Sete palabras da India

Envés dun billete de unha rupia

Primeira rupia impresa polo goberno da República da India, co capitel do León de Sarnath, o emblema nacional.

1240 millóns de homes e mulleres recoñécense como indios. Son as persoas que habitan no segundo país máis poboado do mundo, a República da India, Bhārat Gaṇarājya, en hindi, a maioritaria das múltiples linguas que se falan na rexión, mostra da diversidade cultural e relixiosa que caracteriza un país que foi colonia británica e que, por medio dun movemento de resistencia e loita non violenta, conquistou a independencia, hai setenta anos. O líder da revolta, Mahatma Gandhi, converteuse nunha icona mundial do pacifismo, a xustiza social e a liberdade dos pobos.

Historicamente, a India foi o centro das grandes rutas comerciais, un lugar precedido pola súa riqueza, tanto material coma cultural. Hoxe en día, continúa a ser un espazo fascinante, que nos atrae pola súa diversidade e exotismo. Debemos ser conscientes de que ese interese e empatía tamén existe en sentido inverso, como demostra o proxecto do sociolingüista bengalí Anik Nandi “O galego é un mundo”, por poñer un exemplo dunha actividade recente. Por esta querenza mutua, e como recoñecemento á declaración da independencia e mais á constitución da república –26 de xaneiro de 1947–, presentamos este Setestrelo.

1

rupia

Unidade monetaria da India, Mauricio, Nepal, Paquistán, Seychelles e Sri Lanka / Moeda que representa esta unidade

O significado do étimo (rupya) atópase no sánscrito rup que era o nome da prata, pois a moeda orixinaria facíase con ese metal precioso. En concreto, o seu peso era de 178 gramos e fora acuñada baixo o mando do emperador Sher Shah Suri, no século XVI; desde entón, continuou a ser de curso legal, mesmo nos tempos da colonización europea. Da composición da moeda dependeu o seu valor relativo, por exemplo, cando no século XIX se descubriron enormes xacementos de prata en Estados Unidos mais nas colonias europeas, o poder adquisitivo de India baixou para o comercio internacional. Co tempo, a rupia foi adoptada en diferentes territorios, de xeito que pasou a empregarse cunha especificación para indicar a súa procedencia; fálase daquela de rupia nepalí, mauricia, paquistaní, indonesia etc.

Na actualidade, o Banco de Reserva da India é o responsable da emisión das rupias, que pode ser en billetes ou en moedas –elaboradas con aceiro fundido–, as cales levan no reverso o emblema nacional, o capitel do León de Ashoka, na cidade de Sarnath, que sinala o lugar onde a tradición di que  Buda predicou por primeira vez.

 

 

2

indio -a

(adxectivo) Da India ou dos seus habitantes / (substantivo) Persoa natural ou habitante da India

Utilizamos indio e hindú como palabras sinónimas, usándoas indistintamente como xentilicio das persoas nadas na India, e tamén, como adxectivo, para o que está relacionado con ese país ou procede de alí. Mais non sempre foi así, xa que en orixe as dúas palabras tiñan sentidos específicos: ‘ser da India’, por unha banda, e ‘relativo ao hinduísmo’, no segundo caso. A sinonimia produciuse por seren palabras próximas na forma, así como pola confusión da “descuberta” de América, cando os colonizadores pensaron que acababan de chegar ás Indias por unha ruta alternativa e deron en chamarlles indios aos habitantes das terras onde puxeron o pé. Aínda que logo se revelou a confusión, os indíxenas continuaron a ser os indios americanos, en tanto que o habitante da India foi o hindú, malia que unha das características do país é precisamente a presenza de múltiples confesións: hinduístas –calcúlase que máis de oitocentos millóns de indios o son–, budistas, católicos, musulmáns, xudeus etc.

O xentilicio indio -a, o mesmo ca o topónimo, procede do nome orixinario dos habitantes das rexións setentrionais da India (Hind), atravesadas polo río Indo (Hindu), que nace na meseta tibetana e desemboca no mar Arábigo. Desa base recóllese a raíz ind-, que pasará ao grego e logo ao latín, para finalmente se espallar nas linguas romances en múltiples derivados que chegan ata as linguas modernas. Esta é a fonte de India, indio, Índico ou indianismo mais tamén, como xa quedou explicado, de indiano (“persoa que marchou como emigrante para América e volve rico”) ou índigo (a substancia colorante, entre o azul escuro e o violeta, que orixinariamente proviña da India).

3

sari

Vestido tradicional das mulleres hindús que consiste nunha única peza de tea que carece de costuras e envolve e cobre todo o corpo

Aínda hoxe, o sari pode representar os valores da tradición india, xa que se asocia simbolicamente coa identidade nacional e implica un certo sentido relixioso. O nome orixinario, en sánscrito, levaba un < t > entre as vogais (sati, que literalmente podería traducirse por ‘tira de tea’) mais no tránsito ás linguas modernas transformouse en sari, forma coa que se exportou logo a outros idiomas. Agora ben, nin en todos os momentos nin en todos os ámbitos o traxe tradicional da muller india recibiu este nome, documentándose outras formas nos textos antigos e tamén na literatura budista, e así mesmo, na actualidade, o seu nome difire nos múltiples idiomas indios.

O sari é unha tea rectangular cunha extensión de entre cinco e oito metros de longo por 1’2 metros de ancho, suxeita nunha enagua longa ata os pés e que se complementa cun corpiño; para enrolalo no corpo, coñécense máis de oitenta maneiras diferentes. Os homes tamén tiñan unha vestimenta tradicional, o dhoti (o nome en hindi provén do sánscrito dhautra), unha especie de pano longo, cinguido á cintura para cubrir a parte inferior do corpo, pasándoo por entre as pernas.  Agora ben, en tanto que o dhoti caeu practicamente en desuso (agás nas zonas rurais e para os actos festivos), a maioría das mulleres indias continúan vestindo o sari a diario, xa que no caso delas, por riba da comodidade ou a liberdade de movementos, impúxose o valor do respecto á tradición, sobre todo desde os sectores máis conservadores.

4

paria

Individuo situado no máis baixo da escala social hindú, privado de todos os dereitos sociais e relixiosos, e non incluído en ningunha casta, co cal se considera deshonroso entrar en contacto

O sistema de castas –inxusto sistema que estruturaba rixidamente a sociedade en grupos de persoas partindo da súa orixe–, foi abolido por lei no ano 1947, ao declarar a India a súa independencia. Desde entón, os diferentes gobernos crean medidas de discriminación positiva, reservando postos na administración e no Parlamento co obxecto de asegurar a representación política dos niveis sociais máis baixos. Tamén existen axudas públicas para a educación e outros servizos sociais dirixidas ás persoas desa orixe. A nivel lexislativo, esta é a situación da India na actualidade, o que non quita que continúe a ser común –sobre todo desde Occidente– asociar o país co histórico sistema de castas, baseado no discurso relixioso hinduísta.

A manifestación máis aguda da casta (varna) era a “intocabilidade”, pola cal as persoas das castas máis baixas non debían ser nin sequera tocadas polo resto, pois considerábanse impuras. Un paso por atrás estaban aínda os parias, na súa maioría descendentes de tribos autóctonas e insubmisas, e tamén os fillos bastardos de pais estranxeiros ou pertencentes a castas distintas. Para eles, só estaban permitidos os traballos máis marxinais, como a artesanía ambulante, lavar a roupa ou tanxer os bombos polas rúas; este último parece ser de feito o significado do étimo, que proviría do termo pareiyan do idioma támil.

5

pagode

Templo, xeralmente en forma de torre, dos países de Extremo Oriente

Vasco da Gama abriu a ruta marítima de Europa coa India a fins do século XV e, alén de mercadorías, os portugueses trouxeron de volta novos conceptos e palabras para nomealos. É o caso de pagode, unha voz chegada a mediados do século XVI. A súa orixe non está clara, xa que tanto podería vir do támil pagavadi –traducible como ‘a casa que pertence a unha deidade’, relacionada co sánscrito bhagavati ‘deusa’, dun suposto *bhagah, ‘boa fortuna’–, coma do persa, concretamente nunha variación da forma butkada, onde o primeiro elemento, but, tiña o significado de ídolo, mentres que a terminación, kada, equivalía a ‘vivenda’.

O que teñen en común os dous camiños apuntados é que falan dun espazo, máis en concreto dunha vivenda, relacionada cun poder divino, definindo o sentido relixioso deste tipo de construcións. O pagode moderno é unha evolución do antigo estupa indio, onde podían gardarse e venerarse as reliquias e obxectos sagrados. Logo pasaron a ser lugares para a meditación e a oración. A súa forma arquitectónica é característica tanto da India coma de varios países do extremo Oriente —China, Vietnam, Xapón, Tailandia ou Corea–, e en cada un destes lugares incorpora detalles específicos da arquitectura da zona.

 

6

devanágari

Alfabeto que se emprega na escrita de varias linguas da India

A orixe india desta palabra déixase ver na súa forma. Procede do sánscrito devanagari (con acentuación sobreesdrúxula na lingua orixinal), que era á súa vez un composto de devá, ‘deus’, e nágari, ‘urbano’, ou sexa, que se podería traducir aproximadamente por ‘cidade dos deuses’. Suponse que a razón de que o alfabeto se describise deste xeito estaría relacionada co feito de que as persoas que eran capaces de ler e escribir se percibisen como iniciados, ou tamén con que os primeiros textos escritos fosen de carácter transcendental e relixioso.

O sistema de escrita devanágari é unha derivación do brahmi, que se desenvolve por completo no século XI e é empregado para representar moitas das linguas faladas na zona: o hindi, o nepalés, o marathi, o sánscrito e moitas máis, xa que o devanágari é un dos sistemas de escritura máis usados do mundo, utilizado para máis de 120 idiomas e dialectos. Na actualidade, de feito, o devanágari funciona como medio de comunicación entre as persoas cultas de toda a India.

O devanágari é unha escritura silábica, que se le e se escribe de esquerda a dereita, e de arriba a abaixo, no mesmo sentido que o facemos nós, e cada consoante leva aparellada en por si unha vogal <a>, que pode presentar distintas variantes. Unha das cousas que máis chama a atención cando miramos un texto escrito en devanágari é que as palabras semellan unidas por unha liña horizontal superior; os indios chámanlle mantra, que podería traducirse por ‘potencia’.

7

arroz

(Oryza sativa) Planta da familia das gramíneas que se dá en terreos moi húmidos e ten como froito un gran comestible moi rico en amidón

China ou India? Os dous países reclaman para si ser o lugar onde comezou a se cultivar a planta hai séculos. O nome con que a identificamos procede probablemente do árabe ar-ruzz, sen apenas variación; mais tamén hai fontes onde se argumenta que a palabra chegaría ás linguas europeas a través do grego, e que este á súa vez viría dunha forma do sánscrito, urīhi. O arroz constitúe un elemento básico da cociña asiática en xeral e na India localízanse vastos terreos de cultivo, que se estenden por todos os estados. De feito, a produción arroceira no país constitúe a principal fonte de ingresos para máis de 50 millóns de fogares, especialmente no sur

Coñecer sabores do mundo e experimentar con gastronomía de diversas procedencias é algo popular hoxe en día. Por esta razón é doado conseguirmos moitos produtos de lugares afastados, como pode ser o caso do arroz basmati, orixinario do sur da India –cultívase neste país e en Paquistán desde hai centos de anos–, e que alí consomen coma aquí a pataca, ben como acompañamento, ben facendo de base en preparacións tradicionais. O basmati é unha variedade de gran longo, recoñecido polo seu sabor e pola súa fragrancia, que é de feito o significado do étimo en hindi (bāsmatī).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir