O dicionario en aberto chámase DicionarioLab

O proxecto de colaboración entre a Real Academia e a Fundación Barrié asumiu desde o inicio os obxectivos de modernizar as ferramentas do traballo lexicográfico, ofrecer produtos que sexan interesantes e útiles para os falantes e, ao mesmo tempo, activar espazos de comunicación máis directa cos usuarios e usuarias. Esa é a filosofía que está detrás da creación do Portal das Palabras, das recentes actualizacións do Dicionario en liña mais as novas aplicacións para móbiles e o bot de Messenger . DicionarioLab é un novo paso adiante neste camiño.

 

Para que serve DicionarioLab?
Todas as novidades, actualizacións e melloras que se desenvolvan para o Dicionario electrónico, o bot de Facebook ou as aplicacións móbiles estarán centralizadas nesta web: se hai unha nova opción de busca, se se engade información ou se habilitan novas funcións etc. aparecerán en primeiro lugar en DicionarioLab, para que poidamos entre todos e todas probalas e valorar se se axustan ás necesidades de cada quen, antes de levalas definitivamente ás páxinas do Portal e a Academia. DicionarioLab funciona como un auténtico laboratorio de probas e experimentos, aberto a todas as persoas interesadas e que queiran opinar sobre as melloras. Deste xeito, o Dicionario será máis da xente ca nunca, xa que todos os que queiran van poder formar parte dos cambios que se fagan e participar cos seus comentarios e achegas no proceso de actualización.

 

Pide un desexo…

… e, de podermos, cumprirémolo. Porque ademais de para probar as novidades, DicionarioLab tamén vai servir para tomar nota de todas as cousas que vos gustaría que cambiasen ou se puidesen facer no Dicionario. Só hai que cubrir o formulario “Pide o teu desexo”. Non podemos comprometernos a desenvolver todo o que propoñades, mais os desexos marcarán o camiño polo que ir avanzando.

 

A primeira proba

DicionarioLab preséntase nun día ben significativo, o 8 de marzo, Día da Muller traballadora, unha data simbólica que se axusta moi ben á que é a primeira novidade que podes testar neste laboratorio virtual. Trátase de poder buscar os nomes con variación de xénero a través da forma en feminino e chegar así ao lema que corresponde, algo que viña sendo unha demanda reiterada por parte das usuarias e usuarios, e que desde logo era un punto imprescindible en termos de igualdade. E ti, como o ves?

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir