Pasaron case oitenta anos desde desde a estrea do himno no Gran Teatro da Habana ata que se converteu por lei nun dos nosos símbolos oficiais xunto coa bandeira e o escudo, pés audiovisuais sobre os que asenta a expresión da identidade de calquera país.
Entre o terzo final do século XIX e os primeiros anos do XX, houbo unha busca e adopción de símbolos nacionais por parte dos diferentes pobos que procuraban elementos de cohesión social e recoñecemento internacional. A esta arela non foi allea Galicia, para o cal, sucedéronse neses anos propostas de himnos, que chegan a sumar unha ducia, e que non deixaron de aparecer incluso cando a creación de Pondal e Veiga xa alcanzara certa sona.
A iniciativa do proceso correspondeulle a Pascual Veiga, que uniu dese xeito o prestixio conseguido con obras tan populares coma a súa Alborada ao da figura literaria indiscutible da época, supervivente do Rexurdimento, unha vez que Rosalía morrera e Curros non estaba en Galicia. Da correspondencia entre os autores despréndese que o poeta realizou cambios suxeridos polo músico por razóns rítmicas, pero outras alteracións do texto inicial parecen deberse a erros tipográficos que se foron consolidando e acabaron por oficializarse. E a pesar das propostas dos estudosos do texto pondaliano para emendar as deturpacións que varían a interpretación do texto aínda non se corrixiron.
Como agasallo para o vindeiro 25 de xullo deixamos aquí dúas pezas relacionadas con Himno. Á esquerda unha reprodución da primeira impresión, distribuída en 1890 no programa do certame musical organizado polo Orfeón coruñés nº4, que dirixía Pascual Veiga, no que se convocaba un concurso para compoñer a música do himno, e á dereita un PDF co manuscrito d’Os Pinos, nunha das primeiras versións das moitas que fixera Pondal. Ambos os documentos residen no arquivo da Real Academia Galega. [Preme nas imaxes para ampliar e/ou descargar os documentos asociados]
Imos, pois, con este Setestrelo das palabras do himno e de querermos seguir as indicacións dadas a principios do século XX, poñámonos de pé e descubrámonos.