Sobre a curiosidade e capacidade intelectual de Said Armesto falamos nun “Mira que din” atendendo á súa condición de polímata, pero a faceta del que máis ten que ver co Portal das Palabras é a de compilador do léxico. Neste sentido, entre os labores que a súa morte temperá deixou sen acabar está o proxecto dun dicionario etimolóxico.
Pese a incomodidade dos desprazamentos ata conseguir chegar aos lugares máis apartados, algunhas pezas da súa correspondencia evidencian a satisfacción que lle producía regresar destas viaxes con abundante material: cántigas, romances, lendas e tamén léxico que aínda non se rexistrara nas obras realizadas naquel tempo.
Nos anos nos que leva a cabo as súas investigacións, comeza a utilizarse o método “palabras e cousas”, unha corrente da lingüística que despraza o foco de interese da fonética e as súas evolucións cara ao significado. Segundo esta escola, os termos cómpre estudalos xuntamente coas cousas que designan para chegar con maior seguridade á súa orixe. E, xa que a historia das palabras está unida á cultura e á mentalidade dos falantes que as utilizan, os estudosos vanse interesar polo folclore, a literatura do pobo ou a etnografía, é dicir, pola cultura popular. E de todo isto compila Said Armesto.
Nas súas fichas sobre léxico inclúe, ademais do significado e os lugares onde se documenta cada forma, variantes dialectais, equivalencias noutras linguas, etimoloxía, así como citas e referencias que aboen as súas informacións. Pero tamén, para apoiar e esclarecer as cuestións lingüísticas, deixa debuxados algúns bosquexos no que parece que foi o primeiro intento de recollida da nosa cultura material. Neste Setestrelo repasamos algúns termos que resultaron do seu interese.
Said Armesto deixa varias páxinas dun caderno cheas de ilustracións feitas por el mesmo, onde sitúa o léxico que vai recollendo sobre elementos do mundo agrícola tradicional. Podes descargar ou visualizar este PDF de 11,7 Mb premendo na imaxe. [O documento pertence ao arquivo Said Armesto da Fundación Barrié]
Peza do muíño, en forma de pirámide truncada e invertida, situada sobre a moa e onde se bota o gran para que vaia caendo á quenlla.
Tal como se recolle na ilustración, moega, moxega, caixón ou tremoia son as posibles denominacións do depósito no que se baleira o gran que se leva ao muíño e desde onde se vai dosificando a súa caída pola quenlla ata o ollo da moa. Tamén recolle sobre esta palabra unha ficha con información, na que apunta os equivalentes noutras linguas próximas e sinala a posibilidade de que a súa orixe estea relacionada coa medida de capacidade coñecida como moio, do latín modium. Este étimo é máis seguro no caso da forma tremoia, onde se combinarían modium e tremere ‘tremer’, pero para moega apúntase tamén a posibilidade de que proceda de molaeca, voz relacionada con molere ‘moer’.
Desde que sae da moega, o gran baixa pola quenlla grazas ao movemento que proporciona a tanxedoira, tamén chamada tarabelo, tal como aparece na ilustración, e introdúcese polo oco da moa, que é a pedra que xira sobre a outra fixa, o pé. A partir de aquí o que se obtén é a fariña, máis ou menos muda, que na maioría dos casos caía directamente sobre o tremiñado ou piso do muíño ou recollíase nun depósito, que é o denominado farneiro na imaxe.
A presenza do muíño no folclore e nas expresións populares dan idea da súa extraordinaria importancia. E un aspecto no que se incide é na falta de honradez dos que tiñan o oficio de muiñeiro: “Eu non quero ser muiñeiro nin varrer o tremiñado –di a cantiga– porque din que no outro mundo piden contas do roubado”. Debe ser porque, segundo o refrán, “cambiarás de muiñeiro, pero non de ladrón”.
Fenda en espiral que ten un parafuso, unha porca ou unha peza similar.
O proceso polo que o liño ou a la pasaban a converterse en fío era o fiado, labor que podía realizarse en solitario, aproveitando un momento de lecer, simultaneamente con outra tarefa, como o coidado dun meniño ou do gando, ou combinar traballo e diversión como no caso dos fiadeiros ou fiadas. Eran as mulleres as que asumían este traballo, pero os homes participaban tamén nos seráns, que foron obxecto de condena por parte das autoridades eclesiásticas, aínda que mesmo continuaron celebrándose un tempo desde que deixou de realizarse o fiado á man.
Para fiar manualmente precísanse dous apeiros, a roca e o fuso, independentes entre si, que só entran en relación cando o fío que se vai extraendo da manela ou rocada colocada na roca pasa a envolverse no fuso, que o recolle grazas a un rebaixe en espiral no lado máis estreito. Isto denomínase ozca, voz sobre a que non hai certeza en canto á súa procedencia, se ben a opinión máis estendida é que veña dunha forma prerromana *osca, que tería ese sentido de ‘oco’ ou ‘rebaixe’.
O fuso de fiar (tamén había outros instrumentos con ese nome, como o que se usaba no lagar), facíase cun material resistente, basicamente de madeira, aínda que tamén podía ser de marfil ou mesmo de prata. Estes, suponse, para recoller o que fiaban as delicadas mans das donas nobres.
Peza de ferro, cortante, situada na punta do arado, que é a que penetra na terra e vai abrindo sucos ao arar.
Parece que o arado romano, o que se consideraba tipicamente noso, non é un apeiro que evolucionase moito desde os tempos do Neolítico. Na súa orixe, buscábase unha rama curvada sobre a que xa non houbese moito que labrar para obter un arado feito dun único pau que aínda se podía atopar nalgunhas zonas do territorio en pleno século XX.
A base dun arado de pau é unha parte curva ao xeito dun ese á que se lle ensambla o temón para que a xugada poida tirar del. Dentro da peza curva, na base en contacto coa terra está o rostro, cabeza ou dental, que leva na punta a rella. Pódenselle engadir polos lados as abeacas ou orelleiras para obter maior abertura e remata na outra punta na rabela, arabela ou rabiza, que é a parte por onde agarra a persoa que está guiando o apeiro.
O nome deste humilde aparello ten, non obstante, ilustre orixe, xa que rella, igual ca regra, vén do latín regula, -ae, que designaba distintos instrumentos que tiñan en común o de servir para poñer ou manter algo dereito, o cal ten moito que ver co verbo regere ‘dirixir, gobernar’, do cal deriva. E este verbo arranca, á súa vez, da mesma raíz ca rex, regis, de onde nós temos rei.
Casula do pértego do mallo.
Nos tempos en que as máquinas malladoras non chegaran ás eiras galegas, a malla xa era un traballo colectivo para o cal cada participante levaba o seu apeiro, o mallo, un instrumento sinxelo probablemente chegado coas invasións bárbaras e vinculado preferentemente ao cultivo do centeo, que resulta da unión de dous paus, un deles longo, por onde se agarra, a mangueira ou moca, e outro máis curto, co que se golpea, o pértego.
Para que estas dúas pezas permanezan unidas ao bater sobre as espigas, ideáronse diferentes solucións. A máis sinxela consistía en practicar un burato no cabo de cada unha delas e pasar por alí unha tira de coiro, a xunguidoira. Outra posibilidade era colocar sobre os extremos unha casula de coiro ou de metal que, igual ca a casula de certos vexetais, servía para envolver a punta dos paus ao tempo que presentaba unha asa que permitía unilos.
A casula de cada unha das pezas contaba cun nome específico. Así, a colocada na moca era a casoma e a do pértego o cizoiro ou cidoiro, mentres que a correa que as unía recibía a denominación de entrecarto. Volvendo á que nos ocupa, cizoiro parece remitir ao verbo latino cingere, ‘cinguir’ ou ‘rodear’, sentidos que teñen que ver coa función da peza.
Pedra que sobresae da parede para soster unha viga por un extremo, unha cambota, unha solaina, unha cornixa, un balcón etc., en ocasións decorada con figuras humanas, animais, vexetais ou xeométricas.
Se ben nalgúns lugares se utilizaban fornos comunais, o caso máis xeral era que cada familia dispuxese do seu individual. Polo xeral, o acceso ao mesmo, a porta, cadraba na cociña da casa, pero o corpo podía estar tamén dentro da vivenda ou xa na parte exterior.
Centrándonos na porta, que é o que representa o gravado do autor, sobre a boca pode aparecer unha pedra que sobresae da parede, que se coloca coa finalidade de evitar que as faíscas que saltan do lume mentres se quenta o interior cheguen á cuberta da edificación. E sempre que temos un elemento que sobresae nunha edificación, pode aparecer como apoio do mesmo un canzorro.
Infórmanos Eladio Rodríguez que nas construcións tradicionais aparecían gran variedade de canzorros, de pedra ou de madeira, termando dunha viga, dunha solaina ou da cambota da cheminea, por exemplo. A finalidade destas pezas era eminentemente decorativa, para o cal se utilizaban motivos antropomórficos, zoomorfos, vexetais ou xeométricos. E da decoración máis habitual parece proceder a denominación, xa que con frecuencia era un can a figura representada.
Especie de plataforma ou piso do carro, dun remolque etc., en que se coloca a carga.
Antes de que o tractor xubilase as vacas do país do seu sufrido labor de animais de tiro e deixase estreito o paso das corredoiras, o carro pasaba por ser o noso principal medio de transporte no mundo rural, un vehículo do que non se documentan cambios importantes desde que se teñen noticias del.
Polo que respecta ás súas pezas, os nomes varían comunmente dunhas comarcas a outras, e mesmo os modelos de construción presentan tamén diferenzas, pero os constituíntes fundamentais son comúns a todas elas, entre eles as dúas partes esenciais, que son a plataforma sobre a que se coloca a carga e o mecanismo de rodaxe.
Comezando pola parte superior, o lugar da carga recibe os nomes de chedeiro, latado, leito, piso, sollado ou sollo e, tal como se aprecia no gravado, está delimitado por dúas pezas longas que converxen na parte dianteira, onde se unen á cabezalla ou lanza, no extremo da cal se engancha o xugo dos animais. A denominación do chedeiro deriva da destas pezas laterais, as chedas, palabra sobre a que Said Armesto apunta a etimoloxía, o céltico *cleta, así como o significado: as táboas laterais do leito dos bois nas que se fixan os estadullos.
Peza central da roda do carro á que van unidas as cambas e que ten no centro a fura onde se axusta o eixe.
A parte do carro necesaria para a rodaxe debeu ter moito máis interese para este investigador, xa que aparece representada con gran detalle no gravado, tanto no que se refire ao debuxo como ao léxico apuntado, e mesmo trata separadamente o eixe e as rodas, se ben isto compón un todo ríxido que xira conxuntamente, o cal parece ser unha característica que lle proporcionaba estabilidade ao carro.
Sobre a roda, o estudoso Xaquín Lorenzo rexistrou cerca de noventa variantes que teñen en común a estrutura xeral. As pezas que lle confiren a súa forma circular son as cambas e entre elas sitúase o mión, mil ou miñón. Da súa situación central deriva o nome, que procede dun derivado do latín medius. E no medio do mión ábrese un oco no que se encaixa o eixe, que se asegura grazas a uns tornos.
Da importancia e presenza do carro, dan idea a cantidade de refráns e expresións que aluden a el, como, por citar un exemplo, estar entre o eixe e a roda, que se pode utilizar para definir unha situación apurada ou comprometida. Ou as abundantes alusións ao canto do carro, que aínda que se toma como paradigma do mal cantar, tamén tiña a súa utilidade, pois parece ser que funcionaba de aviso para evitar cruzarse nun lugar con pouca largura con outro carro que viñese en sentido contrario. En calquera caso, a día de hoxe, pode que sexa máis certo ca nunca o que dicía Manuel María de que “xa non canta na Chá ninguén”.