Sete palabras para Sofía Casanova

Entre os intelectuais occidentais de principios do século XX, a posición máis estendida foi a do rexeitamento ante a barbarie da guerra e foron poucos os que creron nela como solución.

 

Unha nosa compatriota, Sofía Casanova, escritora e xornalista, quen por circunstancias familiares residiu en distintos lugares de Europa, foi testemuña de acontecementos que deixaron forte pegada na historia, como os dous conflitos mundiais, a revolución bolxevique ou o ambiente da Inglaterra de principios do século pasado.

 

A súa estancia en Polonia cando deu comezo a primeira guerra converteuna nunha das escasísimas mulleres que informaban sobre a mesma, e a única que cubría a fronte oriental, desde onde enviaba abondosas crónicas, que espertaron grande interese e que a fixeron moi popular no seu momento. Nelas, narra aquilo que vive en directo e pon continuamente en cuestión a información –se se pode chamar así–, proporcionada polas axencias e os partes de guerra, cando ambos os bandos se esforzan por controlar e censurar o que se publica na prensa, ao tempo que a utilizan con finalidade propagandística.

 

Noutro Setestrelo ocupámonos das novidades tecnolóxicas que se aproveitaron ao servizo da guerra, e neste veremos outros termos relacionados co conflito tal e como o viviu esta muller, para quen o enfrontamento armado constitúe o fracaso da civilización.

1

pacifismo

Doutrina que rexeita a violencia e propugna a paz e o desarmamento.

Coma moitas mulleres da súa época, Sofía Casanova tomou parte na primeira guerra mundial. Non na fronte de batalla, onde practicamente non houbo presenza feminina, senón como enfermeira en hospitais da retagarda. Cando se inicia o conflito non estaba residindo en Polonia, pero cóllena alí os sucesos visitando unha filla e colabora como voluntaria auxiliando as vítimas. Ao mesmo tempo, e aproveitando precisamente esa vivencia en primeira persoa e a súa traxectoria como colaboradora na prensa da época, acepta o ofrecemento para exercer como correspondente desde a fronte oriental.

 

Unha idea reiterada nas crónicas de Sófía Casanova é a defensa do pacifismo, no seu caso baseado en principios relixiosos, postura que comparte con moitos intelectuais do momento. Como movemento organizado e dotado dunha estrutura, o pacifismo arranca en Europa a raíz da guerra franco-prusiana e a palabra difúndese desde o francés ás linguas da contorna, que van adaptando a voz pacifisme, formada sobre o adxectivo pacifique que remite en última instancia a pacificare. Este verbo xorde en latín da combinación das bases pax, pacis ‘paz’ e facere ‘facer’, que tanto podemos atopar soldadas nunha palabra como formando parte da expresión facer as paces.

2

neutralidade

Estado ou calidade de neutral (que se abstén de tomar partido en calquera contenda ou disputa, que non está nin a favor nin en contra).

Como colaboradora dun organismo humanitario, Casanova reivindicou a neutralidade na atención aos enfermos de ambos os dous bandos e pola súa condición de cidadá dun país declarado neutral, intercedeu a favor dos prisioneiros de ambos os lados.

 

Se vemos as distintas acepcións do adxectivo neutral comprobaremos que teñen en común ‘non ser unha cousa nin outra’, o cal ten moito que ver coa súa orixe, xa que o adxectivo latino neuter estaba formado pola partícula de sentido negativo ne– e mais o indefinido uter ‘cal dos dous’, polo que o sentido da combinación era ‘nin un nin o outro’. E un dos derivados a partir de neutro é o substantivo neutralidade, para o que se botou man dun sufixo típico entre nós para obter substantivos a partir de adxectivos, aos que lles engade o sentido de ‘calidade de’.

 

A neutralidade prohibía calquera tipo de axuda aos belixerantes e a contrapartida era o respecto á integridade territorial e ás actividades comerciais e de navegación do estado neutral. Claro que, en tempo de guerra, esta é unha das cousas que non sempre se cumpren, como pasou coa invasión de Bélxica ou cos ataques a buques, tanto do bando inimigo coma de países neutrais, por parte dos submarinos alemáns, accións que supuxeron, respectivamente, a entrada na guerra de Gran Bretaña e que os Estados Unidos abandonasen o estatus de neutralidade e apoiasen os aliados. O caso é que acabaron implicándose tantas nacións nesta guerra que só unha mínima parte da poboación mundial estaba en territorios declarados neutrais.

3

aliado

Cada un dos estados, asociacións, persoas etc., que forman parte dunha alianza.

Nas súas crónicas sobre a primeira guerra mundial queda patente a simpatía de Sofía Casanova polo bando aliado, que era o bloque de países que formara a Tripla Entente (inicialmente, Francia, Rusia e Gran Bretaña), un grupo de características heteroxéneas que pretendía, máis que nada, facerlle fronte á Tripla Alianza, na que se uniran os chamados imperios centrais (o alemán, o austrohúngaro e Italia).

 

A forma aliado deriva do verbo aliar, que nos remite ata o latín alligare ‘atar a algo’, formado sobre ligare ‘atar’ e en xeral refírese a calquera persoa ou entidade que entrase nunha alianza. En relación coa Primeira Guerra, pasou a ser o nome dun dos bandos desde que no tratado de Londres se comprometeron a non asinar a paz por separado.

 

As posturas, tanto dos países como dos medios de comunicación ou dos mesmos intelectuais que opinaban sobre o conflito fóronse polarizando a favor dun ou doutro lado. E para denominar os respectivos partidarios, utilizouse un elemento habitual en compostos de tipo culto, filo, de orixe grega, que ten o sentido de ‘amante ou amigo de’, de tal xeito que os defensores dos aliados eran os aliadófilos e os do bando alemán ou xermano, xermanófilos. E non deixa de resultar curioso que a nosa compatriota, declarada aliadófila, publicase as súas crónicas no xermanófilo xornal ABC.
 

4

propaganda

1. Actividade organizada para difundir as calidades, propiedades ou o valor de alguén, dunhas ideas ou dun produto comercial. / 2. Asociación que ten por finalidade a propagación de ideas ou doutrinas.

O que pretende basicamente a propaganda é que algo sexa máis coñecido, tal como podemos deducir da base latina sobre a que se formou, propagare ‘estender’, se ben propaganda parece que foi tomada do nome dunha congregación vaticana, de propaganda fide, ‘sobre a propagación da fe’.

 

E a propaganda foi un dos medios utilizados por ambas as dúas partes enfrontadas, o que supuxo o control e a manipulación da información, de tal xeito que se exaltaban as fazañas propias ao tempo que se ridiculizaban as do inimigo ou se lle atribuía a comisión de auténticas atrocidades. Así, mentres na fronte de batalla se ensaiaron novos métodos bélicos, na retagarda experimentouse coa censura e o control da prensa, xa importante vehículo de información naquela altura polo aumento da poboación alfabetizada.

 

Ante esta situación e a toma de partido por parte dos xornais, Casanova, coñecedora das mentiras que se difundían, achegou a visión de quen asiste en directo aos acontecementos, tratando de manter unha postura obxectiva e exercendo o seu traballo como unha loita pola ecuanimidade.

5

barbarie

Característica da persoa que actúa dun xeito bárbaro ou cruel, así coma dos seus actos inhumanos.

Os bárbaros, primeiro para os gregos e logo para os romanos, eran aqueles alleos á súa civilización e, a partir de aí, os non civilizados. Así, barbaries, -ei era en latín a nación estranxeira, pero tamén a ignorancia ou a crueldade, que son os sentidos que conserva barbarie para nós.

 

Se ben a barbarie se pode considerar algo intrínseco á guerra en si mesma, o que resulta un lugar común é destacar que nesta confrontación se aproveitaron os avances científicos para facela máis intensa se cabe e que a violencia se exerceu dun xeito xeneralizado contra a poboación civil.

 

Pero tamén a barbarie está na propaganda que cada un dos bandos difunde sobre o contrario. A este respecto, para a nosa xornalista non hai un mellor ca o outro e comenta a súa incredulidade ante as barbaridades atribuídas aos alemáns, para ela intoxicacións que pretenden fomentar o odio e estender o medo. Malia as dificultades, procurou en todo momento xulgar con xustiza a situación.

6

espionaxe

Actividade clandestina que realizan os espías ao servizo dun estado ou institución co fin de obter datos de tipo político, militar ou económico que por seguridade ou interese deberían ser secretos ou reservados.

A espionaxe parece ser tan vella coma o mundo e podemos rastrexar alusións mesmo no Antigo Testamento, onde o que se conta a propósito de Sansón e Dalila non difire moito dos relatos sobre as actividades da espía máis famosa de todos os tempos, a mítica Mata Hari, que actuou durante a primeira guerra mundial e utilizaba os seus encantos para seducir os mandos e obter información.

 

Podemos deducir, atendendo á orixe da forma, que unha calidade esencial para dedicarse a esta actividade é a capacidade de observación, xa que espionaxe se tomou do francés espionnage, do verbo espionner, e este dunha raíz indoeuropea *spec- ‘mirar con atención ou observar’.

 

Durante este conflito, as actividades de espionaxe consistiron principalmente na infiltración, é dicir, en facerse pasar por membros do bando contrario para coñecer anticipadamente os seus plans de ataque ou as súas actividades. Claro que, de remontármonos ao principio, esta guerra considérase que foi iniciada por espías, pois o dirixente do grupo promotor do asasinato do herdeiro do imperio austrohúngaro, que funcionou como detonante da conflagración, era tamén o xefe do servizo de intelixencia serbio.
 

7

armisticio

Suspensión das hostilidades, acordada polos contendentes, como primeiro paso para poñer fin á guerra.

O cesamento das hostilidades era desde logo motivo de preocupación para Casanova, quen nunha célebre entrevista realizada a Trotski en decembro de 1917 non perde a ocasión para preguntarlle pola disposición dos bolxeviques a asinar o armisticio coas potencias centrais, o imperio alemán, o austrohúngaro, o imperio otomán e mais Bulgaria. Pese a que Rusia non tardou en retirarse da guerra, a xornalista non obtivo información nese sentido.

 

Coa sinatura dun armisticio chégase ao momento no que ‘as armas quedan quietas’, sentido que se pode deducir indo á formación da palabra, que, aínda que nos chegou desde o francés armisticie, procede da forma latina armistitum, o cal parece que foi unha creación tardía dos diplomáticos, botando man da base stare ‘quedar quieto’, a mesma que aparece, por exemplo, en solsticio, literalmente ‘sol quieto’.

 

O armisticio que puxo punto final á primeira guerra mundial chegou o 11 de novembro de 1918 dentro dun coche restaurante nos camiños de ferro nas fragas de Compieña, Francia. Con posterioridade sería o escenario no que en 1940 os alemáns vingasen a derrota e se acordase a rendición francesa. Logo, cando se vía próxima a súa caída na segunda guerra mundial, os nazis queimaron o vagón para evitar volver pasar polo mesmo trago.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir