características ou un deseño especial: os bañadores de última xeración en natación ou os tecidos de nanopartículas permítenlle á prenda determinadas propiedades como esvarar ou secar. Do mesmo xeito, xa hai tecidos que incorporan paneis solares. Outras vestimentas teñen elementos electrónicos que amplían as funcións habituais da roupa: facer un seguimento da suor, da presión sanguínea ou do corazón; transmitir ou detectar emocións; establecer relacións sociais etc. Entre medias hai roupa con luz, que cambia de cor ou con balizas e sensores para detectar o movemento…

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir