Sete palabras literarias

No Dicionario, ademais do significado das palabras, atopamos información necesaria para falar correctamente. É o caso das marcas de rexistroculto, literario, familiar etc. –, que especifican os contextos ou situacións en que son apropiados uns termos, e non outros. Seguindo esas recomendacións poderiamos evitar desastres como o de chantarlle a unha rapaza loira: que fermoso é o teu cabelo aurilucente!, ou enteder que nunha publicidade da Concellaría de festas da nosa vila non podemos poñer XXV Xantar – carallada popular, por moito chiste que nos faga.

 

Quen sen dúbida pode tirarlles moito proveito ás marcas de rexistro son as persoas que se queran adicar  á escritura artística, porque nada máis útil para poetas en horas baixas que facer unha busca das palabras etiquetadas como literarias, as pouco comúns na fala dos –coma nós–, non inspirados.

 

Neste Setestrelo escollemos, entre os máis requintados e sublimes, sete deses termos para a “grande  literatura”, palabras que por outra parte, entre tanto prosaísmo de vangarda, tanto verso libre e tanta lírica do cotián, están máis en perigo de extinción ca en ningún outro momento. Ai! se fosen sachar…
 

1

báratro

Lugar onde, segundo certas relixións, van parar as almas dos mortos.

“¡Ditosa, Safo, entre os seres que desfrutan nese mundo de praceres sen segundo, cando esencias respirabas e, lonxe, trobas cantabas deste báratro profundo!” (adap. de Manuel Lois Vázquez, Brisas gallegas. Versos, 1890)

 

A quen escribe gústalle recrearse na pena, no desamor e o locus horribilis, polo que non podían faltar no seu vocabulario palabras requintadas para se referir ao lugar máis espantoso que cabe imaxinar, o báratroaverno ou tártaro-, que vén sendo o inferno, cando o horror é máis coloquial.

 

A orixe do termo está no grego bárathron, que era a maneira de chamarlle a unha abertura subterránea que existía nas aforas de Atenas, a onde ían parar algúns condenados a morte, ben que tamén se di que nun principio se guindaban a este precipicio os nenos que nacían con algunha malformación ou enfermos. Deste valor tan horrendo, no latín o barathrum pasou a usarse para falar de calquera abismo ou lugar profundo. E desde aí chegou a nós, mantendo este valor máis xenérico canda o máis específico que alude ao lugar de destino das almas dos mortos.

 

Báratro é unha palabra de uso pouco estendido mesmo no ámbito literario, ata o punto de que nos córpora consultados podemos localizar só seis exemplos entre os anos 1851 e 2014.

2

aquilón

1. Norte / 2. Vento do norte

“Dos estéreos areales que o Oceano lanzou, os montes, un tempo verdes, soe cubrilos o aquilón” (Eduardo Pondal, Poesías inéditas, 1935).

 

Non hai nada que máis lle guste á xente que se dedica á literatura ca un personaxe mitolóxico, para recrealo e reinterpretalo, gañando con iso a codiciada etiqueta de “culturalista”. E se pode facer honor a ese título empregando con soltura palabras con claras referencias ás deidades grecolatinas, mellor aínda.
É o caso de aquilón que provén do substantivo latino aquilo, aquilonis, co significado de ‘norte’, por derivar de Aquilón que na mitoloxía romana era o nome do deus dos ventos setentrionais.

 

Outros termos de uso literario para referirse ao punto cardinal son boreal -relativo ‘ao hemisferio norte’ ou ‘ao que procede do norte’- e bóreas, equivalente de aquilón e setentrión co significado de ‘vento do norte’. Neste caso, o termo deriva de Bóreas, o nome do deus grego que representaba o vento do norte, frío e tempestuoso, que anunciaba a chegada do inverno.
 

3

vesania

Loucura furiosa.

“-¿Con que dereito me falas así, ti, lobo que matas polo instinto primario de vivir?/ -E ti matas movido somente por vesania homicida./ -Nacemos bos, pero o mundo fainos malos.” (adap. Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra, 1962)

 

Con tanto insomnio amatorio, tanto desvelo pola trascendencia e tanta dose de inspiración, non é raro que os escritores acaben perdendo o xuízo, iso si, sen renunciar á excelencia, de xeito que neles a loucura común tórnase vesania, termo que nos antigos manuais de psiquiatría designaba un ‘trastorno mental totalmente desenvolvido que se caracteriza por catro etapas: manía, melancolía, demencia e paranoia’.

 

En latín, para referirse aos que manteñen a sensatez e a cordura empregábase o adxectivo sanus –de onde tamén procede o noso san e outros derivados como sandar ou sanear–. Sobre esta base, engádese o prefixo de negación ve– que, se ben representa un uso moito máis esporádico, funciona lingüisticamente do mesmo xeito ca in-, existindo os equivalentes insania e tamén o adxectivo insán.

4

cinéreo

Cinsento, de cor gris semellante á da cinsa

“Quero é tempestades, o pano negro fendido/ no relampar quedo na nudez do océano,/ e contento e azul ou verde, até cinéreo.” (María Alonso Seisdedos, “Só na boca o sal” en Colectivo A nave das ideas, Coroa poética a Urbano Lugrís, 2011)

 

Nos manuais do bo escribir, recoméndase prudencia á hora de engalanar con adxectivos calquera palabra que caia nas mans de quen aspira a ser Rosalía de Castro. Estas persoas chegan ao súmmum da satisfacción cando conseguen que o calificativo  sexa paradoxal ou, cando menos, infrecuente, tal é o caso de cinéreo para describir o que ten a cor da borralla.

 

Como palabra erudita, non mudou practicamente desde o étimo latino cinereus, que tamén está na base doutras palabras relacionadas coa materia queimada, entre delas incineración, incinerador e todos os derivados da familia léxica de incinerar, definido no Dicionario como “reducir algunha cousa, especialmente un cadáver, a cinsa”.

 

Para referirse ao po que queda logo de queimar un corpo, na lingua estándar admítense as dúas variantes, cinsa e cinza, con fonema fricativo apical ou interdental respectivamente, unha variación que se mantén en toda a familia léxica: cinsento / cinzento, cinseiro / cinzeiro, cinseira / cinzeira  etc., pero que é descoñecida para a xente da zona máis occidental da Coruña e Pontevedra, onde o seseo é a norma.
 

5

dicterio

Palabra ou frase insultante dirixida a alguén.

"Nietzsche proclamou a morte de Deus en 1883 para que a seguinte centuria se fixese eco amplamente do seu dicterio, incluso mediante a chamada “teoloxía sen Deus” ou “teoloxía radical” …" (Darío Villanueva ,“A morte da realidade”, en Revista Galega do Ensino, nº32 de maio de 2001)

 

O amor, a fermosura da paisaxe, a beleza… novelas e poemas sobre estes tópicos temos a varrer pero que ninguén se sinta empachado de tanta dozura porque xa desde as orixes da nosa literatura autores satíricos e mordaces non nos faltan. Iso si, cando se quere criticar en plan poético, que menos que elevar o insulto a dicterio.

 

A palabra procede do latín dicterium e este do grego deiktérion onde significaba ‘dito satírico ou mordaz’. O feito de que conserve o grupo consonántico –ct-, que desaparece noutras palabras como ditado, vitoria ou dicionario, por relaxación do aparello fonador, indícanos que é unha forma culta e que, como tal, entrou tardiamente na nosa lingua.

 

Outro cultismo sinónimo de dicterio é apóstrofe –a partir do latín apostrophe–, para o cal temos o derivado verbal apostrofar, que aparece definido no Dicionario como “dirixir unha apóstrofe, é dicir, palabras ou frases insultantes, a persoas ou cousas personificadas”.
 

6

alacridade

Estado anímico de alegría, dilixencia e boa disposición para facer algo.

“Xa en Heathrow, sentín un gran alivio, unha inxección eufórica de alacridade.” (Arturo Lezcano, Os dados de Deus, 1994)

 

Por moito que o territorio da pena sexa de tránsito común para os autores, non todo ía ser pranto e tamén se precisa unha palabra excelsa para a euforia, de xeito que alacridade ocupa o seu posto entre as páxinas dos poemarios  e narracións. Con discreción, iso si: o que aparece arriba é o único caso que atopamos no corpus de referencia entre os anos 1851 e 2014.

 

A esquiva palabra tomámola do latín alacritas, alacritatis, co significado de ‘alegría, gozo, contento’, o mesmo valor que está presente no adxectivo alacer, alacris, do que probablemente deriva. Alacridade chega á nosa lingua como cultismo tardío, mantendo o fonema oclusivo xordo intermedio /k/, en contraste coa transformación de alegría ou alegre, que sonorizaron na súa evolución.
 

7

opimo

Abundante ou copioso.

 “Cántas veces, na infancia, te adorei, ensimismado/ opimo campelo, cando gardaba o gando esfameado, cuberta a túa/ testa de amieiros!” (Camilo Cao Martínez, Idilios do Feal de Ansemil, 1985)

 

O de que a inspiración dos poetas está vetada para a maioría dos mortais non é cousa nova, xa eles se encargaron de lembrárnolo abondo, moitas veces usando palabras que só entenden uns pouquiños, tal é o caso de opimo, por moito que o seu significado sexa xusto o contrario, ao aludir a unha cantidade cumprida.

 

O seu valor actual mantén relación co orixinario latino opimus, que podía traducirse por ‘fértil’, ‘fecundo’, ‘rico’, ‘opulento’ e mesmo ‘gordo’ ou ‘ben alimentado’, todo dependendo do contexto en que se utilizase, e sempre vinculado ao sentido básico de ‘abundancia’.

 

Copioso é un sinómimo  de opimo que, se ben pode ser recoñecible para un público máis xeral, tamén é propio dun rexistro de lingua culto e resulta rechamante na fala coloquial, relacionándose lexicamente  –a través do étimo latino copia (‘abundancia, riqueza’) – con outros termos como cornucopia, “o corno da abundancia”, un vaso repleto de flores e froitos que na antigüidade simbolizaba a fartura.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir