Sete palabras vibrantes

Ninguén deu explicado con rigor e precisión o motivo polo que, en preguntándolle a un conxunto aleatorio de persoas as ideas coas que asocian a nosa lingua ou o que lles transmite como idioma, unha altísima porcentaxe expresa que lles parece unha fala suave, melosa, acariñadora… unha fala riquiña, vaia. Estes conceptos non implican –todo o contrario– unha valoración negativa, pero o certo é que, nós coma calquera, temos días rabudos e tanto bucolismo, tanta dozura, acaba por facer un bolo duro de tragar.

Por esta razón, quixemos destapar unha outra cara do idioma e poñelo á altura desas linguas que, como o alemán, o noruegués ou o éuscaro, teñen sona de dificultosas, abruptas e ásperas. E é que temos un feixe de palabras entrambilicadas, enfrontadas ao melifluo con poderosos, vibrantes, rabudos, revulsivos e retadores <r> que se colocan na sílaba que menos esperas, só por revolver. Por elas, por esas palabras que ás veces nos complican e nos traban a lingua sen avisar, vai este sertestelo, setrestelo…aggggg!!

1

crocodilo

Réptil de gran tamaño, de patas curtas, fortes mandíbulas e o corpo cuberto de placas córneas e óseas, que ten costumes anfibios e vive á beira dos grandes ríos, lagos e marismas das zonas tropicais de África, Asia, América e Australia

Concodrilo, cucudrilo, crocodrilo, cocodilo… esta palabra debe ser unha das máis “bailadas” da nosa lingua, por ese <r> que salta dunha sílaba a outra, ao que se lle suman as vacilacións na vogal átona. Quizais por ser un animal que vive afastado das nosas lindes, a palabra entra tardiamente, o que seguramente contribuíu a que a fixación da forma fose problemática, cedendo á creatividade dos falantes. Tamén puido pesar a influencia de linguas próximas que optaron por solucións diversas (catalán cocodril, castelán cocodrilo).

A forma sancionada pola norma, crocodilo, é fiel ao étimo latino crocodilus -i, que á súa vez descansa sobre o grego krokódeilos, probablemente de orixe exipcia, creada a partir dos substantivos usados para denominar unha pedra e un réptil, é dicir, o significado viría a ser algo así como ’o réptil das pedras’ e aplicábeselle, sen especificar, a calquera lagarto ou réptil de pequeno tamaño. Desde aí, pasaría a denominar exclusivamente as especies pertencentes á familia Crocodylidae, os animais que poboaban as marxes do Nilo e que en Exipto se consideraban sagrados.

2

fustrigar

Castigar coa fusta ou fustriga

A fustriga é unha vara, delgada e flexible, que cando ten unha correa trenzada nun extremo –como as que se utilizan para incitar os cabalos– leva o nome de fusta. E de fustriga derivou fustrigar, para chamarlle ao castigo que se infrinxe con este pau.

A palabra vén de antigo; xa a recolle Sarmiento, por exemplo, no seu vocabulario (segunda metade do XVIII), onde aclara que fostrigar é ‘golpear coa fostrega ou fustriga’, apuntando unha probable orixe latina a partir de fustis ‘pau’, de onde o infinitivo fustigare, de idéntico significado ao actual. Nos dicionarios históricos, recóllese aínda outra acepción para o verbo, que é a de ‘atar con fustriga’ ou outro tipo de material flexible de orixe vexetal, como unhas pallas, xuncos etc. Así mesmo, tamén é posible facer un uso metafórico do verbo, dándolle un sentido figurado, para referirse a calquera circunstancia na que se exerce unha presión negativa sobre alguén, como cando decidimos “fustrigar alguén co látego da indiferenza”.

3

canastra

Aro fixado a un taboleiro, do que pende unha rede aberta e por onde se debe pasar a bóla no xogo do baloncesto

Esta acepción da canastra é ben coñecida, incluso polas persoas que só practicamos deporte desde o sofá. Ora ben, a palabra ten tamén outro significado tradicional: “cesto de vimbio de forma cadrada ou redonda, largo e de pouco alto, que pode levar ou non asas”.

Para os artesáns, mercadores ou outros traballadores afeitos a manipularen este tipo de recipientes, non hai dúbida á hora de distinguir entre a canastra e o canastro, que é de bo tamaño e leva por forza dúas asas aos lados, ou o canastrel, onde destaca a presenza dun aro para suxeitar, como ben queda recollido nos glosarios históricos –nos que tamén se documentan os derivados canastriña, canastriño, canastrón–. Todas estas formas, e mais outras da familia léxica como encanastrar, canastrada etc., comparten unha mesma orixe no étimo grego kánastron -ou (a través do latín cannastrum), que presentaba un significado próximo ao actual.

4

orquestra

Grupo de músicos que se reúnen para tocar

A día de hoxe, na lingua común, unha orquestra é un conxunto de músicos que tocan os seus instrumentos, sexan dunha sinfónica ou das que amenizan as verbenas coas súas melodías. Pero cómpre saber que estes serían os referentes últimos dunha palabra que vén de moi antigo, en concreto do teatro clásico grego, onde a orchestra era a zona onde se colocaba o coro, os instrumentistas e os bailaríns, isto é, onde se desenvolvía toda a parte musical das pezas teatrais. A denominación formouse a partir do verbo orkheisthai, ‘bailar’, mais un sufixo para facer nomes de lugar. Logo, no teatro romano, a orchestra continuou a ser unha zona especial, neste caso, a reservada para os senadores e outros dignitarios.

Orquestrar é o que se fai para adaptar unha partitura musical co obxectivo de que poida ser interpretada por unha orquestra; isto en sentido literal, porque tamén se lle pode dar un uso figurado cando se refire a coordinar diferentes elementos para organizar unha actividade, un plan etc.

5

madrasta / padrasto

Muller do pai, respecto dos fillos que este leva ao matrimonio / Marido da nai, respecto dos fillos que esta leva ao matrimonio

Entre as pólas da árbore xenealóxica, poucas palabras concitan maior receo ca madrasta e padrasto, avivecidas por anos e anos de historias na literatura popular nas que o menos que facía unha madrasta era darche a comer unha mazá envelenada ou forzarte a traballar en condicións de escravitude, varrendo cinsa todo o día. Quizais por esta mala prensa, madrasta e padrasto son a día de hoxe etiquetas que algunha xente prefire evitar. Esta percepción fíxose extensiva a outras formas co sufixo -astro (ou -asto, por disimilación), tendo un sentido pexorativo desde a época latina en vocábulos de parentesco (fillastro) ou en substantivos comúns (poetastro ou politicastro).

Madrasta e padrasto teñen a súa orixe etimolóxica no latín popular matrasta e patraster, derivados respectivamente do clásico mater, -tris e pater, -tris, de onde veñen as nosas formas patrimoniais nai e pai. Alén destas dúas, son parte do noso fondo léxico as formas tradicionais madre e padre, que especialmente se empregan formando parte das fórmulas fixadas ‘mi madre‘mi padre’, tratamento de respecto para dirixirse aos proxenitores.

6

grilanda

Tira de tecido con flores e follas, en forma de onda ou de coroa, que se usa de adorno

Francés guirlande, italiano ghirlanda, catalán garlanda, castelán guirnalda, portugués grilanda… a orixe da palabra grilanda non puido confirmarse polo de agora, mais trátase dun termo común ás linguas románicas máis próximas á nosa, que no paso da historia sufriu alteracións na secuencia das letras, proceso que as persoas do mundo da filoloxía chaman metátese. Ben que non se sabe con certeza, é probable que o étimo común se localice no francés antigo garlande, que á súa vez quizais partise do xermánico, onde os especialistas sitúan unha raíz garnir que podería ter o significado de ‘adornar’. Xa no occitano, garlanda daría en guirlanda, por influencia de varias palabras autóctonas.

A palabra grilanda forma parte do noso léxico desde as mesmas orixes medievais; aparece na General Estoria, escrita no século XIV, entre os anos 1300 e 1330, onde se fala do deus Pan, quen “tragia ẽna cabeça hũa grilanda de pyno”.

7

apracible

Que agrada, que causa sensación de paz, de pracer

Este adxectivo vén da man do intransitivo apracer (ou pracer), “producir unha sensación agradable, ser agradable”, un verbo que, se ben non figura entre os máis usuais, é síntoma dunha lingua coidada e fiel á personalidade propia do noso idioma. Na súa base está o latino placere, que tiña para os romanos significado idéntico ao noso, e de onde tamén se deduce o substantivo común pracer. Apracer e pracer son intercambiables desde o punto de vista do significado, pero en cambio presentan modelos de conxugación diferentes, xa que o primeiro é regular na súa flexión en tanto que pracer amosa irregularidades no pretérito perfecto (prouguen), o pluscuamperfecto (prouguera) ou o imperfecto de subxuntivo (prouguese).

En case toda a familia léxica, prevalece o fonema vibrante (r) por evolución do latino (l) –compracer, despracer, compracente, desapracible, pracenteiro etc.–, non sendo nos nomes placidez, plácido e beneplácito, que se resolveron por vía culta.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir