Algúns xentilicios que se comen…

Imaxina que por ser quen de aguantar no aire varias laranxas ao tempo a xente crea que vés da India. Ou que pensarías se alguén di que es checo por ter un tipo de vida distinto ao dos demais… e xa postos, veste dándolle unha trabada a unha muller de Hamburgo ou de Macedonia? Ou, a un home de Persia? Pois diso vai este Setestrelo.

Como ben sabes, os xentilicios son adxectivos que designan o lugar de orixe de algo ou alguén, por exemplo ‘galegos ou galegas’ somos as persoas de Galicia, mais para este setestrelo, miramos de escoller sete ben curiosos, xa que todos eles comezaron a existir referíndose a un lugar no mundo, a un topónimo, para acabar convertidos en coñecidos substantivos que identifican comidas, actitudes, habilidades ou opcións vitais.

1

hamburguesa

Bisté de carne picada

Con pouco máis dun século de vida, a hamburguesa veu para quedar e hoxe hainas de todo o imaxinable, alén da carne: marisco, pataca, vexetarianas ou mesmo células nai de vaca. Asociámola sobre todo cos norteamericanos, para os que representa case un alimento nacional, mais a hamburguesa, polo menos o seu nome, procede do topónimo da segunda cidade teutoa, Hamburgo, que une Hamma, de orixe e significado descoñecidos,  con burg, ‘castelo’. Parece ser que os mariñeiros desa cidade consumían habitualmente un bisté de carne picada e ligada, prato que na fin do XIX ou comezo do XX levarían aos Estados Unidos os emigrantes que saían dese porto. É en 1904, na Feira Mundial de San Luís cando se presenta por vez primeira este bisté tal como hoxe o coñecemos, entre dúas rebandas de pan.

Hai outros casos ben coñecidos de alimentos e condimentos que derivan a súa denominación de xentilicios, por exemplo a milanesa de Milán ou a maionesa, que orixinariamente significaba ‘de Maó’, en Menorca, pero que engadiu un < i > entre as vogais cando pasou polo francés antes de expandirse ao resto das linguas do mundo.

2

pexego

Árbore froiteira (prunus persica) da familia das rosáceas, de follas lanceoladas e dentadas e flores de cor rosada, que ten como froito o pexego.

O nome do pexego orixinouse de (malum) persicum ou (pomum) persicum, isto é,  ‘(mazá ou froita) de Persia’. A causa de asocialo co xentilicio das terras iranianas é que os antigos pensaban que procedía de Persia (se ben en realidade é orixinario de China). Foi Alexandre Magno quen o trouxo a Europa no século IV a. C., pasou ao latín e desde este evolucionou nas linguas románicas: pêche en francés; en castelán daría prisco e chegou mesmo ao inglés, peach. Aínda que a forma recomendada pola Norma sexa de tonicidade grave, non é raro escoitalo coa esdrúxula etimolóxica (péxego).

Non é a única froita do xénero Prunus con asociación xeográfica: hai estudosos que indican que o nome común da ameixa, (usado tanto para P. domestica, e as súas variedades o cerollo, a claudia, o fatón e o mirambel, como para P. spinosa, a cirola e o abruño do escambrón) podería ter a súa orixe na frase (pruna) damascena, 'de Damasco', pero tras a perda da consoante inicial.

3

macedonia

Sobremesa feita con anacos de froita variada, aos que se lles engade un líquido que pode ser zume, licor ou almibre

A rexión macedónica que comprende Grecia, Albania e Bulgaria dálle nome a esta comida e a teoría di que se lle asignou debido á diversidade étnica que había no imperio de Alexandre Magno. O xentilicio úsase neste senso tamén en francés (macédoine), inglés (onde se emprega a forma francesa) e evidentemente no idioma macedonio, oficial na República de Macedonia do Norte.

A macedonia é especialmente popular nos países latinos, pero non sempre é de froita, pois pode estar composta de verduras como cenorias e chícharos, ata chegar a converterse na ensalada rusa. É por iso que noutras linguas a macedonia se confunde coa ensalada rusa e fálase de ensaladas rusas, francesas ou orientais. Por extensión, o nome de macedonia tamén se emprega para denominar calquera mestura de cousas, como sinónimo de heteróclito, heteroxéneo ou mixto.

4

samaritano, -a

Persoa boa e caritativa

Os samaritanos son os orixinarios de Samaria, unha zona de Cisxordania, en Palestina, e o seu xentilicio probablemente procede do hebreo antigo a través dunha raíz traducible como ‘gardiáns’, por considerárense especialmente legatarios e custodios do xudaísmo orixinal da Torah.

Hoxe dicimos de alguén que é un bo samaritano cun sentido figurado que trascende dunha parábola do Evanxeo de san Lucas, onde un sacerdote e un levita omiten socorrer un xudeu ao que lle deran unha malleira, mentres que un home de Samaria, cos que os xudeus nunca mantiveron boas relacións, axúdao e lévao a unha pensión.

Non é o único caso de xentilicios de orixe bíblica que se afastan do seu significado orixinal para se converter en palabras de uso común: tamén nazareno ou filisteo, por exemplo, presentan esta mesma evolución.

5

lesbiana

Muller que sente atracción sexual por outra

A asignación do lesbianismo á illa grega de Lesbos procede da poetisa Safo de Lesbos, a cuxo cargo quedaba un grupo de mociñas para instruílas.

A poeta Safo foi unha das veciñas máis insignes deste territorio próximo á costa de Turquía, no mar Exeo. A súa paixón polas persoas do mesmo sexo quedou manifesta nos seus poemas e por iso o seu nome, tanto o antropónimo coma o xentilicio, acabou servindo co tempo para denominar a homosexualidade feminina, que hoxe coñecemos como lesbianismo ou safismo.

Durante moito tempo, o adxectivo lesbiano, -a seguiu aplicándoselles ás persoas oriúndas da illa, porén na actualidade denomínanse lesbios e lesbias.

6

malabarismo

Exercicio de destreza no aire / Habilidade para saír de dificultades

Malabar é o adxectivo que designa aos habitantes dunha rexión suroccidental da Unión India, no mar de Arabia. O substantivo malabarismo ou a frase xogos malabares non alude á súa orixe, pois xa eran coñecidos nos mercados populares e entre os divertimentos cortesáns medievais, senón á súa divulgación. Foi no século XIX cando se popularizou este xentilicio na Península, debido ás representacións que este tipo de artistas facían nos entreactos de eventos lúdicos por toda Europa, para as que se usaban moitas veces virtuosos procedentes da zona de Malabar.

Esta asociación xeográfica atopámola só nas linguas románicas ibéricas, pois outras linguas como o francés empregan jonglage e no inglés falan de juggling que remiten ao antigo francés (jangler) procedente do latín iocor ou ioculor, 'facer bromas', que a nós chegounos na forma de xogar.

Outro xentilicio asiático con gran variación de significado é siamés, usado para os xemelgos que comparten certa parte do corpo. Deriva dunha parella de acróbatas que se fixo famosa a mediados do século XIX procedente do antigo reino de Siam (actual Tailandia), onde este tipo de partos é algo máis frecuente, especialmente se os bebés son nenas.

7

bohemio, -a

Con hábitos que se saen do costume social

Cando as persoas pertencentes ao pobo xitano entraron en Europa fixérono polo oriente, daquela en Francia pensábase, incorrectamente, que eran dun lugar ao leste que facían coincidir cunha rexión histórica da República Checa chamada Bohemia. Esta é a razón de que o xentilicio bohemio, acabase por adoptar o significado de 'persoa de hábitos non convencionais', que logo faría referencia especialmente a aqueles intelectuais sen ataduras, con hábitos pouco asociados á planificación do futuro e ao traballo e máis tendentes ao idealismo e mesmo á festa. Ademais de na bohemia, a súa filosofía de vida influiría posteriormente nas culturas beat, hippie, hipster, dandy e mesmo mesturándose coa zen.

Outra designación que está relacionada tamén cun topónimo é xitano, -a, xa que procede etimoloxicamente de egiptano, pois na Península Ibérica se afirmaba que viñan de Exipto, e outra denominación que afecta ao mesmo colectivo é cíngaro, procedendo este, vía italiano, do nome dun grupo étnico da India.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir