Presentación pública do novo Portal e aplicacións móbiles

O 16 de xuño, na sede da Academia presentáronse as novidades na web do Portal das Palabras, os cambios no Dicionario RAG e as novas versións para móbiles. Todas as iniciativas son produto do convenio asinado hai tres anos entre a RAG e a Fundación Barrié para a modernización da lexicografía en Galicia.

O Portal das Palabras é hoxe unha das maiores referencias en léxico

No acto participaron os presidentes da Academia e da Fundación Barrié, Alonso Montero e José María Arias, e mais o secretario da RAG, Henrique Monteagudo.

Os tres intervenientes insistiron en que por capacidade de actualización, número de visitas e prestixio, o Portal das Palabras é hoxe unha das maiores referencias en léxico, tres anos despois da súa presentación.

Melloras na web

A web renovada conta con máis propostas, utilidades, capacidade de adaptación e posibilidade de crecer. O novo xestor está baseado en WordPress para facer un Portal máis potente, versátil e compatible con diferentes formatos de contido. Agora, a web adáptase a diferentes pantallas.

Engadiuse a nova sección Allos con Bugallos, con contidos diversos de interese lexicográfico e lingüístico en xeral. Ademais, desenvolvéronse utilidades como Palabras Traballadas, que localiza calquera termo sobre o que creamos algún contido, e Buscador de Palabras do día, que permite atopar as palabra publicadas por múltiples filtros.

Temos máis propostas, utilidades e posibilidade de crecer

Cambios no Dicionario

Entre as novidades:
–    Na busca preditiva aparecen os femininos nas palabras con variación de xénero
–    Ofrécense as conxugacións verbais
–    Creáronse sistemas de listaxe e procura dos últimos termos actualizados.
–    Como un primeiro experimento puxemos en marcha un bot, asociado ao Dicionariopara o messenger de Facebook –Dicionario RAG–, que define os termos que se lle solicitan. Máis adiante prepararanse aplicacións similares para Telegram e Whatsapp.

Redeseño na app

Con nova aparencia e funcións, agora a app conta con buscador de sinónimos, acceso a unha versión dos xogos en formato móbil e un sistema de actualización automatizada da base de datos de palabras.

As versións do Dicionario para Android e iOS son das máis innovadoras de Europa

Versión para móbiles dos xogos

Os xogos adáptanse ás tabletas e móbiles, e prepáranse para poder interactuar só co dedo polgar.

O Portal, en expansión

Logo destes anos investigando e poñendo en marcha novas posibilidades para o traballo lexicográfico, estamos convencidos de que a metodoloxía e a tecnoloxía coa que se desenvolven o Portal e as ferramentas asociadas –aplicacións móbiles e Dicionario–, resultarán de interese para calquera contexto lingüístico. Por esta razón, anunciamos que comezamos un proceso para dar a coñecer internacionalmente a nosa experiencia co fin de exportar estas utilidades alén das nosas fronteiras e que se sexan aproveitables por outras linguas.

Ao tempo e noutra dirección, ofreceremos a centros educativos, asociacións ou calquera outro colectivo interesado no léxico en Galicia, a oportunidade de crear réplicas do Portal das Palabras, aproveitando, deste xeito, a nosa tecnoloxía para elaborar e publicar os seus propios contidos.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir