violencia de xénero

Violencia de xénero é a adaptación para a nosa lingua da expresión inglesa gender-based violence, denominación difundida tras a Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller celebrada en Beijing baixo a protección da ONU. Un dos obxectivos fundamentais deste cume era acadar a igualdade, o desenvolvemento e a paz para todas as mulleres e nenas do mundo. Mais isto non será posible se non se elimina a violencia practicada contra a muller polo feito de selo. Unha axeitada elección léxica e a súa difusión social pode chegar a reforzar unha decisión política necesaria.

Apelidamos de xénero esta violencia porque volvemos a mirada ao mundo anglosaxón, onde nos anos 70 da man dos estudos feministas se xeneraliza o emprego de gender como categoría sociocultural, marcando unha clara diferenza co sexo, o concepto biolóxico que distingue un individuo macho dun individuo femia. Daquela a violencia contra as mulleres é unha cuestión de xénero, consecuencia dunha sociedade non igualitaria e discriminatoria, que segue a maltratar as mulleres. Co tempo o concepto foise consolidando na nosa lingua en frases tan frecuentes como estudos de xénero, discriminación de xénero ou a mesma violencia de xénero.

Historicamente, a palabra xénero nas linguas románicas non tiña este significado e as obras lexicográficas daban conta de diferentes acepcións para esta palabra. O xénero definíase como unha categoría xeral para referir un conxunto con características comúns, un tipo. Alén disto, en literatura é a clase de obra segundo o contido, a forma ou o estilo; en bioloxía, a categoría taxonómica a medio camiño entre a familia e a especie; en gramática, o trazo que marca a oposición masculino / feminino na palabras con flexión (substantivos, pronomes, adxectivos e determinantes).

Por outra banda, o incremento no uso social dunha palabra convértese nun dos criterios para validar unha escolla determinada sobre outras, e desde a proclamación polo Parlamento español da Lei Orgánica Integral contra a Violencia de Xénero en decembro do 2004 a denominación violencia de xénero foi adoptada e recoñecida por gran parte da sociedade, cando menos na escrita. Violencia contra a muller é outra opción utilizada segundo os datos que fornecen os corpus textuais galegos, e é a empregada pola ONU para a súa Declaración sobre a eliminación da violencia contra a muller, presentada en decembro de 1993.

Con anterioridade á lei de 2004 era habitual o uso de expresións como: violencia doméstica ou violencia familiar. Pero estas opcións teñen dúas eivas importantes: inscriben a violencia que sofren as mulleres por selo exclusivamente ao ámbito privado e invisibilizan ademais a natureza machista das agresións.

 

 

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir