Sete cousas que verás no Nadal (si ou si)

O Nadal é unha das celebracións máis antigas do calendario. Tamén –pola longa tradición que nos fixo acumular unha manchea de costumes–, unha das que máis tópicos ten asociados, de tal xeito que ás veces chegan a saturar.

 

Desde o inicio dos tempos, a humanidade festexou o solsticio de inverno, o nacemento da luz e con ela o revivir da terra e a garantía das vindeiras colleitas. A relixión  adoptou esta celebración, recollendo modos moi populares e impoñendo outros novos. Sobre a importancia que para o cristianismo ten o momento, abonda con pensar que nesta época se fixo coincidir o nacemento de Xesús. E así, hoxe en día, celebramos ritos pagáns mesturados con relixiosos: decorar unha árbore ou armarmos un Belén, escribirlles a uns Reis que hai máis de dous mil anos adoraban a Cristo ou a un personaxe da Galicia oriental que nos trae agasallos. É dicir, unha feira de símbolos que se entrecruzan e crean a malla actual da realidade do Nadal,  que pasamos a debullar neste Setestrelo.

1

piñeiro

Árbore da familia das pináceas, de folla perenne en forma de agulla, que ten como froito a piña e como semente o piñón, e do cal existen varias especies

Unha das tradicións do Nadal máis consolidadas é a de chantar unha árbore nun cuarto da casa de xeito que sexa ben visible para habitantes e visitas. A cousa, ao parecer, arrincaría das culturas celtas precristiás que celebraban —polo solsticio de inverno—, o nacemento de Frei —deus do Sol e da fertilidade—, adornando unha árbore. A igrexa adaptou o rito pagán enfeitando un abeto con mazás (dise que representando a tentación) e candeas (que seica poderían evitala). As primeiras documentacións que describen estas árbores son do século XVII en Alsacia, pasando logo a outras zonas do continente.

A nós, o costume chegounos moito máis tarde, a mediados do século XX, botando man do piñeiro pequeno, o Pinus pinaster que coñecemos como piñeiro bravo. O nome é unha creación do sufixo –eiro sobre o termo piño– procedente do baixo latín pinarius, desde o clásico pinus, -i, co mesmo significado.

2

tizón de Nadal

Pau ou acha que se mantén ardendo por un lado ou que xa está apagado e ennegrecido

Non hai moito tempo, no noso rural, no día de Noiteboa, varríase a lareira ata deixala ben limpa. Logo, prendíase un cachopo de carballo, que se mantiña  a arder o resto do Nadal. O tizón de Nadal, tradición pagá precristiá, representa o lume novo que dá vida, folgos e boa sorte. Este costume  rastréxase por boa parte de Europa: en Euskadi o Olentzero é un carboeiro, en Cataluña, o Tió é un tronco que trae regalos, na Provenza chámanlle Cacho fiò, en territorios francófonos o Bûche de Noël, Ceppo di Natale para os italianos… Os portugueses fan unha cacharela no adro da igrexa a véspera do Nadal que denominan madeiro, lenho ou cepo de Natal ou do Galo.

Lingüisticamente, temos unha nomenclatura dupla; por unha banda, o cepo de Nadal que fai referencia á parte baixa do tronco da árbore, a que queda unida á terra logo de cortala, e que procede da palabra latina cippus, –i que significaba ‘trincheira’, ‘poste’ e tamén ‘cachopa dunha árbore’. Por outro lado, pódese botar man de tizón de Nadal que xorde desde o termo titio, -onis ‘anaco de leña ardido’ e ambos vocábulos compleméntanse co tamén latino natalis, -e ‘relativo ao nacemento’.

3

visgo

Planta leñosa e perenne, de follas lanceoladas opostas, flores amarelas e froito en baga, que vive parasita sobre troncos e pólas de árbores

Unha manchea de películas teñen a escena dunha parella a bicarse debaixo dunhas poliñas penduradas dunha porta, unha árbore ou simplemente por riba das súas cabezas. Falamos do visgo, que non é un invento ianqui senón, máis ben, de por aquí…

Plinio o Vello recorda na Historia natural que os druídas empregaban o visgo polas súas propiedades máxicas, recolléndoo canda o solsticio de inverno para empregalo como medicamento fomentador da fertilidade feminina, e tamén para protexer dos raios e da maldade. Púñano nas portas das casas para arredar os malos espíritos e atraer a paz e a concordia. Velaí a razón de que colocamos as póliñas como ornamento de Nadal. O dos bicos viría da mitoloxía nórdica, cando a nai de Balder, o deus da luz, asasinado cunha frecha de visgo polo seu irmán, o deus da tebras, foi quen de revivilo grazas aos innumerables beixos de despedida. Agradecido, Balder propuxo, para honrar a súa nai, que, cando unha parella pasase por baixo dunha póla desta planta, se bicase para perpetuar o amor.

Unha árbore tamén empregada para as mesmas funcións e que ten un aspecto semellante é o acivro. Atópase en perigo de extinción e está prohibido o seu uso.

O seu nome científico é Viscum album, pero a súa denominación común, visgo, provén da palabra latina viscum, -i ‘o nome da propia planta’. Ademais de en galego e portugués, esta forma é similar en varias linguas coma o catalán, francés, italiano… mais noutros idiomas os termos proceden de étimos distintos: mistletoe, en inglés; Mistel en alemán ou muérdago en castelán.

4

grilanda

Tira de tecido con flores e follas, en forma de onda ou de coroa, que se usa de adorno

Un clásico da ornamentación de Nadal eran as grilandas de flores ou follas pendurando da árbore, dos teitos e das portas. Están documentadas nos templos da Antiga Roma, mais tal que como as coñecemos agora –longas cintas brillante de cores– parece ser mérito dos alemáns que, no Nuremberg de 1610, puxeron febras de prata para faceren brillar máis as candeas da árbore. Logo, como a prata embaza co fume, substituírona por outros metais e xa máis recentemente por materiais plásticos.

Unha variante das grilandas é a que ten forma de coroa e se pendura nas portas. Podería ter orixe na Grecia e a Roma clásicas, onde se facían de loureiro para simbolizar a forza e a autoridade. Os romanos empregábanas nas festas do solsticio de inverno na honra do deus da agricultura, Saturno. Máis tarde a Igrexa adaptaría o significado pagán ás súas necesidades.

 

A palabra ten unha orixe incerta, inda que se cre que podía provir do francés antigo garlande, que bebería dun hipotético termo occitano *garnande derivado da raíz xermana garnir que significaba ‘adornar’.

5

candea

Obxecto de cera en forma de cilindro longo, que leva unha torcida no seu interior e serve para alumar

Unha vez máis debemos remontarnos á tradición precristiá para outorgarlle unha explicación a esta enchente de luz que nos pon brillo nos ollos ao chegar o Nadal: o solsticio de inverno foi desde o inicio dos tempos a vitoria da luz sobre as tebras, a luz cómelle tempo á noite e á noite había que velar para manter a luz. De aí que se prendesen candeas para arredar a escuridade. O cristianismo, outra volta, adaptou a tradición ao seus ritos.

Un xeito de enfeitizar a árbore e xuntar as dúas tradicións é enchela de pequenas candeas, que ao seren perigosas e provocar lumes, pouco a pouco foron substituídas por lámpadas eléctricas. Disque o primeiro en empregalas foi un socio de Thomas Edison en 1882 en Estados Unidos que utilizou 80 luces coas cores da bandeira do país. Máis tarde comezou a facelo a Casa Branca e, co abaratamento da corrente, os comercios e os fogares etc.

A palabra candea procede do latín candela, -ae que significaba ‘lume’ e por extensión ‘candea’, parece ser que era un derivado do verbo candere que se refería a ‘arder’, ‘ser brillante’. Derivados galegos deste termo son candeeiro, obxecto que sostén a candea; candeón, inflorescencia de certas árbores que gardan semellanza coas candeas ou candear que se aplica cando unha especie vexetal bota a candea.

6

estrela

Corpo celeste con luz propia

O único lugar da Biblia onde se fala da Estrela de Belén ou Estrela de Nadal é no Evanxeo de Mateo. Nel dise: os Reis magos – mago tería o sentido de astrónomo– acudiron a Belén seguindo unha estrela situada enriba do lugar onde viña de nacer Xesús. Desde un punto de vista científico, os expertos din que hai que considerar o relato como unha ficción piadosa, xa que unha estrela non pode indicar un lugar concreto.

Desde o século XVII, diversas teorías intentan facer encaixar a tradición e a realidade científica: un cometa, unha conxunción astral, unha supernova… calquera fenómeno astronómico que explique a lenda. Algunhas teñen un propósito estritamente de crenza relixiosa. Outras traballáronse polo valor que podería ter, desde un punto de vista histórico, relacionar dito fenómeno co nacemento de Xesús, asegurando así esta discutida data.

Estrela vén dun étimo latino stela, -ae co mesmo significado. Nalgúns cultismos mantense a ausencia do “r”: estelar, relativo ás estrelas, e estelífero, o que está cheo de estrelas.

7

folerpa

Cada unha das porcións de auga conxelada que caen cando neva

Pónselles neve aos beléns, cántanse panxoliñas onde se di que o Neno ten frío por estar nevado… Belén é unha cidade palestina de 30.000 habitantes fundada hai case 3.500 anos a uns 775 metros de altitude. Neva en Belén? Pois si, ao parecer as temperaturas de decembro e xaneiro poden baixar a 5ºC ou menos e a estatística di que neva uns 3 días ao ano. Están tan fachendosos con este asunto que na portada da web do concello non paran de caer folerpas., mais aínda nevando en Belén é ben posible que esta non sexa a razón, ou a unica delas, pola que o branco é omnipresente na decoración actual de Nadal.

Os motivos de tanta brancura, coma case sempre, han ser múltiples: nas sociedades agrícolas os campos nevados prognostican un ano de boas colleitas; na nosa cultura occidental, a neve relaciónase co inverno, que comeza a un tempo co Nadal. Sexa como for, neve chega a nós do latín nix, nivis co mesmo significado. Esta cae en forma de folerpas, falopa ou farrapos todas elas palabras patrimoniais que teñen unha orixe incerta; proponse como posible étimo o vocábulo do latín tardío faluppa ‘palliña’, pero con moitas reservas por parte dos investigadores. Noutras linguas, atopamos como equivalentes variantes relacionadas co termo floco, como é o portugués, o catalán: floc; francés: flocon de neige; italiano: fiocco. A orixe de todos eles reside no latín floccus, -i ‘penacho’ ou ‘floco de la’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir