Comeza o mes de outono e volvemos propoñervos un xogo con moi boa pinta. Lembrades que o ano pasado por estas datas vos convidamos a poñerlles imaxes ás nosas palabras do día con papel e lapis? Pois neste 2020 que semella tan gris lanzamos de novo o reto #outonodetinta da man do colectivo Galiza Visual, pero con novidades ben interesantes! Pensamos que o esforzo que estades a facer dende as vosas escolas e institutos merece un recoñecemento que vos permita debuxar un sorriso por baixo das máscaras, e por iso argallamos o concurso Olla a Palabra do Día!
Repartiremos oito premios entre as aulas de infantil e primaria e mais os centros da ESO que aceptedes o reto de traducir á linguaxe plástica os conceptos que representan as palabras do día dunha das semanas de outubro. Velaquí as pistas: na semana do 5 ao 11 de outubro celebraremos o Día da Nena; do 12 ao 18 de outubro homenaxearemos a Ricardo Carballo Calero, protagonista do Día das Letras Galegas 2020; do 19 ao 25 prepararémonos para o Samaín e do 26 de outubro ao 1 de novembro convidarémosvos a reflexionar sobre a importancia da educación ambiental.
Agardamos os vosos debuxos con impaciencia!