Sete palabras de fútbol

“Galicia está controlando o partido. Trinta e un da segunda parte. Todo está por decidir… que equipo, Galicia ou Brasil, se vai clasificar para a fase final do Mundial”  (Galicia- Brasil I. Viña, Mercedes Peón e Manu Chao)

Ía o ano 1997 e habiamos comer o mundo. A revista Bravú adicáballe ao noso combinado un número que levaba inserido o cedé Selección Galega Xa! Nel, na peza A lume de biqueira, os xogadores Fran –o astro de Ribeira– e mais o seu irmán Xosé Ramón, xunto cos Diplomáticos de Montealto, cantan:
"Vai o ghol, aghora vai o ghol… Alento, bandeiras, ghorxas en gherra. Fútbol total nos campos de terra… lume de biqueira, fútbol total e o balón á silveira".

Se queres escoitar que ben soan, así como ver a revista en PDF podes facelo nesta ligazón do vello Vieiros.

E agora, uns anos despois, á altura do Mundial de Brasil, dános por facer un Setestrelo de voces comúns de fútbol… que orixinalidade! E entón descubrimos, que botar a vista atrás, pode ser máis ca malo, malísimo.

Mais fronte á nostalxia, esperanza, e atendede á canción anterior que remata dicindo que no fútbol e na vida os galegos e as galegas xogamos ao ataque. El será certo?
 

1

xute

Golpe forte dado co pé ao balón, no xogo do fútbol

O golpe forte que se dá para enviar a bóla lonxe facendo un pase longo, ou normalmente cando se lanza á porta, é dicir, cando se dispara o balón coa intención de marcar gol, denomínase xute e a súa transparente orixe está no termo inglés shoot, ‘disparo, lanzamento’, que adaptamos graficamente con <x> e <u> para representar no noso sistema a pronuncia do anglicismo, do mesmo xeito que de shampoo temos xampú.

A acción derivada do substantivo é xutar e ten como sinónimo disparar, así podemos dicir "xutou / disparou directamente á portaría". Pero no fútbol non todos son xutes, ás veces hai que xogar o balón con sutileza, amodo, con pases curtos que intenten marear os xogadores do outro equipo para buscar un oco que nos deixe nunha boa posición para rematar, é dicir ‘tirar directamente á portaría o balón que se recibe doutro xogador’. Tamén se pode peitear o balón, ‘rozándoo lixeiramente coa cabeza para desviar a súa traxectoria’ ou canear os xogadores do outro equipo para ‘esquivar a súa oposición e seguir adiante co balón’.
 

2

córner

Circunstancia que se produce en certos xogos coma o fútbol cando sae o balón pola liña da portaría despois de ser tocado en último lugar polo porteiro ou por outro xogador do equipo que defende, que dá lugar a un lanzamento desde a esquina / Saque que se efectúa tras o córner desde unha esquina do campo

O termo non ofrece dúbidas etimolóxicas xa que se trata dun anglicismo que se traduce por ‘esquina’. Córner e a súa adaptación saque de esquina empréganse coa mesma frecuencia na linguaxe actual, se ben as primeiras referencias de uso, que datan dos inicios do século pasado, dan como forma máis común córner; así, nun boletín informativo quincenal do ano 1922 atopamos este exemplo: “Castigase ao Betanzos neste tempo con tres córners e un penalti que vai fóra”.

Que se produza un saque de esquina ou córner pode indicar que o equipo se está achegando á área do contrario con certo perigo. A oportunidade de sacar un córner é unha boa ocasión para centrar o balón que, como se recolle no Dicionario, é unha xogada que consiste en “lanzar o balón sobre a área para que quede en disposición de ser rematado”.
 

3

banda

Cada unha das dúas partes de certas cousas, comprendida entre unha liña central imaxinaria e o bordo

Podemos botar un partido de fútbol na praia ou nun campeiro, mais se falamos do xogo regrado, é ben saber que se precisa un campo especialmente preparado, coas medidas estándares establecidas pola FIFA. De feito é relativamente común que se empregue campo de fútbol como medida de referencia en exemplos como ‘a enchente do río asolagou unha superficie equivalente a 10 campos de fútbol’.

Nos campos hai unhas zonas chamadas bandas, que son as franxas de terreo que ocupan os lados máis longos do rectángulo. Os lados máis curtos, onde se sitúan as portas, reciben o nome de liña de portaría, liña de fondo ou simplemente fondo (de aí veñen as denominacións fondo norte e fondo sur). Sobre a orixe etimolóxica de banda existe certa incerteza, aínda que a hipótese máis común derívao do gótico bandwo que significaba 'signo, bandeira', e que sería a mesma para as bandas (babor ou estribor) dun barco.

Se a bóla sae fóra das liñas que marcan as bandas provoca un saque de banda, no que o equipo contrario ao que botou o balón fóra é o encargado de volver metelo dentro do terreo de xogo.
 

4

árbitro

Persoa que aplica e fai que se cumpra o regulamento nunha competición deportiva

A palabra provén dun étimo latino arbiter que significaba ‘testemuña’, ‘investigador’, ‘xuíz ou árbitro’ e tamén  ‘o que goberna’, isto é, todas as funcións que desempeña na actualidade un árbitro de fútbol.

Nas crónicas deportivas dise que o peor que pode acontecer nun partido de fútbol é que se fale da actuación do "home de negro", porén é un personaxe indispensable xa que fará cumprir as regras de xogo, actuará como cronometrador, tomará medidas disciplinarias amosando as tarxetas e redactará unha acta co sucedido durante o partido. Con todo, non está só no campo xa que o auxilian os dous asistentes, situados nas bandas, e o cuarto árbitro.
 

5

asubío

Acción e efecto de asubiar / Pequeno instrumento que serve para asubiar.

Parece ser que a primeira vez que se empregou este obxecto nun evento deportivo foi en Nova Zelandia en 1884, nun partido de rugby, ante a incapacidade de facerse respectar a viva voz ou con trapos e campaíñas, como era habitual. Fronte ao rebumbio dos xogadores impúxose a necesidade de contar cun sinal acústico contundente. Hoxe o uso do asubío está regulamentado pola FIFA, se ben o que se lle escapa á norma son aqueles asubíos ou apupos que poidan xurdir das bancadas para amosar o descontento dos afeccionados co xogo do seu equipo ou coa actuación arbitral.

O termo é un derivado regresivo do verbo asubiar “emitir un son agudo facendo pasar o aire entre os labios case pechados ou por un instrumento cunha abertura estreita” e, referido ao instrumento, ten como posibles sinónimos pito ou chifre.
 

6

adestrar

Realizar exercicios para tornarse destro ou hábil nunha determinada práctica

Este termo fórmase por un procedemento de parasíntese no que ao adxectivo destro “que ten moita experiencia e habilidade nunha arte ou oficio” se lle incorpora o prefixo a– e o sufixo –ar simultaneamente. O adxectivo base procede do latino dexter, -a, -um que significaba ‘dereito, que está na man dereita’ ou ‘destro’. En principio, o concepto emprégase para definir todo tipo de ensinanza organizada que aumente a capacidade de rendemento físico, psíquico, intelectual ou técnico do ser humano. Así, adéstrase nun deporte, pero tamén nun traballo para aumentar o rendemento; no ámbito militar, para entrar en combate. Ultimamente imponse unha nova modalidade: o coach que é adestrarse para aprender a potenciar as habilidades propias e sacarlle o máximo partido.

O papel do adestrador vai ben máis aló de ordenar exercicios para mellorar a preparación física, ou decidir aliñacións e tácticas, actuando moitas veces como líder e mesmo psicólogo ata conseguir  formar equipo.
 

7

bóla

Obxecto en forma de esfera / Calquera cousa á que se lle dá ou que ten esa feitura

O obxecto do desexo para os futbolistas chamouse desde sempre bóla, porque ten forma de esfera e é a tradución da parte final do termo inglés football ‘pé + bóla', mais o uso da bóla non é exclusivo do fútbol senón que hai multitude de xogos e deportes que se fundamentan no seu manexo, como o tenis, o baloncesto, o billar, a petanca ou as propia bólas.

Tamén se empregan na linguaxe deportiva os equivalentes pelota, termo introducido polo castelán, e balón, que parece chegar desde o francés aínda que a súa orixe é italiana. O regulamento da FIFA indica que a bóla debe ser esférica, de coiro ou similares, cunha circunferencia non superior a 70 cm, un peso que non exceda os 450 g e unha presión entre 0,6-1,1 atmosferas ao nivel do mar, por iso tamén se utilizan outras denominacións metonímicas como coiro ou esférico.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir