Unha manchea de cambios: estamos do trinque!

Chega a primavera e o Portal –coma a terra– anova.

Agora a nosa web está construída sobre WordPress polo que temos máis posibilidades de publicar contidos en novos formatos, maior capacidade de comunicar determinados eventos ou momentos de interese, e tamén somos máis compatibles, cuestión da que iremos vendo as implicacións en meses vindeiros.

Pero non só cambiamos de xestor.

As páxinas do novo Portal están preparadas para navegalas desde móbiles, tabletas e computadores con distintos tamaños de pantalla. A presentación adáptase desde unha a catro columnas.

Mantivemos case todo o que había e incorporamos moitas novidades.

– Temos unha nova sección para curiosidades da lingua: Allos con Bugallos.

– Na utilidade Palabras traballadas, pódense descubrir e aproveitar todos os termos publicados nos apartados de Léxico, Vídeos e Xogos. Cada palabra relaciónase co contido onde aparece.

– O repositorio da Palabra do día ten unha nova navegación. Lístanse por orde alfabética e cronolóxica e ademais contan cun buscador.

– As Novas e as Descargas –que agora recollen PDFs e outros documentos especiais– pasan ao fondo da portada onde aparece unha nova proposta: as Ligazóns, unha especie de radar na rede que buscará e publicará cada semana todo o que teña que ver coas palabras.

Se non funciona, se falta, se hai que mellorar etc., por favor, dínolo. E se quixeses mandarnos parabéns… 😳

Isto non vai parar aquí.

Nos próximos dous meses estaremos en beta, é dicir, estaremos operativos pero facendo cambios e probando e incorporando máis utilidades. É un tempo de mudanzas que rematará coa presentación pública de todas as novidades deste Portal –a versión 2–, da nova aplicación para móbiles e tabletas, dalgunhas melloras do Dicionario, de cambios nos xogos… Iso será aló por mediados de xuño, ao que fagamos tres aniños.

Neste período precisamos de vós máis ca nunca.

Sempre estades aí e agora solicitamos un esforciño máis: o que non funcione, o que botes en falta, aquilo que debamos mellorar ou calquera outra cousa que se che ocorra, por favor, dínolo no Facebook, no Twitter ou no noso contacto.

Grazas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir