Sete palabras con luz

A Asemblea xeral das Nacións Unidas declarou 2015 como o Ano internacional da luz e as súas tecnoloxías, xa que coincide con varios aniversarios: un milenio desde os primeiros estudos de óptica do iraquí Al-Haizán, o segundo centenario da consideración da luz como onda por parte de Fresnel, 150 anos da teoría electromagnética de Maxwell, os 110 da teoría do efecto fotoeléctrico elaborada por Einstein e o cincuenta aniversario do descubrimento da radiación cósmica de microondas de Penzias e Wilson.
 

A celebración faise a nivel mundial e cada país tamén promove independentemente os seus datos e eventos. Na páxina de coordinación galega pódense atopar desde concursos de microrrelatos ata actividades de astronomía e óptica das tres universidades, de museos, de institutos e de sociedades civís astronómicas, de lecer ou de montaña.
 

A evolución do mundo da luz en concreto e da radiación electromagnética en xeral foi en paralelo coa historia do home. Desde a cor ata a calor e o láser, pasando por telescopios ou microscopios, a iluminación doméstica e urbana, a decoración, a fotosíntese, a bioluminescencia dos lucecús ou da ardora e a historia da ciencia, a enerxía luminosa impregna unha parte importante do coñecemento e da esencia do ser humano.
 

Propoñemos un Setestrelo para aprendermos máis sobre a luz e a ciencia que a estuda, cales son os seus límites e de onde provén a remota etimoloxía de moitas das palabras relacionadas, tan básicas por se orixinaren hai milleiros e milleiros de anos.

 

A revisión especializada dos termos queremos agradecerlla a Brais Palmeiro Pazos, físico da USC e colaborador do CERN.

1

óptica

Parte da física que trata dos fenómenos da luz e da visión.

A óptica é unha das ciencias que se encarga da luz e da visión estudándoas desde un punto de vista físico, aínda que non é este o único posible: outras perspectivas poden centrarse na súa xeración e manipulación (fotónica) ou nos fenómenos cuánticos na súa interacción coa materia (óptica cuántica) ou de como son percibidas polos humanos (fotometría).

 

A palabra óptica tomámola do latín medieval, procedente dunha forma grega antiga relacionada coa tamén grega ops. Se nos remontamos máis atrás, ata o protoindoeuropeo *hokw, podemos descubrir que forma parte dunha familia que comprende palabras como o noso ollo (a través do latín vulgar oclu, orixinado no clásico oculus), o inglés eye, o alemán augen e o polaco oko, todos co mesmo significado.

 

A terminación –ica é habitual atopala en nomes de disciplinas, tanto as máis clásicas (cinemática, cinética, estatística, física, fonética, hidráulica) coma as máis modernas (informática, robótica, xenómica), aínda que nalgúns casos se usa máis en plural (matemáticas, económicas).
 

2

electromagnetismo

Rama da física que estuda as relacións entre as correntes eléctricas e os corpos magnéticos.

O que nos resulta posible ver entra dentro dun fenómeno físico máis amplo chamado radiación electromagnética, unha das catro interaccións fundamentais da natureza xunto coa gravidade e as interaccións nucleares débil e forte. Unha das súas causas é a aceleración de partículas cargadas electricamente e os seus elementos máis pequenos son os fotóns. No inicio do Universo, as catro forzas fundamentais eran unha soa pero, co paso da súa evolución, o electromagnetismo e a forza nuclear débil deixaron de estar unificadas.

 

A palabra está composta de tres partes: o sufixo –ismo, que responde a unha acción, estado, condición, doutrina ou propiedade; unha forma inicial electr(o)-, que procede do latín electricus e este do grego elektron, 'ámbar'; e unha segunda raíz magnet(o), procedente do nome dalgún lugar da Antiga Grecia: a rexión de Magnesia orixinal na Tesalia grega, outra rexión de Magnesia ad Sypilum (actualmente Manisa, na Lidia turca) ou unha cidade (Magnesia do meandro, na Turquía xónica), estas dúas bautizadas polos colonizadores gregos seguindo o nome da súa terra orixinal, derivándoo dunha das tribos ou razas fundadoras da cultura grega antiga. Desta terra sacaríanse unhas estrañas pedras que se atraían ou repelían entre si. Esta denominación herdouse na inmensa maioría das linguas europeas (inglés magnet, irlandés maighnéad, alemán Magnet, polaco magnes, ruso magnít, árabe maGnaaTiis), mais non nas peninsulares (castelán imán, catalán imant, portugués imã, incluíndo tamén o vasco iman).
 

3

radiante

Que se propaga por radiación, que irradia.

A familia léxica galega derivada do latín radius é irregular. Por unha banda, temos palabras como radiación, radiador, radial, radián, radiante e máis de sesenta creacións co prefixo radio-, mentres que por outra aparecen palabras patrimoniais como raia, raiano, raiar, raio, raiola e raioto. A orixe da palabra non está segura, aínda que hai especialistas que a relacionan con radix, 'raíz', de onde vén por exemplo radical.

 

A cuestión da importancia dos radios ou raios na luz –aínda que agora se coñeza máis sobre a natureza dual da luz como onda e como corpúsculo–, xa estaba presente desde o principio das investigacións. Empédocles comezou interpretando que os raios da visión ían desde os ollos ata os obxectos (Teoría da emisión) e cen anos despois Euclides utilizou na perspectiva as implicacións das indagacións anteriores para fundamentar a xeometría, pero milenio e medio despois Al-Haizán descubriu que isto non podía ser cando ao saír da escuridade dun cárcere no que o tiñan pechado lle doeron os ollos, propoñendo que os raios ían máis ben na dirección contraria (Teoría da intromisión).

4

onda

Oscilación ou vibración periódica producida nun medio físico por alteración dun punto.

As ondas electromagnéticas consisten en oscilacións sincronizadas de campos eléctricos e magnéticos, perpendiculares entre si e á dirección de propagación, e propagadas á velocidade da luz. A luz non é máis que radiación electromagnética, polo que a súa velocidade é a máxima que se pode dar no baleiro, mais hai varias características que a fan especial. Por unha banda, é visible para os humanos. Por outra, a interesante evolución histórica do seu coñecemento, xa que un dos atrancos básicos que se deu nas investigacións sobre a luz foi dilucidar se se trataba de partículas que viaxaban ou de ondas que transmitían unha excitación pero sen desprazamento da materia, como sucede nas vagas na auga: esta segunda hipótese por certos comportamentos da luz propios das ondas, como o feito de que un punto iluminado puidese non estar en liña recta directa coa súa fonte. A solución foi chegar a un compromiso no que se simultaneaban as dúas naturezas.

 

A palabra onda procede do latín unda e posúe unha gran cantidade de irmás coñecidas noutras linguas cando nos remontamos ao protoindoeuropeo. Da mesma orixe proceden palabras como as inglesas wet ('húmido'), water ('auga'), wash ('lavar') e otter ('lontra') e a grega hydro. Dous derivados da raíz anterior que chegaron a nós son nomes de bebidas de alta gradación alcólica: unha procede das linguas eslavas, o vodka, e a outra das linguas célticas, o whisky, e na orixe está a interpretación destes licores como auga con calor, con máis forza e de máis vida (a tradución literal do francés para augardente: eau-de-vie).
 

5

fotón

Unidade elemental de enerxía luminosa.

Cando un corpo cargado electricamente se move emite unha radiación. Esta radiación non ten masa, pero pode verse afectada pola gravidade, polo que os raios da luz, en particular os sometidos a campos moi fortes, poden desviarse. Os elementos máis pequenos que a compoñen son os chamados fotóns, que obviamente viaxan á velocidade da luz, aínda que tamén reciben este nome as partículas de calquera radiación electromagnética: microondas, dos raios X e dos raios gamma.

 

Durante un tempo pensouse que a luz se compuña simplemente destas partículas, pero isto non abondaba como explicación. Máis tarde, unificáronse as hipóteses de fotón coa de onda e, na actualidade, admítese a súa dualidade onda-corpúsculo.

 

O nome de fotón acuñouno Lewis en 1926 e procede do grego fos, fotos, forma ática do grego antigo faos, que significa 'luz'. Hai moitas outras palabras que usan esta base, desde as coñecidas fotocopia, fotografía, fotograma, fotonovela, fotosensible ou fotoxénico ata outras máis infrecuentes como fotónica ou fotismo (cada cor asociada para alguén con sinestesia).

 

A terminación –on úsase moito en física e química para designar elementos (deuterón, moito máis usual en inglés, como en boron ou silicon) ou grupos de cargas (ión, anión, catión), pero sobre todo partículas elementais (electrón, neutrón e protón), hipotéticas (plasmón, fonón) ou os seus aceleradores (sincrotrón).

6

infravermello

Situado máis alá do vermello escuro no espectro luminoso, polo que é invisible para o ollo humano.

O espectro visible da luz para os humanos distribúese entre dous límites fóra dos cales os nosos ollos non perciben a radiación electromagnética. Un deses límites é o infravermello. O seu nome derívase da súa posición relativa cando se ordenan as cores en función da súa frecuencia: o infravermello está por debaixo dos 430 THz do vermello visible, pero por riba dos 300 GHz das microondas.

 

A palabra consta de dúas partes. A primeira é o prefixo infra, que en latín xa se utilizaba así, tal cal, como preposición. A súa orixe no protoindoeuropeo produciu tamén a preposición inglesa under.

 

A segunda parte resulta máis curiosa, pois procede do latín vulgar vermiclus, que se orixinou do clásico vermiculus, diminutivo de vermis, 'verme'. E de onde vén que un animal lle dea nome a unha cor? Pois de que antigamente as tinturas se producían a partir de plantas e animais, e neste caso o vermello sacábase de hemípteros do xénero Kermes (de onde proceden as palabras carmesí e carmín), especialmente da especie K. vermilio. Para a cor e da mesma orixe son o catalán vermell  e o inglés vermillion (un tipo de vermello). A frecuencia da palabra vermello é recente, pois antigamente usabamos encarnado e colorado para esa cor.
 

7

ultravioleta

Relativo ou pertencente á parte invisible para os humanos do espectro solar ou luminoso, que está despois da cor violeta.

O rango do que se pode ver ten un límite por baixo e outro por riba por fóra dos cales a emisión non é humanamente perceptible. A rexión inmediatamente superior denomínase ultravioleta, que ten unha construción semellante a infravermello, xa que está composta de dúas partes: un prefixo e un nome de cor.

 

A primeira é ultra-, que significa 'alén' (que ten por antónimo cis-, 'aquén'). Ulter, o masculino de ultra, procede de combinar uls, ‘alén’, -ter- (que se usa para formar adverbios), e –a (que procede de ad, ‘cara a’ e que permite crear preposicións, como é o caso de extra e intra).

 

Na segunda parte do termo, a da cor, é moito máis difícil remontarse ás orixes e causas, xa que podería vir ben do francés violette, ben do italiano violetta ou quizais dunha creación galego-portuguesa, mais en calquera dos casos un diminutivo de viola, o nome latino para unha flor desa cor.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir