Votación para a Palabra do Ano 2015

Desde o luns 14 de decembro, xa se pode votar por unha das palabras candidatas a se converter en Palabra do Ano 2015.

 

Rematado o primeiro período, o de suxestión, no que participaron 364 persoas, recolléronse 174 termos distintos. De todos eles, entre os máis populares e que máis se axustan ao espírito da iniciativa, escolléronse seis: refuxiado, indignación, feminicidio, plebiscitario, xihadismo e rechouchío.

 

As propostas que chegaron ao Portal encádranse nas liñas de maior actualidade durante estes doce meses. Termos relacionados coa crise dos refuxiados (acollida, prexuízo, refuxiado, solidariedade…). Outros que falaban da situación social e política e os sentimentos provocados na xente (desafiuzamento, inestabilidade, marea, loita, indignación…). Tamén chegaron palabras relativas á barbarie da violencia de xénero (muller, violencia, feminicidio) e do terrorismo fundamentalista (xihadismo, arreguizo, atentado…). Outro foco de interese foron os procesos soberanistas (independencia, secesionismo, plebiscitario…). Houbo outras persoas que valoraron máis os termos do mundo da tecnoloxía (chiar, rechouchío, selfie…). 

 

Fóra das anteriores liñas, tamén houbo propostas de voces eufónicas ou de evocación máis subxectiva (como orballo, paixón, agarimo, ledicia, morriña …) que se deixaron á marxe por non se axustaren ao obxectivo do proxecto.

 

Nestas últimas dúas semanas do ano, desde o luns 14 ás 24:00 h. do día 28, estará aberto o proceso de votación para escoller a que será Palabra do Ano 2015. O resultado coñecerase o mércores 30 de decembro.

 

Vota pola túa Palabra do Ano

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir