Sete “divinas palabras” galegas de Valle Inclán

Montaxe cunha foto de Valle e os dous tomos do dicionario de Carré

Despois de anos e anos, por fin podemos ver na nosa lingua unha obra de Valle Inclán, o singular dramaturgo de Vilanova de Arousa, que foi un dos autores máis brillantes do século XX na literatura peninsular. “A cabeza do dragón” é a súa primeira obra teatral representada en galego –logo de que caducasen os dereitos de autor, que os seus descendentes, propietarios dos mesmos, aproveitaban para impedir a tradución–. Era inxustificable que puidésemos gozar dos dramas de Valle Inclán en francés, español ou inglés, mais non na lingua propia do país onde naceu.

 

Pretender illar os textos de Valle Inclán da cultura galega é un disparate, tamén desde o punto de vista filolóxico. Castelao, con quen tivo trato, dicía del que era galego “pola lingua, o estilo e tamén polo ritmo da súa voz musical”. O profesor Xesús Alonso Montero dixo de Divinas Palabras –quizais, con Luces de Bohemia, a obra máis coñecida de Valle– que “en realidade, non foi escrita literalmente en castelán, senón nun dialecto artístico construído a partir do castelán pero con significativos elementos da lingua galega”.  Partindo desta idea, escollemos sete “divinas palabras galegas” de Valle e con elas fixemos este Setestrelo.

1

miraxe

Fenómeno óptico propio de rexións cálidas e desprovistas de vexetación debido á refracción da luz, que provoca a visión invertida de obxectos onde non están, coma se se reflectisen na auga.

Divinas Palabras (1919): “El río divino de romana historia es una esmeralda con mirajes de ensueño”

Miraxe introdúcese en época moderna como un galicismo recollido da palabra francesa mirage, adaptado á nosa fonética e mantendo un dos significados na lingua orixinaria onde denomina unha ilusión óptica.

Autores do tempo da Xeración Nós, contemporáneos de Valle, empregaron miraxe no canto de mirada porque como forma diferencial lles resultaba máis atractiva, mais na maioría dos textos literarios, o substantivo utilízase co significado de espellismo que se pode visualizar en lugares ermos e baixo temperaturas extremas, ou, en sentido figurado, como a sensación de ver algo que só pertence ao territorio da imaxinación. Esta segunda acepción, é a que fai Valle Inclán na cita de Divinas Palabras de máis arriba. Nela, o dramaturgo vilanovés dálle ao substantivo unha vestidura castelá, aplicando unha regra de equivalencia que se cumpre moitas veces entre este idioma e o propio: o do castelán daría na nosa lingua. Pero non sucede así neste caso, xa que a palabra miraxe existe en galego, portugués –miragem– e en catalán –miratge–, mais non en español.

2

romaxe

Festa popular en que a xente acode a un santuario por motivos relixiosos e, ao mesmo tempo, divírtese.

“¡Ay, que gran romaje!” (Divinas Palabras).

Como vimos en miraxe, trocar o "j" polo "x" é a pauta xeral que aplica Valle cando quere “converter” un termo galego á lingua de Cervantes. Romaxe é outros dos casos nos que non se cumpre, resultando unha palabra inventada, un galeguismo con disfrace.O termo en español sería a forma que eles teñen de dicir romaría, que pode ter como sinónimo peregrinación, pero só na acepción de ‘viaxe que se fai por devoción ou por unha promesa relixiosa’.

Ambas as dúas, romaxe mais romaría, son substantivos comúns que se crean sobre un nome propio, o topónimo da antiga cidade de Roma, capital do Lacio, que era “a terra santa” dos cristiáns, o centro cara a onde se dirixían os peregrinos medievais, tamén chamados romeiros. Sobre a orixe do nome de Roma, hai varias teorías e ningunha delas puido demostrarse ata o punto de desbotar as outras; quizais a máis coñecida é a de que Roma deriva de Rómulo, quen segundo a mitoloxía foi o fundador e primeiro rei da antiga cidade-estado, no ano 753 antes da nosa era. Outros din que o topónimo se explica pola proximidade do río Rumon ou Rumen, o nome arcaico do Tíber, ou incluso dunha voz etrusca, ruma, que significaría ‘mama’, en alusión á loba que lles dera de mamar aos dous irmáns, Rómulo e Remo, conforme o relato mítico.

Romaxe, chegounos a través do occitano romeatge, co mesmo significado, ‘peregrinación a Roma’, e andando o tempo fíxose extensivo a calquera peregrinación, abríndose aínda máis para nomear tamén a festa que se fai arredor dalgún santuario, unha celebración que a día de hoxe seguen a ser tradición nas aldeas. Con esta acepción é con que aparece en Divinas Palabras, a traxicomedia de Valle Inclán.

3

lareira

Pedra plana situada a pouca altura do chan, onde se fai o lume para cociñar, nas casas tradicionais, e sobre a que adoita ir colocada unha cambota.

En Divinas Palabras Valle Inclán escribe o seguinte: “Hablando con su sombra se sienta a canto de la piedra larera”.

Dentro da casa, a cociña, e dentro da cociña, a lareira; esta podería ser a escala se falamos dos espazos fundamentais da vida familiar na cultura tradicional. Arredor do lume pasaban as horas, cociñando e organizando a vida e reforzando os lazos familiares, e veciñais. A lareira prendida é, dun xeito simbólico, o espírito familiar aceso.

Lareira fórmase por derivación a partir de lar, un nome propio, o Lar familiaris latino que acabou por ser un substantivo común. Segundo a mitoloxía romana, Lar era o espírito que protexía a familia, tanto as persoas que a formaban en sentido amplo –e isto incluía os servos– como tamén o espazo onde moraban mais as terras da súa propiedade. Parece que o máis habitual era referirse a estes espíritos domésticos polo plural, os Lares familiares. Máis tarde, a palabra pasaría a funcionar como nome común co significado de casa, fogar. Na lingua de hoxe, lar, lareira e larega son voces sinónimas para denominar a pedra baixa sobre a que se fai o lume; lar e larega teñen, ademais, outra acepción que se refire ao conxunto de pedras que forma o piso nos fornos de leña.

É evidente que para don Ramón, lareira era unha forma absolutamente cotiá e por este motivo utilizouna nos seus textos, reducindo o ditongo -ei- a -e- para facela máis parecida a unha voz castelá.

4

esvaecerse

Desaparecer unha cousa pouco a pouco.

Valle Inclán en Divinas Palabras: “¿Por qué abriste la puerta para que se esvaneciese?”

Esvaecer evoluciona desde unha forma aparecida no latín tardío *exvanescere , que xorde a partir do clásico evanescere, traducible por ‘desaparecer’ xa que ten como base o adxectivo vanus -a -um, que era ‘o que está oco, baleiro’. A forma verbal que chegou a nós, é a esperable conforme os principios xerais de evolución desde o latín ao romance; neste caso, as regras que operaron foron: o "x" pasa a "s" e cae o son nasal /n/ entre vogais. Este segundo principio cúmprese na práctica totalidade das palabras patrimoniais do noso idioma, pero non se aplica noutras linguas romances próximas, como é o caso do castelán. Por iso a forma que se transmite neste idioma é desvanecer, con intervocálico, e mais cun elemento d- anteposto ao inicio, que pode explicarse por analoxía con desaparecer e, ao cabo, asociado co prefixo des-, xa que este contén un carga semántica negativa que moi facilmente puido relacionarse co significado do verbo, ou sexa, facendo unha sorte de paráfrase, ‘algo marchar aos poucos, ata que non é’.

5

canaval

Lugar onde abundan as canas.

En Divinas Palabras, o dramaturgo escribe o seguinte:  “Los más atrevidos entran por los verdes canavales de la orilla del río, azuzando los perros”.

Neste caso, Valle Inclán recolle a palabra ao dereito, e a súa maneira de vernizala en castelán é a través da terminación de plural, pois no canto do esperable -is (canavais é a forma correcta) acode ao morfema -es, co que en español crean das palabras que rematan en -l.

En latín existía a voz canna -ae, co mesmo significado ca a nosa cana, á súa vez herdada do grego kánna, co mesmo valor. A esta xúntaselle a terminación -al, coñecida desde a época latina (-ale) na formación de substantivos, e tamén adxectivos, achegando normalmente un sentido colectivo, concretándose nos valores semánticos de ‘lugar onde abunda unha árbore ou algunha outra especie vexetal, e tamén ‘lugar onde se cultiva’ (arrozal ou nabal por exemplo).

Canaval ten unha forma equivalente que é canedo, tamén derivada de cana, a través doutro sufixo tamén produtivo con idéntica significación (como pode verse en abeledo, que é o terreo poboado de abeleiras ou arboredo, para nomear o lugar onde hai moitas árbores).

6

rula

Ave da familia dos colúmbidos da que existen varias especies, de cor gris na cabeza e na parte superior do corpo, onde pode ter pencas ocres, e cunha ou máis raias brancas e negras no pescozo.

En Divinas Palabras:

 UNA MOZA

– Responde qué es ello.

MIGUELÍN

– Un nido de rulas.

 

A rula común é unha ave migratoria –marcha ao que chega setembro e volve cando a temperatura é máis suave, aló polo mes de abril, para buscar compañía e ver de facer medrar a familia–. Cando o macho da rula canta, normalmente é para chamar a atención da parella, o que se chama arrolar, unha onomatopea que recolle o ruído que fai, algo así como ru-ru-ru –ou ro-ro-ro, que tamén estes paxariños poderían manifestar a vacilación vocálica entre "u" e "o" que é tan frecuente para nós–. Co mesmo sentido nace asemade o seu nome, rula ou rola, unha forma que é característica do galego e o portugués. En catalán e español triunfaron formas procedentes do latín turtur, turturis, de onde viría o tórtola castelán e o tórtora dos países de lingua catalá.

O caso é que Valle Inclán concluíu que rula era o nome propio dese xénero de paxaros, que ademais son moi comúns por aquí, polo que decidiu empregar sen máis a voz galega para se referir a eles. Seguindo o texto, entendemos que o home está a falar en realidade en sentido figurado, facendo un xogo coa lingua para non dicir abertamente que o que en verdade está vendo é unha parella ocupada en facer físico o seu amor. “Ay, gran pícaro, ya me das luces! ... ¡Dos que fornican! ”, exclama o seguinte personaxe, e despexa lixeiro toda a dúbida.

Neste blog promovido por varios centros de ensino secundario, hai máis información sobre a rula común e a rula turca, semellante á primeira na aparencia pero cuns hábitos de vida ben diferentes, xa que non marcha na invernada, quedando con nós acubillada no seu campamento base dos parques e xardíns.

7

toller

Deixar alguén con todos ou parte dos seus membros privados de movemento.

Na Farsa italiana de la enamorada del rey (1920), Valle pon na boca dun cabo do exército un comentario en ton ameazante: “¡Bulú! voy a meterte una tollera que has de llamar al Rey de tú.”

Dedúcese polo contexto da escena que o significado da palabra tollera ten de ser ‘unha serie de golpes’, ou sexa, que está empregada na mesma posición onde poderían aparecer os moitos sinónimos que o Dicionario recolle para a voz tunda, como son: boura, brea, carpanta, felpa, frega, malleira, marimba, palerma, soba, xota e mais zurra. En botando man dunha palabra en galego, Valle tiña moito onde escoller, como pode verse, para expresar este significado, pero decidiu recorrer a unha forma descoñecida, tanto na nosa lingua coma en castelán, e que só se pode explicar por derivación do verbo toller, que si forma parte do noso léxico patrimonial.

No Dicionario, atopamos dúas acepcións para este verbo –a que reproducimos arriba e mais unha segunda referida a “provocar un dano”, como sinónimo de estragar ou derramar–, que pode construírse cun complemento directo, como transitivo, ou ben como pronominal, indicando cando unha persoa queda tolleita ou tollida, ou sexa, eivada de todos ou parte dos membros do corpo. O verbo toller está ben documentado desde os primeiros textos, na alta Idade Media, aló polo século XIII, e sábese con certeza que procede dun tollere latino, que tiña entre outros valores semánticos os de ‘levantar’, ‘xerar’, ‘suprimir’ ou ‘poñer fin’; tamén era usado co significado de ‘soportar’, que logo herdou o romance tolerar.

Como substantivo derivado, no Dicionario figura tolledura, que xa é unha forma moderna –nos dicionarios históricos, aparece por vez primeira no de Pintos, de 1865– e con escasa presenza nos textos. A tollera de Valle suponse que é, como xa dixemos, unha voz imaxinada polo dramaturgo, que botou man do -era propio do castelán, tentando darlle a aparencia de forma común nese idioma.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir