As palabras do ano que cada mes de decembro elixides xa teñen un paseo propio. O Concello de Lugo estampou no pavimento da rúa Menorca de Lugo, peonil e moi transitada, os oito termos escollidos popularmente ata o momento polos seguidores e seguidoras do Portal das Palabras.
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven a través deste voso portal a elección colectiva da palabra do ano en galego dende o ano 2014. A iniciativa, que goza en cada edición de maior popularidade, estrea escaparate. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o coordinador do Seminario de Lexicografía, o académico Manuel González, visitárono este luns canda o concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro.
Como ben sabedes, o Portal das Palabras é unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a divulgación do léxico galego dunha maneira amena e en diálogo coa actualidade. Dende hai oito anos, ambas as institucións promoven a través deste espazo a elección da palabra do ano. Vós decidistes despedir o 2020, marcado pola pandemia, apelando á importancia da unidade e rendéndolle tamén homenaxe á Xeración Nós, cadrando co centenario da posta en marcha da revista que lle deu nome. Nas edicións anteriores, os termos elixidos foron sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado (2015) e corrupción (2014).