Verán matador

Asociamos o verán co descanso, co tempo libre, coas festas e con pasalo ben. O fenómeno ten unha base científica: a maior exposición á luz nos días longos da primavera e o verán fai que aumenten os niveis hormonais, o que implica que nos sintamos máis eufóricos e, polo xeral, máis proclives ás artes amatorias. Se ves que non é o caso, lembra que dicimos “polo xeral”. Isto tamén vale para explicarllo á parella.

Sexa como for, cómpre que tanta hormona, tanta euforia, luz e calor, non se apropie da nosa vontade, non nos aparve ou no peor dos casos nos faga sentir máis cansos ca nos meses de traballo ou estudo. Por tanto acougo e calma.

Hoxe propoñemos sete termos relacionados coas vacacións de verán que poden atacar os nervios e a saúde. Nin son moi longos, nin moi complicados, son, como vimos dicindo, para ler traquilamente e con cachaza.
 

1

atoamento

Acción e efecto de atoar ou atoarse (Cerrar un conduto nalgún punto e impedir ou dificultar o paso dun fluído).

Considérase que o maior atoamento que se deu desde que o mundo é percorrido polos automóbiles tivo lugar poucos anos atrás en China, onde os condutores implicados estiveron once días a unha media dun quilómetro diario e a retención para acceder á capital do país chegou a ter cen quilómetros de longo.

Coñecer este dato pódenos facer sentir afortunados no caso de ter que sufrir un, pero sería máis útil descubrir a forza que nos leva a coller unha ruta que sabemos que vai estar ateigada, ignorando os consellos para evitar as horas críticas, co cal, as présas por chegar tradúcense en caravanas que non tomamos, nin moito menos, coma os condutores chineses, que mesmo xogaban ás cartas na beiravía.

Atoamento ou atasco son as formas escollidas para denominar esta situación. Atoamento procede do latín obturare ‘cerrar ou tapar’ mentres que atasco probablemente descende de tasconium ‘barro’, xa que nun principio atascar tiña o sentido de se meter nun lugar de onde non se pode saír, especialmente na lama.
 

2

hidrocución

Morte súbita que se produce pola inmersión nun líquido antes de que se produza a asfixia causada pola aspiración do mesmo.

Na beira da auga é típica a escena dos nenos que se queren meter non ben rematan de comer e os pais obstinados en facelos agardar un tempo que, como se calcula a ollo, pode variar dunha familia a outra. Toda esta espera, dise, é para evitar un corte de dixestión.

Aínda que esa é a denominación popular, os doutos na materia dinnos que a dixestión non se corta e utilizan comunmente a síndrome de hidrocución, termo que creou, a mediados do século XX,  un médico militar francés por analoxía con electrocución.

O que se produce é un choque termodiferencial que provoca que o reflexo de inmersión se ocasione de xeito esaxerado, alterando o ritmo do corazón ata o punto de poder levarnos á parada cardíaca. Canto maior sexa a diferenza entre a temperatura da auga e a do corpo, maior é o risco de hidrocución,  e que esteamos en pleno proceso de dixestión é unha circunstancia agravante porque, mentres dura, o cerebro recibe menos osíxeno, polo que é mellor esperar un tempo, sobre todo se comemos coma frades. Tampouco é bo meterse na auga moi fría cando vimos de realizar un exercicio físico intenso aínda que disto, polo menos os nosos pais, non nos advertían.
 

3

faneca brava

Peixe da familia dos traquínidos (Trachinus vipera), de pequeno tamaño, corpo alongado e comprimido lateralmente, dúas aletas dorsais, a primeira negra, con radios espiñentos e glándulas velenosas na base, cor gris amarelada no dorso con pintas castañas, máis clara nos costados e abrancazada no ventre.

Para mellor adaptarnos á temperatura da auga, podemos optar por dar un paseo por onde o mar cobre pouco. Ademais, as ondas tamén nos dan unha masaxe relaxante que nos fai sentir ben… se non nos ataca a traizón unha faneca brava. Ben, non exactamente a traizón, porque realmente somos nós os que estamos invadindo o seu espazo natural.

A especie mencionada tomou a base da denominación da faneca que se considerou que procedía do verbo fanar, se ben non parecía moi atinado que este peixe se identificase cun animal fanado, sen orellas, polo que outros autores tomaron a voz como un arabismo procedente de fanak, un mustélido africano; aínda que pareza raro, hai máis casos nos que se lle aplicou o nome dun mustélido a un peixe desta familia, o que se pode xustificar pola forma do corpo, a cor e mesmo as barbas do fociño. Logo, probablemente tamén pola cor e a forma do corpo, déuselle o nome de faneca brava á que produce as picaduras.

Malia seren moi dolorosas, raramente resultan problemáticas as súas picadas. Iso si, teremos que acudir ao posto de socorro porque é probable que non teñamos á man ningún dos remedios que se aconsellan, como meter o pé en auga quente ou aplicarlle amoníaco ou antihistamínico.
 

4

insolación

Trastorno ocasionado por estar demasiado tempo coa cabeza exposta ao sol, caracterizado por febres altas, convulsións etc., e que pode chegar a producir a morte.

Se ben nunha conversa calquera cando falamos de insolación estamos usando a palabra no sentido arriba indicado, para os físicos é a cantidade de radiación solar que recibe un punto da terra e que se calcula ben tomando como referencia un día (insolación diúrna) ou un ano (insolación anual), sentido este máis próximo ao étimo latino do que procede e que literalmente sería ‘acción de expoñer ao sol’.

Resulta frecuente confundir este problema con outros tamén relacionados coas altas temperaturas, como pode ser o golpe de calor, pero neste non intervén necesariamente a exposición aos raios solares e é de carácter máis leve. Agora ben, de non solucionalo, pode acabar en insolación. Daquela, fallarán os mecanismos dos que dispón o corpo para manter a temperatura corporal, que se pode elevar ata os 45 graos e pódense dar convulsións e mesmo dano cerebral.

Levamos tanto tempo agardando polo sol e a calor que é doado sermos pouco prudentes cando chegan. Ou quizais non esteamos preparados para viaxar a latitudes moi calorosas, por moito que nos tenten.
 

5

onda de calor

Onda: Cambio brusco da temperatura.

Para denominar o movemento de elevación e descenso da superficie da auga contamos co termo onda, procedente do latín e que inicialmente tiña o significado de ‘auga en movemento’ ou o termo vaga, tomado do francés vague.

É de supoñer que a partir da figura que forman as ondas na superficie dun líquido, o termo fose adquirindo novos significados e se aplicase a curvas parecidas, coma as que pode presentar un obxecto flexible, tal como o cabelo ou unha tea. E tamén para fenómenos nos que se poden producir cambios bruscos, de tal xeito que, de representármolos, a figura da gráfica pode semellar unha onda. E iso ocorre facilmente coas temperaturas.

Para falarmos propiamente dunha onda ou unha vaga de calor cómpre que se dean tres días consecutivos nos cales as temperaturas nocturnas non baixen dos vinte graos (o que se coñece como noite tropical) e que as máximas superen o que é habitual no 95% das ocasións no lugar do que se trate. É, pois, unha cuestión relativa que depende da media de cada sitio, pero en absoluto intranscendente, xa que se apunta que o número de mortes aumenta durante as ondas de calor.
 

6

mosquito

Insecto da familia dos culícidos, do que existen varias especies, de patas longas e delgadas, ás transparentes e trompa recta coa que as femias chuchan o sangue de que se alimentan.

Se nos toca aturar unha noite tropical pode que xa a calor nos impida lograr un sono reparador, pero, por sorte, nas nosas latitudes o normal é que pola noite refresque. Agora ben, existe unha causa de insomnio máis poderosa ca a calor: un mosquito. Ninguén que non sufra os seus ataques poderá entender o desacougo que provoca oír o seu agudo zoar pretiño de nós, de tal xeito que nos fai acordar cunha eficacia que non logra o máis avanzado espertador.

Se nos fixamos no nome, literalmente ‘mosca pequena’, podemos pensar nun inimigo de pouca entidade. Agora ben, se atendemos a outras denominacións menos coñecidas que recibe este insecto, como cínfano ou cínife, vemos que proceden dunha voz sciniphes ou ciniphes que o latín tomou do grego e que se usaban para denominar varias especies de insectos ou vermes dos que pican ou morden.

Ao atacaren levan a cabo realmente dúas accións: inxectarnos a súa saliva e chucharnos o sangue, de xeito que poden actuar de transmisores de enfermidades infecciosas. A comechón da picadura faranos lembrar durante días o temido “vampiro” das noites.
 

7

salmonelose

Infección producida por salmonelas.

Tanto a infección como o nome da salmonelose deriva das bacterias do xénero Salmonella, unha forma que se creou no latín científico a partir do nome dun estudoso da materia, un veterinario norteamericano de apelido Salmon.

Esta enfermidade constitúe unha intoxicación alimentaria típica do verán que nos pode ocasionar os síntomas habituais dun problema gastrointestinal, como febre, vómitos, espasmos abdominais ou unha diarrea, que pode deshidratar o enfermo nos casos máis fortes.

A salmonela chéganos a través de produtos animais, fundamentalmente ovos, que, curiosamente, non teñen a bacteria dentro, senón que a levan na casca de fóra, onde se instala cando o ovo pasa pola cloaca da galiña. E non recomendan lavalos, posto que a súa casca é semipermeable e ao mollala pode pasar a bacteria ao interior, pero elimínase ao cociñalos, polo que o maior coidado débese ter con aqueles produtos que conteñen ovo cru, como a maionesa. Moito ollo, pois, porque a calor favorece a proliferación. Así que, cando comamos fóra, un ollo aos ceros da conta e outro á ensalada rusa.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir