Sete palabras para unha guerra

Este coñecido lema latino (“se queres a paz, prepara a guerra”) coméntase que foi o seguido polos gobernantes que acabaron levando os seus países á I guerra mundial, ata tal punto que os anos anteriores ao conflito reciben o nome de "paz armada". A tensión entre os estados era de alta voltaxe e o remedio que se buscou foi modernizar e amontoar armamento.

 

Todo o que avanzara ata daquela a ciencia, a técnica ou os medios de produción e transporte utilizouse ao servizo da guerra, fundamentalmente para perfeccionar as maneiras de matar, (aínda que tamén no eido defensivo, para evitar morrer). E a mudanza fora considerable desde mediados do século XIX. Como terrible consecuencia disto, o número de vítimas e feridos estremece, e así o deixaron claro os cronistas da época, entre deles a pioneira Sofía Casanova. A ela e a varias das palabras que empregou nas súas noticias dedicamos este outro Setestrelo.

 

O gran paradoxo é que nin sequera os mandos militares eran conscientes de que as novidades técnicas debían supoñer tamén mudanzas tácticas e as estratexias iniciais tiñan máis que ver cos tempos de Napoleón ca cunha guerra moderna. E, malia que defendamos un mundo sen armas, hai que recoñecer que as necesidades bélicas se nutren dos descubrimentos e mesmo ás veces os fomentan. Para dicir verdade, moitas cousas da nosa vida cotiá proceden de solucións que se buscaron en tempo de guerra, como as latas de conservas, o reloxo de pulso ou as cremalleiras.

 

Van aló cen anos desta desfeita e non demos aprendido. De feito, cando unha opción bélica deixa de se utilizar é unicamente porque se substitúe por outra máis avanzada. Co desexo de que pare esta carreira, imos repasar algunhas novidades que fixeron que esta contenda se considerase a primeira guerra moderna.
 

1

submarino

Navío concibido para navegar por debaixo da superficie do mar.

Se ben nesta palabra recoñecemos axiña a base sobre a que se construíu, cómpre termos en conta que non se trata dunha forma patrimonial que nos acompaña desde os inicios do idioma, coma mariño, evolución do latín marinus, senón que estamos diante dun préstamo incorporado recentemente e, por esa razón, a súa terminación é –ino, coma no caso de ultramarino.

 

A chegada do termo non pode ser moi antiga porque, aínda que se mencionan unhas primeiras tentativas de construción de navíos somerxibles xa no século XVII, non será ata finais do XIX cando se logren modelos que ofrezan prestacións que os fagan atractivos para os gobernos, que se interesan por contar con eles nas súas armadas. Curiosamente, parece que un motivo de inspiración para os inventores fora o ideado por Jules Verne na súa obra 20.000 leguas de viaxe submarina.

 

Aínda que fixeran o seu debut na guerra civil dos Estados Unidos, será na de 1914 cando teñan unha importancia destacable, comezando polos U-Boot alemáns, que mesmo provocaron, cos seus ataques aos buques mercantes, unha consecuencia totalmente negativa para os seus intereses, como foi a entrada no conflito dos Estados Unidos.

2

granada

1. Proxectil de utilización manual consistente nunha bóla ou cilindro de metal que contén no seu interior pólvora ou outro explosivo. / 2. Proxectil semellante que se dispara cun obús ou con outra peza de artillaría.

A denominación desta arma adoptouse pola súa semellanza coa froita chamada granada ou milgranda, nome procedente da expresión latina malum granatum. O seu significado literal é ‘mazá de grans’, xa que malum é ‘mazá’, pero popularmente asociouse con ‘mal’, de aí que unha das opcións fose eliminalo e quedar unicamente co de granatum.

 

As primeiras tentativas para fabricar un proxectil deste tipo datan, ao parecer, de moi antigo. Probablemente desde que se descubriu a pólvora, contemplouse a posibilidade de metela nun recipiente cunha mecha. Unha vez que se prendía, guindábase ás posicións inimigas, principalmente entre os bandos que defendían e que pretendían tomar, respectivamente, un lugar asediado.

 

No século XVII considerábase xa un instrumento tan útil que se crearon corpos de granadeiros nos exércitos.  Logo fóronse deixando de lado ante a aparición de armas máis efectivas, pero  en conflitos de principios do século XX volveuse botar man delas para situacións de estancamento das liñas e por iso mesmo os contendentes da I guerra mundial comezaron improvisando granadas con latas de conserva ata que os dous bandos foron logrando modelos máis eficaces e seguros.

3

antigás

Que serve para defenderse de gases tóxicos ou para atenuar o seu efecto.

A mediados do século XVII, o científico Jan Baptist van Helmont inventou a palabra gas, segundo el mesmo deixou escrito, baseándose na adaptación latina do kháos grego (que deu o noso caos). Sobre esta base creouse, a principios do século XX, o adxectivo antigás, asociado normalmente a máscara aínda que tamén existen outros dispositivos, para denominar o medio de defensa ideado ante a utilización de gases velenosos como arma na primeira contenda mundial.

 

Pode que a guerra química veña de moi antigo, pero foi nesta confrontación cando se buscaron e se utilizaron as armas máis letais, moi temidas entre as tropas, non tanto polas mortes que causaban directamente,  non moi elevadas, como polas secuelas e baixas que producían. E utilizáronse tanto que, por iso e polos novos explosivos dispoñibles, falouse directamente da “guerra dos químicos”.

 

Conforme avanzou a gran loita, a efectividade dos gases viuse limitada polos avances en sistemas de protección, especialmente desde que se dotaron as tropas co invento de Garret August Morgan, un enxeñoso estadounidense fillo de escravos e que case non puidera ir á escola, que ideou, ademais da máscara antigás, outras cousas habituais hoxe, como o sistema dos semáforos.

4

cepelín

Dirixible ríxido de invención alemá, de forma alongada e cunha cabina para transportar persoas ou carga.

O nome desta aeronave procede do apelido de quen pasou á historia como o seu inventor, o nobre alemán coñecido como Ferdinand von Zeppelin, que logrou a principios do século XX perfeccionar este aeróstato ata convertelo en medio de transporte de pasaxeiros. Claro que en canto comezou a guerra, os mandos alemáns cavilaron axiña como quitarlle partido.

 

Os cepelíns resultaban útiles tanto para recoñecer o territorio inimigo coma para sementalo de bombas, pero tamén eran obxectivos fráxiles para as baterías antiaéreas, ademais de lentos e, aínda que se podían controlar mellor ca o globo aerostático, a falta de precisión restáballes efectividade.

 

Tamén se comezaron a usar os avións, inicialmente para misións de recoñecemento e logo para ataque e defensa. En ambos os dous casos, as melloras tecnolóxicas logradas neste campo viñeron demandadas polas necesidades bélicas e reverteron no seu uso civil acabada a contenda, e os cepelíns, que parecían destinados a unha rápida desaparición, viviron unha época de esplendor no período de entre guerras ata que un deles sufriu un terrible accidente cun elevado número de mortos, o que supuxo o definitivo abandono deste sistema de transporte.

5

trincheira

Escavación que se fai no terreo para defensa dos soldados.

Para construír unha trincheira cávase unha gabia que abre unha fenda no terreo e esa pode ser a razón da denominación que recibiu, xa que procede do francés tranchée, do verbo trancher ‘cortar, separar’, táctica de guerra que se comezou a utilizar para atacar fortificacións e que se estendeu posteriormente con outros usos.

 

As previsións iniciais sobre a duración así como as estratexias ideadas para resolver a confrontación nun breve espazo de tempo reveláronse totalmente erradas. No seu lugar houbo unha guerra de estancamento, especialmente na fronte occidental, onde ambos os bandos dispuxeron axiña trincheiras, mesmo con varias liñas conectadas, separadas das do adversario pola zona coñecida como terra de ninguén, que nalgúns lugares non pasaba duns poucos metros de ancho.

 

A vida nestas toupeiras era moi dura e os perigos non viñan unicamente da munición do adversario, senón que ás pragas de parasitos e ratas sumábanse as infeccións (para as que non se crearan aínda os antibióticos) e mesmo houbo doenzas propias deste sitio, como a febre das trincheiras, transmitida polos piollos, ou o pé de trincheira, semellante á conxelación, orixinado pola acción prolongada e combinada do frío, a humidade e a inactividade e que, de avanzar, levaba á gangrena da extremidade.

6

tanque

Vehículo militar de combate, acoirazado e armado.

Os soldados da antigüidade que pretendían tomar un lugar fortificado dispoñían de bastidas, torres montadas sobre rodas, comúns ata a Idade Media, que permitían achegarse a un inimigo armado con frechas, aínda que, ao seren de madeira resultaban vulnerables ante proxectís incendiarios. E, para avanzar entre os disparos de fusís e metralletas e nun terreo minado polas trincheiras, a tecnoloxía fixo posible unha solución nova.

 

Coa guerra estancada na fronte occidental, os británicos idearon un vehículo blindado que se movía sobre eirugas, o que lle permitía atravesar terreos accidentados e levar as tropas ata as posicións inimigas sen que sufrisen dano. Con esta finalidade comezou a súa andadura o tanque ou carro de combate, se ben, unha vez que se lle engadiu un canón descubriuse tamén o seu potencial para o ataque, ata o punto de que permitiu superar a táctica das trincheiras.

 

Calquera que sexa a denominación que utilicemos para designalos, parece que estamos ante palabras de ascendencia celta, tanto no caso de carro, que nos chegou a través do latín, coma no de tanque, que se relaciona coa raíz céltica tanko ‘eu suxeito’ e que tomamos do inglés tank. Aseguran as crónicas que, aínda que inicialmente se chamaron buques terrestres, logo utilizouse o nome tanque para manter en segredo a súa fabricación dicíndolles aos empregados das fábricas que eran depósitos de auga destinados ao exército que combatía en Mesopotamia. E o nome chegou ata hoxe.
 

7

lanzachamas

Aparello que lanza un líquido inflamable ardendo, a unha distancia de trinta ou corenta metros, utilizado xeralmente como arma de guerra.

Bizancio dispuxo dunha poderosísima arma, efectiva sobre todo para as batallas navais, que durante un tempo lle permitiu repeler os ataques dos árabes. Coñecíase con distintos nomes como lume romano, lume líquido ou lume mariño, se ben o habitual é referirse a el como lume grego. E tan en segredo se mantivo a súa fórmula que aínda hoxe non hai certezas senón meras conxecturas sobre a mesma.

 

Vendo os gravados da época, é doado considerar este mecanismo que cuspe lume un antecedente do creado en Alemaña a principios do século XX e utilizado por primeira vez no segundo ano da I guerra. Agora ben, á hora de atribuírlle un nome, non acudiron a estas fontes históricas senón que idearon un composto, Flammenwerfer, que se traduciu literalmente ás demais linguas e deu o noso lanzachamas.

 

O pavor que calquera persoa sente ante o lume facía do lanzachamas un dispositivo temible, especialmente nas trincheiras, pero o seu limitado alcance ademais do peso que lastraba o desprazamento do seu portador facíano menos operativo. Estas cuestións melloráronse e o seu uso estendeuse na seguinte confrontación mundial. E se posteriormente caeron en desuso é porque apareceron procedementos incendiarios aínda máis potentes e bárbaros, como o napalm.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir