
Desde a esquerda: Alfonso Rodríguez, Lutgarda González, Saleta Goy, Manuel María e Darío Xohan Cabana en 1969, nas festas de San Pedro de Monforte.
2016 foi o ano de Manuel María, o autor elixido protagonista do 17 de maio, a quen se lle dedicaron as Letras neste ano. Para homenaxealo, alén dos múltiples actos que se celebraron por todo o país, a Academia realizou o mesmo día 17 unha sesión extraordinaria dedicada por enteiro ao poeta de Outeiro de Rei, que tivo lugar na Casa das Hortas, onde nacera este en 1929, e que hoxe se atopa reconvertida en Casa-Museo. Ademais, durante tres días no mes de novembro, dedicóuselle un simposio, onde participaron máis dunha vintena de expertos e expertas que trataron das diversas facetas da súa intensa actividade cultural e política.
No Portal das Palabras, publicáronse ao longo deste ano diferentes documentos centrados na figura de Manuel María, un Setestrelo arredor da súa vida e obra, un vídeo do Mundo en Palabras sobre a peza de teatro infantil Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela e mais distintos materiais de interese, algúns deles inéditos, dixitalizados pola Fundación Barrié.
Nesta ocasión, como remate deste ano especial dedicado a Manuel María, publicamos unha gravación, feita por Alfonso Rodríguez –amigo da familia–, onde o poeta recita algúns dos seus versos. No texto que segue, o académico e tamén poeta Darío Xohán Cabana, quen, con dezaoito anos, estaba presente no momento da gravación, na que participou, relata o momento:
Este marabilloso documento sonoro foi feito por Alfonso Rodríguez López, Alfonso R. Cumbraos, en Monforte de Lemos, seguramente na primavera do 1970. Moito antes non puido ser, pois os poemas do Romanceiro da Terra Chá que le o Manuel María escribinos en Roás polo Antroido dese ano, que cadrou moi baixo: o martes lardeiro foi o 10 de febreiro.
Aínda que eu estaba estudando en Lugo e pasaba as vacacións na casa nosa de Roás, con meus pais, meu padriño e meus irmáns, dende os primeiros meses do 1969 tamén ía moito pola casa do Manuel e a Saleta en Monforte. Diría que polo menos un fin de semana ó mes, e se cadra máis aínda. Alfonso Cumbraos e Luga González eran probablemente os mellores e máis cotiáns amigos que tiñan na cidade, e por iso os vin e os tratei bastante naquel tempo. Alfonso tamén escribía poemas. Nunca os chegou a publicar en forma de libro, pero lembro un poemario que daquela andaba facendo e refacendo e que se titulaba Porta con porta.
Un día levei a Monforte o meu amigo e compañeiro de clase, e de mesa, Manuel Blanco Rábade, que daquela quería asinar os seus poemas como Manuel Emilio Blanco, engadindo ó seu propio o nome de seu pai. Tamén facía contos: un publicouno en 1972 no libro colectivo 6 novas voces das letras galegas, pero de contado deixou a literatura, ou polo menos escondeuna. Foi un entusiasta mestre de escola e pedagogo. Morreu o 15 de abril do 2011, ós 58 anos, dun ataque ó corazón mentres corría polo adarve da muralla de Lugo. Fomos amigos toda a vida, pero naqueles anos do Instituto eramos coma irmáns.
A metade da media hora que dura esta cinta está ocupada por unha autoescolma de poemas de Manuel María ditos coa súa propia voz, esa voz que nos chega dende o fondo da vida corenta e seis anos despois. Esa voz que daquela tiña xusto corenta anos. Despois o propio Manuel recita dous poemas de Pondal, e a seguir anuncia que vai ler tamén dous poemas do Romanceiro da Terra Chá dun poeta de dezaoito anos que se chama coma min; en realidade le tres, non dous. A continuación saio eu mesmo recitando –moi mal; vexo que algo aprendín desde aquela– outros dous poemas do meu Home e terra, escrito no 1969, que o Manuel estaba pra publicar ou xa publicara na colección Val de Lemos das Ediciós Xistral. E finalmente, o propio Manuel María fai unha graciosa e moi circunstanciada introdución pra que Manuel Emilio Blanco diga un poema seu que comeza Sentinlle berrar ó moucho. A benquerida voz de Alfonso Rodríguez sae ó principio e unha vez ou dúas despois, con moi poucas palabras en plan titular. Cando o seu fillo Diego me mandou esta gravación, sentín coma se rompera unha presa e todo o encoro da memoria se me viñera enriba coma unha fermosa catástrofe que me asolagaba de novo naqueles dous anos irrepetibles, 1969 e 1970, nos que Manuel María estivo no centro exacto do meu mundo como mestre, como amigo, como irmán maior.
Darío Xohán Cabana
Manuel María recita unha autoescolma de versos propios mais outros de Romanceiro da Terra Chá, escritos por Darío Xohán Cabana, autor que le un seu poema. Tamén se escoitan as voces de Alfonso Rodríguez –artífice da gravación– e mais o mozo Manuel Blanco Rábade.