Sete palabras megalíticas

Dolmen en Meixoeiro, Mos. Lansbricae 2009

Algún experto en arqueoloxía dixo que entre nós “o megalitismo vén de serie”, referíndose a que temos unha topografía granítica que chama a atención pola súa exuberancia. Estarmos no finisterrae atlántico trouxo a necesidade de dotarmos as formacións rochosas de contido simbólico e de erguermos construcións megalíticas que falan de límites, tanto espaciais coma funerarios, tanto da terra como da fronteira entre a vida e a morte.

O creado na prehistoria coas grandes pedras estivo desde sempre envolto nun halo de misterio. Arredor delas a imaxinación popular soubo tecer multitude de lendas sobre tesouros e seres máxicos, que forman parte da tradición literaria oral e tiveron tanto éxito que poucos megálitos coñecidos se salvaron de ser espoliados, buscando o ouro mais as pedras preciosas dos tesouros narrados.

Hoxe en día, non é común ir procurar riquezas aos dolmens. Antes ben, algúns pasan por merendeiros vellos que cómpre refacer, para desgraza do patrimonio do país. Porén, na lingua conservamos unha terminoloxía megalítica moi rica, con múltiples termos propios como mámoa, medoña, medorra, dolmen e outros recollidos doutras linguas. Neste Setestrelo, chantamos sete palabras como sete antas. Verás como brillan.

1

megálito

Monumento prehistórico construído con pedras de gran tamaño, xeralmente sen labrar

O mesmo que sucede nesta palabra, ‘lito’ é o morfema que aparece en moita da terminoloxía propia da arqueoloxía, e tamén noutros ámbitos científicos. Recolleuse do grego (líthos, -ou) para achegar o contido ‘pedra’, e aparece en formacións de distintas épocas, pero sobre todo do século XIX en diante, que é cando a maioría das linguas romances arrequecen moito do seu vocabulario científico. Pode utilizarse como prefixo en posición inicial (litoglifia, “arte de gravar en pedra, especialmente pedras preciosas”; litocromía, “arte de pintar ao óleo sobre a pedra” ou litoloxía, “Parte da xeoloxía que estuda as rocas”); pero tamén ao final da palabra, co mesmo significado (zoólito, “animal ou parte del que se petrificou”; coprólito, “excremento, especialmente de vertebrados, que se atopa en estado fósil” e mais aerólito, “meteorito formado de rochas ou pedras”).

Megálito é unha palabra esdrúxula, en coherencia con outras de formación semellante, como as que vimos de enumerar arriba. Probablemente, tivo influencia nela o francés mégalithe, utilizado con idéntico significado. Como primeira parte do composto, está o morfema mega- (que tamén nos prestan os gregos), o cal aparece en multitude de palabras, ben engadindo o valor ‘grande’, como pasa neste caso, ou tamén anteposto aos nomes de unidades físicas para expresar ‘un millón de’, como acontece en megawatt ou megahertz.

O período prehistórico marcado pola “arquitectura das grandes pedras” é o megalítico, que se inicia contra o final do Neolítico e remata coa chegada do bronce. Se este modelo de construción foi posible, debeuse en parte á aparición da actividade agrícola, xa que esta permitiu que as comunidades fosen máis sedentarias e por consecuencia fixesen intervencións maiores nos territorios onde permanecían.

2

anta

Laxe dun monumento megalítico

As primeiras notas sobre esta palabra datan do século XVIII e foron tomadas polos pioneiros Sarmiento e Sobreira; o monxe de Pontevedra cita un documento medieval, onde se fala dunha anta fixa, facendo unha descrición dun lugar en Lugo. Ademais, no primeiro Dicionario da Academia destácase que se trata dunha palabra moi utilizada nos textos galego-portugueses coa acepción de marco chantado verticalmente. Tería pois un dobre uso, dunha banda no sentido específico que se lle atribúe en arqueoloxía, que vemos na definición de arriba (se ben hai que dicir que tamén é moi frecuente atopala como sinónimo de dolmen, por extensión), e doutra, entendida como unha marca dun límite, funcionando incluso a xeito de valado, tal e como recolle o Dicionario –“pedra grande chantada no chan, en particular as usadas para cerrar un terreo ou para soster un muro” –, engadindo os sinónimos chanta, chanteiro, chanto e chantón.

O uso de anta en relación coas construcións megalíticas parece que é algo propio do galego-portugués, consonte o dito por Joan Coromines, quen lle atribúe a esta palabra un étimo procedente do latín, antae, antarum, para denominar as columnas da parte frontal dun edificio, colocadas a ambos os lados dunha porta. Así mesmo, esta palabra latina pertencería probablemente a unha antiquísima familia indoeuropea, da que quedaron restos léxicos en numerosas linguas, con valores como ‘fin’, ‘límite’ ou ‘fronteira’.

É unha forma moi produtiva en onomástica e toponimia, aparecendo en numerosos nomes de lugares (o concello de Antas de Ulla na comarca da Ulloa en Lugo ou Santiago de Antas, no concello da Lama, entre outros), ríos (o Antes de Mazaricos), lagoas (a desecada gran lagoa Antela, na comarca da Limia) e tamén como apelido, Anta ou Antas, o primeiro moi común no concello da Lama, en Pontevedra, e o segundo na comarca de Valdeorras.

3

dolmen

Monumento megalítico, en forma de mesa xigantesca, formado por unha gran laxe posta horizontalmente enriba doutras pedras verticais

Curiosamente a forma que coñecemos desta palabra probablemente se deba a un erro de transcrición do nome orixinal, en córnico –a lingua celta falada en Cornualles–, tolmen, que foi mal interpretado ao trasladalo aos manuais de arqueoloxía en francés, onde primeiro aparece baixo a forma dolmin e máis tarde dolmen, tal e como se recolle para o galego. O dolmen mais o menhir son os tipos básicos da arquitectura megalítica en Europa, e neste continente os focos máis importantes atópanse de feito en Bretaña, sur de Gran Bretaña e Irlanda. Dentro da Península, a maior parte dos especialistas concordan en que Galicia mais o noroeste de Portugal actuarían como focos de difusión dos dolmens cara ao sur peninsular.

A nosa xoia megalítica é o dolmen de Axeitos en Ribeira, que canda o de Dombate, en Cabana de Bergantiños, está considerado o maior expoñente do Neolítico no país. “A Pedra do Mouro” –o nome con que se coñece tradicionalmente, aludindo ás típicas lendas de mouros que gardaban o seus tesouros baixo destes monumentos– leva máis de seis mil anos na súa carballeira, sendo visita imprescindible para calquera que se achegue ao Barbanza; doutra banda, recentemente descubriuse, en agosto de 2016, outro dolmen que estaba aínda sen inventariar; foi na parroquia de Cambeda, pertencente ao concello de Vimianzo, onde están rexistrado xa máis dun cento destas construcións.

4

menhir

Monumento megalítico formado por unha gran pedra alongada, polo xeral sen labrar, chantada verticalmente no chan

Tamén chega a través do francés, recollido dunha voz bretoa composta de men ‘pedra’ mais hir ‘longa’, de xeito que a palabra, acollida polos arqueólogos do XIX, é en si mesma unha descrición do monumento máis sinxelo das construcións megalíticas.

A motivación concreta dos menhires aínda é tema de discusión, mais o que en xeral se acepta é que se trata de construcións funerarias que funcionaban nas necrópoles a xeito de lápida. Son abundantes en Europa, ben que se conservan practicamente por todo o mundo. Aquí existen poucos en comparación con outros lugares como a xa mencionada Bretaña, mais con todo hai máis de cen inventariados; en Moraña, está un dos máis coñecidos, a Lapa de Gargantáns, que mesmo aparece no escudo deste municipio. Outro é o menhir de Cristal en Ribeira, que mide 2’50; en Currás (Marín) está o único que se conserva enteiro en Galicia, con 3’14 metros; outros son a Pedra Chantada de Vilalba ou a Pedra Alta de Cortegada. En 2012, apareceu en Melide a Pedrafita do Casal, que segundo os veciños se atopaba facendo de base dun valado á beira dun camiño sen asfaltar. O substantivo pedrafita ten documentacións como sinónimo de menhir e así está recollido no dicionario de Eladio Rodríguez e mais no posterior de Franco Grande.

5

crómlech

Monumento megalítico formado por menhires cravados no chan, e dispostos en círculo

A disposición en círculo  é o máis característico desta construción, e foi o que se destacou á hora de darlle nome; o termo é un anglicismo (documentado por primeira vez na lingua de orixe nos últimos anos do XVII), que por súa vez procede do galés, onde crom significa ‘con forma arqueada, circular’, en tanto que llech sería unha ‘pedra chata’.

En todo o oeste da Península, seguindo a cultura megalítica da Europa atlántica, houbo crómlechs e por tanto aquí tamén. Destes, dos nosos, quedaron tan poucos que mesmo houbo quen puxo en dúbida que por esta zona chegase a habelos nunca. Un dos que creu na súa existencia foi Manuel Murguía, quen xa no século XIX, na súa Historia de Galicia falaba do crómlech do monte Lobeira, entre Vilagarcía e Vilanova de Arousa, pero houbo que agardar máis de cen anos para poder comprobar a veracidade do que anunciaba Murguía; en 2006, un incendio que arrasou con boa parte do monte deixou o descuberto, na zona sur, o círculo lítico, que se atopaba cuberto de matogueira, a tan só metro e medio dunha gran mámoa, e que sorprendentemente resistira ben ao paso do tempo.

6

trílito

Monumento megalítico formado por unha gran laxe colocada horizontalmente enriba de dúas pedras verticais

Se nalgúns casos o que se describe no termo é a forma ou o tamaño do monumento, hai outros en que o que interesa poñer de relevo é o número de pedras das que está composto. De aí que á terminación procedente do grego líthos ‘pedra’, se lle engada o numeral especificando a cantidade, de onde resultan trílitos (trilithos) e monólitos (monólithos), xa presentes no grego e que chegaron a través do latín.

A agrupación de trílitos máis coñecida é quizais o monumento chamado de Stonehenge, de Wiltshire, na Gran Bretaña, primeiro pola súa extensión –varios centos de hectáreas– e tamén pola súa complexidade construtiva. A súa función está relacionada co movemento do Sol durante os solsticios e ademais as numerosas tumbas dos arredores confirman que tamén se trata dun monumento funerario. No Monte do Seixo, en Pontevedra, atópase a Porta do Alén ou Portalén, a onde segundo o rito se ía procurar o consello dos defuntos na primeira noite do mes de santos, cando, segundo a crenza, os dous mundos, o dos vivos mais o dos mortos, se atopaban máis preto ca nunca. Malia que nun primeiro momento se pensou que esta espectacular formación rochosa podería ser o resultado da erosión natural, as investigacións máis recentes apuntan a que en realidade se fixo intencionadamente e cunha función astronómica, o mesmo que outros conxuntos megalíticos similares espallados por diferentes países europeos. De feito, no concello lugués de Navia de Suarna, chámaselle Porta do Sol ao trílito que alí se conserva, aínda que parcialmente destruído.

7

mámoa

Sepulcro prehistórico da época megalítica, formado por un dolmen cuberto por un montículo de terra de planta circular e de arredor de cinco metros de altura

Pola súa silueta arredondada e avultada, non parece fóra de razón a hipótese máis estendida de que a palabra veña do diminutivo latino –mammula– do nome que lle daban ao “órgano glandular das femias dos mamíferos”, a mama.

A mámoa máis antiga que temos datada é a coñecida como Chousa Nova, no contorno rural de Silleda, levantada hai máis de 6350 anos –mil máis ca o dolmen de Dombate, por exemplo–. Como lembra Manuel Gago no seu blog, cando as obras de construción do AVE entre Santiago e Ourense, púidose escavar o túmulo da Chousa Nova, descubrindo no seu interior un dolmen que se mantiña intacto, e que contiña elementos tan importantes como o segundo colar desa época descuberto no seu propio lugar de enterramento en Europa. Era algo bastante singular, tendo en conta que xa no século XVII se desatara no país unha “febre do ouro” na procura de supostos tesouros nos gentiles galicrecos, que era como daquela chamaban as mámoas e dolmens. O resultado deste espolio foi que na parte superior da maioría dos conservados poida observarse un buraco que se coñece en arqueoloxía co nome de “cono de violación”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir