Sete palabras ciclistas

A primeira bicicleta semellante ás actuais é de mediados do XIX. Pouco despois, preto de 1870, celébrase a primeira proba ciclista en París.

 

Aquí, no país, sempre fomos afeccionados a elas e xa nos anos 20 do século pasado, Honorino Méndez, gran impulsor do ciclismo galego, construía as súas baixo as marcas “Homen” e “Honor”. O escudo das ‘bicis’, como non podeía ser doutro xeito, era o galego. Non é de estrañar, por tanto, que de nomes para o palmarés do ciclismo, vaiamos sobrados: desde Delio Rodriguez que no 45 gaña a Volta a Galicia e a Volta a España, líder xa na segunta etapa, ata Álex Marque, que viste a camiseta vermella en Portugal en 2013. Tamén están Álvaro Pino e Óscar Pereiro, ou Ezequiel Mosquera do KGZ, o primeiro equipo profesional galego, e mais Eva Castro, a mellor das nosas ciclistas de montaña e unha das maiores especialistas do mundo. E non queda aí, porque moitos outros nomes galegos fixeron historia no deporte sobre pedais.

 

Bicicleta chegounos do francés byciclette, e tamén como se chama esta práctica deportiva, ciclismo, vén dos galos, que non perden ocasión de prestarnos algunhas das súas palabras cando se trata deste deporte: tour, maillot, finiseur, sur-place son galicismos que escoitamos con frecuencia. Para algúns temos equivalentes de noso e imos repasalos, canda outras palabras básicas deste deporte, neste Setestrelo.
 

 

1

contra o reloxo

Proba ciclista que se realiza saíndo os participantes un a un e cun intervalo, en vez de saíren todos a un tempo

Con esta expresión denomínase unha proba característica das competicións ciclistas  consistente no reto de percorrer unha distancia definida o antes posible, é dicir, indo contra o tempo que marca un reloxo, indo contra o reloxo. Outro nome co que tamén se coñece é crono, por abreviatura de cronometrada (por exemplo, "carreira cronometrada"). Ambos os dous termos empréganse con determinante en feminino (“o ciclista impúxose na contra o reloxo”, “o equipo acadou a vitoria na crono”), por entenderse que especifican o sentido do substantivo proba elidido ( "a proba contra o reloxo"). As cronos cando se realizan na subida a unha montaña teñen o nome de cronoescalada.

 

Nos últimos anos, o deseño facilitou a aerodinámica do conxunto ciclista-bicicleta, conseguindo mellorar en gran maneira a velocidade acadada nas contra o reloxo. Estas probas poden realizarse individualmente ou por equipos e para destacar nelas é preciso ter capacidade como velocista.
 

 

2

velocista

Atleta ou ciclista especializado en carreiras de velocidade en pequeno percorrido

É un substantivo que deriva do adxectivo veloz, do latín velox, -ōcis ‘rápido, lixeiro’,  mediante o sufixo –ista, moi empregado para engadir o valor semántico de ‘profesional, científico, practicante’, como de deporte deriva deportista ou de ciclismo, ciclista, é dicir, as persoas que o practican.

 

Os velocistas posúen gran potencia e alcanzan alta velocidade en esforzos curtos, no ciclismo ou noutras prácticas como o atletismo. A especialidade dos ciclistas velocistas son as probas de velocidade realizadas normalmente en pista, mais tamén se lles pode chamar así a aqueles que aproveitan as chegadas masivas á meta nas probas de estrada, é dicir, os que compiten ao sprint, por gañar.
 

 

3

sprint

Incremento da velocidade, o máis intenso posible, que un corredor realiza nun momento determinado da carreira, especialmente ao chegar á meta / O final mesmo da carreira, que se corre á maior velocidade posible

A orixe etimolóxica deste anglicismo podería estar no antigo inglés gesprintan, do nórdico antigo spretta, alto alemán sprinzan ou o sueco sprata, co significado de ‘dar un chimpo’, ‘iniciar algo’.

 

Como di a definición, faise un sprint ao chegar a unha meta, pero converteuse en común a utilización do termo fóra do ámbito deportivo, cun sentido extensivo ou figurado, sempre en alusión a un incremento da intensidade de algo na súa etapa final: “A apertura de novos centros ou titulacións deberá tamén disfrutar dun respiro, logo do sprint dos últimos anos” (Xaquín F. Leiceaga, Galicia Internacional, 1996).

O segredo do sprint é saber cando hai que facelo pois, de empezar antes do debido, gástanse en balde enerxía e esforzo. Porén, se se tarda moito, xa non se dará chegado á meta entre os primeiros. É dicir, as calidades destes deportistas son a rápidez e o aproveitamento instantáneo de enerxía. Todo o contrario do que fan aqueles que se enfrontan ás carreiras de montaña.  
 

 

4

escalador -a

Que escala

Os escaladores son especialistas en competicións de ciclismo de estrada, con probas de longas subidas e ascenso a portos de montaña. O termo deriva do verbo escalar, que á súa vez ten orixe no substantivo latino scala, co significado de ‘escada’.

 

O ascenso ao Pan do Zarcos nas competicións galegas, o L’Angliru na Vuelta a España ou o Tourmalet no Tour de Francia, todos eles portos de primeira categoría, son un reto para os escaladores, que reciben puntos cando son os primeiros en acadalos. O Dicionario define un porto como o "punto xeográfico situado nunha zona elevada de montaña ou entre montañas, por onde resulta máis doado o paso de persoas e vehículos e a construción dunha vía de comunicación". Están clasificados segundo o seu grao de dificultade, en función do nivel da pendente e a lonxitude, e van da terceira á primeira categoría.

 

Aos ciclistas que van de número un na clasificación de montaña, chámaselles “reis” e asígnaselles unha cor: azul (antes verde) no Giro italiano, de lunares vermellos no Tour de Francia, de lunares azuis na Vuelta a España, e verde na Volta a Galicia.
 

 

5

camiseta

Peza de vestir de punto, xeralmente sen colo, con ou sen mangas, que cobre o tronco

Para identificar quen vai primeiro nunha competición ciclista, utilízanse camisetas dunha determinada aparencia, do mesmo xeito ca noutros deportes existen distintivos para os vitoriosos, como é o caso das estrelas sobre o escudo das seleccións de fútbol cando gañan un Mundial.

 

A cor e os motivos da camiseta do ciclista que vai de primeiro na clasificación xeral, ou do que gaña definitivamente a proba por etapas, varía dependendo da competición: na Volta a Galicia a cor é a amarela, na Vuelta a España, é unha camiseta de cor vermella, no Giro italiano visten a maglia rosa e no Tour de Francia, o maillot amarelo.

 

Con esa terminación, camiseta é claramente un derivado de camisa, ben que a procedencia desta palabra xa non sexa tan evidente. O máis probable é que evolucionara a partir do latín tardío camisia, que á súa vez podería ser de orixe prerromana. En latín, usábase para designar a roupa propia para descansar deitado nos leitos, ou sexa, nas camas, pero nas competicións ciclistas, o que quere conseguir a camiseta de gañador ten que erguer o corpo da sela.
 

 

6

sela

Asento da bicicleta

Se algunha vez vimos unha proba ciclista, teremos gardadas nas nosas cabezas imaxes de como, nalgún momento dun duro ascenso a un porto, os corredores erguen na bicicleta para imprimiren máis enerxía e subiren mellor. Tamén o fan nos sprints, aínda que polo normal, no resto da carreira van sentados na sela.

 

Tanto é sela o asento da bicicleta coma o aparello que serve para sentar nun cabalo. A etimoloxía deste termo está no latín sella ‘cadeira, asento’ e nas linguas da nosa contorna evoluciona de forma semellante: no portugués, a forma sela mudou cara a un diminutivo irregular dando selim, no español dá en sillín, en catalán temos selló e no italiano sella.

 

A sela é un dos tres apoios, coas mans e os pés, que temos cando andamos en bicicleta, recibindo segundo os expertos máis do 50% do peso do corpo, cuestión que a fai moi importante, especialmente na competición, onde as investigacións en ergonomía fixéronas evolucionar ata os actuais deseños.
 

 

7

catarina

Roda de dentes agudos, coma a que fai mover o volante de certos reloxos, ou a que transmite mediante a cadea o movemento dos pedais ao piñón das bicicletas

Movemos as bicicletas, normalmente, coa potencia das nosas pernas, trasladándolles os pés a forza aos pedais; estes, por medio das bielas, á catarina –tamén chamada prato ou coroa–, e a seguir, por medio da cadea, aos piñóns e destes á roda motriz.

 

Catarina vén da expresión “a roda de Catarina”. A roda era un instrumento de tormento e un medio de execución medieval que se seguiu empregando ata o s.XIX (a última execución foi en 1841 en Prusia). Segundo a lenda, posta en dúbida pola propia Igrexa Católica, ao poñer enriba da roda a santa Catarina, condenada a morrer polo emperador Maximiano, un raio esnaquiza o instrumento de tortura, polo que deciden rematala por decapitación.
 

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir