Sete personaxes do Entroido

Das festas que celebramos ao longo do ano, e celebramos unhas poucas, o Entroido é a máis desenfadada e desenfreada de todas. Nas versións máis ancestrais das súas orixes, formaría parte dos ritos vinculados ao inverno, concretamente á fin do frío máis rigoroso e á chegada da época propia para sementar e, segundo isto, a finalidade das máscaras sería a de espantar os malos espíritos das colleitas.

E é que o máis típico do Entroido, deixando á parte as comidas, é andar de carauta posta, chocallando e trangallando, é dicir, correndo o Entroido, procurando que non che caian uns lategazos ou unha presa de formigas. No Entroido permítese todo, menos pasar del.

Con tanta mascarada non resulta doado sabermos quen é quen polo que neste setestrelo dámoslle un repaso a algúns dos personaxes máis recoñecidos do noso Entroido.

1

aparicio

Personaxe do Entroido que leva colgadas do cinto chocas e un saco con cinsa ou farelo.

Tendo en conta que o nome de aparicio vén do que en latín era ‘aparición’ e que as aparicións están moi relacionadas con personaxes fantasmais ou do outro mundo, ben podería ser que se lle dese este nome porque en algo lembrase unha pantasma.

Coma no caso das aparicións, o aparicio provoca a un tempo respecto e temor xa que se alguén se atrevese a quitarlle aquilo que o fai anónimo e inviolable, a careta, facendo que todos descubran a persoa que está detrás do personaxe, este podería incluso matalo, coa seguridade de que na outra vida non lle ían pedir contas por esta acción.

Para recoñecelo, reparemos en que leva axóuxeres na cintura e unha vara grande cun saquiño cheo de cinsa ou farelo, que utilizará contra aqueles que atope, por iso tamén se coñece por farileiro ou felo. E se vai cunha cuadrilla das que saen cantar para pedir recompensa, el será quen a capitanee e quen faga o saúdo de venia ao cruzárense con outro grupo de enmascarados. O aparicio é o encargado de chamar ás portas e tornar os nenos, que o fan rabiar cantándolle Farileiro, cachafeiro, come tripas de carneiro, mal cocidas, mal lavadas, que lle corren polas barbas.

2

charrúa

Personaxe do Entroido de Allariz que se disfraza con roupa vella e careta e que leva unhas bandoleiras con campaíñas.

Algúns investigadores din que as charrúas cruzaron o Atlántico porque o nome destas máscaras coincide co dun pobo indíxena que ocupaba un territorio que hoxe se reparte entre Uruguai, Arxentina e Brasil. Pero en que sentido atravesou o océano a charrúa?

Inicialmente pensouse que este disfrace, extravagante polo seu moito colorido, recibise esta denominación por obra dalgún indiano que coñecía as charrúas americanas, pero logo déuselle a volta
á historia e postulouse que algún explorador galego, ou en calquera caso coñecedor deste personaxe, lles aplicara aos indíxenas o nome dos entroideiros de Allariz, aos que se semellaban polas súas caras pintadas, os seus mantos de pel con debuxos e mesmo polos xestos.

Sexa como for, quen hoxe se atreven a berrarlles charrúa, merda crúa probablemente non teñan presente a fama de afoutos dos nativos americanos.

3

peliqueiro

Personaxe do Entroido galego propio de Laza e Verín, que se caracteriza por levar un traxe artesanal, moi vistoso e elaborado, do cal destaca a carauta que se prolonga na parte superior nunha especie de mitra de lata adornada con símbolos animais ou astrais e rematada na parte posterior nunha pelella de gato ou coello, que se pasea polas rúas da vila facendo ruído coas chocas que lle penduran do cinto e en actitude ameazante cun látego na man

O nome de peliqueiro vénlle a este personaxe dun dos complementos que leva, unha pelica de animal  que colga pola parte posterior da mitra. O seu disfrace, considerado o máis antigo dos que conservamos, destaca pola súa elaboración, o que se traduce tamén en dificultade á hora de levalo, xa que o peso acaba sendo considerable, e tamén o seu prezo.

Para os veciños de Laza é motivo de orgullo seren peliqueiros xa que é un rito asumido con seriedade e rigor. O mesmo rigor co que pasean as rúas e corredoiras e a praza da Picota en fila india, vixiando que o entroido discorra ordenadamente, zorregando coa fusta as persoas que así non o respecten.

Para quen non posúa un coñecemento profundo do asunto e non estea ben atento aos materiais empregados nos disfraces será misión imposible distinguir os peliqueiros de Laza dos cigarróns de Verín, que basicamente teñen unha aparencia similar e que se relacionan en orixe con diferentes motivos, por exemplo, con ritos prehistóricos, con cobradores de  tributos ou mesmo con levantadores da caza.

4

pantalla

Carauta propia e exclusiva do Entroido de Xinzo de Limia, que representa un demo de expresión amable, e que consiste nunha soa peza que cobre a cara e a cabeza, prolongándose nunha especie de carapucho curvado cara a adiante, decorado con debuxos de figuras astrais ou de animais. / Disfrace completo que ademais desta carauta se compón dun traxe branco cunha faixa encarnada na cintura, un cinto con chocas e unha capa de seda encarnada ou negra con fitas de cores.

O máis distintivo das pantallas de Xinzo son as dúas vinchas de porco ou de vaca que levan nas mans, secas e inchadas coma globos, e que se gardan para este fin desde a matanza. Ao batelas fan un ruído peculiar que, xunto ao son das chocas e a charanga, é a banda sonora característica do Entroido en Xinzo, que se paga de ser o máis longo de todos, durante cinco domingos consecutivos.

En todos este tempo as pantallas non son só personaxes que se mesturan na algueirada, senón que actúan como auténticos rexedores, impoñendo a súa lei: a de participar da parranda, disfrazarse e facer medrar a festa, respectando, iso si, a tradición milenaria. Para conseguilo, non lles doen prendas en recorrer á intimidación, co seu abano de ruídos das vinchas, as cinzarras e mesmo bruando como animais, e tamén se é preciso ao castigo, xa que a quen pillan sen disfrace lévano ata o bar máis próximo para que convide a viños a toda a cuadrilla.

5

choqueiro -a

Persoa que vai disfrazada con chocas. / Persoa disfrazada con calquera roupa e cunha máscara.

Calquera persoa que leva chocas na súa indumentaria carnavalesca pode recibir a denominación de choqueiro ou chocalleiro, polo que ás veces serve de denominación dos cigarróns, pero, en sentido xeral, pódese aplicar para o que non se complica co disfrace e vai ataviado cunha roupa calquera.

Para moitos autores ten o sentido de ‘persoa ridícula’, o que pode derivar das noticias que nos ofrece Eladio Rodríguez sobre este personaxe que, ao parecer, era habitual ata finais do século XIX nas vilas e cidades, levaba unha colcha vella por riba e como anteface unha pel de coello ou lebre.

Con estas trazas, era obxecto de burlas, que debía aguantar estoicamente e aínda podía levar lambetadas colgadas dunha vara que os rapaces tentaban pillar, segundo nos conta, cos dentes.

6

entroido

Persoa que se disfraza nesa festa.

Para os entroideiros que celebran estes días disfrazándose contamos coa denominación xeral de máscaras ou, xa directamente, de entroidos, como representantes do máis característico destas festas. A partir de aí, o nome esténdese ás 'persoas que visten de xeito descoidado ou ridículo', tal coma se fosen personaxes do Entroido.

Pero os entroidos eran tamén uns bonecos típicos destas datas que mesmo podían estar realizados coa feitura dos monicreques e servir, coma estes, para representar unha pantomima. Despois enterrábanse, con máis ou menos pesar, o mércores de cinsa, día oficial da despedida do Entroido que, sexa cal for a súa orixe, debe o seu nome ao latín introitus ‘entrada’, do tempo menos frío e tamén da Coresma. E é que, como dicía a copla, Adeus martes de Entroido, adeus me amiguiño, ata o domingo de Pascua non comerei máis touciño.

7

meco

Boneco que se queima ao acabar o Entroido.

A orixe deste boneco probablemente estea nun personaxe lendario que, segundo algunhas versións, sería oriúndo da comarca do Grove. Foi famoso pola súa luxuria desenfreada, da que non escapaban nin solteiras nin casadas, e por iso moitos cren que o seu nome viría do latín moechu, ‘home adúltero’. O desexo desmesurado do meco foi motivo de condena para os seus coetáneos e provocou que este acabase os seus días colgado dunha figueira.

Malia que o meco se queima en moitos lugares, no Grove continúa tan presente e é tan característico, que mesmo os grovenses se coñecen como mecos, e esta é de feito a forma máis habitual en que se chaman entre deles,  con independencia de que conserven ou non a fogaxe do seu mítico devanceiro.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir