Sete palabras do protestantismo

Martiño Lutero (representado polo actor Joseph Fiennes) crava as súas 95 teses na porta da igrexa de Wittenburg. Fotograma do filme Luther. © MGM

O protestantismo é unha das grandes correntes do cristianismo, xunto co catolicismo e mais a das igrexas ortodoxas. En todo o mundo, máis de oitocentos millóns de persoas practican esta doutrina nacida no século XVI, e que ten como pai espiritual a Martiño Lutero, alemán, monxe agostiño e profesor de teoloxía, quen en 1517 publicou as 95 teses que cuestionaban determinadas prácticas da igrexa católica.

O que en principio puido ficar como un debate teolóxico e académico, provocou unha irada reacción da alta xerarquía eclesiástica e mesmo do Papa, que lle pediu a Lutero que se retractase. O desacordo tivo moita difusión e grandes repercusións, de tal xeito que tres anos despois, ante a negativa a rectificar por parte do monxe, prodúcese unha ruptura con Roma, crébase o poder hexemónico papal e aparecen dúas concepcións diverxentes á hora enfrontar as crenzas relixiosas, e tamén de cosmovisión. Europa pare dous mundos separados pola relixión e pola forma de vivir a vida.

Cincocentos anos despois da Reforma protestante (podes visitar a páxina oficial do centenario), quixemos achegarnos ao seu significado e importancia analizando sete termos relevantes para esta confesión.

1

Reforma

Movemento relixioso do século XVI que pretendía devolver a relixión cristiá á súa forma primitiva e deu orixe ao protestantismo.

No século XVI, Europa vivía un momento en que a autoridade do Papa e os dogmas da igrexa católica eran cuestionados. Nesas circunstancias, o teólogo Martiño Lutero publicou unha serie de teses, case un centenar, onde recriminaba a forma da Igrexa de Roma de se procurar financiamento mediante a venda de indulxencias e promulgaba o retorno á vivencia dunha relixión interior e máis individual.

Mais o que se iniciou como un movemento relixioso renovador –que non pretendía un cisma, senón apenas unha chamada de atención– acabou na Reforma protestante, un dos acontecementos históricos máis importantes para Occidente, xa que debuxa a Europa que hoxe coñecemos. A perda de poder e riqueza da Igrexa romana e o fomento do individuo propician o ascenso da burguesía, a aparición de novas rexións independentes e –grazas á imprenta e á necesidade de difusión da Biblia– o espallamento da literatura, de ficción e científica, nas linguas vernáculas. Ábrese, daquela, un período convulso con fortes enfrontamentos bélicos e un movemento de reacción por parte das autoridades católicas, a chamada Contrarreforma.

Reforma procede do verbo "reformar", que vén do seu equivalente latino reformare, ‘dar a primeira forma’ ou ‘restablecer’, que á súa vez xorde de forma, -ae ‘figura exterior’, ‘aparencia’ ou simplemente ‘forma’. Para o nome do movemento de reacción por parte da Igrexa católica, Contrarreforma, emprégase o prefixo contra- que en latín funcionaba como adverbio e preposición co significado de ‘en fronte de’ ou ‘en oposición a’.

2

Protestantismo

Conxunto de doutrinas cristiás que arrincan na súa maioría da Reforma relixiosa encabezada por Lutero no século XVI e negan a autoridade do papa.

Nos estados europeos había un forte malestar debido á vida de privilexios dunha minoría e á permanente inxerencia da Igrexa nos asuntos políticos das monarquías nacionais. Tamén, o renacemento científico e literario e mais a extensión da imprenta como elemento de divulgación axudaron a que as teses luteranas acadaran amplo respaldo en boa parte de Europa. A reacción papal trouxo a excomuñón de Lutero e a condena por parte de Carlos V –Sacro Imperio Romano Xermánico– das súas ideas. Houbo revoltas, protestas e batallas entre nobres e o emperador; finalmente, malia que este tentou un acordo entre o Papa e os reformadores, non foi posible acadalo e, desde ese mesmo momento, comeza o asentamento do protestantismo nas súas diferentes variantes.

Un dos fundamentos das doutrinas protestantes é a posibilidade de que cadaquén lea e interprete a Biblia, sen necesitar a transmisión e mediación dun relixioso. Isto levou á necesidade de difundir o libro sagrado dos cristiáns nas linguas vernáculas, de xeito que a maioría da poboación –que xa non empregaba o latín– puidese entender o texto.

O termo protestantismo fórmase co prefixo –ismo, de base grega, como formador de nomes de acción a partir dun verbo, inda que chega a nós a través do equivalente latino -ismus, -i. Nun primeiro momento, empregouse na terminoloxía médica (por exemplo en “alcoholismo”) e logo pasou a designar movementos ideolóxicos, sociais ou relixiosos, partindo de nomes propios, nomes de lugar e tamén sobre adxectivos. A base de formación é a palabra protestante, que procede do latín protestans, -antis ‘que protesta’ pero que chegou a través do alemán Protestant, con significado semellante, que especificamente designaba os seguidores de Lutero.

3

Luteranismo

Doutrina cristiá derivada da reforma relixiosa encabezada por Lutero no século XVI, que recoñece a Biblia como única autoridade en materia de fe, e nega a autoridade do papa.

O que Martiño Lutero fixo nun principio foi expresar o seu descontento como relixioso respecto ao camiño polo que transitaba o catolicismo. Asumía que os cregos corruptos podían non ter a preparación abonda para cumprir o seu labor, polo que o seu comportamento podería non se axustar ao agardable, mais o seu problema fundamental era a xerarquía eclesiástica –tamén o Papa–, xa que entendía que estaban máis ocupados cos bens materiais ca cos espirituais, actuando case como príncipes atesouradores. A pinga que encheu o vaso foi unha bula (documento de interese xeral expedido e autorizado co selo papal) en que se pedía financiamento para a construción de San Pedro por medio da venda de indulxencias (perdón dos pecados e, por tanto, das penas que estes comportan, que a Igrexa concede en determinadas ocasións).

A publicación das teses de Lutero, apenas unha chamada de atención, acabou por dar nun movemento crítico que atemorizou Roma e que desembocou na creación dunha nova tradición, cristiá, fundamentada na mensaxe da Biblia, na interpretación persoal da fe e mais na negación da autoridade absoluta do Papa.

Lingüisticamente, estamos ante un termo formado sobre o nome propio de Lutero,ao que se lle engade o sufixo –ismo para indicar a doutrina luteranismo. Para nomear os seguidores, sobre o apelido do fundador, créase o vocábulo luterano ou luterana, engadindo o sufixo –ano/-ana, procedente do latino -anus, -a, -um. O apelido Luther ten a súa orixe no xermánico Leuthar  ‘soldado do pobo’ que co tempo chegou a ser empregado como nome propio polos protestantes, para honraren o seu fundador.

4

Calvinismo

Doutrina relixiosa protestante instaurada por Calvino, que ten por dogma fundamental a crenza na predestinación das almas.

Unha variante dentro das doutrinas cristiás protestantes é o calvinismo ou a tradición reformada, que se fundamenta na visión de Xoán Calvino, oriúndo da rexión da Picardía en Francia e un dos principais teólogos do protestantismo. Se ben comezou unha formación eclesiástica, acabou por estudar dereito e humanidades na Universidade de París, onde coñece a obra de Lutero e outros pensadores. Máis tarde refúxiase en Xenebra onde imparte aulas e moitos dos estudantes protestantes que veñen á súa escola acabarán formando igrexas que estenden a doutrina protestante nos seus lugares de procedencia: Francia, Países Baixos e Escocia, territorios onde o calvinismo é dominante dentro da igrexa protestante.

Ao redor do nome propio Xoán Calvino xorden os termos calvinismo, a denominación da doutrina, e calvinistas, o nome dos seus seguidores. Todos estes termos créanse sobre Calvino, a adaptación latina do nome en francés: Jehan Cauvin, que é un apelido relacionado co vocábulo francés chauvin, procedente do latín calvinus, que serviría para dar conta dunha característica física: a ausencia de cabelo.

5

Anglicanismo

Doutrina relixiosa cristiá establecida en Inglaterra tras a ruptura entre Henrique VIII e o papa, que integra principios calvinistas e ten o monarca como cabeza da súa Igrexa.

A igrexa católica inglesa separouse da romana e deu lugar á doutrina chamada anglicana. O anglicanismo comeza en 1534 coa anulación do matrimonio entre o rei Henrique VIII con Catarina de Aragón, que o Papa non autorizaba. O certo é que a Reforma tamén chegara ás illas británicas e o propio arcebispo que levou adiante a nulidade do casamento real simpatizaba coas ideas luteranas. A reforma inglesa non levou consigo, en principio, cambios profundos de doutrina, mais os sucesores de Henrique VIII conduciron a súa igrexa cara ás teses protestantes e, aínda que comparten algunhas características da católica, non aceptan a veneración de imaxes, permiten a disolución do matrimonio e, para eles, o máximo representante de Deus é o monarca e non o Papa.

O termo está formado sobre o adxectivo anglicano, que bebe directamente do termo inglés anglican, vocábulo creado en 1630 para designar a Igrexa Alta de Inglaterra; pero, indo algo máis atrás, vese que esta voz procede dunha expresión do latín medieval (1246), ecclesia anglicana ‘igrexa inglesa’, que deriva do clásico anglicus -i  ‘de Inglaterra’.

6

Purgatorio

Lugar onde as almas dos que morren na graza de Deus acaban de purgar os seus pecados antes de ir ao ceo.

As doutrinas protestantes non contemplan a existencia do que os católicos entenden por purgatorio. Lutero concluíu que non estaba probada a súa existencia, argumentando que a Biblia non recolle claramente tal concepto. Doutrinas posteriores non aceptaron a existencia dun lugar intermedio entre o inferno e o ceo, baixo a idea de que a salvación debería ir ligada a unha decisión do propio Deus. Tamén crían que a idea de purgatorio podería restarlle valor ao sacrificio de Cristo ao morrer na cruz. Porén, para o catolicismo, o purgatorio é un estado medio –din que o probable é que ninguén morra sendo totalmente bo– onde se daría a posibilidade de purificación para atoparse con Deus. Esta concepción foi proclamada dogma de fe no concilio de Florencia (1239), onde se chegou a un consenso entre a Igrexa de Oriente e a de Roma.

Se ben o adxectivo latino purgatorius, -a, -um ‘que purifica’ está rexistrado en escritos do século IV a.C., o uso como substantivo ligado a cuestións teolóxicas recóllese desde o século XI baixo a forma latina medieval purgatorium ‘lugar especial de pena e expiación das almas despois da morte’ ( en grego, katherterion ou purgatóiron), que é onde bebe o termo galego.

7

Pastor

Sacerdote protestante.

No protestantismo o pastor é a persoa que dirixe e coida a congregación de crentes. O seu traballo céntrase na predicación a través do sermón, acontecemento dominical esencial. O pastor decide como se desenvolve o culto e o tema que é conveniente abordar, outorgándolles sempre atención ás Escrituras, que debe coñecer exhaustivamente para comunicalas e conmover o auditorio. Para o protestantismo, a oración é un feito individual e íntimo con Deus, mais a oración pública do pastor ante a congregación é unha responsabilidade importante que se lle require na súa preparación profesional.

O termo procede directamente do latín pastor, -oris ‘pastor, o que leva o gando a pacer’, que viría de pastum, unha forma do verbo pascere ‘alimentar’, ‘pacer’. Pártese dunha metáfora pero, en esencia, é a persoa que conduce a comunidade coa predicación e o consello. Como di a definición do Dicionario, un pastor é un sacerdote, termo que se orixina en sacerdos, -otis ‘o que fai cerimonias sagradas’, que ten vinculación con sacer, -cra, -crum ‘sagrado’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir