Volvendo a Rosalía

Para volver sobre a obra da nosa autora máis universal sobran os motivos, xa que, con todo o que se leva traballado sobre ela, aínda quedan aspectos, como o da súa riqueza léxica, que cómpre revisar. Un bo exemplo disto é o feito de que Valladares, o principal estudoso do léxico do século XIX, tivo que recorrer directamente a ela para chegar ao significado de termos que Rosalía introduce en poemas de Follas Novas.

 

O dicionario publicado en 1884 por Marcial Valladares non foi o primeiro intento de recollida do noso vocabulario pero si se considera que foi o máis importante de cantos se levaron a cabo no século XIX e ata ben avanzado o XX non se viu superado. Nel, ademais de aproveitar os repertorios publicados con anterioridade, inclúe tanto voces populares coma outras facilitadas por persoeiros da época. Ademais, é o primeiro que trata de referendar as entradas con textos literarios ou con poesías e refráns populares.

 

O autor menciona que botou anos compilando léxico, ben por recollida directa, ben aproveitando o que outras persoas lle facían chegar, e tamén debeu procurar por estas mesmas vías perfilar o significado de certas voces, como proba a carta enviada a Murguía na que, visto que Rosalía non lle respondera, lle pide axuda para conseguir información sobre algúns termos presentes na obra da súa muller.

 

No noso vídeo Palabras de Rosalía xa mencionamos estes termos, mais agora, con máis vagar e profundidade, volvemos sobre eles neste Setestrelo.

1

albariña

Froito ou planta que é de cor máis clara ca a doutras especies do mesmo xénero ou doutras variedades da mesma especie. / Uva branca, de gran pequeno e gusto agradable, que se cultiva especialmente nas Rías Baixas.

Rosalía utiliza en dúas ocasións o adxectivo albariña nos poemas de Follas Novas, unha referido á variedade das uvas (“¡Ouh miña parra d ‘ albariñas uvas,/ que a túa sombra me das”) e noutra aplicado a ras (“Grilos e ralos,/ rans albariñas, sapos e bichos de todas cras”).

 

O primeiro destes usos resulta corrente e xa dá noticias del Sarmiento, que, se ben neste caso non apunta a etimoloxía, podemos engadir que procede da forma latina para ‘branco’, albus, -a, -um e resulta curioso que os seus derivados tivesen moita máis presenza entre nós ca o descendente directo albo, desprazado polo xermánico blank.

 

Á parte das uvas, tamén atopamos outras plantas e froitos que poden ter variedades dunha tonalidade máis clara ou albar, como as uces, os toxos, as xestas ou o liño. Emporiso, o cualificativo albar non se aplica exclusivamente no reino vexetal, senón que se documentan mencións de gorrións ou falcóns albares, especies que teñen boa parte da plumaxe branca ou abrancazada. E o mesmo pasará co pelame dunha egua albar.

 

Ademais, dise daquilo que é branco, como as folerpas de neve, ou máis branco en comparación con outras variedades, como a fariña albar nome dado á de trigo, que se podía obter dun muíño albar, que era, en contraposición co muíño negreiro, o destinado exclusivamente a moer este cereal. Algúns autores citan incluso fogazas ou fornadas albares.

 

En canto ás ras albariñas, é Valladares o primeiro en recoller a expresión que, segundo este autor, designa a carricanta. Varias obras posteriores deron por boa esta información, que aparece aboada coa cita da nosa autora no dicionario publicado a principios do XX pola Real Academia, pero nin nos dicionarios modernos nin en obras específicas sobre fauna se cita este posible exemplar, polo que continúa sen estar claro se Rosalía fala dun insecto ou dunha ra de cor máis clara ca o exemplar común. Iso si, malia as dificultades para a súa identificación, as ras albariñas seguen emitindo a súa voz desde as páxinas de distintos autores da nosa literatura.

2

cotomelo

Nó ou vulto que forman as articulacións dos dedos ao se dobraren. / A mesma parte, tratándose da articulación do brazo co antebrazo.

En Follas Novas podemos ler: “Fas uns versos…, ¡ai, qué versos!/ pois cal eles non vin outros,/ todos empedregullados,/ e de cotomelos todos,/ parecen feitos adrede/ para lerse a sopramocos.”

 

É precisamente Valladares o primeiro que inclúe este termo, atribuíndolle o sentido inicial de pequeno monte de terra, se ben indica que, a partir deste, por extensión, pode ser calquera prominencia, ben no relevo, como un pequeno outeiro, ben no propio corpo, tanto se se trata dun vulto coma das articulacións dos dedos. Non obstante, atendendo á información que se dá sobre a súa orixe, a evolución no significado sería a contraria.

 

Se, tal como apuntan algúns estudosos, a autora alude ao seu propio xeito de facer poesía, que ela mesma considera que encerra certa dificultade de comprensión, podemos pensar que o sentido no que usa a voz cotomelo ten máis que ver coa explicación que encabeza o artigo de Valladares ca co que aparece nos dicionarios actuais.

 

Parece ser que o termo se tomou dunha forma mozárabe procedente á súa vez do latín cubitalis, adxectivo referido a unha medida que tiña como base a distancia da man ao cóbado (cubitus, en latín). De aí chegaríase a cotobelo e logo, substituíndo unha consoante oclusiva por outra, a cotomelo, de xeito paralelo ao acontecido no caso de ameneiro e abeneiro ou no de boneca e moneca.

 

En canto ao sentido, entre nós designa a articulación do cóbado ou a dos dedos da man e, partindo do avultamento, perceptible especialmente ao pechar a man, é fácil aplicar a denominación ás elevacións do terreo cando non son excesivamente pronunciadas, tal como vemos na cita do principio, pero, neste caso, o emprego non tivo eco noutros autores.

3

mando

Cantidade de cousas que se poden levar dunha vez nos brazos.

No poema “A probiña que está xorda” lemos “no mellor sitio/ con moita humildá se senta/ e arrima un mando de lume/ para onde ela está.”

 

Os primeiros compiladores do noso léxico no século XIX non incluíron a forma mando entre as entradas das súas obras, probablemente porque evitaban as voces comúns co castelán e esta érao, pero non co sentido que por primeira vez sinala Valladares, isto é, como sinónimo de brazado, mangado ou mañizo.

 

Se ben no exemplo de Follas Novas se fai un uso extensivo do sentido de mando ao falar dun “mando de lume”, enténdese mellor de aludirmos a cousas que facilmente se poden transportar suxeitándoas cos dous brazos ou cun deles, como un mando de leña, de herba seca ou de gamóns, exemplo este último proporcionado por Aníbal Otero, que tamén apunta a orixe, o latín manu, precedente da nosa man, que deixou descendencia en todas as linguas románicas.

 

Sobre esta base creáronse termos referidos a aquilo que podemos apreixar coa man, como manchea, manda ou maínzo, mentres que outros, partido do mesmo, son utilizados para o que collemos entre os brazos, como mañiza ou o propio mando.

 

E xa deixa claro Valladares que cómpre tratar separadamente este termo do seu homónimo, procedente do verbo mandar, se ben este último, máis usual na fala, non se considerou entre as entradas ata os dicionarios actuais.

4

parruma

Néboa pouco densa.

Nunha ocasión en Follas Novas bota man Rosalía da voz parruma facendo unha comparación entre o fenómeno atmosférico e o seu xeito de facer poesía: “Diredes de estes versos […]que se asomellan á parruma incerta/ que voltexa no fondo das curtiñas”.

 

Unha vez máis, é Valladares o primeiro que dá noticia da existencia do termo, que define simplemente como brétema, información que se perpetúa sen máis nos dicionarios posteriores ata que Eladio Rodríguez puntualiza que non se trata de sinónimos sen máis, senón que o sentido de parruma é máis restrinxido, tal como se recolle na actualidade.

 

Esta voz, da que non hai certezas en canto á orixe, aplícase en principio para a feluxe, a substancia que se vai adherindo ás paredes ou aos obxectos expostos ao fume, e de aí deriva o nome da parede lateral da lareira ata a parte baixa da cheminea, a parrumeira ou parrugueira. Logo, por algunha razón, pasou a aplicarse para un fenómeno semellante a unha lareira con fume, como é a presenza de néboa.

 

Se ben no volume do Atlas lingüístico galego que recolle as denominacións dos fenómenos atmosféricos non se documenta a voz, o que nos fai pensar nunha presenza reducida na fala, si tivo certo éxito entre os creadores literarios que a continúan utilizando na actualidade.

5

esvaesido

Participio de esvaecer: Perder o coñecemento.

Cando Rosalía no seu poema “Tembra un neno no húmido pórtico” nos golpea describindo a penosa situación dun rapaz miserento dinos del que “o inocente a dourada cabesa/ tamén dobra, esvaesido ca fame,/ e descansa co rostro nas pedras” onde vemos a forma esvaesido reproducida con seseo, como acostumaba facer a autora.

 

O primeiro significado de esvaecer é o de diminuír a intensidade, a partir do que pasou a utilizarse para facer desaparecer algo inmaterial e, incluso, o apuntado inicialmente de perder o coñecemento. Neste caso, aínda que o emprega alguén coa autoridade de Rosalía e Valladares manifesta curiosidade polo termo, non se recolle nos dicionarios ata datas recentes e tampouco tivo moita fortuna nese sentido a forma esvaer, que quedou apuntada no Valladares inédito e que ninguén incluíra ata que o fixo Eladio Rodríguez.

 

Tanto esvaecer coma esvaer proceden do latín evanescere, ‘desaparecer’, formado a partir do adxectivo vanus, orixe do noso van, utilizado tanto co significado primeiro de baleiro coma en usos figurados e este si presente na maioría das obras lexicográficas antigas. No sentido presente no poema, esvaecer sería sinónimo de desmaiar e, se non primeiro caso se chegou a isto partindo de facer desaparecer, no de desmaiar teriamos na base unha forma xermánica magan ‘ter forza’, xa que as forzas é o que perdemos por completo cando quedamos sen sentido.

 

Esvaecer, esvaer ou as formas derivadas de ambos os dous foron ganando terreo nas creacións literarias, de tal xeito que resultan máis habituais na actualidade ca na época do Rexurdimento.

6

traspoleirado

Participio de traspoleirar: Gorecerse unha ave doméstica fóra do poleiro. / (figurado) Arredarse do bo camiño.

“Para uns , negro; para outros, branco; e para todos, traspoleirado.” Esta sentenza de sabedoría popular sérvelle a Rosalía de motivo para un poema no que recolle a diversidade de criterios con que un fillo é instruído por parte dos seus proxenitores.

 

Ausente nos repertorios dos primeiros compiladores do noso léxico, Valladares dá a coñecer tanto o verbo traspoleirar como o adxectivo derivado del, traspoleirado. E á información que proporciona en ambos os artigos é basicamente a mesma que se segue dando ata hoxe. Nela, podemos comprobar que se parte en xeral da acepción relativa ás aves, probablemente porque pareza claro que proceda de poleiro, a denominación do lugar onde se recollen as aves domésticas.

 

Curiosamente, entre os exemplos de uso documentados, non se atopa ningún referido ás galiñas, senón que, igual ca nos versos de Rosalía, aparecen o verbo e o adxectivo aplicados maioritariamente a persoas, o cal induce a considerar se puidese ter algunha relación co latín interpolare, que contaba entre os seus significados co de falsificar ou alterar, próximo ao que se recolle como figurado en traspoleirar.

 

Ademais, os derivados romances de interpolare tiveron historicamente significados relacionados con mesturar, que, aplicado ás cores, está moi cerca do que dá Valladares como terceira acepción para o adxectivo traspoleirado (cambiante ou vario), se ben este caso non podemos documentalo nos exemplos literarios. O que si é posible constatar é que se trata de formas pouco habituais, pero que se manteñen vivas.

7

xurafás

Persoa que blasfema. / Persoa que fai sufrir sen sentir pena.

«Como venden a carne no mercado,/ vendeut’ o xurafás», comezan dicíndolle a unha moza nun poema dialogado de Follas Novas no que se van contrapoñendo opinións de alguén externo á relación amorosa coa persistencia da moza nos seus sentimentos.

 

Que Valladares pregunte polo termo proba que o coñecía, pero non o incorporou á súa obra. Teremos que agardar ata os traballos de recollida levados a cabo por Leiras Pulpeiro, que supuxeron a contribución do autor mindoniense ao dicionario que naquela altura levaba a cabo a Real Academia Galega, para que o termo figure nos nosos dicionarios, unhas veces con seseo final e outras sen el.

 

Proponse que a orixe de xurafaz estea na expresión do latín vulgar *iura facie, literalmente ‘o que xura na face’, co que estaría relacionada a primeira acepción recollida para o termo e o sentido de xurar como maldicir. E de aplicarse para a persoa blasfema pasou a dicirse logo da desalmada, como parece estar utilizada no poema do principio.

 

Polo que respecta á continuidade do termo, os xurafaces nunca deixaron de estar presentes nas nosas páxinas literarias desde que os dese a coñecer Rosalía aló polo 1880.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir