Sete palabras do inferno

O léxico tanatolóxico (de Tánatos, o deus grego da morte) é un dos máis importantes para unha cultura e procede, no noso caso, maioritariamente do mundo clásico. Para os antigos gregos, cando as persoas morrían comezaban unha viaxe que os levaba ao inframundo, o Hades. Alí tiñan que cruzar un río coa axuda do barqueiro Caronte, cunha barcada que era unha moeda posta na boca do morto. Tras esta barcaxe, cumpría cruzar os Prados Asfódelos e os famosos Campos Elíseos (onde quedaban os virtuosos) para chegar á última parte, o Tártaro. En todo este traxecto, o río máis coñecido é o Estixe (que vai dar á lagoa ou marisma do mesmo nome), pero ben máis preto de nós está o río Lete, o do esquecemento, que Décimo Xuño Bruto localizou no Limia.

Moitas outras culturas teñen inframundos ou ultramundos a onde os mortais van para non poder volver (a Gehenna ou Xeol para os xudeus, o Naraka budista, o Tír na nÓg céltico, o Barsakh islámico, o Mictlán azteca, o Xibalba maia), como destino de castigo para os malditos.

Aínda que non é un lugar recomendable, moitos deuses e heroes baixaron ao Hades e foron quen de volver: Perséfone (ou Proserpina) e a súa nai Deméter, Dioniso, Hermes, Orfeo, Ulises, Eneas, Teseo e Hércules para as súas probas. Do mesmo xeito, séculos máis tarde, Lázaro, Xesús ou Dante estiveron nestes lugares.

Imos pois con estas sete palabras vindas do inferno

1

inferno

1. Lugar onde residían, segundo algunhas relixións, as almas dos mortos / 2. Lugar onde, segundo o cristianismo, as almas dos condenados recibirán castigo eterno

Se buscamos no Dicionario, dúas das palabras máis próximas a inferno son inferior e infero-, que nos dan a idea de que o inferno é precisamente un lugar localizado nunha posición por debaixo da nosa. De feito, ben se lle pode chamar inframundo. A mesma terminación, que en latín servía para crear adxectivos, vólvese ver noutras palabras de posición espacial, como externo ou interno. No caso de inferno –e tamén inverno–, prodúcese un cambio de categoría de xeito que se fixan como substantivos, polo que logo se desenvolve un adxectivo en –al: infernal, invernal.

O concepto dun lugar subterráneo para onde van as almas dos mortos é común en moitas culturas (dende a Gehenna xudía ata a Divina Comedia de Dante), aínda que non universal: a etimoloxía do Hades grego e do Hell inglés indica que están escondidos, mentres que o Valhalla nórdico é un salón.

2

tártaro

Lugar da mitoloxía grecolatina onde residían as almas dos mortos

Tártaro é tanto un deus coma o sitio no que este habita (do mesmo xeito que Ponto o é para o mar). É un dos fillos de Caos, a divindade primixenia de onde xurdiron todas as demais a partir dos seus descendentes Gaia (a Terra), Erebus (a escuridade) e Nix (a noite). Como lugar, está tan por debaixo de Hades como a terra está por debaixo dos ceos.

Segundo indica o Dicionario, tártaro ten outras dúas acepcións: a do ácido tartárico –xa coñecido polos gregos–, e a relativa á rexión asiática dos tátaros –de onde pode que veña a anterior–. Os tátaros ou tártaros non son os habitantes do Tártaro senón un pobo turcomán de Siberia e da Europa oriental. Mais o que si temos no Dicionario é o nome dun suposto poboador do lugar: a tartaruga. Procedente do grego (tartaroukhos) a través dunha adaptación latina (tartarucha ou tartaruca), significaba ‘demo, morador do Tártaro’, e esta asociación fíxose porque ás veces xurdía da terra, onde estaba soterrada.

3

orco

Lugar a onde se cría que ían parar as almas dos mortos

A día de hoxe, o Dicionario non recolle unha acepción de orco para ese ser imaxinario, desagradable e antropófago que vive nos bosques do norte de Europa e que é similar aos ogros, trolls e aos nosos trasnos. Aparece, porén, como inferno, como o lugar onde van as almas dos mortos que probablemente sexa a base etimolóxica (en latín, orcu) tanto de orco coma de ogro. A súa orixe é Orcus, que en latín significaba ‘ultratumba’ e que denominaba tamén un dos deuses do inframundo (como pasaba no caso de Tártaro). Probablemente veña do nome grego Horkos, o deus dos xuramentos, que castigaba quen os incumpría. Representábase como un xigante barbudo, o que corroboraría a orixe de orco e ogro.

Un pequeno planetoide alén da órbita de Neptuno chámase “90482 Orcus”, seguindo a convención astronómica para designar estes asteroides, os plutinos, pola cal as denominacións proceden de nomes mitolóxicos asociados ao inframundo. Dáse a coincidencia de que tamén as lúas de Plutón –Caronte, Cérbero, Estixe, Nix e Hidra–, levan nomes con esta orixe, xa que na mitoloxía clásica era o deus do mundo das tebras.

4

averno

1. Lugar onde residían as almas dos mortos, segundo algunhas relixións antigas e na mitoloxía / 2. Lugar onde as almas dos condenados recibirán castigo eterno, segundo o cristianismo

Como ben especifican as definicións do Dicionario, as relixións antigas entendían o averno como morada dos mortos mais para o cristianismo sería o lugar onde recibirán tormento eterno.

O nome de averno procede dun lago –o Lago d’Averno–, situado no cráter dun volcán extinto. Na Eneida de Virxilio, Eneas viaxou ata alí e aínda que era a entrada ao inframundo e un terreo susceptible de sufrir emanacións tóxicas, moitos romanos instaláronse nas súas beiras, con casas, viñedos, baños e templos.

O lago está situado nos arredores de Nápoles mais a palabra ten orixe grega xa que daquela era unha colonia helena: procede de a-, ‘sen’ + ornis, ‘paxaro’ (de onde tamén ornitoloxía), pois pensábase que as aves que voasen sobre o lago caerían mortas (probablemente polos vapores velenosos).

5

báratro

Lugar onde, segundo certas relixións, van parar as almas dos mortos

A palabra báratro procede do latín barathru(m), orixinada á súa vez no grego bárazron, co significado de ‘inferno dos condenados’. Máis en concreto, naquela altura, facía alusión a un burato localizado en Atenas, onde tiñan o costume de botar os criminais; outros significados polos que tamén pasou foron os de ‘bandullo’, ‘gastador, perdulario, comellón’, ‘perdición’ e mais ‘abismo’. Por iso, nós usamos báratro, tamén, como sinónimo de inferno. Algunhas fontes sinalan que quizais todas estas acepcións se expliquen por unha posible relación co verbo grego bibroskein, ‘devorar’.

Na nosa literatura, báratro aparece tanto en prosa coma en poesía, a finais do século XIX –nos primeiros tempos, escrito en maiúscula–, e desde aquela en autores actuais tan coñecidos como Cid Cabido (1995):

“Alí recibiu a visita de quen sería o seu maior acusador, un home noxento, con bandullo ídramo, pernas delgadas, groso pescozo e abundante papada tratando de encalatrala dicindolle: -“Eu podo arredarte deste sucio báratro coa condición de que me concedas certos favores”. Respondéndolle Chorima, moi amuada. “Un mazarolo coma ti, con esa faciana de larfón o único que pode facer é afastarse da miña presencia”.”

6

abismo

Lugar onde, segundo certas relixións, van parar as almas dos mortos

A palabra abismo suxírenos unha profundidade insondable, aínda que no Dicionario tamén aparece cun significado sinónimo de inferno. A primeira acepción é a orixe da segunda, e procede en última instancia do grego abyssos, que está composto de ‘sen’ (a-) e mais ‘fondo’ (byssos). Esta segunda parte está probablemente relacionada coa palabra helena para ‘profundidade’, bathos, que nós conservamos con ese mesmo valor en batimetría ou en batoideos e tamén con outro verbo do grego co significado de ‘andar’, ‘pasear’ ou ‘vir, volver’, bainein, que herdamos a través das palabras acróbata ou diabetes, e que o faría curmán do verbo vir e derivados.

Abismo arribou a nós pasando polo latín, onde se lle engadiu ese <m> posiblemente mediante a creación dun superlativo de abyssus ou por analoxía con outras palabras rematadas en  -ismus. Do significado de ‘pozo sen fondo’ chegouse ao sentido figurado para as diferenzas insuperables entre opinións e tamén ao do lugar central do escudo heráldico.

7

purgatorio

Lugar onde as almas dos que morren na graza de Deus acaban de purgar os seus pecados antes de ir ao ceo

O seu concepto é o do lugar onde residen aquelas persoas que non son santas abondo para entraren no paraíso mentres penan agardando a que se lles permita subir ao ceo. A súa existencia segue a ser defendida polo catolicismo e polos coptos, mais non polas outras igrexas cristiás. Os infernos do islam e do zoroastrismo teñen conceptos semellantes a esta visión.

O nome de purgatorio ten a estrutura típica das palabras derivadas do latín eclesiástico: terminación en –orio (formada sobre o neutro -orium, dun adxectivo en -orius, denotando un lugar; noutros termos procedentes de ámbitos distintos, pode verse o mesmo valor da terminación, como sucede en ambulatorio, auditorio, locutorio ou vomitorio. A base procede da raíz de pretérito do verbo purgare, que chegou a nós co significado orixinal de ‘limpar’.

O nome romano para a divindade da purificación era Februus, venerado polos etruscos como o deus do inframundo e da riqueza. Do seu nome e ritos proceden as palabras para a febre (que se pensaba que curaba mediante a purga) e o mes de febreiro, onde se organizaban as Lupercais, a festa da purificación.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir