Sete palabras da tipografía

Caixa de tipos móbiles e distintas fontes do tipo American Typewriter, creado en 1974 por Joel Kaden and Tony Stan para a fundición ITC de Nova York

Páxinas web, correos electrónicos, mensaxaría instantánea, procesadores de texto, presentacións, follas de cálculo… hoxe en día interactuamos cos textos máis ca nunca. A expresión escrita da lingua implica unha representación visual, onde as fontes tipográficas xogan un papel decisivo, pois cada unha delas expresa unha personalidade propia que muda o modo en que se recibe a mensaxe. Escoller un tipo de letra implica intervir na carga significativa do texto, o que supón a oportunidade de influír na resposta que se espera provocar.

Neste  momento de comunicacións dixitais, non fai falta ser especialista para explorar as múltiples posibilidades que ofrecen calquera dos procesadores de textos. Cada vez estamos máis familiarizados co léxico da tipografía e coa utilización de palabras específicas deste ámbito, moitas delas coincidentes con termos comúns na linguaxe cotiá. A medida que se foi desenvolvendo a tipografía dixital, parte do léxico tradicional caeu en desuso e naceron novos conceptos. Tamén se transformaron os significados dos antigos termos técnicos. Con esta perspectiva, xuntamos as sete palabras clave da tipografía que compoñen este Setestrelo.

1

fonte

(Informática) Conxunto de modelos vectoriais que representan os caracteres dunha letra, con descricións respecto á súa posición e conformación, almacenados nun ficheiro

No Dicionario, tipo (do latín typus -i ‘representación’, a partir do grego túpos -ou) vén definido como “cada un dos caracteres ou clases de letra de imprenta”, ademais de ter a acepción, específica da imprenta clásica, “peza de metal que leva unha letra ou outro signo en relevo”; mais tipo de letra é tamén unha serie de fontes que forman un conxunto cunha aparencia común, o que comunmente chamamos unha tipografía –por exemplo Times, Helvética ou Verdana–.

Na actualidade, tipo de letra e fonte empréganse como sinónimos. Este uso espallouse, desde os anos oitenta do século pasado, entre os usuarios de computadores, como equivalente do inglés font (datado para esta acepción na segunda metade do XVII). Mais nun sentido específico, no vocabulario técnico, fonte e tipo non comparten significado, como de feito sucedía en orixe, nos tempos da impresión tradicional, pois cada fonte especificaba un determinado tamaño, peso, estilo, inclinación, ornamentación etc. dun tipo. Por exemplo a famosa Times New Roman, distribuída por Microsoft en todos os Windows desde a versión 3.1, é un tipo. Se falamos deste tipo cun tamaño de 12 puntos e en cursiva, estariamos falando dunha fonte, a Times New Roman, de 12 puntos, cursiva. En consecuencia, alén da definición propia da informática que se recolle arriba, unha fonte tipográfica é un padrón ou colección de caracteres dun tipo, que comparten un mesmo deseño e atributos.

En última instancia, a etimoloxía deste termo, radicaría no latín coloquial *fundita, como forma substantivada do participio pasado de fundere, ‘fundir’, ‘derreter’, ‘verter’. O sentido con que esta palabra latina se traslada ao francés medio (fonte) enténdese se pensamos nos métodos da imprenta clásica, onde os tipos, é dicir, a representación de cada unha das letras, fúndense en pezas metálicas que ao se impregnaren con tinta imprimirían o papel. Fonte viría entón de fundición que aínda é o nome co que se coñecen hoxe en día as empresas que deseñan, producen e venden as tipografías. Desde o francés, fonte introduciuse na lingua inglesa, font, e deste idioma adaptouse a moitos outros.

2

glifo

Signo ou debuxo de carácter simbólico empregado en diferentes sistemas de escritura

Os manuais de tipografía aconsellan distinguir entre letra, carácter e glifo. Letra é o concepto máis abstracto, cada unidade do alfabeto dun idioma –pensemos na primeira letra do alfabeto–. Carácter (ou grafema) é cada unha das unidades textuais dunha tipografía –seguindo co exemplo, estariamos falando do carácter <a>–. E glifo enténdese como a representación gráfica dun carácter, de parte dun ou de varios caracteres – de continuarmos co <a>, veremos que podemos representalo por glifos distintos: a, a ou a–.

Trátase dun neoloxismo de raíz grega que nos chega desde o inglés glyph. En grego, o substantivo glúphé -ês servía para denominar o debuxo ou a figura que se obtén por calquera procedemento de gravado. Moitos séculos despois, coa chegada da imprenta, os gravados pasaron a realizarse nas pranchas de impresión que se reproducirían sobre o papel. Foi por esta razón que o termo glifo, en orixe propio da arquitectura, foi acollido para a tipografía, coa acepción que se indica arriba.

Mais o termo glifo non se limita ao vocabulario tipográfico ou arquitectónico; en arqueoloxía, por exemplo, os glifos son os símbolos escritos, gravados ou debuxados empregados en calquera sistema de comunicación existente. E así os debuxos simbólicos feitos nas pedras son os petróglifos, e os xeróglifos, os signos utilizados na antiga escritura exipcia con que se representa unha idea (de glifo e hieros, sagrado en grego).

3

grosa

Letra, carácter, de maior grosor, que se utiliza para destacar

O adxectivo procede directamente do latín tardío grossus -a -um, co mesmo significado, ‘o que ten moito grosor ou moito diámetro’, sinónimo de gordo e oposto a fino. A través do morfema gros-, este contido semántico trasládase a outros derivados, por exemplo, engrosar mais o seu antónimo desengrosar, grosaría, groseiro -a etc. Tamén é de uso bastante habitual na lingua actual a locución latina grosso modo, “a grandes liñas, máis ou menos”, con representación gráfica etimolóxica.

A letra de trazo máis groso tamén se coñece co nome de negra, por oposición á letra branca, partindo da idea de que unha zona cun texto feito de letra grosa se percibe como máis escuro (cando os miras a unha certa distancia, cos ollos entornados), rompendo a “cor do texto” que se considera que debe ser gris claro. Con todo, desde hai moito prefírese letra grosa como termo para denominar o modo de representar calquera tipo de letra con trazo de maior grosor. Noutras áreas lingüísticas da Romania, prevaleceu tamén esta opción, tal é o caso do francés (caractère graisse) ou o italiano (carattere grassetto), alén do portugués (letra grossa), fronte á solución do castelán (negrita) ou o catalán (negreta).

A función da letra grosa é a de poñer en destacado determinados elementos ou palabras que teñen unha significación especial; isto implica que se comporta como unha marca visual para a organización do texto, permitíndolle ao lector localizar rapidamente un punto que se considera relevante. En certa medida, cumpre unha función similar ao subliñado, se ben é máis frecuente o emprego da letra grosa, sobre todo nos textos dixitais, onde o subliñado adoita utilizarse nas ligazóns. Nun texto común, o abuso da letra grosa fai que esta perda a utilidade de poñer a énfase en certas palabras. Nos manuais de estilo, atopamos que adoitan marcarse con letra grosa: os titulares, subtítulos, entradas e sumarios de revistas e xornais; as entradas dos dicionarios, número de acepción e fraseoloxía; os títulos dos capítulos e epígrafes e mais a palabra artigo nos textos legais.

4

itálica

Letra, carácter, inclinado cara á dereita

Nos talleres dos calígrafos renacentistas italianos foi onde, entre os séculos XV e XVI, saíron do prelo os primeiros libros impresos coa coñecida como littera antiqua (unha harmoniosa combinación das tradicionais versais romanas coas minúsculas carolinxias, da época de Carlomagno), a que usamos a día de hoxe continuamente en fontes como Garamond ou Times, entre outras. Da escola dos tipógrafos humanistas italianos, un dos máis destacados foi Aldus Manutius, que tiña o seu obradoiro na cidade de Venecia, e por quen recibe o nome a letra itálica.

De feito, probablemente a itálica –tamén coñecida como cursiva ou aldina–, foi creada para el, arredor do ano 1499, por un dos seus axudantes, Francesco Griffo de Bologna, co obxectivo de axustar aos novos formatos de edición, de tamaño máis reducido, a cursiva das chancelerías italianas (empregada, por exemplo, nalgún dos nosos máis famosos cancioneiros medievais). Na terminoloxía tipográfica tradicional, era habitual chamarlle por este motivo grifo ou letra agrifada. Posteriormente, ocupouse de perfeccionar o modelo un outro colaborador habitual de Aldo Manuzio, reducíndoo a unha forma máis simple, clara e lexible.

A letra itálica diferénciase da grosa na medida en que marca unha énfase que só se percibe no momento da lectura, non co primeiro golpe de vista. En xeral, nos manuais de ortotipografía, recoméndase usala para os títulos de libros, publicacións periódicas, obras de arte, películas, programas de radio e de televisión etc.; para os vocábulos ou expresións pouco frecuentes, incorrectos, inventados, os estranxeirismos que non están admitidos etc.; tamén se adoita empregar a itálica cando se escribe un termo ao que se fai referencia dentro do propio texto; cos exemplos, os nomes científicos, as anotacións en obras dramáticas e mais o alcumes; e, en xeral, cando se lle quere dar unha énfase subxectiva a calquera palabra ou expresión.

5

capitular

Letra, carácter maiúsculo adornado e coloreado co que comeza un capítulo, un artigo etc.

O adxectivo capitular é un derivado de capítulo que, en referencia a un libro, indica cada unha das partes en que se divide a obra e serven para estruturar o texto, sinalando a secuencia que o autor quere facer do contido. A palabra capítulo procede do latín capitulum -i, o diminutivo de caput -itis, que tiña varias acepcións, entre delas ‘cabeza’ ou ‘parte alta’; daquela, o significado orixinario de capitulum sería o de ‘cabeciña pequena’ mais aínda en época latina adquiriu ademais a acepción de ‘adorno con que se encabezaban as divisións ou capítulos dun libro’ e desde aí pasou a denominar o capítulo mesmo.

As letras capitulares comezaron a empregarse na Roma antiga co sentido principal de facilitar a lectura, pois funcionaban como indicadores de parágrafo, o que nos antigos manuscritos romanos resultaba útil, xa se escribían en letras maiúsculas, de tamaño uniforme e con moi pouco espazo entre as palabras,  resultando difíciles de ler. A vantaxe de destacar o comezo dos parágrafos era importante se pensamos, por exemplo, nos libros empregados na liturxia naquelas igrexas onde adoitaba haber pouca luz, onde non podía ser doado atopar un fragmento determinado durante o rito.

Máis tarde, coa evolución da caligrafía e a escritura, as capitulares reserváronse para os titulares, a primeira letra dos nomes propios ou en xeral para cando era necesario remarcar algo. A súa presenza tamén facía máis rico un manuscrito, como se pode apreciar nos cancioneiros medievais galego-portugueses; nalgúns deles, poden incluso verse os espazos reservados onde posteriormente estaba previsto engadir as capitulares e que quedaron en branco, nalgúns casos por falta de presuposto abondo.

Un erro bastante estendido consiste en confundir letra capitular con letra capital (de capitalis, -e ‘principal’), que en realidade é sinónimo de maiúscula ou versal.

6

versaleta

Letra, carácter que ten forma de maiúscula e tamaño de minúscula

Deriva como diminutivo de versal (ou maiúscula, chamada así por ser a que se empregaba no inicio do verso), por medio do sufixo -eta, como en agulleta ou cadeneta ou historieta; de feito, despois de -iño -iña, -ete -eta é o sufixo que en máis ocasións permite lexicalizar palabras novas. Do propio nome dedúcese que a versaleta é un estilo de letra que imita a maiúscula mais co tamaño da minúscula, como sinala a definición de arriba, e como se deixa ver nas solucións terminolóxicas das linguas máis próximas: o portugués, o catalán, o castelán e mais o italiano optan polo diminutivo (versalete, versaleta, versalita e maiusculetto respectivamente), en tanto que o inglés e o francés escollen unha forma complexa: small caps e petite capitale (‘maiúsculas pequenas’).

Os expertos salientan que as versaletas non son simplemente versais máis pequenas senón que se trata dunha variante cun grosor de trazo compensado co da fonte que acompaña. Tipograficamente, as versaletas son necesarias, en primeiro lugar porque, nun bloque de texto, a palabra escrita enteira en versais vai destacar esaxeradamente e, alén disto, porque están deseñadas para traballar xuntas, ao contrario das versais, que foron concibidas para combinarse coas minúsculas. Por este motivo, cando se empregan maiúsculas reducidas no canto de versaletas –como fan algúns programas informáticos–, resultan menos lexibles e teñen menor presenza tipográfica.

Orixinariamente –arredor do século XVI–, a versaleta empregábase para destacar os nomes propios de persoas e os topónimos. Na actualidade –desde os oitenta do século pasado–, utilízase, sobre todo no ámbito anglosaxón, para as siglas; ademais, tamén está recomendado o seu uso nos apelidos dos autores e autoras nas listaxes bibliográficas, na numeración romana cando acompaña un substantivo escrito en minúscula, no nome dos personaxes nas obras dramáticas e mais nos étimos das palabras.

7

caixa

Caixón con compartimentos para colocar as letras e os signos tipográficos

Esta palabra procede dun capsa, -ae que os romanos empregaban para lle chamar a unha especie de estoxo, con forma de rolo, onde gardaban os libros, e que na lingua de hoxe conservamos como cultismo, a través do diminutivo, en cápsula. Co tempo, o sentido da palabra foise abrindo e acabou por nomear un recipiente onde se poden gardar múltiples cousas. Na forma con que a coñecemos, caixa probablemente chegou á nosa lingua no século XIII por medio do catalán caixa, irmán do provenzal caissa, xa que se trata dunha palabra pouco frecuente nos textos medievais, que maioritariamente aparece en escritos vinculados ao comercio. A partir da base caixa, fóronse lexicalizando na lingua patrimonial formas derivadas que se fixaron como palabras de seu, por exemplo, caixón, caixarolo (de tamaño pequeno) ou caixada (o contido que cabe nunha caixa determinada).

Cando se trata de impresión, por caixa enténdese a área que se imprime en cada páxina, da que xorden catro marxes (laterais, superior e inferior), de dimensións variables. Esta acepción, que actualmente seguen utilizando os deseñadores e maquetadores, provén do mundo da tipografía tradicional, nos tempos da composición manual, pois a caixa era o soporte onde os tipógrafos colocaban un a un os tipos móbiles, as letras de imprenta, tal e como describe a definición recollida arriba. Cada un destes tipos almacenábase en recipientes, en caixas, situados na zona de traballo, as maiúsculas arriba e o resto abaixo. Así, uns acabaron por chamarse de caixa alta e outros de caixa baixa, onde tamén se atopaban os números, a puntuación e os espazos. A día de hoxe, continúase falando de letras de caixa alta e caixa baixa para distinguir maiúsculas e minúsculas, a pesar de que mudasen totalmente os métodos de impresión.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir