50.000 buscas diarias no Dicionario

Cada día laborable, realízanse 50.000 buscas no Dicionario da Academia, superando nos últimos meses a cantidade de 1.200.000 ao mes. Estas cifras acádanse catro anos e medio despois da presentación da primeira versión –primavera de 2012– do Dicionario electrónico da Real Academia Galega. Alén do arrequecemento da parte lingüística, coa actualización de entradas, definicións e acepcións e mais a inclusión de novos termos –recolle preto de 60.000 voces–, o obxectivo de que o Dicionario sexa un recurso á altura do propio idioma e dos falantes pasa por facer del unha ferramenta viva, interactiva e o máis personalizada posible, adaptada ás necesidades e preferencias dos usuarios e usuarias.

Máis de 250.000 persoas distintas interactuaron xa co Dicionario, é dicir, preto do 10% da poboación do país

Baixo esta idea, publícase a nova versión, a cuarta, cunha interface e rendemento mellorados, e de libre acceso a través das páxinas da Academia e o Portal. Por medio destas páxinas, do bot do Messenger de Facebook e das aplicacións para móbiles con sistemas iOS e Android, máis de 250.000 persoas distintas interactuaron xa co Dicionario, é dicir, preto do 10% da poboación do país fixo buscas no mesmo.

En que mellora o Dicionario?
Unha das novidades é a mellora do proxecto que os milleiros de usuarios e usuarias que entran no Dicionario cada día a través de academia.gal poden facer, achegando os seus comentarios para perfeccionar as definicións, propoñer novos termos, dar conta de posibles erros ou calquera outra observación que consideren interesante.

Todas as suxestións dos usuarios e usuarias serán respondidas nun prazo mínimo polos técnicos do Seminario de Lexicografía e, alén disto, en todos aqueles casos en que sexa procedente, faranse chegar á comisión de académicos e académicas responsable da elaboración do Dicionario para que poidan valoralas de cara ás próximas actualizacións. Deste xeito, quérese que o Dicionario sexa máis ca nunca o dicionario de todos os falantes.

Ademais doutras moitas pequenas melloras de interface, como por exemplo a presentación de homónimos en páxina única, outra novidade reclamada por un público máis especializado –profesionais da produción textual e da tradución– é a posibilidade de que cada persoa adapte o Dicionario ás súas preferencias en determinados aspectos. Deste xeito, a cuarta versión do Dicionario permite configurar as buscas para desactivar o texto preditivo, eliminar os exemplos ou visualizar as categorías gramaticais en forma abreviada.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir