Sete palabras para Martin Luther King

Martin Luther King na Marcha dos Dereitos Civís sobre Washington en agosto de 1963.
Foto de Rowland Scherman para a "U.S. Information Agency - Press and Publications Service”

“Acepto o Premio Nobel da Paz no momento en que 22 millóns de negros estadounidenses estamos comprometidos nunha creativa batalla para pór fin á longa noite de inxustiza racial”, comezou dicindo Martin Luther King na cerimonia de entrega dos galardóns no xélido 10 de decembro de 1964 en Oslo, capital de Noruega e sede da Fundación Nobel.

Un ano antes, nun Washington de sufocantes temperaturas e humidades, Joan Baez e Bob Dylan cantaban a dúo “When the ship comes in”. “É a hora na que chega o barco”, retrousa a canción que Dylan estrea ese 28 de agosto na Marcha polo Traballo e a Liberdade, o día que King pronuncia a icónica frase: “I have a dream”.

Martin Luther King foi pastor protestante, líder do Movemento dos Dereitos Civís dos negros estadounidenses e militante contra a discriminación racial en calquera lugar do mundo. O seu activismo político levouno a posicionarse e a mobilizarse en contra da guerra de Vietnam, así como a favor da xustiza social e en contra da pobreza. En todo momento a súas loitas estiveron baseadas na práctica da non-violencia.

Ao longo da súa vida ameazárono, detivérono, encarcerárono, agredírono, fixeron estourar bombas na súa casa e finalmente asasinárono. O 4 de abril de 1968, un segregacionista matouno dun disparo en Memphis, no estado de Tennesse, cando tiña 39 anos.

Nos Estados Unidos, o terceiro luns de xaneiro é sempre día festivo en honor de Martin Luther King, nacido o día 15 dese mes, no ano 1929, en Atlanta. Escribir sobre el é facelo sobre algunhas das cuestións máis trascendentais da historia recente e, se cadra, aprender a lección de que cando os futuros se soñan, os barcos, inexorablemente, chegan. Lede o Setestrelo:

1

abolicionismo

Doutrina que avoga pola abolición dunha lei, réxime, costume etc., especialmente da escravitude.

O abolicionismo (abolitionism) como movemento político contra a escravitude xorde a finais do século XVIII. A denominación faise derivar do substantivo abolition (abolición), presente na lingua anglosaxoa desde moito antes, á cal chegou ben a través do francés, ben directamente desde o latín abolitionem, participio pasado do verbo abolere, ‘destruír’. Entre nós, o termo acolleu historicamente un outro significado, en referencia á loita contra os foros do movemento agrarista, a primeira mostra de organización colectiva e sindical do campesiñado galego, principalmente no primeiro terzo do século pasado.


O tema da escravitude foi un dos puntos de enfrontamento na Guerra civil estadounidense (1861-1865) que dividiu os estados do norte (máis industrializados) e os do sur (latifundistas e partidarios do traballo escravo). Finalmente, os estados republicanos, os do norte, conseguiron impoñerse e a Proclamación da Emancipación, asinada polo presidente Abraham Lincoln en 1863, fixo posible que a escravitude fose declarada inconstitucional e definitivamente abolida dous anos máis tarde, aínda que as consecuencias desa situación histórica continuaron vivas por moito tempo no plano social.  “Soño que un día, nas lombas vermellas de Xeorxia, os fillos dos antigos escravos e os fillos dos antigos donos de escravos, poidan sentar xuntos á mesa da irmandade”, eran as palabras de Martin Luther King na Marcha polo Traballo e a Liberdade de Washington en 1963.
 

2

segregación

Acción e efecto de segregar (facer que unha cousa ou persoa quede fóra de algo ou dun grupo do que formaba parte).

Martin Luther King comprométese totalmente en favor da igualdade civil dos americanos negros e contra a segregación. “A segregación non é mais que unha nova forma de escravitude encuberta con certas sutilezas de complexidade”, argumenta.


A palabra segregación é de orixe latina (segregatio), procedente da voz grex, gregis, co significado de ‘grupo de individuos ou animais’–de onde tamén nos chegou grea, o “conxunto de animais de catro patas que viven xuntos, especialmente cabalos”–. Sobre este radical, agrégase un morfema inicial se– que transmite desde o propio latín a idea de ‘separar’.


Coa mesma raíz, temos os adxectivos gregario, para o que está asimilado a un grupo, e mais egrexio, que caracteriza quen destaca por saír do normal u ordinario, alén de múltiples verbos derivados: agregar, congregar, desgregar, disgregar e o propio segregar.


Logo da abolición da escravitude, a segregación supuxo un novo e cruel xeito de discriminación, ao impoñerse por lei a separación de negros e brancos na maioría dos espazos cotiáns. Milleiros de documentos deixan constancia desta práctica que se traducía en escolas separadas, hospitais e aseos públicos restrinxidos ou zonas delimitadas nos medios de transporte e mesmo nas plataformas, por enumerar só algúns exemplos; en varios estados, chegou a prohibirse que os negros saísen á rúa en determinados horarios e incluso as fontes públicas eran distintas no afán por impedir a integración social das persoas de raza negra.
 

3

racismo

Teoría que sostén a superioridade dunha raza e o seu dereito a dominar as outras razas, e manifestación práctica desa tendencia.

O uso do termo racismo, entendido como ideoloxía, popularízase nos anos 30 do século pasado para describir o pensamento político e social do nazismo alemán respecto ás persoas de orixe diferente á aria. Anteriormente, no XIX, o concepto de raza tivo certa difusión entre a comunidade científica, chegando algúns dos seus membros a argumentaren unha suposta xerarquía racial que xustificaría o dominio duns grupos humanos sobre outros. As evidencias biolóxicas e antropolóxicas conduciron a que esta teoría fose maioritariamente rexeitada, en favor do concepto de etnia, que prima os vínculos culturais e de hábitat.


No lingüístico, a palabra raza chega a nós probablemente polo italiano razza, que se empregaba desde o século XV para denominar un conxunto de individuos dunha especie animal ou vexetal con características constantes e transmitidas aos descendentes. A súa etimoloxía non está clara e, se ben tradicionalmente se pensaba que podería vir do latín generatio, -onis  (con supresión do morfema inicial) ou ratio, -onis, posteriormente gañou forza a hipótese que o situaría no francés haras (dunha forma antiga haraz) que nomeaba na lingua gala un establecemento destinado á reprodución de cabalos.


O activismo de Martin Luther King, e a súa enorme proxección como líder, foron decisivos para artellar unha identidade afroamericana orgullosa fronte ao racismo, porque, en palabras do propio King, “nada que un ser humano faga o envilece máis que deixarse caer tan baixo como para odiar alguén”. 

4

minoría

Grupo que, dentro dunha colectividade, está composto por un pequeno número de individuos.

Na lingua de hoxe conservamos formas específicas, herdadas do latín, que os manuais de gramática describen como o “grao superlativo” do adxectivo. Esta é a explicación dos nosos maior e menor, que se empregan tanto como superlativos absolutos (Xan é o maior dos irmáns) coma tamén en estruturas comparativas (A porcentaxe de débeda é menor ca a do ano pasado). Menor procede do latín minor, minoris –comparativo de parvus ‘pequeno’–, con idéntico significado, e del dedúcese unha base min-, de raíz indoeuropea, sobre a que se constrúen outras palabras derivadas como minoría, minoritario, minorar, minúsculo ou miúdo.


Martin Luther King describía cunha potente metáfora a situación dos negros nos Estados Unidos: “As persoas negras son como unha illa solitaria de pobreza no medio dun vasto océano de prosperidade material”. Nela están condensadas dúas estatísticas que definen a posición das persoas de ascendencia africana en América do Norte: dunha banda, o seu índice demográfico é sensiblemente menor ca o da maioría branca (arredor dun 13% na actualidade); da outra, as proporcións invértense cando se fala de pobreza, desemprego, abandono escolar, analfabetismo, patoloxías ou mortalidade infantil. A poboación negra estadounidense é unha minoría, sobre a cal, a día de hoxe, continúan a reflectirse as consecuencias dunha discriminación social e política histórica.
 

5

resistencia

Actitude de quen se resiste a facer algo.

Un dos distintivos da mobilización encabezada por Martin Luther King foi a súa incondicional aposta pola non-violencia como posicionamento e estratexia de loita, en contraste co enfoque doutros movementos coetáneos afíns, como o liderado por Malcolm X ou o Black Power. Nas súas propias palabras, “a non-violencia non é pasividade estéril senón unha poderosa forza moral que se fai para a transformación social”, isto é, a non-violencia –en contraste co racismo e a brutalidade policial– é unha forma de resistencia.


Na evolución histórica desta palabra, atópase un sentido etimolóxico ben axustado co que vimos de dicir: o substantivo chega desde o latín vulgar (resistentia), derivado dun verbo resistere que para os romanos significaba ‘parar volvéndose’, isto é, deterse e ao mesmo tempo facer fronte. Dependendo do contexto no que se aplique, presenta diferentes acepcións; a resistencia pode entenderse como actitude de alguén fronte a unha circunstancia adversa ou como oposición a algo, e tamén, cun sentido histórico e político, como a “organización clandestina xurdida en varios países europeos para loitar contra a ocupación alemá na segunda guerra mundial e noutros países para loitar contra as ditaduras”, tal e como define o Dicionario.
 

6

boicot

Acción dirixida a obstaculizar ou impedir a actividade ou as relacións dunha persoa, unha empresa, un país etc., como medida de protesta ou presión.

O primeiro de decembro de 1955, na cidade de Montgomery, pertencente ao estado de Alabama, unha muller negra, Rosa Parks, foi arrestada por se negar a cederlle o asento a un branco, desobedecendo a lei segregacionista que a obrigaba a sentar na parte traseira dos autobuses por mor da cor da súa pel. O xesto histórico de Rosa Parks foi o detonante dunha serie de accións que se multiplicaron por todo o estado no que se coñeceu como o Boicot dos autobuses (Montgomery Bus Boycott), protesta apoiada activamente por Martin Luther King.


Boicot entra na nosa lingua como adaptación do epónimo de Charles Cunningham Boycott, administrador das propiedades dun conde terratenente, no contexto da fin do feudalismo irlandés, na segunda metade do XIX. O tal Boycott negouse a facer unha rebaixa dos arrendamentos, tal e como propuña a Irish Land League e foron moitos os que se sumaron á resistencia non-violenta para conseguir que o administrador cedese: os xornaleiros deixaron de traballar para el, os comerciantes non lle subministraban produtos etc. Desde ese mesmo momento, os medios de comunicación acuñaron o termo boicot para denominar esta novidosa forma de protesta.


Tanto durante o boicot de Montgomery como logo da resolución xudicial que declarou as leis de segregación nos autobuses de Alabama inconstitucionais, sucedéronse as contramobilizacións e as agresións contra os negros –a casa de Martin Luther King foi obxecto de varios ataques–, confirmando as palabras do propio King cando sostiña que “a liberdade nunca é voluntariamente outorgada polo opresor, debe ser esixida polo que está sendo oprimido”.

7

soño

Aquilo ao que un aspira ou que un desexa moito.

O 28 de agosto de 1963, no transcurso da Marcha polo Traballo e a Liberdade en Washington, Martin Luther King pronuncia o “I have a dream” no que será probablemente o seu discurso histórico, onde o substantivo soño é a palabra clave, repetida ao longo da alocución, na que se unen a  denuncia dunha situación real non desexada cun esperanzado proxecto de futuro: “Eu teño o soño de que os meus catro fillos pequenos han vivir un día nunha nación onde non serán xulgados pola cor da súa pel senón polo contido do seu carácter”.


O substantivo soño procede do latín somnium, -ii, desde onde, pola influencia da semivogal < i >, se chega por evolución patrimonial á forma que empregamos na actualidade, coa nasal palatal representada polo < ñ >;. A primeira acepción do substantivo, a máis literal, defínese no Dicionario como: “Aquilo que un imaxina durante o sono, percibíndoo coma se fose real”, un significado idéntico ao etimolóxico do latino somnium (en contraste co valor que os romanos lle atribuían a somnus, o ‘acto de durmir’). A palabra desenvolve logo un outro significado, o que se axusta ao discurso de Washington, polo cal pasa a denominar aquelas aspiracións que cadaquén ten e desexa alcanzar, as representacións dun futuro mellor que orientan os pasos de cada persoa.
 


En 1963, Martin Luther King era consciente de que, malia as conquistas acadadas, a situación dos negros quedaba aínda lonxe do que se entende por xustiza e liberdade, e chamaba a non perder a esperanza e continuar na revolta ata que ese obxectivo se conquistase. A día de hoxe, as súas palabras permanecen vixentes e necesarias: “Teño un soño, un só soño, seguir soñando”.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir