A Palabra do Ano 2023 está na rúa

A voz elixida como Palabra do Ano 2023 –cibercarracho– acaba de ser gravada no paseo das Palabras do Ano da cidade de Lugo. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o responsable de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié, o académico correspondente Diego Rodríguez, achegáronse onte á rúa Menorca acompañados do tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro onde loce o vocábulo escolleito polas persoas participantes no proceso de selección a través do Portal das Palabras.

O presidente da RAG agradeceu a iniciativa do Concello de Lugo de fixar na rúa Menorca as voces elixidas nas votacións populares promovidas a través dunha iniciativa da que destacou precisamente a participación cidadá. Neste caso trátase dun neoloxismo de carácter coloquial que equivale os termos do ámbito da informática ciberdelincuente ou mesmo pirata informático.

Diego Rodríguez aplaudiu tamén a iniciativa do Concello de Lugo, que -dixo-fixa na pedra unha iniciativa nada na contorna dixital, dándolle así unha nova dimensión e continuidade.

Rubén Arroxo explicou que co paseo das Palabras do Ano o Concello de Lugo persegue mellorar a imaxe da cidade e, ao mesmo tempo, valorizar “un símbolo tan importante como a lingua galega”. O tenente de alcalde asegurou ademais que a rúa Menorca se converteu xa nun atractivo turístico máis de Lugo.

Como ben sabedes, o Portal das Palabras é unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a divulgación do léxico galego dunha maneira amena e en diálogo coa actualidade. Dende hai anos, ambas as idúas nstitucións promoven a través deste espazo a elección da palabra do ano. Dende 2014 o Portal das Palabras convida a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas as seguintes voces comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014), todas elas incluídas no paseo da rúa Menorca.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir