O Vocabulario das Irmandades da Fala

Tapas da edición en tea e en rústica do Vocabulario das Irmandades da Fala

Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo?

Así fala Antón Villar Ponte no seu Nacionalismo Gallego (PDF) de 1916. No ano 2016, celebramos o centenario da creación das Irmandades da Fala que, ao tempo que cambiaron a historia política de Galicia, foron quen de ir creando obras e entidades fundamentais para o desenvolvemento do país. O ámbito primordial no que traballaron foi o do idioma. Naquel momento considerábase básico –para a dignificación da lingua– dispoñer de gramáticas e dicionarios que contribuísen a lograr un criterio unificador e a superar a diversidade de propostas dos autores literarios. As Irmandades atenderon ambas as dúas demandas e en 1919 apareceu a gramática de Carré Alvarellos e no 22 a de Lugrís Freire, mais habería que agardar a 1933 –cando xa eran parte do Partido Galeguista– para que publicasen unha obra lexicográfica.

Un logro destacado das Irmandades foi a diversificación de xéneros e temas para os que se utiliza o galego, acadando ámbitos de uso ata daquela vedados e para iso facíase necesario diversificar e aumentar o léxico coa finalidade de que servise para cuestións máis técnicas ou abstractas. Polo tanto, unha obra que proporcionase a equivalencia dun concepto que habitualmente unha persoa expresaba en castelán podía resultar moi útil, xa que co que se contaba ata ese momento era con obras lexicográficas que recollían voces galegas e as definían en castelán. Ademais, un obxectivo das Irmandades é o de estender o uso da lingua entre aqueles que estaban abandonándoa ou xa a abandonaran, propósito que para o seu Vocabulario acae moi ben.

Retrato de Salvador Mosteiro Pena
Salvador Mosteiro Pena

O Vocabulario castellano-gallego das Irmandades presentouse como obra anónima pero sábese que o autor foi Salvador Mosteiro Pena. Considérase o primeiro dicionario bilingüe castelán-galego porque, ben que hai noticias dalgúns intentos anteriores, non chegaron a rematarse.

En xeral, a crítica cualificou este libro con dous aspectos negativos: a brevidade e a tendencia aos hiperenxebrismos. Con relación á súa extensión, pódese comparar cos dicionarios publicados ata o momento e comprobar que ten un número de entradas similar ao  doutras publicacións da época, coa excepción do dicionario de Carré. Os autores declaran no prólogo que esta obra recolle e supera todas as publicadas ata daquela, pero ata que se edita o de Crespo Pozo, trinta anos despois, a crítica non considerará que se logrou unha obra completa deste xénero.

Polo que respecta aos hiperenxebrismos, hai que ter en conta que era unha opción habitual da época para os autores que procuraban depurar a lingua ante a súa evidente contaminación. Con ese obxectivo, ás veces botan man de formas do galego antigo e outras do portugués para afirmar a súa diferenciación, buscando solucións consideradas máis enxebres para substituír outras lexítimas en galego, aínda que comúns co castelán. Así pois, o Vocabulario persegue a pureza lingüística de acordo cos postulados dos membros das Irmandades.

Anuncio da clínica do doutor Mosteiro na revista Nós
Anuncio da clínica do doutor Mosteiro na revista Nós

Ademais dos hiperenxebrismos, ás veces ofrécese a palabra portuguesa, o cal concorda co exposto no prólogo da obra, onde se afirma que todas as palabras propiamente portuguesas son tamén galegas e viceversa. Con todo, nalgún caso engádese a indicación de que determinada solución do portugués non é coñecida en Galicia, como na entrada “garbanzo”.

Outra fonte utilizada son os arcaísmos. Enténdese que cómpre volver aos tempos en que o galego tiña uso culto para recuperar voces desa índole, que se perderon no rexistro de lingua conservado e foron substituídas por solucións do castelán. Deste xeito, procúrase recuperar termos lexitimamente galegos ao tempo que se evidencia a riqueza da lingua. O que se evita é a inclusión do que consideran termos “excesivamente comarcais”, aínda que nalgunha voz como “sábalo” si se atopa información dese tipo.

Os dicionarios e as gramáticas desta época non se concibían con independencia do castelán, de xeito que os autores non se ocupaban das voces comúns a ambas as linguas e, nesta mesma liña, o Vocabulario das Irmandades non inclúe palabras compartidas co español. A maiores, complétanse as 15.000 entradas con variados apéndices: listaxes de adverbios, preposicións e conxuncións, substantivos que cambian de xénero con relación ao castelán, refráns e expresións fixadas, nomes propios, denominacións das voces dos animais, dos meses e dos días da semana e observacións que, tal como se indica no prólogo, se consideraron “pertinentes”, nas que se insiste nos criterios de elaboración seguidos.

Da súa publicación deuse noticia na revista Nós, dándolle a benvida a pesar dos seus defectos e insistindo na necesidade de contar con estudos que leven os falantes a usar unha norma enxebre e diferenciada. Vese, pois, que responde ás demandas e ás preferencias do momento. O prezo da obra, 4 pesetas en edición rústica ou 5,50 en tea, debeuse considerar axeitado á súa valía, xa que, segundo sabemos, o mesmo autor comenta que tivo éxito e que se vendeu moito, tanto en Galicia coma en América.

Tapa do Vocabulario das Irmandades
Para o PDF (30 Mb), premer na imaxe

Neste maio de 2016, como recoñecemento á xente que hai 100 anos cambiou a nosa historia e en certa medida configurou o país que hoxe somos, escaneamos e dixitalizamos este Vocabulario Castellano-Gallego das Irmandades da Fala. Respectouse o formato mais a aparencia e preparamos o texto para poder facer buscas e que sexa así de maior utilidade.

Publícase esta reprodución fiel por primeira vez grazas á Biblioteca da Fundación Barrié, que dixitalizou o exemplar que atesoura na biblioteca persoal de Domingo García-Sabell.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir